28 feb. 2014

Domingo 8 de Ordinario A

VIII  DOMINGO  DO TEMPO ORDINARIO – CICLO A


Primeira Lectura      Is 49, 14-15
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non me esquecerei de ti
  
            Sión dixo:
            "O Señor non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".
            "Esquécese unha muller do seu meniño?
            Non se compadece do fillo das súas entra­ñas?
            Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 61, 2-3. 6-7. 8-9ab
 R/.  (6a):  Soamente en Deus acouga a alma miña.

Soamente en Deus acouga a miña alma,
del vén a miña salvación.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.

Soamente en Deus acouga a alma miña,
del vén a miña esperanza.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.

Está en Deus a miña salvación e a miña gloria;
a miña rocha, a miña fortaleza está en Deus.
Pobo seu, confía sempre nel,
desafoga diante del o corazón.



Segunda Lectura     1 Cor 4, 1-5
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
O Señor ha manifestar os motivos dos corazóns
  
            Irmáns:
            Que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus.
            Ora, o que se lles pide aos administradores é que sexan de fiar.
            A min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan se­quera eu me xulgo a min mesmo.
            Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor.
            De modo que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón, quen o mereza, recibirá do Señor o seu eloxio.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Heb  4, 12
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.


Evanxeo       Mt 6, 24-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Non andedes desacougados polo de mañá

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ao outro.
            Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
            Por iso dígovos: non andedes desacougados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido?
            Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas? E quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ao tempo da súa vida?
            E polo vestido por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan, nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles.
            Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ao forno, Deus así a viste, canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?
            Non andedes desacougados dicindo: "Que imos comer?" ou "que imos beber?" ou "que imos vestir?" Son os pagáns os que andan á busca de todas estas cousas; pois ben sabe o Pai voso celestial que as precisades.
            Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas estas cousas hánsevos dar de seu. Así que non andedes desacougados­ polo de mañá; o mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



MEMORIA FRÁXIL 
PARA UN TEMPO LÍQUIDO
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/2014/02/8-domingo-to-a.html

ESCOITA ACTIVA 
A fraxilidade da nosa memoria vaise pondo de manifesto na medida na que imos esquecendo momentos, persoas ou experiencias, pasadas ou recentes, da nosa vida. Esta fraxilidade produce en nós, moitas das veces, sentimentos de tristura por non poder lembrar a alguén ou o que nos pasou nun momento determinado; pero tamén nos fai tomar conciencia de que ninguén de nós, rico ou pobre; con poder ou sen el, branco ou negro escapa á constatación dun feito, que nos guste ou non, ocórrenos a todos: somos limitados. E na nosa limitación ímonos recoñecendo sempre necesitados dos demais, descubrindo que solos non imos a ningunha parte; e se imos, pouco dura ese traxecto. As persoas necesitámonos unhas ás outras, inda que moitas veces non nos guste ou necesitemos tempo para admitilo.

Diante la limitación humana, a Palabra de Deus hoxe invítanos a non quedar presos dela, senón a esforzarnos para, sen buscar esquecela, irlle dando á vida outras metas e horizontes que a vaian enchendo de sentido e esperanza. E aquí atopamos con Deus. El é para nós a forza, o sentido, a meta cara onde imos. El é quen de non tomar en conta a nosa limitación, para querernos e acollernos tal e como somos. Diante de nós e dos outros que esquecemos/cen, Deus chega á nosa vida para ser sempre continuidade  e presenza, memoria viva que acolle a nosa desmemoria e nos dá agarimo e tenrura. Que nos deixemos levar desta apaixonante mostra de amor! 

CORAZÓN MISERICORDIOSO 
Para que a pesar da fraqueza da nosa memoria, saibamos recoñecerte como amigo que nunca nos deixa, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.
Para que non deixemos que a nosa vida camiñe por vieiros de agoniamento e desesperación, CRISTO, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA. 
Para que non lle deamos entrada no noso corazón a canto nos leva a prescindir dos demais, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA. 

PALABRA ENRAIZADA 
Como diciamos ao comezo, son tempos de memoria fráxil. Unha fraxilidade que moitas das veces non quere ser máis ca escusa para non asumir responsabilidades polo comportamento. Pois en tempos así, aleda e ilusiona escoitar a palabra de Deus na primeira lectura, onde, unha vez máis, se nos lembra que diante da nosa fraxilidade, Deus non se esquece de nós, senón que vai termando da nosa vida co agarimo e a preocupación dun pai/dunha nai para quen a familia é cumio de encontro e amor. Tamén nós poderiamos preguntarnos se, como fai Deus con nós, somos capaces de facelo cos que conforman a nosa familia, cos que están preto e, moitas veces, esperando,  ese achegamento pola nosa banda. Na vida non hai cousa peor e máis triste que o esquecemento....e non nos referimos ao esquecemento de honras e recoñecementos, senón ao esquecemento das persoas, das que ninguén se lembra nin ás que ninguén ten en conta. E disto, por desgraza, na sociedade –e a parroquia forma parte desa sociedade– hai moito. A invisibilidade de cada vez máis persoas tería que facernos pensar aos que nos chamamos cristiáns, que é o que non estamos a facer ben para que isto ocorra, xa que deberiamos ter presente que detrás de informes, estatísticas, formularios ou trámites diversos, atópase a vida de persoas. Persoas que sofren, que están solas, que necesitan dos demais e de que as institucións non as acaben convertendo en expedientes que hai que estudar. Os seres humanos somos fillos de Deus, e polo tanto con dignidade e necesidade de sentírmonos recoñecidos e respectados. E iso, cada vez máis, vaise deixando en segundo ou terceiro plano. Como contrapunto  está  a acción de Deus. Nós si que esquecemos aos demais; si que nos esquecemos uns doutros; si que co noso actuar reducimos ás persoas ao anonimato e á invisibilidade...pero como El mesmo nos di, nunca é tarde, e sempre estamos a tempo. Fixemos a atención na palabra hoxe proclamada e comecemos a ver aos que están ao noso redor con outros ollos:  os ollos do encontro, a dispoñibilidade e a disposición a camiñar  xuntos, sen facer camiños de dúas velocidades nin caer na tentación de crernos redentores e salvadores dos demais. O único que salva é Deus en Cristo, e nós non somos máis que seguidores invitados a facer da nosa vida estancia de acollida compartida e construtora de esperanza.... tendo  sempre presente que El nunca nos vai esquecer. Por iso só nel atopamos refuxio e máis descanso sen ningún tipo de contraprestacións. 

Para poder ir desenvolvendo esta tarefa debemos ter sempre presente que non nos vale calquera camiño, de aí que primeiro temos que parar a pensar que enderezo coller, e logo ver se antes de poñernos a andar fai falla amaña-lo camiño. Isto evítanos  ben camiñar sen rumbo ben ter que abandonar por non ter sabido que un ha  escoller non calquera camiño ao  chou, senón aquel que sabe que pode percorrer e rematar. A consideración das nosas limitacións dános un sentido de realismo e móstranos que as decisións importantes necesitan maduración e responsabilidade. De nada nos vale berrar que somos libres se non acompañamos ese berro da coherencia das nosas capacidades e das nosas limitacións. Actuar así fainos grandes e con capacidade de poñerlle corazón a canto facemos, sen que sexa un piloto automático de rutina e sen sentido o que marque a vida. Se somos seguidores dun proxecto de amor e esperanza, estamos chamados a testemuñalo coa nosa vida, a tomalo en serio e a non deixarnos ir polos vieiros do actuar deixado e o desconcerto... e moito menos xustificar este actuar como se non foramos máis que robots teledirixidos. A liberdade desde a que Deus nos crea, chama sempre pola nosa responsabilidade á hora de testemuñar coa vida que El é razón da nosa esperanza. 

Por iso non nos agoniamos. Ao contrario, porque sabemos que non nos esquece nin nos trata coma monicreques,  non vivimos inquedos polas cousas materiais, senón que sabendo que estas son importantes para unha vida digna, non as convertemos nin en razón nin en obxectivo do noso vivir, o que nos abre a: ser persoas confiadas e sempre dispostas a tender pontes que unan na busca de proxectos de ben común e a esforzarnos para non ser carga inxusta para quen a sinxeleza da súa vida fai que sexa capaz de prescindir do superfluo para vivir compartindo o necesario. E isto non resulta comprensible se non somos capaces de entrar na dinámica do proxecto de Xesús, que nos chama a busca-la xustiza, e desde ela, traballar para facer do lugar no que estamos un espazo no que o anonimato e a invisibilidade dean paso á sinceridade a é acollida confiada de facer cousas que nos enchan persoal e comunitariamente. 

FRATERNIDADE ORANTE 

O Señor, a diferenza de nós, tennos sempre presentes. Para El somos os fillos e as fillas dos que terma facéndonos libres e responsables. Unámonos a El, e digamos logo xuntos: 

SEÑOR, QUE A NOSA MEMORIA SEXA VIVA E AGRADECIDA 
Para que desde a comunidade eclesial que formamos os bautizados, aprendamos a mostrar agradecemento, no nome de Xesús, a tódalas persoas que buscan achegarse e levar cariño a quen espera atopar en nós testemuñas fieis do amor de Deus, OREMOS. 

SEÑOR, QUE A NOSA MEMORIA SEXA VIVA E AGRADECIDA 

Para que saibamos ser agradecidos coas persoas da nosa comunidade parroquial que poñen o seu tempo e a súa alegría en estar ao noso lado nos momentos nos que necesitamos mans amigas e palabras de alento, OREMOS. 

SEÑOR, QUE A NOSA MEMORIA SEXA VIVA E AGRADECIDA 
Para que na medida en que poidamos, dediquemos un pouco do noso tempo en acompañar, visitar e agarimar co noso sorriso e a nosa palabra ás persoas que van atopando dificultades e tristuras no camiño das súas vidas, OREMOS. 

SEÑOR, QUE A NOSA MEMORIA SEXA VIVA E AGRADECIDA 

Señor, acolle a anima esta oración que xuntos temos rezado. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA DE ESPERANZA 

Xesús, Mestre bo, 
ensínanos o camiño para vivir solidariamente. 
Axúdanos a converter o noso corazón duro 
nun corazón sensible e cércano a todas as persoas que sofren. 
Ensínanos a saber descubrir a dor, o sufrimento e as necesidades dos demais. 
Danos a sinxeleza precisa para conmovernos diante do próximo  
e para acudir na súa axuda. 
Que non sexamos mesquiños na nosa entrega,  
que aprendamos a dar todo o que temos:  
as nosas cousas, o noso tempo, o noso esforzo, a nosa vida enteira,  
para que os outros vivan máis e mellor. 
Axúdanos a ter compaixón, que non é lástima, 
senón solidariedade activa e compromiso co outro. 

CANTO GOZOSO 
ENTRADA: 
Camiñarei 
LECTURAS: 
Déixate querer 
OFERTORIO: 
Graciñas, Señor, na mañá
COMUÑÓn: 
Eu soñei


POWER POINTS
Domingo 8 Ord A
Domingo ORD A - Bene Pagola

26 feb. 2014

Ficha e Lectio - Domingo 8 Ord A








LECTIO :

NON Á IDOLATRÍA DO DIÑEIRO

O Diñeiro, convertido en ídolo absoluto, é para Xesús o maior inimigo dese mundo máis digno, xusto e solidario que quere Deus. Fai xa vinte séculos que o Profeta de Galilea denunciou de xeito rotundo que o culto ao Diñeiro será sempre o maior obstáculo que atopará a Humanidade para progresar cara a unha convivencia máis humana.
A lóxica de Xesús é aplastante: “Non podedes servir a Deus e ao Diñeiro”. Deus non pode reinar no mundo e ser Pai de todos, sen reclamar xustiza para os que son excluídos dunha vida digna. Por iso, non poden traballaren por ese mundo máis humano querido por Deus os que, dominados polo ansia de acumular riqueza, promoven unha economía que exclúe aos máis débiles e abandónaos na fame e a miseria.
É sorprendente o que está sucedendo co Papa Francisco. Mentres os medios de comunicación e as redes sociais que circulan por internet infórmannos, con toda clase de detalles, dos xestos máis pequenos da súa personalidade admirábel, ocúltase de modo vergonzoso o seu berro máis urxente a toda a Humanidade: “Non a unha economía da exclusión e da iniquidade. Esa economía mata”.
Con todo, Francisco non necesita longas argumentacións nin profundas análises para expor o seu pensamento. Sabe resumir a súa indignación en palabras claras e expresivas que poderían abriren o informativo de calquera telediario, ou ser titular da prensa en calquera país. Só algúns exemplos.
“Non pode ser que non sexa noticia que morra de frío un ancián en situación “de rúa” e que si o sexa a caída de dous puntos na bolsa. Iso é exclusión. Non se pode tolerar que se tire comida cando hai xente que pasa fame. Iso é iniquidade”.
Vivimos “na ditadura dunha economía sen rostro e sen un obxectivo verdadeiramente humano”. Como consecuencia, “mentres as ganancias duns poucos medran exponencialmente, as da maioría fican cada vez máis lonxe do benestar desa minoría feliz”.
“A cultura do benestar anestésianos, e perdemos a calma si o mercado ofrece algo que aínda non compramos, mentres todas esa vidas truncadas por falta de posibilidades parécennos un espectáculo que de ningún xeito nos altera”.
Como dixo el mesmo: “esta mensaxe non é marxismo, senón Evanxeo puro”. Unha mensaxe que ten de ter eco permanente nas nosas comunidades cristiás. O contrario podería ser signo do que di o Papa: “Estámonos volvendo incapaces de compadecérmonos dos clamores dos outros, xa non choramos ante o drama dos demais”.

José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire



VER TAMÉN :




24 feb. 2014

MENSAXE DO SANTO PAI FRANCISCO PARA A CORESMA 2014

Fíxose pobre para enriquecernos coa súa pobreza 
(cfr. 2 Cor 8, 9)



Queridos irmáns e irmás:

Con ocasión da Coresma propóñovos algunhas reflexións, a fin de que vos sirvan para o camiño persoal e comunitario de conversión. Comezo lembrando as palabras de san Paulo: «Pois coñecedes a graza do noso Señor Xesucristo, o cal, sendo rico, fíxose pobre por vós para enriquecervos coa súa pobreza» (2 Cor 8, 9). O Apóstolo diríxese aos cristiáns de Corinto para alentalos a ser xenerosos e axudar aos fieis de Xerusalén que pasan necesidade. Que nos din, aos cristiáns de hoxe, estas palabras de san Paulo? Que nos di hoxe, a nós, a invitación á pobreza, a unha vida pobre en sentido evangélico?

A graza de Cristo

Ante todo, dinnos cal é o estilo de Deus. Deus non se revela mediante o poder e a riqueza do mundo, senón mediante a debilidade e a pobreza: «Sendo rico, fíxose pobre por vós?». Cristo, o Fillo eterno de Deus, igual ao Pai en poder e gloria, fíxose pobre; descendeu no medio de nós, achegouse a cada un de nós; espiuse, -baleirouse-, para ser en todo semellante a nós (cfr. Flp 2, 7; Heb 4, 15). Que gran misterio a encarnación de Deus! A razón de todo isto é o amor divino, un amor que é graza, xenerosidade, desexo de proximidade, e que non dubida en darse e sacrificarse polas criaturas ás que ama. A caridade, o amor é compartir en todo a sorte do amado. O amor fainos semellantes, crea igualdade, derruba os muros e as distancias. E Deus fixo isto connosco. Xesús, en efecto, «traballou con mans de home, pensou con intelixencia de home, obrou con vontade de home, amou con corazón de home. Nacido da Virxe María, fíxose verdadeiramente un de nós, en todo semellante a nós excepto no pecado» (Conc. Ecum. Vat. II, Const. past. Gaudium et spes, 22).

A finalidade de Xesús ao facerse pobre non é a pobreza en si mesma, senón -di san Paulo- «...para enriquecervos coa súa pobreza». Non se trata dun xogo de palabras nin dunha expresión para causar sensación. Ao contrario, é unha síntese da lóxica de Deus, a lóxica do amor, a lóxica da Encarnación e a Cruz. Deus non fixo caer sobre nós a salvación desde o alto, como a esmola de quen dá parte do que para el é superfluo con aparente piedade filantrópica. O amor de Cristo non é isto! Cando Xesús entra nas augas do Xordán e se fai bautizar por Xoán o Bautista, non o fai porque necesita penitencia, conversión; faino para estar no medio da xente, necesitada de perdón, entre nós, pecadores, e cargar co peso dos nosos pecados. Este é o camiño que elixiu para consolarnos, salvarnos, liberarnos da nosa miseria. Sorpréndenos que o Apóstolo diga que fomos liberados non por medio da riqueza de Cristo, senón por medio da súa pobreza. E, con todo, san Paulo coñece ben a «riqueza insondable de Cristo» (Ef 3, 8), «herdeiro de todo» (Heb 1, 2).

Que é, pois, esta pobreza coa que Xesús libéranos e enriquécenos? É precisamente o seu modo de amarnos, de estar preto de nós, como o bo samaritano que se achega a ese home que todos abandonaran medio morto ao bordo do camiño (cfr. Lc 10, 25ss). O que nos dá verdadeira liberdade, verdadeira salvación e verdadeira felicidade é o seu amor cheo de compaixón, de tenrura, que quere compartir connosco. A pobreza de Cristo que nos enriquece consiste no feito que se fixo carne, cargou coas nosas debilidades e os nosos pecados, comunicándonos a misericordia infinita de Deus. A pobreza de Cristo é a maior riqueza: a riqueza de Xesús é a súa confianza ilimitada en Deus Pai, é encomendarse a El en todo momento, buscando sempre e soamente a súa vontade e a súa gloria. É rico como o é un neno que sente amado polos seus pais e a ama, sen dubidar nin un instante do seu amor e a súa tenrura. A riqueza de Xesús radica no feito de ser o Fillo, a súa relación única co Pai é a prerrogativa soberana deste Mesías pobre. Cando Xesús nos convidas a tomar o seu "xugo levadío", convídanos a enriquecernos con esta "rica pobreza" e "pobre riqueza" súas, a compartir con El o seu espírito filial e fraterno, a converternos en fillos no Fillo, irmáns no Irmán Primoxénito (cfr Rom 8, 29).

Díxose que a única verdadeira tristeza é non ser santos (L. Bloy); poderiamos dicir tamén que hai unha única verdadeira miseria: non vivir como fillos de Deus e irmáns de Cristo.

O noso testemuño

Poderiamos pensar que este "camiño" da pobreza foi o de Xesús, mentres que nós, que vimos despois del, podemos salvar o mundo cos medios humanos adecuados. Non é así. En toda época e en todo lugar, Deus segue salvando aos homes e salvando o mundo mediante a pobreza de Cristo, o cal se fai pobre nos Sacramentos, na Palabra e na súa Igrexa, que é un pobo de pobres. A riqueza de Deus non pode pasar a través da nosa riqueza, senón sempre e soamente a través da nosa pobreza, persoal e comunitaria, animada polo Espírito de Cristo.

A imitación do noso Mestre, os cristiáns estamos chamados a mirar as miserias dos irmáns, a tocalas, a facernos cargo delas e a realizar obras concretas a fin de alivialas. A miseria non coincide coa pobreza; a miseria é a pobreza sen confianza, sen solidariedade, sen esperanza. Podemos distinguir tres tipos de miseria: a miseria material, a miseria moral e a miseria espiritual. A miseria material é a que habitualmente chamamos pobreza e toca a cuantos viven nunha condición que non é digna da persoa humana: privados dos seus dereitos fundamentais e dos bens de primeira necesidade como a comida, a auga, as condicións hixiénicas, o traballo, a posibilidade de desenvolvemento e de crecemento cultural. Fronte a esta miseria a Igrexa ofrece o seu servizo, a súa diakonia, para responder as necesidades e curar estas feridas que desfiguran o rostro da humanidade. Nos pobres e nos últimos vemos o rostro de Cristo; amando e axudando aos pobres amamos e servimos a Cristo. Os nosos esforzos oriéntanse así mesmo a atopar o modo de que cesen no mundo as violacións da dignidade humana, as discriminacións e os abusos, que, en tantos casos, son a orixe da miseria. Cando o poder, o luxo e o diñeiro convértense en ídolos, anteponse á esixencia dunha distribución xusta das riquezas. Por tanto, é necesario que as conciencias se convertan á xustiza, á igualdade, á sobriedade e ao compartir.

Non é menos preocupante a miseria moral, que consiste en converterse en escravos do vicio e do pecado. Cantas familias viven angustiadas porque algún dos seus membros -a miúdo novo- ten dependencia do alcol, as drogas, o xogo ou a pornografía! Cantas persoas perderon o sentido da vida, están privadas de perspectivas para o futuro e perderon a esperanza! E cantas persoas se ven obrigadas a vivir esta miseria por condicións sociais inxustas, por falta dun traballo, o cal lles priva da dignidade que dá levar o pan a casa, por falta de igualdade respecto dos dereitos á educación e a saúde. Nestes casos a miseria moral ben podería chamarse case suicidio incipiente. Esta forma de miseria, que tamén é causa de ruína económica, sempre vai unida á miseria espiritual, que nos golpea cando nos afastamos de Deus e rexeitamos o seu amor. Se consideramos que non necesitamos a Deus, que en Cristo nos tende a man, porque pensamos que nos bastamos a nós mesmos, encamiñámonos por un camiño de fracaso. Deus é o único que verdadeiramente salva e libera.

O Evanxeo é o verdadeiro antídoto contra a miseria espiritual: en cada ambiente o cristián está chamado a levar o anuncio liberador de que existe o perdón do mal labor, que Deus é máis grande que o noso pecado e ámanos gratuitamente, sempre, e que estamos feitos para a comuñón e para a vida eterna. O Señor convídanos a anunciar con gozo esta mensaxe de misericordia e de esperanza! É fermoso experimentar a alegría de estender esta boa nova, de compartir o tesouro que se nos confiou, para consolar os corazóns afligidos e dar esperanza a tantos irmáns e irmás sumidos no baleiro. Trátase de seguir e imitar a Xesús, que foi en busca dos pobres e os pecadores como o pastor coa ovella perdida, e fíxoo cheo de amor. Unidos a El, podemos abrir con valentía novos camiños de evangelización e promoción humana.

Queridos irmáns e irmás, que este tempo de Coresma atope a toda a Igrexa disposta e solícita á hora de testemuñar a cuantos viven na miseria material, moral e espiritual a mensaxe evangélico, que se resume no anuncio do amor do Pai misericordioso, listo para abrazar en Cristo a cada persoa. Poderemos facelo na medida en que nos conformemos a Cristo, que se fixo pobre e enriqueceunos coa súa pobreza. A Coresma é un tempo adecuado para desposuírse; e faranos ben preguntarnos de que podemos privarnos a fin de axudar e enriquecer a outros coa nosa pobreza. Non esquezamos que a verdadeira pobreza doe: non sería válido un refugallo sen esta dimensión penitencial. Desconfío da esmola que non custa e non doe.

Que o Espírito Santo, grazas ao cal «[somos] como pobres, pero que enriquecen a moitos; como necesitados, pero posuíndoo todo» (2 Cor 6, 10), sosteña os nosos propósitos e fortaleza en nós a atención e a responsabilidade ante a miseria humana, para que sexamos misericordiosos e axentes de misericordia. Con este desexo, aseguro a miña oración por todos os crentes. Que cada comunidade eclesial percorra provechosamente o camiño cuaresmal. Pídovos que recedes por min. Que o Señor vos bendiga e a Virxe gárdevos.

Vaticano, 26 de decembro de 2013
Festa de San Estevo, diácono e protomártir



FRANCISCO

23 feb. 2014

Amade os vosos inimigos - Mt 5, 38-48

Domingo 7 de Ordinario - ciclo A


HOXE, SEÑOR QUERO REZAR

Hoxe, Señor, quero rezar
polos que non me queren ben,
para facer como Xesús nos mandaba.

Sei que ti os queres como me queres a min,
porque en ti non hai sombra de odio nin de desprezo;
se en algo son ruíns, aínda os queres máis,
porque a ti práceche amar gratuitamente
aínda a quen non o merece.

No que poida desexo ser coma ti,
metido no teu corazón e nos teus sentimentos
poderei amalos e servilos,
a fareilles ben,
aínda que eles me teñan feito mal.

Que lles vaia ben na vida,
que teñan traballo e saúde,
que gocen de boas amizades,
que te atopen a ti coma pai e amigo.

Que os seus corazóns se fagan dóciles
a calquera luz e a calquera bondade;
que en ti e na xente
aprendan as cousas boas de Deus
e nelas atopen gozo e proveito.

Eu serei feliz coa súa felicidade,
e, se algún día, Señor,
o ben duns e doutros pode vencer o mal,
serei tamén feliz dándolles un abrazo de irmáns,
un abrazo de perdón mutuo,
na verdade, na paz e na xustiza
recuperadas entre nós para sempre. 



O Señor é misericordioso e clemente - Salmo 102

Domingo 7 de Ordinario - ciclo A


O ESTILO DE DEUS

Deus,
ti non es vingativo,
ti non as gardas,
ti non esperas o momento ao xeito
para lle facer unha trasnada
a quen cha fixo, ou lla fixo
a algún dos teus fillos queridos.

Deus,
ti non mides o mal,
ti non contestas con mal
ao mal que facemos.
Nunca, nin nesta vida
nin na outra.

Deus,
ti non es agresivo,
es forte e resistente na loita,
pero non es agresivo.

Deus,
ti quéresnos a todos,
xenerosamente, gratis,
sen facer distingos.
o mesmiño que a choiva
baixa e rega a terra do bo e do malo,
así o teu amor baixa e enchoupa
o corazón limpo e lixado.

O mesmiño que o sol
ofrece a súa luz e calor
ao casal do bo e do traveso,
así o teu agarimo quenta por igual
o ánimo xeneroso e o perverso.

Deus,
neste mundo
cheo de leis de vinganza
e con xente que nada máis quere
a quen os quere,
neste mundo, Deus,
ensínanos a vivir ao teu estilo. 
Amén.





22 feb. 2014

Domingo 7 de Ordinario A

7º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO  A



Primeira Lectura     Lev 19, 1-2. 17-18
LECTURA DO LIBRO DO LEVÍTICO
Amarás o teu próximo coma a ti mesmo

            Naqueles días, díxolle o Señor a Moisés:
            ‑ Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles:
            "Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus.
            Non terás odio no corazón ao teu irmán. Reprenderás o teu próximo, para non cargar co seu pecado.
            Non te vingarás nin lles terás xenreira aos teus veciños.
            Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
            Eu son o Señor".

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 102, 1-2 . 3-4. 8 e 10. 12-13
R/  (8a):  O Señor é misericordioso e clemente.

Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o Señor,
non esquezas os seus beneficios.

El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Non nos trata conforme aos nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.

Canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;
canto un pai ama os seus fillos,
así ama o Señor os que o temen.


Segunda Lectura     1 Cor 3, 16-23
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Todo é voso, vós de Cristo e Cristo de Deus
  
            Irmáns:
            Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós.
            Que ninguén se engane. Se entre vós hai algún que se crea sabio ao xeito deste mundo, fágase parvo, para volverse sabio de verdade. Porque a sabedoría deste mundo é burremia diante de Deus.
            Que está escrito:
            El pilla os listos na súa propia astucia.
            E tamén:
            O Señor coñece os pensamentos dos sabios
e sabe que son vans.
            De modo que ninguén alardee apoiado nos homes. Porque todo é voso, certamente: tanto Paulo coma Apolo coma Cefas; tanto o mundo coma a vida e coma a morte; tanto o presente coma o futuro. Todo é voso; pero vós sodes de Cristo e Cristo é de Deus.

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



ALELUIA    1 Xn 2, 5
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
En quen garda a Palabra de Cristo,
verdadeiramente nel chega á plenitude o Amor de Deus.
Aleluia.



Evanxeo        Mt 5, 38-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Amade os vosos inimigos
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Tendes oído que se vos dixo: "Ollo por ollo e dente por dente". Pero eu dígovos: Non opoñades resistencia ao malévolo; mais se alguén che da un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra.
            A quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen quere que ti lle fagas préstamo.
            Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos.
            Porque, se amades os que vos aman, que recompensa ides ter? Non fan o mesmo os publicanos? E se saudades soamente a vosos irmáns, que facedes de máis? Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo.

                        Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo

Nin nos compran nin nos vendemos. Somos agasallo de Deus: somos para o amor
Remol da palabra-Domingo 7 Tpo Ord A

PÓRTICO
Unha das maiores aspiracións que ternos as persoas é a vivir en paz, sen confiaos; pero pensamos que iso se reduce a que non haxa guerra nin violencia. Porén, somos consumidores de programas na televisión e na radio que nin fomentan nin educan na paz e moito menos no amor, especialmente a aquela persoa que nos fixo mal.
A celebración de hoxe é unha chamada de atención a nós que nos consideramos cristiáns, para que fomentemos o amor dende o mais cotiá, dende a familia, o barrio, as parroquias e que sexamos quen de non quedar calados diante de tanta inxustiza e de tanta prepotencia. Non esquezamos que é a raíz e o profundo do noso sermos cristiáns.

PERDÓN
q    Porque confundimos amor con comodidade e utilización dos demais, SE NOS FALTA O AMOR, SEÑOR, NON NOS SIRVE DE NADA.
q    Porque esquecemos que sen amor falar de felicidade, xustiza e liberdade é baldío, SE NOS FALTA O AMOR, CRISTO, NON NOS SIRVE DE NADA.
q    Porque nos faltan compaixón e misericordia para escoitar e buscar entender aos que ternos máis
preto, SE NOS FALTA O AMOR, SEÑOR, NON NOS SIRVE DE NADA.

REMUÍÑO
·  Amar ao próximo. Este é o reto que cando nos erguemos cada día ternos por diante. E que difícil é! Porque próximo é o compañeiro de traballo que é un folgazán e preguiceiro; próximo é aquel familiar que só aparece pola casa para pedir que lle dean e é incapaz de botar unha man cando sabe que hai moito que facer e o necesitan; próximo é aquel veciño que está máis preocupado do que fan os outros que de orientar a súa vida traballando con honestidade, tratando con igualdade e respecto aos da súa casa ou poñendo creatividade e esforzo comunitario á hora de facer cousas na e pola parroquia.
Desde esta clave ternos que entender o texto da primeira lectura que nos invita a amar ao próximo corno a nós mesmos. Un amor que é entrega xenerosa e que redunda no ben de todos: no dos demais e no de un mesmo. 
 · E no centro dese amor, o que move, o que orienta, o que vai facendo que teña sentido e pague a pena vivir desde el, está Cristo. Non o Cristo que tantas veces aparece secuestrado polos intereses duns e outros; tampouco o Cristo que lle serve aos fundamentalistas para excluír a quen non pensa coma eles; e menos o Cristo que a pesares de encarnarse para asumir a nosa mesma condición de seres humanos, tratan de presentárnolo lonxe das nosas preocupacións e dentro dunha espiritualidade baleira sen enraizar nos problemas e dificultades que nos van ocorrendo cada un dos días da nosa vida.
Un Cristo ausente! Non, ese non é o Cristo do que Paulo lle falaba aos cristiáns de Corinto, todo o contrario. O Cristo que sendo noso nos converte nun dos del, é o Cristo que irnos descubrindo na dor da enfermidade, na tristura dun fracaso matrimonial, na incomprensión dun ERE que manda a un grupo de traballadores ao paro, o Cristo que se fai compañeiro e consolo para quen ven de perder un ser querido de xeito inexplicable, o Cristo... que asume a nosa condición humana porque un de nós e
dos nosos.

· Por iso mándanos amar. Amar sen poñer nin peros nin condicións. Amar sen facer cálculos do que poderíamos gañar ou perder nese amor. Amar a fondo perdido. E como ben sabemos, como custa iso! Porque non é nada fácil, porque necesita moito esforzo pola nosa parte, porque esixirá ter que deixar atrás cousas que nos teñan feito dano en cantidade; sabemos que non é a alfombra vermella dos grandes acontecementos, senón o camiño empedrado duro, difícil e que magoa os nosos pés, pero non nos queda outro remedio, porque amar é tarefa constante de abrir futuro e construír presente.

E niso todos, con maior ou menor acerto, estamos invitados a ir facendo carriño con pasos pequenos e corazón grande.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Compartamos, desde este esforzo por ir facendo da nosa vida berce de amor, a nosa oración comunitaria, e digamos xuntos:
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
Para que na Igrexa nos esforcemos por entender que amar e tamén tender pontes que unan e non condenas que separan e afastan, Oremos.
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
Para que nas nosas comunidades non lle deamos nunca as costas a cantos necesitan do amor que podemos ofrecer en forma de axuda, tempo compartido, compromiso comunitario, participación veciñal... ou calquera outra acción que sirva para mostrar que estamos a construír comunidade desde o amor que nos fala Xesús, Oremos.
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
Para que nós aprendamos a descubrir que a fe non é unha ideoloxía teórica e pechada, a modo dun libro que hai que aprender, senón unha disposición de vida que nos leva a poñernos nas mans de Deus para loitar por facer cada día realidade o proxecto de Xesús, un proxecto que fai presente mirando ao futuro, Oremos.
QUE A COMPAIXÓN E A MISERICORDIA NOS LEVEN AO AMOR
Grazas, Señor, porque pos o teu amor nos nosos corazóns, capacitándonos para amar aos demais sen pedir nada a cambio. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Esperar a chegada do reino total, é dicir,
ao Liberador que trae xustiza, amor e conversión plena; 
eses son os signos do reino que xa veu, segue a vir e tamén virán.
O plan de Deus, a súa vontade, é que todas as persoas se salven, 
que todas sexan liberadas, que ninguén quede escravizado.
Aceptar que o amor de Deus é universal, é para todas as persoas.
A vontade de Deus non é capricho, teimosía ou autoritarismo.
É o don do amor.
O plan de Deus axuda a redefinir
o noso proxecto persoal e comunitario de liberación.                                                                                                                                                         
                                                    (A. Cussianovich, Liberounos)

CANTOS

ENTRADA:
Fagamos da misa unha festa                                     
LECTURAS:
Contade as marabillas do Señor
OFERTORIO:
Cantádelle ao Señor unha cantiga                            
COMUÑÓN:
Señor Xesús, bendito sexas


POWER POINTS