30 jun. 2013

Seguireite a onde vaias - Lc 9, 51-62

Domingo 13 de Ordinario - ciclo C



ORACIÓN DO SEGUIDOR

Seguireite, Xesús, vaias a onde vaias.

A pesar da miña frouxidade e dos meus pecados.
A pesar das miñas escravitudes e dependencias.
A pesar da miña covardía e inconstancia.
Seguireite, Xesús, vaias a onde vaias.

Na compaña da miña familia toda.
Na compaña dos membros da comunidade.
Na compaña dos máis pobres sobre todo.
Seguireite, Xesús, vaias onde vaias.

Porque ti me queres moito.
Porque ti me atraes moito.
Porque ti me fortaleces moito.
Seguireite, Xesús, vaias onde vaias.

Traballando a fondo a miña persoa.
Traballando a fondo a miña familia.
Traballando a fondo o mundo do pobre.
Seguireite, Xesús, vaias onde vaias.

Co gozo de amarte.
Co gozo de servirte.
Co gozo de colaborar contigo.
Seguireite, Xesús, vaias onde vaias. 

Ti es, Señor, a miña herdade - Salmo 15

Domingo 13 de Ordinario - ciclo C


O NIÑO DOS SEGUIDORES

Cantas veces
a noite se nos ten feito día
nas túas mans
cheíñas de estrelas,
meu amigo!
Cantas veces!
Cantas!

Cantas veces
o inverno se nos ten feito primavera
no teu corpo
sementado de roseiras,
meu amigo!
Cantas veces!
Cantas!

Cantas veces
a tristura se nos ten feito alegría
nos teus bicos
apertados de fidelidade,
meu amigo!
Cantas veces!
Cantas!

Cantas veces
a derrota se nos ten feito valentía
nas túas palabras
repletas de soños,
meu amigo!
Cantas veces!
Cantas!


Cantas veces
a pobreza se nos ten feito abundancia
nos teus brazos
abertos ata o infinito,
meu amigo!
Cantas veces!
Cantas! 

29 jun. 2013

Domingo 13 de Ordinario - ciclo C

13º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C



Primeira Lectura     1 Re 19, 16b. 19-21
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Ergueuse Eliseo e marchou seguindo a Elías

     Naqueles días, o Señor díxolle a Elías:
     ‑ Unxe por profeta, teu sucesor, a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah.
     Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que estaba labrando con doce xuntas de bois e levaba el mesmo a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto. Eliseo deixou ao momento os bois e foi correndo atrás de Elías, e díxolle:
     ‑ Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo.
     El respondeulle:
     ‑ Vai, pero volve, pois xa ves o que fixen contigo.
     Cando estivo de volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de labrar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois ergueuse, marchou seguindo a Elías e quedou ao seu servizo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (cf. 5a): Ti es, Señor, a miña herdade.

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.

Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.



Segunda Lectura     Gal 5, 1. 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Fostes chamados á liberdade

                    Irmáns:
                    Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo. Estádeme, logo, ben firmes nel! Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!
                    A vós chamáronvos á liberdade. Pero coidadiño con servir aos baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
                    Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Pero, se vos adentades e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.
                    Quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e que non satisfagades os degoros da concupiscencia.
                    Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos: opóñense de tal xeito entre eles, que non facedes o que de verdade queredes. Mais, se vos guiades polo Espírito, daquela xa non estades baixo a Lei.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA 1 Sam 3, 9; Xn 6, 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Fala, Señor, que o teu servo escoita;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.


Evanxeo      Lc 9, 51-62
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Decidiu en firme ir a Xerusalén. Seguireite a onde vaias.

                    Naquel tempo, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
  ‑ Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.

Polo camiño, díxolle un:
  ‑ Seguireite, vaias onde vaias.
Respondeulle Xesús:
 ‑ As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
Díxolle a outro:
 ‑ Sígueme.
Pero el contestoulle:
 ‑ Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
 ‑ Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.
Outro díxolle tamén:
 ‑ Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle:
  - Quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para ao Reino de Deus.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




SUPERANDO O EFECTO GASOSA: XESÚS CHAMA AO SEGUIMENTO, NON SE QUEDA NO EFÉMERO DA EUFORIA

Pórtico
            Día a día vaise impondo no noso xeito de pensar e facer as cousas a idea de que todo é efémero, de que as cousas son para o aquí e agora e nada máis. E a forza de ilo repetindo e escoitando unha e outra vez, acabamos por crelo. A consecuencia deste xeito de pensar e actuar é clara: nada vale nada, aos demais sempre podemos utilizalos para os nosos intereses, non importa ter valores, principios ou horizontes na vida, para que? Vivamos ao día, vivamos a tope, non nos preocupemos nin dos outros nin do que pasa ao noso lado. Total, para que, se todo dura nada e vale menos? Deste xeito, o efecto gasosa –moita forza pero para pouco tempo– non só se vai impoñendo na percepción da realidade, senón que o futuro nin nos importa nin o esperamos. E tan así é a cousa que as consecuencias estámolas a vivir cada día: as persoas non valen nada e, polo tanto, que máis dá enganalas, tratalas como se fosen cousas ou actuar como se non estiveran? Deste xeito, cada día son máis as persoas e colectivos aos que se lles condena ao máis absoluto dos silencios e á invisibilidade. Diante disto, os cristiáns seguimos crendo que en Xesús hai un camiño persoal e comunitario que nos invita a realizar, e no que atopamos sentido, forza e enraizamento. Non é unha chamada a actuar coma a gasosa, senón a prezar o esforzo, a paciencia, a capacidade de resistir e non virse abaixo diante das dificultades.

            Unámonos, logo, nesta mañá a cantos queremos celebrar a fe respondendo a esta invitación de Xesús, e saiamos do noso encontro comunitario do domingo cheos de gozo, esperanza e compromiso para non deixarnos arrastrar pola moda do efémero.

Perdón
û  Señor, que non nos deixemos levar pola impaciencia e o arrouto, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.
û  Cristo, que non caiamos na tentación de construír a vida desde o efémero, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.
û  Señor, que non nos deixemos desacougar diante dos problemas e dificultades, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.

Remuíño
·         Eliseo e máis Elías sabían que a presenza de Deus estaba con eles, por iso, a pesares das dificultades, as dúbidas e os temores que lles acaían, non renunciaban. Sabíanse acompañados, o que os motivaba para seguir poñendo paz, esperanza e xustiza, desde a súa palabra, na vida do pobo. Deus era a súa forza, o motivo para non deixarse ir; a enerxía que non lles permitía estar calados diante do que estaba a ocorrer. Tamén nós hoxe somos invitados a actuar coma Elías e mais Eliseo: sen medo, sen sentirmos vergoña, con ganas e ilusión, para que a tristura, o desencanto, a desesperanza e a sensación de fracaso non aniñen na nosa vida nin na dos que están ao noso lado. E iso todos somos conscientes de que non é nada doado, porque por moito que nos esforcemos, a presión, cando todo se derruba ou parece derrubarse, é moita e moi grande. A fe non nos chama, nestas situacións a resignarnos; tampouco nos dá un programa político ou económico; ela, por si mesma, non resolve problemas. Non é o seu cometido. Pero si podemos ir descubrindo desde a mensaxe na que asentamos a nosa fe a imaxe dun Deus que non se deixa ir, que non cae na resignación, que non xustifica a realidade como se non houbera nada máis que facer. A fe, logo, ofrécenos un Deus que coa súa presenza ao noso lado vainos dando azos para loitar, para non quedar calados, para movernos, para gritar e actuar contra todo canto queira converter á persoa nunha realidade invisible coa que podemos xogar e á que podemos utilizar segundo o interese dos poderosos. Este é o gran milagre de Deus: dános confianza e empúrranos a poñer en práctica todos os valores e actitudes que ao longo dos textos da súa palabra nos foi deixando. Iso podemos velo hoxe claramente nas actitudes tanto de Eliseo como de Elías: souberon escoitar a voz de Deus e puxéronse en camiño. Que tamén nós, entre o barullo deste mundo cheo de cousas tan efémeras, aprendamos a descubrir a voz permanente de Deus que nunca cansa e sempre acompaña...o que non quita que teñamos que ser nós os que tomemos as decisións e asumamos as consecuencias da nosa liberdade e das nosas limitacións.


·        Unha liberdade desde a que Paulo lles fala a aquel grupo de cristiáns de Galacia. En Cristo fomos salvados, pero tamén nel tod@s nós fomos liberados de calquera escravitude. Xa nada é máis forte ca nós. Agora que, especialmente no ámbito do deporte, utilizamos expresión “podemos”, para poñer de manifesto que en nós, nas nosas mans, está a capacidade para conseguir logros e metas; tamén podemos aplicalo a calquera ámbito da nosa vida para manifestar que a liberación que desde Cristo se realizou en nós, convértenos sempre en capaces. Xa non é o destino o que marca o noso camiño, senón nós mesmos, coa capacidade que temos de tomar unha ou outra decisión, de orientar a vida cara a un horizonte ou outro. Isto que Paulo lle lembra aos Gálatas vale tamén para nós. Non podemos permitir que outros, os que máis poden, mandan ou saben, decidan por nós, reducíndonos a simples peóns que moven ao seu gusto. Un cristián non acepta este xeito de actuar, porque desde Cristo somos invitados a ser os protagonistas da nosa propia historia, sen deixar que ninguén a secuestre e acabe contándoa ou vivíndoa, por nós. E para unha persoa libre, o amor ten que ser o seu guieiro, como o foi para Xesús; o que significa que non é misión nin tarefa nosa comernos uns aos outros a dentadas, senón deixarnos guiar pola forza do Espírito que sempre nos chama a un vivir humano e humanizador, sen componendas que enganen e escravicen aos demais ou a nós mesmos.

·          De aí que, como decidiu Xesús, tamén nós temos que ir baixando das torres persoais que nos incomunican e nos fan crer mellores cos outros, para tamén poñernos en camiño e ir á Xerusalén; asumir a incomprensión, o desprezo ou o abandono, pero sen renunciar ao obxectivo que nos marca o ser seguidores de Xesús: camiñar construíndo e testemuñando o ben diante do mal. Seguilo non é doado. Supón non acomodarse, superar a preguiza, non deixarse levar dos apoios que poidamos ter. Seguir a Xesús ha facer que moitas veces nos sintamos esquecidos por aqueles amigos que se achegaban buscando e seguindo os seus intereses; pero estaremos cheos dos amigos que buscan e recoñecen a presenza e a dignidade de Deus nos irmáns. Por iso a fe non é unha emoción efémera, senón un compromiso esixente. Unha esixencia que moitas veces pode acabar deixándonos solos... inda que cheos da ledicia e da esperanza de quen sente consigo a Xesús ao facer as cousas ben.

Oración da comunidade
            Oramos xunt@s ao Señor, sentíndonos comunidade que atopa na oración comunitaria forza e alento para afrontar  a vida sen deixarnos levar da desesperanza, e dicimos:
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que na Igrexa non nos deixemos levar pola tentación do efémero e non esquezamos que só dedicándolle tempo e esforzo ás persoas poderemos sentir o gozo e a ledicia de descubrirte e atoparnos contigo, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que non renunciemos nunca a construír comunidade e fagamos o esforzo por asociarnos para camiñar xunt@s nos diversos ámbitos da nosa vida: na igrexa, na parroquia, no barrio, participando nas actividades culturais, creando actividades para goce dos demais, tendendo a man ao amig@ que nos necesite..., OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que o seguimento de Xesús saibamos convertelo en proximidade aos enfermos, acompañamento de quen está só, solidariedade para quen non ten e respecto para todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
Grazas, Señor, por darnos a oportunidade de sentir a forza e o apoio da comunidade nestes tempos difíciles, nos que o efémero e as présas fannos esquecer que son a perseveranza e a paciencia as que conseguen logros de realización persoal e de ben común. P.XN.S. Amén.

Reflexión
Onde atopar ao Señor?
Quen poderá ver o seu rostro?
Verano os pobres de espírito,
que por non estar apegados a nada
escoitan con atención a voz de Deus.
Verano os de corazón manso,
aqueles que construíron a paz na súa propia vida.

Onde atopar ao Señor?
Quen poderá ver o seu rostro?
Verano os que teñen fame e sede de xustiza
e claman a Deus para que a paz reine no mundo;
os que piden ao seu Señor que faga desaparecer tantas inxustizas
e tantas mortes sen sentido.
Verano os que teñen misericordia do irmán,
os que teñen un corazón cheo de amor polos demais.

Onde atopar ao Señor?
Quen poderá ver o seu rostro?
Verano os que predican co exemplo antes que os que se dedican só a falar;
os que constrúen antes que os que destrúen;
os que traballan pola paz antes que os que provocan a guerra.

Que haberá que facer?
En quen habitará o noso Deus?

Só quen o busca o atopará para seguir buscándoo.
Só quen se pregunta poderá atopar o camiño.
Só quen viva o amor na súa plenitude
contemplará o verdadeiro rostro de Deus.
Só o posuirá aquel que se deixe posuír por el.
Só o acadará quen sexa alcanzado pola súa graza.
Só quen viva en tensión, en crecemento, en maduración
será habitado polo Señor.


CANTOS
ü  ENTRADA: 
Camiñando pola vida
ü  LECTURAS
Amigos nas penas
ü  OFERTORIO: 
Cantade ao Señor
ü  COMUÑÓN
Acharte presente na vida

POWER POINTS

28 jun. 2013

29 de xuño - S.Pedro e S.Paulo

DEBUXOS E VIDA ADAPTADA DE: http://dibujosparacatequesis.blogspot.com/

San Paulo viviu na mesma época de Xesús*, pero non cría en Xesús e uniuse a aqueles que nesa época perseguían a todos os que o amaban. Tratou a toda costa de terminar coa Igrexa de Deus.

Todo cambiou cando camiño á cidade de Damasco tivo un forte encontro con Xesús, onde se converteu, Paulo abriulle o seu corazón e aceptou a misión que lle encomendaba de anuncialo a todos. 
San Paulo foi un gran apóstolo, e tamén escribiu moitas cartas, grazas a elas sabemos que traballou moito polo Evanxeo e que formou moitas comunidades cristiás. Realizou moitísimas viaxes cumprindo con aquilo que o Señor lle mandou**.


* Naceu nunha familia xudea acomodada que tiña o privilexio de ser declarada cidadáns de Roma. Naceu na cidade de Tarso, e por iso foi educado en grego. 
** Estas viaxes aparecen nos Feitos dos apóstolos, e foi considerado con Bernabé o apóstolo dos xentís.



PRIMEIRA Feit 12, 1-11
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Agora sei de certo que o Señor libroume das mans de Herodes

O rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. 2Mandou matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, 3e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro. Era a semana da Pascua. 4Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua. 5Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.
6A noite antes de que Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta de prisión. 7De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na celda, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle:
-¡Érguete correndo!
E caéronlle as cadeas das mans.
8Entón díxolle o anxo:
-Pon o cinto e calza as sandalias.
E así o fixo. Despois díxolle:
-Bota o manto por riba e sígueme.
9Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión. 10Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse ela soa. E ó saíren á rúa, logo o deixou o anxo.
11Entón Pedro, volvendo en si, dixo: ''agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu''.


SAL. RESP. Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
R/ (5) O Señor líbrame de tódolos meus temores
2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

4Exaltade comigo ó Señor,
louvemos xuntos o seu nome.
5Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de tódolos temores.
6Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
7O Señor escoita ó pobre que o chama
e líbrao de tódolos apretos.
8O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis
e dálles seguridade.
9Gustade e vede que bo é o Señor:
feliz quen a El se acolle.


SEGUNDA 2 Tim 4, 6-8. 17-18
PROCLAMACIÓN DA PALABRA DA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO
Finalmente impónseme a coroa de xustiza

Benquerido irmán:
6 a min xa me falta pouco para derrama-lo meu sangue e o meu pasamento está a chegar. 7Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. 8O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día.
E non só a min senón a tódolos que aarelan a súa Vinda gloriosa.
17Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e tódalas nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. 18O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.


ALELUIA Mt 16,18
Ti es Pedro
e sobre esta pedra edificarei a miña igrexa
e os poderes do inferno non poderán contra ela

EVANXEO Mt 16, 13-19
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos

13Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos:
-¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
14Eles responderon:
-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.

15Insistiu:
-E vós, ¿quen dicides que son?
16Respondeu Simón Pedro:
-Ti e-lo Mesías, o Fillo de Deus vivo.
17E Xesús contestoulle:

-Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. 18E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. 19Dareiche as chaves do Reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos. 


O único que sabemos da súa vída antes da súa conversión é que naceu en Betsaida, xunto ao lago de Tiberíades*, e  trasladouse a Cafarnaum, onde xunto con Juan e Santiago, os fillos do Zebedeo, dedicábase á pesca. 
O noso primeiro encontro con Pedro é a principios do ministerio de Xesús. Mentres Xesús camiñaba pola beira do lago de Galilea, viu aos dous irmáns, Simón Pedro e Andrés, botar a rede á auga. E chamounos dicindo: "Seguídeme, e eu fareivos pescadores de homes." (Mateo 4,19). Inmediatamente abandonaron as súas redes e seguírono. Un pouco despois, cando visitaron a casa na que estaba a sogra de Pedro, sufrindo dunha febre, foi curada por Xesús. Esta foi a primeira curación testemuñada por Pedro, quen presenciará moitos milagres máis durante os tres anos de ministerio de Xesús, sempre escoitando, observando, preguntando, aprendendo**.
San Pedro morreu crucificado. Como non se consideraba digno de morrer na forma do seu Señor e pediu que o crucificasen coa cabeza cara abaixo. O lugar exacto da súa crucifixión foi gardado pola tradición. Moi preto do circo de Nerón, os cristiáns enterraron a San Pedro.
Os únicos escritos que posuímos de San Pedro son as súas dúas Epístolas no Novo Testamento.


Ándres, outro dos apóstolos, era o seu irmán.  
**Aparece en varios dos escritos dos evanxeos. Xesús elexiuno como cabeza da Igrexa a pesares das súas dúbidas e da súa negación o día que prenderon a Xesús.

27 jun. 2013

Fichas S. Pedro e S.Paulo + Domingo 13 ordinario C










Lectio divina 


Domingo 13 Ordinario C

Cada vez que nos paramos a mirar nosa propia vida desde a perspectiva e os ollos de Xesús pode sucedernos algo moi peculiar: canto máis cristián se sente un, máis lle dá a impresión de estar a ser mediocre, de estar a lle dar ao Señor sóbralas da nosa vida cando, en realidade, El estánolo pedindo todo.

A súa Palabra é unha Palabra directa, sen molestias, que non admite escusas. E nós vémonos moitas veces e buscamos unha escusa convincente, “xa che seguirei mañá…”

Hoxe é unha desas ocasións en que a Palabra de Deus pídenos unha resposta, e, como sempre, ponnos diante dun Xesús que nos pide unha resposta radical.

Tres son as situacións que nos presenta o Evanxeo:
- A mansedumbre
Se soubesemos o destino que nos depara, moitas veces ó procurar facer o ben, quizais nos botariamos atrás antes de empezar a camiñar ese carreiro. Por querer ser bos, moitas  veces vannos a tratar de parvos, de inxenuos, de crernos os mellores,... mesmo, máis aínda, algúns quererán aproveitarse de nós e sacar para o seu proveito. Xesús sabía o que lle esperaba ao final daquel camiño que emprendía cara a Xerusalén, pero non decidiu camiñar en sentido distinto. A radicalidade de Xesús consiste en aceptar os inconvenientes sen renunciar á dificultade que expoñen. E por iso rifa aos seus discípulos cando queren facer uso dunha certa violencia contra os que non lles ofreceron un sitio para descansar. Xesús elixiu o camiño da non violencia, da aceptación de todo o que poida ocorrerlle por ser fiel á verdade e non calar as súas denuncias proféticas; ser radical significa non desviarse deste camiño.
- Non ter nada
Nin un sitio onde reclinar a cabeza. Renunciar a todo. Ter como único valor indispensable o que El gardaba no centro do seu corazón: o Amor ao Pai. Non se cansou de dicir que hai un Camiño para ser feliz; seguir ese camiño implica deixalo todo, levar pouca carga -como o que peregrina-. Para Xesús non basta con dicir “quero seguirche”; as palabras lévalas o vento. El espera algo máis, quere xestos, quere que cheguemos a descubrir o único que vale a pena, que deixemos todas as cargas en casa e levemos o indispensable para o camiño: un corazón cheo de Deus. Iso é ser radical.
- Camiñar con decisión
Non serve o que ao menor obstáculo volve mirar cara atrás. Non serve o que ante as dificultades queda no queixume de calquera tempo pasado foi mellor. Non serve o que sempre atopa cousas mellores que facer que seguir camiñado, nin o que entende que todo o demais é máis importante. Xesús nunca anulará a liberdade do que queira seguirlle. O camiño que propón Xesús necesita dar pasos cara adiante, non estar permanentemente volvendo sobre os propios pasos. Iso é ser radical ao estilo de Xesús.



25 jun. 2013

Peregrinación para os mozos de Galicia


En coordinación cos delegados de Pastoral Xuvenil ou con mozos de Galicia :

Peregrinación anual dos mozos de Galicia á Virxe do Monte Faro e convivencia previa en Chantada

                 - días 28, ás 20h empeza: pabellón Chantada e 29 de xuño ás 19h remata no Faro

                      Levar saco de dormir, aseo, bocatas...     para mozos de confirmación e postconfirmación                         (contactar coa Pastoral Xuvenil da Diócese)
                  


24 jun. 2013

25000 GRACIÑAS

Xa levamos máis de 25000 visitas, moito máis do que nunca pensei...


Co voso apoio, 
seguirémolo intentando!!

San Xoán Bautista - Lecturas e ficha


Misa do día

PRIMEIRA Is 49, 1-6
Fareite luz das xentes
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
49 1Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
O Señor chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.
2Puxo na miña boca coma unha espada afiada, escondeume na sombra da súa man,
converteume en frecha escolleita, gardoume na súa alxaba,
3e díxome: "Ti e-lo meu servo, Israel, de ti virame a sona".
4Pero eu dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada,
pero a miña sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
5cSerei glorificado coa presencia do Señor, e o meu Deus será a miña forza.
5"Pois agora -fala o Señor que desde o seo da nai me formou para se-lo seu servo,
para facer voltar onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El-,
6é moi fácil para ti se-lo meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo voltar ós protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e sera-la miña salvación ata o confín da terra".


SAL. RESP. 138, 1-3. 13-14ab. 14c-15
R/ (14a) Lóuvote, Señor, polo prodixio que hai en min

Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,
2ti sabes cando sento e me levanto,
penetras nos meus pensamentos desde lonxe.
3Ti distingues cando me movo e cando estou quedo
e os meus camiños sonche todos familiares.
13Ti formáche-las miñas entrañas
tecíchesme no seo da miña nai.
14Lóuvote polo prodixio que hai en min:
as túas obras son marabillosas.
Ti coñeces a fondo o meu espírito;
15non che estaba oculta a miña esencia,
cando no segredo era formado
tecido no fondo da terra.


SEGUNDA Feit 13, 22-26
Predicaba Xoán antes da vinda do Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Di Paulo:
22despois que o refugou, o Señor deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo: ''Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade. 23Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús. 24Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, 25e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: ''non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés''.
26Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ó noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación.


ALELUIA Cf Lc 1, 76
E ti, meu meniño, serás chamado profeta
do Altísimo:
irás por diante do Señor preparando
os seus camiños


EVANXEO Lc 1, 57-66. 80
Xoán é o seu nome
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

57Cando se lle cumpriron os meses a Isabel, deu á luz un fillo. 58En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. 59Os oito días levárono a cincuncidar e queríanlle poñer Zacarías, coma seu pai. 60Pero interveu a nai dicindo:

-¡Non, chamarase Xoán!
61Eles replicaron:
-¡Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
62Preguntáronlle por señas ó pai, como quería que se chamase. 63El pediu con que escribir e puxo:
-Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos. 64E de súpeto ceibóuselle a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. 65Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. 66Tódolos que o oían, dicían moi impresionados: "¿Que vai ser deste neno?". Porque a man de Deus estaba con el.
80O meniño medraba, facéndose forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.