Teatro de Nadal 6
NACEMENTO VIVINTE
O escenario deberá representar un belén:
-O portal.
-Muíño; á porta está amasando a muiñeira.
-Casa; diante
dela está unha tecedora e unha pequena cun canciño
-Lume; ó seu pe
están Felipe, quentando as mans, e Pedriño amañando unha vara cun coitelo.
- Río; Xoán
pesca, dúas lavandeiras, lavando e poñendo a roupa a secar.
- Monte; onde un leñador prepara feixes de leña.
O narrador vai indicando o momento en que cada quen entra
en acción, ó xeito dos robots. Mentres manteñen a inmobilidade absoluta dunha
figura de barro.
VOZ: Escoitade...
Escoita pequeno, presta atención.
Mira que esta historia soamente se conta para ti.
Os grandes tamén a entenden, pero só ti sabes vivila tal
como ocorreu. Só ti encontras normal o extraordinario e natural o marabilloso.
NARRADOR: Era case media noite... A aldea durmía. Todo
estaba en silencio. Os homes, os animais, as cousas, todo descansaba..... Ah! pero algúns velaban. Velaban aqueles que
atafegados polo traballo, teñen que roubarlle horas ó sono para sacar adiante
as súas familias.
Ti xa os coñeces: son veciños, amigos teus .......
(Pausa, música máis forte)
Velaba Ana, a muiñeira. Pola noite ten que
prepara-la masa que o seu marido meterá no forno moi cedo, e que mañá vai ser
pan quentiño para todos....
(Pausa, música.....)
Velaba Raquel, sacando auga do pozo, para
adianta-los traballos da casa .........
(Pausa, música....)
Velaba Marta, a tecedora, que como é velliña e
está case cega, ten que traballar día e noite por ela e pola súa netiña......
(Pausa, música.....)
Vela Felipe, o vello pastor, sempre atento e
vixiante ós ruídos da noite. A el non se lle escapa nada: nin a esgazada dunha pola, nin o canto dunha ra,
nin o laio dun moucho... Por iso, aquela noite foi o primeiro en se decatar que
algo extraordinario ocorría...
(Pausa, música...)
Velaba Xoán, o pescador, que ten un irmanciño
enfermo e quere levarlle pescado fresco, para que almorce pola mañá .....
(Pausa, música....)
Velaban os pastores camiño do mercado, para chegar
á vila coas primeiras luces.....
(Pausa, música.....)
Velaba Antón, o leñador, que prepara os feixes de
ramas secas que venderá polo día ...
(Pausa, música....)
Velaban as lavandeiras do río, que poñen a roupa a
secar á luz da lúa, para que se volva branca e perfumada ......
(Pausa, música....)
E velaba Pedriño, o roibo zagal, que se queda
esperto para soñar, e que ás veces tiña o corazón tan cheo de alegría que lle
facía ferve-lo corpo e non tiña mais remedio que poñerse a bailar coma se os
pés se lle volveran tolos ...
(Pausa, música....)
E aló naquel alpendre, estrado de palla dourada, vela unha
parella de aldeáns...
¿Por qué velan se non están a facer nada....?
¿Que é o que afasta o sono dos seus ollos, se as súas
mans están quedas .....?
A muller tiña os ollos cansos, pero a súa boca debuxaba
un sorriso permanente ...
O home non sorría ...Mantiña os ollos fixos nas estrelas,
e tremábanlle os beizos....
(Pausa, música....)
Pasou unha airexiña de vento doce ....cantaruxando unha
cantiga de berce....
(Pausa, música....)
A muller estremeceuse e apertouse no seu manto.
O home mirouna, e coidando que tiña frío, saíu recoller
uns paos para facer lume....
(Pausa, música....)
Volveu zoa-lo vento......e esta vez trouxo un son de
campás afastadas ....
Xogueteou docemente co manto da muller, e rendeuse ós
seus pés ....
(Pausa, música....)
A creación enteira contivo o alento....
Despois ... ¡despois o milagre estaba feito!
No colo da muller choraba un neno, un recén......
(Pausa , música...)
O corazón do mundo latexou alegremente, as estrelas
brillaron con mais intensidade, as herbas deron o seu mellor recendo, e o vento
recolleuno para levalo por toda a terra...
(Entra Xosé, e bica ó neno)
Felipe , o vello pastor, púxose en pé, sentindo que algo
ocorría, e preguntándose que podía ser ....
E Pedriño, o roibo zagal,sentiu o corazón cheo de
alegría, e foi o primeiro de todos en contempla-lo prodixio .....
(Achégase a modiño ó portal, bica o pé do neno, vaise
retirando de costas; e logo, como se unha forza estraña o empuxara, ponse a
bailar...)
Despois recorreu a comarca levando a todos a Boa Nova
....
(Achégase danzando a cada personaxe)
As xentes de toda bisbarra foron chegando a poñerse de
xeonllos diante do neno do portal.
(Póñense todos en movemento e de xeonllos ante o neno)
Está amencendo.......
O relente da alborada anuncia o novo día.
Co corazón cheo de gozo e un sorriso nos beizos, as
xentes volven ó seu traballo....
( Volven todos os seus lugares)
Presenciaron cousas extraordinarias que recordarán toda a
súa vida. O que viron é tan fermoso que xa nada no mundo poderá causarlles máis
admiración...
( Pausa, música)
E sen embargo ....
Está amencendo.....
Toda a aldea vólvese con abraio a contemplar o paso
destes personaxes:
¡Melchor!
¡Gaspar!
¡Baltasar!
(Fan a súa entrada os Magos e presentan a súa ofrenda.
A xente poñen xesto de pasmo).
(Música final o canto dunha
panxoliña entre todos).
Comentarios
Publicar un comentario