30 mar. 2013

Domingo de Pascua - ciclo C

PARA A MISA DO DÍA DE PASCUA



Primeira Lectura    Feit 10, 34a. 37-43
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el despois de que resucitou de entre os mortos

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
            E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, despois de que resucitou de entre os mortos.
            E mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos.
            El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/. (24): Este é o día no que o Señor actuou: alegrémonos nel e relouquemos.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.



Segunda Lectura     Col 3, 1-4
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
 Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo

            Irmáns:
            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
Palabra do Señor
__________________________________________

Ou tamén:    1 Cor 5, 6b-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova



            Irmáns:
            Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes.
            Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
            Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SECUENCIA
(É obrigatorio dicila hoxe; os días dentro da Oitava é potestativo)

Con cánticos de festa, xubilosos,
loemos o que foi pan inmolado,
á Vítima pascual, trigo frutuoso.

Ó Año que, inocente, sen pecado,
co Pai reconciliando os pecadores,
penou polo rabaño, en amor dado.

Loitaron morte e vida, moitas dores,
en gran confrontación; o rei da vida
morreu e reina vivo entre loores.

Que viches, di, María, na amencida?
Que viches, cando estabas no camiño?
A pedra do sepulcro xa corrida.

Choraba eu por Xesús con gran cariño
e foime dado en graza esplendorosa
a gloria do que vence, en aloumiño.

E vin, tamén, os anxos que gloriosas
palabras me dicían de confianza;
vestidos e sudarios vin gozosa.

Xesús resucitou, leda esperanza
para min, tamén para os seus amigos todos
que irán a Galilea en lembranza.

Que Cristo rexurdiu, el o primeiro,
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora e ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos.


ALELUIA    1 Cor 5, 7b-8a
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia. Aleluia
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor.
Aleluia.



Evanxeo    Xn 20, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que resucite de entre os mortos

            No día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
            Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles:
            ‑ Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.
            Pedro e mais o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro.
            Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
            Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ao sepulcro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos).

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



Tamén se pode proclamar o evanxeo da Vixilia pascual, núm 41

Cando hai Misa vespertina, tamén se pode proclamar Lc 24, 13-35  (núm. 46)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Queda connosco, que xa se fai noite
  
            Naquel día, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
            Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
            ‑ De que ides falando polo camiño?
            Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
            ‑ Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
            El preguntou:
            ‑ De que, logo?
            Eles contestaron:
            ‑ Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron.
            Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
            Entón díxolles:
            ‑ Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
            E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
            Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
            ‑ Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
            Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
            ‑ Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
            E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
            ‑ É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
            Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



POWER POINTS



29 mar. 2013

Lecturas da Vixilia Pascual

VIXILIA PASCUAL NA NOITE SANTA



PRIMEIRA Xen 1, 1 - 2, 2 (máis longa)
Viu Deus todo canto fixera e era moi bo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE


1 1No principio creou Deus o ceo e a terra. 2A terra era unha masa disforme e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.

3Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz. 4Viu Deus que a luz era cousa boa e
arredouna das tebras.

5A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana.

6Quixo Deus que houbese un espacio para arreda-las augas das augas. 7E fixo un espacio, que arredaba as augas de enriba das de embaixo. 8O espacio rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día.

9Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi. 10O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben. 11Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así foi.
12A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. 13E completouse o terceiro día.

14Mandou Deus que houbese luces no espacio para distingui-lo día da noite, para dar sinal das festas, das estacións e dos anos, 15e para que, brillando no espacio, alumasen a terra. E así foi. 16Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que rexe a noite, e tamén as estrelas. 17Púxoas no espacio, para aluma-la terra, 18para rexe-lo día e a noite e para distingui-la luz das tebras. E viu que estaba ben. 19E completouse o cuarto día.

20Quixo Deus que as augas fosen un fervedeiro de peixes e o espacio entre o ceo e a terra un voar de paxaros. 21E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e tódalas sortes de paxaros. E parecéronlle ben. 22E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra. 23E completouse o quinto día.

24Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os reptís e as feras salvaxes. E así foi.

25Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, reptís, e parecéronlle ben.

26Despois dixo Deus: -"Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos reptís todos da terra".

27E creou Deus o home á súa imaxe, creou-no á imaxe de Deus, creouno varón e femia.
28E bendiciunos así: -"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos reptís todos da terra". 29E díxolles aínda: -"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós reptís que viven na terra dóulle-la herba para a mantenza".
E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E completouse o sexto día.

2 1Quedaron así rematados o ceo e a terra e tódolos elementos. 2Deus concluíu no día sexto a obra que emprendera, e o sétimo día repousou de todo o seu traballo.


Ou máis breve: 1, 1. 26-31a


1,1No principio creou Deus o ceo e a terra.

26Despois dixo Deus: -"Fagámo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos reptís todos da terra".

27E creou Deus o home á súa imaxe, creou-no á imaxe de Deus, creouno varón e femia.
28E bendiciunos así: -"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos reptís todos da terra". 29E díxolles aínda: -"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza". 30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós reptís que viven na terra dóulle-la herba para a mantenza".
E fíxose así. 31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo.



SALMO RESP. Sal 103, I-2a.5-6.I0 e I2. I3-I4.24 e 35c
R/ (cfr 30): Mánda-lo teu alento e son creados e renóva-la cara da terra.

1Alma miña, bendice ó Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
vestido de gloria e maxestade,
2envolto en luz coma nun manto.

5Ti asentáche-la terra nos seus alicerces
e non abalará endexamais.
6Cubríchela co manto do océano
e as augas subían ó alto dos montes.

10Ti encána-las fontes polos ríos,
que corren entre montañas.
12Nas súas ribeiras habitan paxaros,
que cantan na ramallada.

13Desde a túa morada réga-las montañas,
do froito das túas obras fártase a terra.
14Ti fas xermolar herba para o gando,
e plantas para uso dos homes,
para que da terra saquen pan

24¡Cantas son, Señor, as túas obras,
todas feitas con saber!
A terra está chea das túas creaturas.
Alma miña, bendice ó Señor.



Ou Sal 32, 4-5. 6-7. I2-I3. 20 e 22
R/ (5b): A misericordia do Señor enche a terra


4A palabra do Señor é recta
e tódalas súas obras son leais:
5El quere o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

6Pola palabra do Señor foron feitos os ceos,
polo alento da súa boca tódolos astros.
7Xuntou, coma nun fol, a auga do mar,
meteu en depósitos o océano.

12Feliz a nación que ten a Deus por Señor,
o pobo que El elixiu como herdade.
13Desde o ceo mira o Señor,
olla para tódolos homes;

20Nós agardámo-lo Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
22Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.


SEGUNDA Xen 22, 1-18 (máis longa)
Sacrificio do noso Patriarca Abraham
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

22 1Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: -"¡Abraham!"
El respondeu: -"Aquí estou".

2Deus mandoulle: -"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".

3Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mailo seu
fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ó camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. 4O terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.

5Abraham díxolles ós criados: -"Espera-de aquí co burro. Eu e mailo rapaz chegarémonos ata alá. Adoraremos e de seguida voltaremos onda vós". 6Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.

7Isaac díxolle a seu pai: -"¡Meu pai!"

El respondeu: -"¿Que queres, fillo?"

O rapaz dixo: -"Levamos lume e leña. Pero ¿onde está o año para o sacrificio?"

8Abraham respondeulle: -"Meu fillo, o año Deus o proverá". E camiñaban os dous xuntos.

9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou o seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. 10Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.

11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: -"¡Abraham! ¡Abraham!"

El respondeu: -"Aquí estou".

12O anxo dixo: -"Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".

13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo. 14Abraham púxolle ó lugar o nome de Moriah. Por iso aínda hoxe se di: -"Na montaña o Señor proverá".

15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16-"Xúroche por min mesmo -palabra do Señor- que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que tes, 17bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Tódolos pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".


Ou máis breve: 1-2, 9a. 10-13. 15-18

22 1Deus puxo á proba a Abraham, chamándoo: -"¡Abraham!"

El respondeu: -"Aquí estou".

2Deus mandoulle: -"Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".

9Chegados ó lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar.
10Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.

11Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo: -"¡Abraham! ¡Abraham!"

El respondeu: -"Aquí estou".

12O anxo dixo: -"Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei
comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".

13Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio, no posto do seu fillo.

15O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 16-"Xúroche por min mesmo -palabra do Señor- que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que tes, 17bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. 18Tódolos pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido".


SALMO RESP. Sal 15, 5 e 8. 9-10. 11
R/ (1): Gárdame, Señor, porque esperei en ti

5Ti es, Señor, a miña herdade e a miña sorte,
ti coidas do meu porvir.
8Teño ó Señor sempre diante;
con El á dereita non caerei.

9Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo está seguro.
10Ti non abandonarás á morte a miña vida,
nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción.

11Mostrarasme o camiño da vida:
a túa presencia éncheme de alegría;
a túa dereita, de gozo eterno.


TERCEIRA Ex 14, 15 - 15, 1
Pasaron os fillos de Israel polo medio do mar seco
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

15O Señor díxolle a Moisés: -"¿Que queixas son esas cara a min? Manda ós israelitas que se poñan en marcha. 16Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. 17Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. 18O mostra-la miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son Iavé".

19O anxo de Deus, que ía diante das hostes de Israel, cambiouse e púxose detrás. Tamén se moveu de diante para detrás a columna de nube. 20Púxose entre os exércitos de Exipto e os de Israel. A nube por unha banda era de tebra e pola outra alumaba a noite, de xeito que en toda a noite non puideron aproximarse os uns ós outros.

21Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor removeuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata seca-lo mar, coas augas partidas. 22Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. 23Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.

24Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. 25Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron: -"Fuxamos dos israelitas, pois Iavé loita por eles contra nós".

26O Señor díxolle a Moisés: -"Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros". 27Moisés alongou a man cara ó mar e, contra a mañá, este volveu ó seu sitio. 28Os exipcios, fuxindo, deron con el, e o Señor alagounos nas súas augas. As augas, ó xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.


29Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda. 30Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel puido ver na beira do mar os exipcios mortos. 31Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu ó Señor e creu nel e no seu servo
Moisés.

15 1Entón Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:

-"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,
cabalo e cabaleiro alagou no mar.


SALMO RESP. Ex 15, 1-2 . 3-4. 5-6. 17- 18
R/ (1a): Cantemos ó Señor, que se cubriu de gloria

15 1Moisés e os israelitas cantaron este canto ó Señor:
-"Cantarei ó Señor, que se cubriu de gloria,
cabalo e cabaleiro alagou no mar.
2 O Señor é a miña forza, a razón do meu canto,
El é a miña salvación.
El é o meu Deus, e louvareino,
o Deus de meu pai, e enxalzareino.

3 O Señor é un guerreiro.
O seu nome é Iavé.
4 Alagou no mar ó faraón cos seus exércitos,
a flor dos seus capitáns afogou no Mar Rubio.

5 Os abismos cubríronos,
baixaron ó fondo coma pedras.
6 A túa destra, Señor, distínguese pola forza,
a túa destra, Señor, tronza ós inimigos.

17Ti leváchelo e plantáchelo na túa propiedade,
no lugar onde fixeches, Señor, a túa morada,
no santuario que ti fundaches coas túas mans.
18 O Señor reinará por sempre.


CUARTA Is 54, 5-14
Pola súa sempiterna misericordia, o teu redentor, o Señor, tivo misericordia de ti
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

5Velaí o teu Facedor, o teu Creador,
Señor Todopoderoso é o seu nome.
Certo que o teu Redentor é o Santo de Israel,
chámase Deus de toda a terra.

6Si, o Señor chamoute
coma a esposa abandonada e aflixida no espírito,
e coma a esposa da xuventude,
que de certo foi rexeitada;
o teu Deus díxoche:

7"Durante un pouco tempo abandoneite,
pero con inmensa compaixón recollereite.
8Por un arrebato de ira escondín a miña cara de ti algún tempo
pero con amor eterno teño compaixón de ti
-dixo o Señor, o teu Redentor-.

9Si, nos días de Noé aconteceume isto:
xurei que as augas de Noé non volverían cruzar sobre a terra,
así tamén xurei que non me enfadaría contra ti nin te ameazaría.
10Pois os montes moveranse e os outeiros abanearán,
pero o meu amor non se moverá de onda ti
e a miña alianza de paz non cambaleará
-dixo o Señor, que ten compaixón de ti-.

11Aflixida, azoutada polos ventos, non es compadecida.
Olla que eu asento con cordel de color as túas pedras
e ciméntote con zafiros.
12Asento as túas torres con rubís, e as túas portadas con pedras de cuarzo.
Toda a túa muralla con pedras preciosas.

13Tódolos teus fillos son discípulos do Señor,
e mestres da paz son os teus fillos,
14(e) estabas ben afincada na xustiza.
Gárdate lonxe da opresión. ¡Non teñas medo!
E lonxe do terror. ¡Que a ti non se arrime!


SALMO RESP. Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e 13b
R/ (2a): Eu lóuvote, Señor, que me liberas

2Eu lóuvote, Señor, que me liberas
e non deixas que o inimigo faga riso de min.
4sácasme do abismo
e mantesme na vida,
lonxe dos que baixan ó sepulcro.

5Cantádelle ó Señor os seus amados,
louvade o seu santo nome.
6O seu asaño dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

11Escoita, Señor; ten compaixón de min,
se ti, Señor, a miña axuda.
12Ti podes troca-lo loito en danza,
13Señor, meu Deus,
por sempre te hei louvar.


QUINTA Is 55, 1-11
Vinde a min para que teñades vida e establecerei convosco alianza sempiterna
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS


Di o Señor:
55 1¡Ouh, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro (comprade) viño e leite.
2Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.

Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
3Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.

4Velaí: fareino pregoeiro das nacións,
príncipe e lexislador das nacións.
5Convocarás un pobo que non coñeces,
e un pobo que non te coñece correrá onda ti,
polo Señor, o teu Deus, e polo santo de Israel,
que ¡tanto te glorificou!

6Buscade o Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
7Que o malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus plans,
que se volva ó Señor para que teña misericordia del,
que (se volva) ó noso Deus
que ¡tanto engrandece ó perdoar!
8Pois si, os meus plans non son os vosos plans,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
-é o Señor quen fala-.

9¡Canto máis altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,
e os meus vieiros do que os vosos vieiros.

10Velaí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non voltan alá sen enchoupa-la terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ó que sementou
e pan ó que come,
11así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non voltará a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.


SALMO RESP. Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
R/ (3): Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.


2Velaí, Deus é a miña salvación, terei confianza, e non medo.
El é a miña forza, por isto louvareino.
Si, o Señor é a miña salvación".
3Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

4"Dádelle gracias ó Señor, invocade o seu nome.
Dade a coñecer entre os pobos os seus feitos,
facédelle a lembranza de que é grande o seu Nome.

5Cantádelle ó Señor. De verdade fixo cousas magníficas,
que serán coñecidas en toda a terra.

6Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:
Que grande é no medio de ti o Santo de Israel".


SEXTA Bar 3, 9-15. 32 - 4, 4
Anda para glorificación do Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE BARUC

9Escoita, Israel, mandamentos de vida;
atende ben, para aprender a discernir.

10¿Que sucede, Israel? ¿Por que estás no país dos inimigos,
e avellentaches nun país estranxeiro?
11¿Por que te volviches impuro cos seus cadáveres,
e fuches contado cos que van ó Hades?
12Abandonáche-la fonte da sabedoría.

13Se camiñases polo vieiro de Deus,
habitarías en paz para sempre.
14Aprende onde está o discernir,
onde está a forza,
onde está a intelixencia para coñecer;
aprende tamén onde está a vida longa e a felicidade,
onde está a luz dos ollos e a paz.

15¿Quen atopou o seu lugar?
¿Quen entrou nos seus tesouros?
32Pero o que o sabe todo, coñécea,
invéntaa co seu saber.
O que formou a terra para a eternidade,
encheuna de animais de catro patas.
33O que lle manda á luz que veña,
chamouna e ela obedeceu con temor.

34As estrelas lampexaron lediciosas nos seus escondedoiros,
35El chamounas e respondéronlle:
"¡Aquí estamos!"
Lampexaron con ledicia para o seu Creador.
36Este é o noso Deus,
non hai outro a El comparable.

37El inventou todo o camiño da sabedoría
e ensinoullo a Xacob,
o seu servo, e a Israel, o seu benquerido.
38Despois disto, a sabedoría apareceu sobre a terra
e viviu entre os homes.

4 1Ela é o libro dos mandamentos de Deus,
a Lei que permanece para sempre.
Tódolos que a aprezan terán a vida,
e os que a deixan a un lado perecerán.

2Convértete, Xacob, e abrázaa;
camiña cara á claridade, ó encontro da súa luz.
3Non lle deas a outro a túa gloria;
nin os teus privilexios a unha nación estranxeira.

4Somos felices, Israel,
porque o que agrada a Deus déusenos a coñecer.


SALMO RESP. Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/ (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna

8A terra estarrécese e treme,
os fundamentos dos montes estremecen,
abalan por causa da súa ira.

9Do seu nariz sobe fume,
da súa boca lume devorante,
de todo el ascuas acesas.

10Abaixa o ceo e descende
con mesta néboa debaixo dos seus pés.

11Voa a cabalo dun querube,
subindo nas ás do vento.



SETIMA Ez 36, 16-17a. 18-28
Derramarei sobre vós auga limpa, e dareivos un corazón novo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

16Veume a palabra do Señor nestes termos:

17-Fillo de Adam, cando a Casa de Israel habitaba na súa terra,
volvérona impura co seu comportamento e cos seus feitos;
18Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue
que verteron sobre a terra,
e polos feitos cos que a mancharon.

19Entón eu esparexinos por entre os pobos
e dispersáronse polos países;
xulgueinos conforme o seu comportamento
e conforme os seus feitos.

20O entraren nas nacións onde foron,
profanaron o meu santo Nome,
e dicíase deles:
"Estes son o pobo do Señor,
e tiveron que saír da terra del".

21Entón eu tiven consideración co meu santo Nome,
o que profanara a Casa de Israel
entre os pobos onde fora.

22Por isto, dille á Casa de Israel:
Así fala o meu Señor, Iavé:
-Casa de Israel, non por vós vou eu actuar,
senón por mor do meu santo Nome,
que vós profanastes entre as nacións onde fostes.

23Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,
profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
-é o meu Señor, Iavé, quen fala-,
cando eu vos faga recoñece-la miña santidade na súa presencia.

24Pois recollereivos das nacións,
xuntareivos de tódolos países
e traereivos á vosa terra.
25Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de tódalas vosas impurezas e de tódalas vosas idolatrías heivos purificar.

26Dareivos un corazón novo
e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;
sacarei da vosa carne o corazón de pedra
e poreivos un corazón de carne.

27Porei nas vosas entrañas o meu espírito
e farei que camiñedes conforme os meus preceptos
e que gardéde-los meus mandamentos e os cumprades.

28Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
seréde-lo meu pobo e eu serei o voso Deus.



SALMO RESP. Sal 41, 3. 5bcd; Sal 42, 3. 4
R/ (Sal 41, 2): Como ansía o cervo as fontes de auga viva,
así a miña alma ten ansias de ti, Deus

3A miña alma ten sede do Deus vivo:
¿cando verei o rostro de Deus?

5-"Eu marchaba á fronte do pobo
cara á casa de Deus,
entre voces de xúbilo e louvanza
de xentío en festa".

3Manda a túa luz e a túa verdade,
que elas me guiarán;
levaranme ó teu monte santo,
á túa mesma morada.

4Achegareime ó altar de Deus,
o Deus da miña alegría,
e louvareite ó son da cítola,
Deus, o meu Deus.


Ou, cando se celebra o bautismo, Is 12 como despois da lectura n. 5

Ou tamén Sal 50, 12-13. 14-15. 18-19
R/ (12a): Crea, Deus, en min un corazón puro,

12Crea, Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro cun espírito firme.
13Non me botes da túa presencia
e non tires de min o teu santo espírito.

14Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme co espírito xeneroso.
15Ensinarei o teu camiño ós pecadores
e volverán a ti os descarriados.

18Con sacrificios ti non te compraces,
se che ofrezo holocaustos, non os aceptarás:
19O meu sacrificio, Deus, será o espírito contrito:
o corazón contrito e humilde
ti, Deus, non o desprezas.


PRIMEIRA DO NOVO TESTAMENTO Rm 6, 3-11
Cristo resucitado de entre os mortos xa non morre máis
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:

3¿Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? 4Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. 5Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.

6Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. 7Porque o que morre queda liberado do pecado.


8Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; 9e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. 10Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. 11Así tamén, vós considerádevos mortos ó pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.



SALMO RESP. Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/ Aleluia. Aleluia. Aleluia.

1Louvade o Señor porque é bo,
porque o seu amor é eterno.
2Que o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;

16a dereita do Señor é poderosa,
a dereita do Señor é valente.
17Non hei morrer, vivirei
e cantarei os feitos do Señor.

22A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
23Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.



EVANXEO

 Lc 24, 1-12
¿Cómo é que buscades entre os mortos a quen vive?
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


24 1A madrugada do primeiro día da semana foron ó sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. 2Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. 3Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí. 4Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. 5Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:

-¿Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? 6Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: 7que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ó terceiro día.

8A elas acordáronlles aquelas palabras súas, 9e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo ós Once e a tódolos demáis. 10Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos; 11pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.

12Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.