31 ago. 2012

Domingo 22 de Ordinario - ciclo B


PRIMEIRA Dt 4, 1-2. 6-8
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Non engadades nada á palabra que vos falo... cumplide os mandamentos do Señor

Faloulle Moisés ó pobo dicindo:

4 1E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. 2Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, o voso Deus, que eu vos impoño.

6Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, 7pois, ¿que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? 8E ¿que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño?

 SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
R/ (1a): ¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:

que ten sinceridade no corazón

3e non calumnia coa súa lingua;

  
o que non lle fai mal ó veciño

e non difama ó seu próximo;

4o que estima desprezable ó malvado

e apreza ós que temen ó Señor;


5o que non presta con usura o seu diñeiro

e non se deixa subornar contra o inocente.

Quen así se comporte,

endexamais non perecerá.

  

SEGUNDA Sant 1, 17-18. 21b-22. 27
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Cumpride a palabra

Benqueridos irmáns e irmás:

17Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. 18Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das súas criaturas.

21Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salva-las vosas vidas. 22Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.

27A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.



ALELUIA Sant 1, 18:

Libremente enxendrounos o Pai por medio da palabra da verdade
para sermos primicias da súa creación


EVANXEO Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.

 7 1Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, 2e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. 3(É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; 4e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas). 5Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:

-¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?

6El contestoulles:

-¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:

Este pobo hónrame cos labios,

pero o seu corazón está lonxe de min.

7Danme un culto inútil,

porque a doutrina que ensinan

non son máis que costumes humanos.

8Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.

14E convocando á xente, dicíalles:

-Escoitádeme todos e procurade entender. 15Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha. 21Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, 22os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. 23Todos eses males saen de dentro e manchan o home. 





NON TODO O MONTE É OUREGO, POR ISO CÓMPRE NON CONFUNDIR O TOUCIÑO COA VELOCIDADE
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO

En máis dunha ocasión tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra, esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen, en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?

 A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeiramente nos fará felices, non é o seguir un manual cunhas letras, que tantas veces matan, senón axudar, compartir, empatizar coa xente, con todas aquelas persoas nas que Deus se nos mostra. Acollamos, entón, esta Palabra, e camiñemos nela.

O PERDÓN

Porque moitas veces deixámonos levar pola frivolidade e a superficialidade; SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.

Porque nos deixamos levar polas apariencias, ou polo que nos din, sen preocupármonos de coñecer persoal e a fondo aos demais, CRISTO, PURIFICA A NOSA FE.

Porque en demasiadas ocasións, por unha falsa fidelidade á letra, temos sementado infelicidade, fanatismo e afastamento na vida dos irmáns, SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.

REMUÍÑO

Moit@s dentro da nosa Igrexa teñen verdadeiros problemas para distinguir o fundamental do accesorio, o envoltorio do agasallo, a cáscara da froita. Como noutro tempo lles pasaba aos fariseos, poñen o grito no ceo diante dunha xenuflexión mal feita, porque non nos axeonllamos durante a consagración, porque as celebracións son en galego, porque temos celebracións da Palabra, porque os nenos que van facer a primeira comuñón non memorizan coma loros as oracións do devocionario... e por tantas e tantas cousas triviais que, en demasiadas ocasións, afogan o que debera ser o principal: o amor. Porén, esas mesmas persoas non din unha palabra a propósito da crise, do mercadeo relixioso, non queren asegurar ás súas empregadas do fogar (ás que elas lle chaman criadas), non se cortan un pelo por comerlle a suor a quen desenvolve un traballo para elas, non se escandalizan diante de gastos superficiais e ostentosos para seguir mantendo o boato e a aparencia........ Eses son, para elas, temas que non teñen que ver coa relixión.

Se cadra, Xesús tamén nos faría hoxe a nós a mesma réplica que lles fixo a eles: diríanos que somos hipócritas, por converter as celebracións nun negocio, nun espectáculo alleo á comunidade, cun esquema ríxido ás veces lonxe da vida das persoas que nelas participan. A relixión redúcese a un conxunto de prohibicións ou normas a cumprir (coma se se tratase dunha desas cartillas dos xornais que temos que encher cos cupóns) e ten pouco que ver cunha proposta para que a nosa vida sexa máis feliz. De verdade a nosa Igrexa (sobre todo a xerarquía) está preocupada pola xente?; seguro que os nosos pastores coñecen ás persoas que forman as comunidades ás que serven, comparten as súas tristuras, as súas ledicias, as súas inquedanzas; traballan por construír parroquia, pobo, Reino?. E nós, como comunidade, non estamos máis preocupad@s tamén polo exterior que polo interior: pola cantidade de curas que hai nun funeral, por “pagar” uns servizos relixiosos, por ter unha misa só polos meus defuntos, porque o meu ramo sexa o máis bonito, porque o templo estea ben fermoso para o bauticeiro, a comuñón ou a voda dos meus?. E iso, non son máis que pequeneces, pois o importante para Deus, a fidelidade da que nos fala Deus, como nos lembra Santiago na lectura é a do corazón limpo, sinxelo, sen dobres lecturas, nin intentos de quedar ben diante dos demais. Por iso a nosa fe non pode converterse nun conxunto de normas que afogan e impiden vivir con ledicia, senón que debe ser un camiñar descubrindo en cada momento e situación cal e como ha ser a nosa fidelidade ao o único que nos debera importar: Cristo. Sabendo telo a El como razón do noso ser e vivir, seguro que non nos deixaremos tentar por aqueles que só buscan signos e sabedoría, púlpitos e vanaglorias. Nós, aprendendo Del, descubriremos que o que verdadeiramente importa é o amor. Un amor descuberto e expresado no sinxelo, pobre, desprendido e misericordioso; un amor que se manifesta nesas pequenas cousiñas que van enchendo a nosa vida, un amor que mira sempre o interior das persoas, os seus sentimentos, a súa capacidade de amar, de poñerse no lugar do outr@, de sentir compaixón e de doerse do irmán.

Ao final da vida, a pesares do que moitos impoñen, pensan ou predican, non se nos vai examinar do número de misas nas que participamos, das oracións que coñecemos, dos rosarios que rezamos ou das novenas ás que asistimos. Tampouco se nos descontarán as indulxencias coma se dunha rebaixa se tratara, senón que o exame terá unha única cuestión: canto amaches?, e iso implica que han aprobar:
@s que practican a xustiza, entendida como dar ao irmán e á irmá o que precisa para desenvolverse coma persoa.
@s que traballan para que no mundo todas as persoas teñamos os mesmos dereitos
@s que non calumnian nin utilizan aos demais para o seu beneficio.
@s que buscan o ben común por riba do individualismo.
@s que son coherentes e fieis aos seus principios, e nunca están en venda.
@s que visitan aos enferm@s, aos tristes, aos que están sos... aínda que sexan mulleres.
@s que buscan e traballan pola paz
@s que denuncian calquera tipo de atentado contra a dignidade da persoa.
@s que protexen e coidan a creación que puxeches nas nosas mans.

Non nos esquezamos: este é o culto que o Señor quere que lle deamos: o do amor. Sen amor, o demais será baleiro e estéril... mera anécdota.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Alentad@s pola Palabra de Deus, que nos chama a un culto realizado desde e co corazón, dicim@s xuntos:  FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR

· Para que a Igrexa non caia nunca no integrismo nin no fanatismo, senón que saiba sempre axudar a que poidamos todos e todas descubrir que a fidelidade está na intención dos corazóns, e non na superficialidade dos feitos, Oremos.
                           FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
· Para que nas nosas comunidades non nos escandalicemos do que fan os demais, e nos esforcemos por mirar cara dentro de nós, para así descubrirmos que precisamos recoñecer primeiro os nosos propios erros, antes de xulgar os dos demais, OREMOS.
                           FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR
· Por cada un dos que hoxe celebramos a fe xuntos, para que sexamos capaces de descubrir que o seguimento de Xesús non é unha doutrina, senón un estilo de vida que nos invita a aportar e non a condenar, a acoller e non a satanizar; a entender e non a xulgar, OREMOS.
                           FAI DA NOSA VIDA UN CANTO DE AMOR

Grazas, Señor, porque Ti non miras as aparencias nin te fixas en pequeneces, senón que o único que nos pides é que sexamos capaces de amar moito aos nosos irmáns. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar a túa voz,
e creo nela,
a pesares dos meus prexuízos e das miñas torpes decisións.
Tanto tempo cargado coa mochila ás costas,
sufrindo o andazo desde o primeiro paso,
suando,
sen poder erguer a vista,
triste e calado...
pensando que seguía as túas pegadas!.
Pero Ti espertáchesme do falso soño da responsabilidade.
Descargaches a miña mochila
de seguridades inútiles e de necesidades falsas,
dixéchesme con voz amiga:
camiña lixeiro de equipaxe.
Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar a túa voz amiga,
e o seu eco no abrente,
e estou aprendendo a alixeirar as miñas costas,
a camiñar erguido
e a gozar da túa compaña.
Agora si, Señor,
camiñe ou descanse,
síntote ao meu carón,
e non me pesa a vida
nin o seguimento das túas pegadas.

CANTOS
ENTRADA: 
Andarei na presenza do Señor
LECTURAS: 
Benaventurados
OFERTORIO: 
Seguirei os teus pasos
COMUÑÓN: 
Déixate querer





25 ago. 2012

E, onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna - Xn 6, 60-69

Domingo 21 de ordinario - ciclo B




TI ES, SEÑOR, O MEU TODO

Ti es o sol do meu inverno,
o frescor do meu verán,
a causa do meu silencio,
e a razón do meu falar.

Ti es o millo do meu hórreo,
o lévedo do meu pan,
sorriso da miña festa
e bágoa do meu chorar.

Ti es a historia do meu soño,
o amencer do meu mañá,
es sombra do meu acougo
e pasos do meu andar.

Ti es a forza do meu vento,
ti es a terra do meu chan,
o berce da miña infancia
e o leito do meu finar.

Manolo Regal
Un caxato para o camiño, páx. 14 



Gustade e vede que bo é o Señor - Salmo 33

Domingo 21 de ordinario - ciclo B




NO NOME DO UNICO SEÑOR 
DAS DÚAS TERRAS

Ama as túas terras,
ande botas a semente cada ano;
ama os seus froitos,
froitos tamén dos teus coidados.

Ama os teus animais
os teus apeiros e ferramentas,
axuda indispensable cada día
para ver vida naquelo que sementas.

Ama os teus costumes,
as túas tradicións e as túas festas,
a túa musica e o teu canto,
goza e medra pegado a elas.

Ama a túa paisaxe,
cada monte, cada val, cada ribeira,
cada árbore e cada flor,
ata a morte estarán a túa beira.

Ama a túa lingua,
cada palabra viva e certeira
coa que lle dás o nome ás cousas
e as fas así irmás e compañeiras.

Ama a túa familia,
recorda reverente os que morreron,
coida a muller, o home, os fillos,
e mima agradecido os nosos vellos.

E prepárate cos teus irmáns labregos,
con eles organiza os teus esforzos,
pois, xa sabes, só reunidos
atoparemos forza nos días mouros.

Tarde ou cedo posuirás
ti ou os teus fillos a terra enteira,
que Deus a todos nos entregou
como regalo de nacemento, como tarefa.

El é o único señor das túas terras,
a el lle debes reverencia.



24 ago. 2012

Domingo 21 de Ordinario - ciclo B


PRIMEIRA Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOSUÉ
Serviremos ó Señor, porque El é o noso Deus

24 1Xuntou Xosué a tódalas tribos de Israel en Xequem, e chamou ós anciáns de Israel, ós xefes, ós xuíces e mais ós oficiais, e presentounos diante de Deus. 2E Xosué falou a todo o pobo deste xeito:

Se vos anoxa servir ó Señor, escollede hoxe a quen ides servir: se ós deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou ós deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e maila miña familia serviremos ó Señor".

16E respondeu o pobo:
-"Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, 17pois o Señor, o noso Deus, fíxonos subir a nós e a nosos devanceiros da terra de Exipto, da casa do asoballamento, e fixo diante de nós aqueles grandes prodixios e protexeunos ó longo de todo o camiño que percorremos, e mais por tódolos poboados por onde pasamos. Así que tamén nós serviremos ó Señor, pois El é o noso Deus".


SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor

2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

16Os ollos do Señor están cara ós xustos,
os seus oídos cara ó seu clamor;
17mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.

18Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias.
19O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.

20Moitos son os males dos xustos,
pero de todos os libra o Señor.
21El coida dos seus ósos,
nin un só romperán.

22A maldade mata ó impío;
quen aborrece os xustos será castigado.
23O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.


SEGUNDA Ef 5, 21-32
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Este é un sacramento grande, falo de Cristo e da Igrexa

Irmáns e irmás:

21Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: 22as mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, 23pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. 24E, coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo.

25Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela 26para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, 27e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin enruga nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. 28Así deben tamén os maridos ama-las súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, 29porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, 30porque
somos membros do seu corpo.

31Por iso deixará o home a seu pai e maila súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser. 32Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.


ALELUIA Cf Xn 6, 63c. 68c:
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
tes palabras de vida eterna.


EVANXEO Xn 6, 60-69
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
E ¿onda quén imos ir? Ti tes palabras de vida eterna

Moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
-¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?

61Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
-¿Escandalízavos iso? 62¿E logo se viséde--lo Fillo do Home subindo a onde estaba antes? 63O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. 64E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.

Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. 65E proseguiu:
-Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.

66Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el. 
67Preguntoulles entón Xesús ós Doce:
-¿Vós tamén vos queredes ir?

68Respondeulle Simón Pedro:
-Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, 69e nós cremos e recoñecemos que ti e-lo Santo de Deus.



SEÑOR, A QUEN IREMOS?. 
TI TES PALABRAS DE VIDA.
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
 O Evanxeo volve lembrarnos que só o Señor ten palabras de vida; unha vida chea de sentido e forza; unha vida de loita e esperanza; unha vida de colaboración e de encontro solidario. Esta é a vida que os crentes atopamos en Xesús. Pero é en Xesús, e non debemos confundila nin co poder, as riquezas ou os pontificais afastados do que preocupa ás persoas; e moito menos a vida en Cristo se identifica co papa, os bispos ou os curas. A vida en Cristo ímola descubrindo no evanxeo, boa nova ofrecida para acoller e poñer en práctica alí onde esteamos os que nos chamamos crentes. Evitar perder este rumbo é a tarefa que fai que esteamos sempre en actitude receptiva e activa, sen deixar que a presenza da fe esmoreza porque non acabamos de enraizala para que o que cremos e vivimos camiñe polo mesmo vieiro, sen separación nin distancia.

O PERDÓN
*        Porque no eido da fe presumimos de que sabemos ben a teoría; pero non a levamos á práctica, SEÑOR QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
*        Porque non queremos entender que non é o mesmo servir que servirse dos demais, CRISTO, QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.
*        Porque a nosa comodidade fai que xustifiquemos en nós o mesmo que criticamos nos demais, SEÑOR, QUE NON PERDAMOS O TEU GUIEIRO.

REMUÍÑO
O sentido de pobo está sempre marcado polo esforzo de camiñar xuntos, de unir, de prantexar tarefas e propostas en común. Por iso Xosué reúne ás tribos para compartir co pobo canto lles pasaba, afastando a tentación do individualismo, de ir cada un ao seu, do tan habitual entre nós: sálvese quen poida. Reunidos, comparte co pobo a súa inquedanza, á vez que fai unha sentida confesión de fe: “eu e a miña familia serviremos ao Señor”. Terémolo nós así de claro como Xosué?. Ou tamén somos dos que nos gusta nadar entre dúas ou máis augas, e buscamos xustificacións porque estamos cómodos adecuando a vivencia da fe á nosa comenencia, rebaixándoa das súas esixencias e caendo na mediocridade que non fai máis que producir baleiro en nós e conformidade para non achegarse aos que non ven en nós testemuño algún, senón beatería ritualista puramente externa e sen fondura algunha?. É Deus para nós todo, ou é que temos outros deuses que nos enchen o tempo, pero que dificilmente poden dar sentido á nosa vida?. Somos o suficientemente humildes como para descubrir a súa presenza no día a día da nosa vida?. Temos feito algunha vez o exercicio -tan reparador!- de pensar que tería sido a nosa vida sen a presenza de Deus?. Ou a planicie na que habitualmente vivimos fainos tan preguiceiros que mesmo nos impide preguntarnos sobre os porques e para que da nosa vida?. Verdadeiramente, Deus é o noso Deus?.
Como o pobo de Israel, tamén nos hoxe somos invitados a preguntarnos se é a Deus a quen loamos, na humildade e na ledicia; se é o que descubrimos cando traballamos e nos comportamos con xustiza, con capacidade de escoita, con sensibilidade e cercanía aos problemas e dificultades que as persoas máis achegadas están a sufrir. Reunirnos os domingos, dedicar este tempo a compartir e celebrar a fe non é unha cousas máis que facemos ao longo da semana, senón o momento privilexiado no que nos atopamos xuntos os que sabemos que Deus non só é importante na nosa vida, senón o cimento desde do que imos desenvolvendo todas e cada unha das nosas opcións e das decisións que debemos tomar, persoal ou comunitariamente, sobre aquelas cuestións nas que está en xogo o ser un non ser felices. E iso non o poderiamos facer, se como nos di Paulo, non somos ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo.
De aí que as súas palabras, cando son acollidas con sinceridade, sen dobreces, sen buscar o que nos convén -que non se identifica moitas das veces nin co xusto nin co mellor-, non poden ser outra cousas mais ca espírito e vida. É dicir, alento, estímulo, forza, esperanza, sentido, guieiro... camiño de salvación e realización persoal. Claro que nos custa, dado o ritmo de vida que levamos e a pouca atención que prestamos á reflexión á hora de tomar decisións importantes na nosa vida. Porque, acostumamos a axudarnos da oración, da reflexión e meditación da palabra de Deus cando temos que tomar decisións que poden marcar presente e futuro?. Deixamos que esa Palabra vaia enchoupándonos para que sexa medio desde o que poder analizar, sen presas e con sinceridade, a vida e as diferentes vertentes que nela nos van aparecendo?. Ou mais ben somos dos que dicimos crer en Deus porque poñemos velas, pedimos misas, facemos promesas... pero nunca facéndonos as preguntas desde o corazón da Palabra de Deus; Palabra sempre viva e actual e que non pasa de moda. Tamén podemos actuar, como lle ocorría as veces aos discípulos, porque non lles conviña, xustificándonos e dicindo que como a aplicación desa Palabra á nosa vida é moi dura e difícil, buscamos vivir ao “meu xeito” no “cumpro e no minto”, é dicir: falar unha cousas e facer outra totalmente contraria, producindo unha bipolaridade coa que pretendemos enganarnos a nós mesmos e aos demais, pero dificilmente conseguiremos facelo con Deus. Si de verdade sabemos que as súas palabras son espírito e vida, comecemos, desde xa, a poñelas en práctica. Non esperemos máis.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
No nome do Señor reunímonos un domingo máis para agradecer a fe e compartir inquedanzas e necesidades. Facémolo dicindo:
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Pola Igrexa, para que saibamos sempre anunciar a Cristo sen manipular nin escurecer a súa mensaxe, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Por cantos decidimos libremente conformar as comunidades cristiás, para que nunca esquezamos que temos que ser testemuñas de Deus a través do que facemos e dicimos, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Para que, facendo vida a mensaxe de Xesús, nunca lle deamos as costas aos problemas e dificultades do noso mundo, e nos comprometamos, alí onde estamos, poñendo tempo e capacidade ao servizo de canto busque a xustiza, a dignidade e a igualdade das persoas, Oremos.
QUE FAGAMOS DA TÚA PALABRA ESPÍRITO E VIDA
Señor, porque nos chamas a facer da túa Palabra espírito e vida, queremos compartir contigo canto esforzo leve a mellorar o mundo e as condicións de vida dos que nel vivimos. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
O que verdadeiramente importa non se pode converter en mercancía. Cada vez son menos cousas, é verdade. Pero, por máis que haxa quen tamén fai negocio disto, para a xente máis normal o amor de verdade nin se vende nin se compra. A amizade atópase e gózase, pero no se posúe. A fe no se adquire a golpe de tarxeta. E o sentido da vida no se obtén nos grandes almacéns (todo o máis podes levar para a casa sucedáneos). A trampa da lóxica do ter é intentar converternos naquilo que adquirimos. Porque as cousas importantes vívense e deixan pegada aínda que se afasten; no son de usar e tirar. O esencial non é de temporada, e ás veces nin sequera se ve.
Deus; na miña vida non te podo consumir, como un produto de temporada. Estás, e basta. Estás cando me vai ben, e nas horas tristes. Cando me lembro de ti, e tamén cando te esquezo. Estás sempre.

CANTOS
ENTRADA: 
Camiñando pola vida
LECTURAS: 
As túas palabras, Señor, son espírito e vida
OFERTORIO: 
Pregoeiro da túa paz
COMUÑÓN: 
Acharte presente





20 ago. 2012

OS NOMES DE XESÚS

Buscando inspiración polas webs de EEUU, decateime de que hai cousas ben aproveitables para o traballo na catequese nas que nós non traballamos moito; un exemplo é o gusto polas citas bíblicas, así que, pensando nos nenos de preconfirmación, fixen estas fichas que valen para pintar, buscar citas e ata xogar facendo tríos com se fosen naipes e, de paso, repasar os nomes que se lle dan a Xesús  na Biblia. Recomendo facelas sobre cartolina.

A ver que vos parece...





O último cadro é para que busquen e copien a cita.
Como son bastantes, publicareinos en varias entradas.


18 ago. 2012

A miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida - Xn 6, 51-58

Domingo 20 ordinario - ciclo B


            NO PAN QUE COMEMOS               

No pan que comemos estás Ti, Señor;
que nunca haxa nenos sen pan, sen amor.
No pan que comemos estás Ti, Señor.

Cando comemos o pan, o pan,
 que Ti repartes, Señor,
queremos ter máis amor
 e que no mundo haxa paz.

Temos na man o teu pan, teu pan,
 e no peito unha oración:
que nas casas haxa amor
e que entre nós haxa paz.

Cando partímos o pan, o pan,
na mesa do teu altar,
sentimos amor de irmáns
que se queren perdoar.

Comemos xuntos o pan, o pan,
e medra no corazón
amor de amigos, irmáns,
fillos do mesmo Señor.

(Música en Cantigas da Comunidade, Nº 88)





Gustade e vede que bo é o Señor - Salmo 33

Domingo 20 ordinario - ciclo B




QUE MILAGRE 
SE OFRECE CADA DÍA

Que milagre ofrece cada día
ante a humanidade indiferente!,
todo un Deus, infinito, omnipotente,
dá o seu corpo, colleita de agonía.

El espera en amante cercanía
como auga,viño e pan, limpo torrente,
zume anello de paz, viva semente,
alimentos de célica alegría .

Que humildade!, no froito consagrado
está Deus , o espírito inmortal,
en silencioso amor escravizado.

Esqueceu a súa dor, noso pecado,
ofrécenos o reino celestial,
e deixámolo só, abandonado.

                                             Emma  Margarita R.A. Valdés




17 ago. 2012

Domingo 20 de Ordinario - ciclo B


PRIMEIRA Prov 9, 1-6
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS PROVERBIOS
Comede o meu pan e bebede o viño que mesturei para vós

9 1A Sabedoría construíu a súa casa
tallou as súas sete columnas,
2fixo a matanza do gando, mesturou o seu viño,
e preparou a súa mesa;
3despachou as súas criadas a anuncia-lo convite
polos altos da cidade:
4-"Quen sexa inxenuo, que se achegue aquí";
ó que carece de siso dille:
5-"Vide, comede do meu pan
e bebede do viño que mesturei,
6deixade a vosa inxenuidade e viviredes,
camiñade pola vía da intelixencia".


SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 10-11. 12-13. 14-15
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor


2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

10Temede ó Señor os seus devotos,
pois nada lles falta ós que o temen.
11Empobrecen os ricos, pasan fame,
pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará.

12Vinde, fillos; escoitade:
ensinaréivo-lo temor do Señor.
13¿Quen ama a vida
e arela días de prosperidade?

14Garda a túa lingua do mal,
os teus labios de falas enganosas.
15Arrédate do mal e fai o ben,
busca a paz, corre tras ela.


SEGUNDA Ef 5, 15-20
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE S.PAULO ÓS EFESIOS
Comprendede cal é a vontade do Señor

Irmáns e irmás:
15Mirade con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, 16aproveitando ben este tempo, que corren días malos. 17Por iso, non sexades irreflexivos;  ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.

18Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito, 19falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor 20e dándolle gracias decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.


ALELUIA Xn 6, 56:
Quen come a miña carne e bebe o meu sangue,
permanece en min e eu nel, di o Señor


EVANXEO Xn 6, 51-58
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
A miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida

Dille Xesús á xente:
51Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o
pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
52Discutían entón entre eles os xudeus:
-¿Como pode este darnos a come-la súa carne?

53Díxolles entón Xesús:
-Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do Fillo do Home e non bebéde-
lo seu sangue, non teredes vida en vós. 54Quen come a miña carne e bebe o meu sangue,
ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. 55Pois a miña carne é verdadeira
comida e o meu sangue é verdadeira bebida. 56Quen come a miña carne e bebe o meu
sangue, permanece en min e eu nel. 57Así coma o Pai, que me mandou, vive e eu vivo
polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. 58Este é o pan que baixou do ceo; non
coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para
sempre.

CAMIÑEMOS NA SENSATEZ
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com


PÓRTICO
Que difícil, neste tempo de presa e urxencia, abordar as cousas coa reflexión que elas merecen, sen estar agoniados polo tempo, senón buscando canto de verdade axuda e é importante para as nosas vidas!!!!!. Inda que o digamos e escoitemos unha e outra vez, a tod@s nos custa poñerlle tempo e reflexión ás nosas decisións, e acabamos deixándonos levar non polo que é o mellor para nós, senón polo que fan e din todos, coma se ir a contramán nos convertera en patiños feos, raros e illados. Ás veces mesmo parece que non estiveramos dispostos ou non foramos capaces de superar a presión, e acabamos actuando e comportándonos non segundo o que son os valores desde os que encaramos a vida, senón desde o que fan todos; non por convición, senón polo medo a, sendo nós mesmos, sentir a incomprensión dos demais e a soidade. Esquecemos entón algo moi importante: se queremos ser cristiáns no mundo de hoxe temos que estar dispostos a facer da nosa vida icona da mensaxe de Xesús, de canto fixo e dixo, o que rompe con calquera tipo de componenda que busque facer da vida mediocridade previsible segundo o guión escrito polos que mandan e dirixen conciencias e decisións facéndonos crer libres. Os cristiáns deberiamos ter claro que a vida, e o que nela facemos, non é “marketing” publicitario para que todos compren e usen. Oxalá que nunca o esquezamos.

O PERDÓN
Porque, levados do intento por quedar ben, acabamos comportándonos como masa sen criterio nin convicións, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
Porque nos sobran palabras e xestos baleiros e superficiais, e fáltannos compromisos que teñan á persoa como principio, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
Porque tamén nós caemos moitas veces na precipitación e falta de reflexión á hora de tomar decisións sobre a nosa vida, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER LIBRES.

REMUÍÑO
*        A vida de cada un de nós vaise desenvolvendo non de calquera xeito, senón desde unhas referencias, referencias ás que chamamos valores, exemplos, principios... e que pouco a pouco van facéndonos, modulándonos para que o noso xeito de actuar, pensar e vivir se adecúen a elas. Por iso son tan importantes e nos marcan. Dicimos moitas veces que esta ou aquela persoa, este xeito de actuar ou esta actitude fixéronnos pensar e decidiron o camiño que tomamos nun determinado momento e que nos influíu para toda a vida. Tendo isto en conta, podemos fixarnos, logo, no que nos di a primeira lectura que escoitamos hoxe: Sabedoría construíu a súa casa, tallou as súas sete columnas. Cando a Biblia nos fala dos sabios quere referirse á experiencia que un/a vai acumulando a medida que a súa vida madura e se desenvolve. Unha experiencia que nos axuda a non repetir erros, a aprender do que outros fixeron, ben ou mal, xa sexa para facer o mesmo ou para rexeitar ese modo de actuar. E así, pouco a pouco, un vai, como nos di o libro dos Proverbios, construíndo a súa casa; non sobre area, senón sobre as columnas de canto axuda a que nos sintamos a gusto co que facemos e co xeito de actuar e facer as cousas. Só desde un actuar maduro, responsable e reflexivo, podemos entender que necesitamos de coherencia no actuar; unha coherencia que nos afasta da improvisación e nos remite á necesidade de ir clarificando a nosa escala de valores, para que desde ela poidan ir aparecendo as actitudes que nos fan sentir a gusto co que somos e facemos, sen falsas culpabilizacións e insatisfaccións permanentes por querer ser coma todos, esquecendo que cada un de nós somos únicos e irrepetibles.

*        Porque non somos feitos en serie nin temos que comportarnos de maneira uniforme en ningún sitio, e moito menos á hora de decidir sobre a nosa vida, podemos entender ben as palabras da carta de Paulo aos efesios. Mellor, non só entendelas, senón subscribilas, inda que teñan pasado dous mil anos desde que foron escritas. Si, porque ter tino, ser sensatos, aproveitar o tempo, non ser irreflexivos... son expresións que temos escoitado e utilizado nós mesmos moitas veces, e que poñen de manifesto o importante que é non actuar, inda que nos custe, de xeito arroutado, pois ademais de non levar a nada, acaba facéndonos sentir mal, con sensación de ternos equivocado. Nestes momentos nos que algúns se esforzan, e moito, en facernos crer que as cousas teñen que ser así e non poden ser de outro xeito, non quedándonos outra máis que a resignación, canto lle di Paulo a aqueles cristiáns de Éfeso ten para nós forza suficiente como para superar a tentación de deixarnos ir ou de escoitar os cantos de serea desesperanzados que día a día nos van chegando, para conseguir transformalos en actitudes activadoras de constancia e esforzo que nos leven a encarar o momento presente, -difícil e duro, para que negalo!-, non desde o pesimismo de que non hai outra, senón poñéndolle tino ao que escoitamos, sensatez ao que facemos e reflexión á complexa realidade na que vivimos inmersos. Se dicimos que a fe hai que rezala en comunidade e celebrala dentro dos templos; tamén dicimos que é necesario vivila no medio do mundo, no día a día cheo de contrastes e situacións ás que é necesario poñerlle os rostros de tantas persoas para as que estes momentos están a resultar difíciles e lles van provocando a exclusión e o esquecemento, como se foran simples números en estatísticas, esquecendo que son persoas, coma nós, ás que non podemos nin esquecer nin virarlle as costas. O seguimento de Xesús, as convicións de fe, maniféstanse desde o íntimo que un cre, pero móstranse no actuar con verdade e sinceridade á hora de vivir. É aí onde verdadeiramente mostramos a vontade de Deus.

*        O discurso do Pan de vida que desde hai varias semanas vimos lendo nas celebracións do domingo, volve incidir na forza -simbólica e real-, do pan na vida dos seres humanos. Pan que nos remite aos irmáns; pan que fai presente a Deus para levalo con nós e ser empuxe e alento diante da dureza da situación actual; pan solidario que se concreta en non torcer a cara diante do que está pasar, senón, no pouco e no moito, en abrir a man e ofrecer tempo, medios, ideas, propostas e dispoñibilidade a quen as necesite; pan de verdade nun momento no que o engano, a mentira, a manipulación ou o aproveitamento dos máis débiles nos fai perder a confianza nos demais e nos volve escépticos e desconfiados. Nunha palabra, pan que alimente as nosas vidas deixándonos a forza para loitar por elas desde a unión construída na busca contra o fatalismo, superando a tentación individualista do sálvese o que poida. O Pan da Eucaristía, Cristo, volve ofrecérsenos non como rito, senón como presenza viva en nós para que non renunciemos a anuncialo alí onde esteamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus faise alimento en nós para que nós poidamos ser tamén alimento para os irmáns. Convencidos de que a súa presenza é estímulo contra a desesperación e o deixarnos ir fatalista, dicimos:
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü  Pola Igrexa, para que non esqueza que Cristo enviouna para ser voz de denuncia diante da explotación, a mentira, o engano, a manipulación, e non cómplice dos que mandan e se esquecen que detrás dos números hai persoas que sofren, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü  Para que nas nosas comunidades non nos deixemos vencer polo desánimo e polo derrotismo que canto nos rodea insiste en fomentar, para impedir que reaccionemos diante de quen o está a pasar mal e vai vendo como as súas ilusións se derruban e esmorecen, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü  Para que nós, no día a día da nosa vida, atopemos forza e empuxe na oración, sosegada e sincera, diante dun Deus que nos fala que sen atender as urxencias e dificultades dos irmáns, non é posible ser seguidor de quen deu a vida por todos, sen excluír a ninguén, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
Con confianza, pero tamén desde a dor que nos produce a difícil situación que estamos a vivir e que sofren moitos dos nosos veciños e amigos, poñemos a nosa oración comunitaria diante de Ti, para que sexas forza e axuda que nos impida caer no derrotismo e desánimo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Se o que de veras desexas é amar, entón ponte inmediatamente a mirar; pero tómao en serio. Fíxate en alguén que che produza arrepío e percibe de veras os teus prexuízos; fíxate en alguén ou en algo ao que te aferres e comproba realmente o sufrimento, a inutilidade e a falta de liberdade que supón aferrarse... e contempla con detemento e tenrura os rostros humanos e a conduta humana. Tómate tempo para mirar asombrado a natureza, o vo dun paxaro, a frescura dunha flor, a saída da lúa... e namentres o fas, a coroza que protexe o teu corazón, rebrandecerase e fundirase, e o teu corazón rebordará de sensibilidade e delicadeza. (A.de Mello, Una llamada al amor, Sal Terrae, p.92/93)

CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
COMUÑÓN: Non vou só

POWER POINTS