25 feb. 2012

Convertédevos e crede na Boa Nova - Mc 1, 12-15

Domingo 1 Coresma - ciclo B


ORACIÓN DE CORESMA

Noso Pai, que estás no Ceo,
durante esta época de arrepentimento,
ten misericordia de nós.

Coa nosa oración, o noso xaxún e as nosas boas obras,
transforma o noso egoísmo en xenerosidade.

Abre os nos os corazóns a túa Palabra,
sanda as nosas feridas do pecado,
axúdanos a facer o ben neste mundo.

Que transformemos a escuridade
e a dor en vida e alegría.
Concédenos estas cousas
polo Noso Señor Xesucristo. Amén. 





Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade - Salmo 24

Domingo 1 Coresma - ciclo B


TEMPO DE CORESMA

Este é un tempo para convencidos.
Tempo de adestramento, exercicio e loita;
de mochila lixeira e paso rápido.

Tempo de camiño e discernimento,
de conversión e compromiso,
de proba e de encontros
no deserto, na estepa, no silencio.

É tempo dos proxectos de vida,
das decisións e, ás veces, das transfiguracións.
Tempo de humanidade rota e dividida,
que anhela o paraíso ou a terra prometida.

Tempo de tentacións, tabores e conversións,
tropezón, feridas e cegueiras,
perdóns, restauracións e auga viva.
Todo en só corenta días!

Este é o tempo das persoas novas,
das que soltaron o lastre
de ídolos secretos e falsas vaidades
e só desexan MISERICORDIA.


24 feb. 2012

Misas ciclo B - 1º Domingo de Coresma

DOMINGO 1º DE CORESMA - CICLO B


Primeira Lectura      Xen 9, 8-15
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Alianza de Deus con Noé liberado das augas do diluvio

            Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos:
            ‑ "Vou establecer a  miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra.
            Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".
            E Deus engadiu:
            ‑ "Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza coa terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.

            Palabra do Señor                                                     
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

R/. (cf. 10): Os camiños do Señor son todos misericordia e lealdade,
                        para os que gardan a súa alianza.

Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     1 Pe 3, 18-22
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Agora salvouvos o bautismo

            Benqueridos irmáns:
            Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.
            Foi daquela cando lles foi proclamar a salvación
mesmo aos espíritos encadeados, que foran rebeldes,
cando, nos tempos de Noé,
Deus, cheo de paciencia,
estábaos agardando, mentres se construía a arca;
dentro dela, uns poucos,
en total oito persoas,
salváronse pola auga;
esta auga simbolizaba o bautismo que vos salva a vós,
non por ser unha limpeza do corpo lixoso,
senón por ser o compromiso con Deus dunha conciencia honrada,
pola mediación de Xesús Cristo resucitado,
que subiu ao ceo e está á dereita de Deus,
despois que se lle someteron os anxos, os poderes e as forzas.

                        Palabra do Señor                                         
                        R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO    Mt 4, 4b

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.


Evanxeo      Mc 1, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Era tentado por Satán e os anxos servíano

            Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.
            Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
-         O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.

                        Palabra do Señor                   
                        R/. Loámoste, Cristo



O ARCO DA VELLA FAINOS PRESENTE A ALIANZA DO DEUS QUE NON EXCLÚE NIN DIFERENZA: O PAN DA SOLIDARIEDADE RACHA AS CADEAS DA CRISE
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

SIGNO DE CORESMA:
Nunha cartolina (podemos aproveitar o envés da que utilizamos no Advento), debuxamos unhas cadeas rotas, e no centro unha boliña de pan. Con este sinal queremos expresar un dos valores fundamentais do noso sermos cristiáns e cristiás: A SOLIDARIEDADE, unha solidariedade que se expresa a través do pan partido, repartido e compartido e que queremos que rache as cadeas da crise. Cada domingo, destacaremos unha frase da Palabra que iremos incorporando no taboleiro, arredor deste signo principal. Neste primeiro domingo, a frase escollida é: ARCO DA VELLA

Pórtico
                Entre nós estamos acostumados a ver moitas veces saír o arco da vella. Gústanos e, sen importar se somos nenos ou grandes, provoca sempre expectación e ilusión. Pois ben, a Palabra hoxe preséntanos a aparición do arco da vella como un signo da presenza de Deus entre nós. Un Deus que se quere presentar como ponte que une, e non como trebón que abouxa e destrúe; un Deus que coida e non estraga a terra; un Deus ao que lle preocupa o mundo e canto hai nel –e no que o ser humano é o centro de todo– sen ausentarse deixándonos ao pairo.
         É toda unha declaración de intencións por parte de Deus para este tempo de coresma que comezaba o mércores pasado, e do que hoxe celebramos o primeiro domingo. Que ao longo das semanas que nos quedan por diante, vaiamos afondando neste arco de cores no que se nos quere manifestar Deus para dicirnos que por riba das diferenzas externas: raza, cultura, lingua, condición sexual, formación... El segue agarimándonos e facéndonos oco en cada unha das cores do arco, no que cabemos todos e ninguén é excluído.

Perdón
        Porque no arco da vella da nosa vida, nós si facemos exclusións e diferenzas, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA MARQUE O NOSO CAMIÑO.
        Porque nos diluvios que provocamos coa nosa intolerancia, o noso egoísmo ou a nosa rutina, asolagamos a nosa vida de baleiro e dureza de corazón, CRISTO, QUE A TÚA MISERICORDIA MARQUE O NOSO CAMIÑO.
        Porque nos falta paciencia e nos sobra activismo, que desemboca en estres e desánimo, SEÑOR, QUE A TÚA MISERICORDIA MARQUE O NOSO CAMIÑO.

Remuíño
        Deus non cansa. Unha e outra vez volve insistir en que non está disposto a deixarnos da man, a abandonarnos, permitindo que nos esnafremos unha e outra vez. A fidelidade á palabra dada, o compromiso establecido na Alianza, por moito que nós queiramos rompelo poñendo a proba a Deus, non se vai deixar vencer nin pola nosa insistencia nin por desánimo. Día a día segue a abrirnos camiños, a lanzarnos salvavidas de misericordia, a estender as mans para collernos e impedir que poidamos desprendernos. Deus é así. Non podería ser de outro xeito. Pero os que non acabamos de dar a talla somos nós coa nosa inconstancia, a pouca confianza que poñemos no que facemos, a nosa pouca fe diante da súa presenza... Como nos empeñamos en pechar os ollos para non velo!. Que difícil nos resulta entender que El simplemente nos ofrece amor e acompañamento, que non quere manipularnos nin deixar que non sexamos nós mesmos. Cantos arcos da vella temos mirado sen entender que neles estaba El para dicirnos: quérote, es importante para min, non te vou deixar, segue cara adiante, busca proxectos novos, non te deixes levar do desánimo... rompe as cadeas que te atan e impiden que o vexas. Convenzámonos de que Deus non destrúe, coida e invítanos a que tamén nós aprendamos a coidar: ás persoas, ao medio ambiente, a canto nos fala e nos invita  á vida.



        Só aprendendo a prestar atención a esta voz de Deus iremos descubrindo e notando que de verdade os seus camiños son misericordia e verdade. Misericordia para non deixarnos levar polo que fan todos, que agora chamámoslle o social e politicamente correcto, senón para non ter vergoña a manifestar que hai outro/s xeito/s de facer as cousas, de tratar as persoas, de estar no mundo. Si que é verdade que hai que estar moi convencidos e entender que a fe non é crer nun algo que non vemos, senón unha esixencia para construír salvación desde a fidelidade ás persoas, por riba de que teñan poder ou sexan importantes; un compromiso para non deixarnos levar de presións e mensaxes, que ás veces mesmo chegan en forma de descualificacións e insultos, de que somos uns ilusos, que hai que ir co que fan todos, que doutro xeito non fariamos nada, que... se de verdade queremos seguir os camiños aos que nos abre o ser crentes no medio do noso mundo de hoxe, teremos que ir endurecendo a pel para que o externo non se converta en fundamental e nos impida construír camiños que fan que cada día e moitas veces siga aparecendo no noso horizonte o arco da vella de múltiples cores e rostros de Deus.

        Coma Xesús, tamén nós nos negamos a ser espíritos encadeados. Espíritos aos que non lles queda outra que aguantar e sufrir as consecuencias do mal que, aqueles que dicían vivir ao día era o mellor, que o futuro non había que preocuparse por el, que valores como o esforzo, o aforro, a austeridade, a constancia ou o respecto ás persoas eran cousas do pasado... foron sementando nos nosos corazóns. A resignación nin é cristiá nin estivo nunca no proxecto de Xesús. Para El sempre hai unha raiola de novidade, unha fenda pola que deixar pasar a luz, un claro polo que entre a claridade. En Xesús, e con El en todos nós, ábresenos unha porta grande na que a esperanza supera o derrotismo e o desencanto. A honradez é posible e o engano acabará por ser desenmascarado. Só necesitamos capacidade para ser pacientes e non deixarnos levar nin polas présas nin polo conformismo. O Espírito, como estivo con El, está tamén con nós. El vainos axudar a que o anuncio da Boa Nova sexa experiencia renovadora, fonda e sempre activa na nosa vida. O tempo está cumprido, o seu reinado, tamén, porque El camiña ao noso lado.

Oración da comunidade
                Porque queremos prepararnos para o tempo de vida e novidade que nos trae a pascua, comezamos a coresma poñéndonos nas túas mans e dicindo xuntos:
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
        Na Igrexa estamos chamados a construír espazos vivos, renovadores e cheos de esperanza, que fagan do noso testemuño presenza do Evanxeo. Para que aproveitemos este tempo de coresma para revisar actitudes e converternos de canto nos impide ser unha Igrexa crible, dos pobres e cos pobres, Oremos.
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
        Nas nosas comunidades, moitas veces, vivimos as celebracións como costume e rutina, esquecendo que nelas somos invitados a experimentar a graza da túa presenza e a ledicia de construír un proxecto que sexa para os veciños referencia auténtica de que a fe afástanos da mediocridade. Porque queremos que a Coresma nos axude a cambiar, Oremos.
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
        En nós non agroma sempre a conciencia de que o Reino xa está aquí, e que ser construtores del esíxenos palabras, actitudes e comportamentos que beban da fonte do Evanxeo. Para que os enfermos atopen compaña, os tristes consolo, os desesperanzados esperanza, e todos, corazón en busca de verdade e comprensión, Oremos.
QUE A CORESMA SEXA TEMPO DE RENOVACIÓN
Señor, na calor desta comunidade que sabe poñer corazón ás súas palabras, unimos a nosa oración para que o arco da vella de múltiples cores, nos axude a entender que ter fe é acoller sen exclusións e non deixarnos levar do desacougo. P.X.N.S. Amén.

Reflexión
Os que fomos bautizados,
os que escoitamos a voz do Espírito,
os que descubrimos que somos fillos
os que acollemos a revelación do Deus vivo,...
penetremos no deserto sen medo
e camiñemos a paso lixeiro.

Coresma é ese tempo que vai e vén,
tempo para vivilo en camiño,
sen instalarse, sen retelo, sen lamento,
coa esperanza sempre a flor de pel
e a mirada fixa noutro tempo,
a Pascua, que é definitivo.

Entremos na Coresma convencidos,
listos para o combate, lixeiros de equipaxe,
coa mente despexada,
co corazón cheo de tenrura e misericordia,
con calzado axeitado
e moita paciencia con nós mesmos.

Deixémonos arrolar pola brisa do Espírito,
poñamos o noso corazón en sintonía
cos latexos de Deus e co berro dos aflixidos,
bebamos nos mananciais da vida
e non nos deixemos enganar polos espellismos do deserto.

Baixemos do monte aos camiños da vida,
baixemos sen medo e cheos de misterio.
Non profanemos os templos vivos,
busquemos de noite, coma Nicodemo
e, coma aqueles gregos,
preguntémoslles a discípulos e amigos por Xesucristo e o seu Reino
e como sementarse no campo do mundo para xermolar ao seu xeito.

Vivamos a Coresma ben espertos,
camiñando en comunidade,
con fe, esperanza e amor,
fixos os ollos en Xesús.
Deámonos esa oportunidade!





        ENTRADA: Arrepentido
        LECTURAS: Lemos o salmo responsorial
        OFERTORIO: Misioneiro
        COMUÑÓN: Non vou so


POWER POINTS




23 feb. 2012

POWER POINTS DE CORESMA

CORESMA




“Enxalzareite, meu Deus, porque me libraches”


            O tempo da Coresma ten unha importancia fundamental no ciclo litúrxico, dado que prepara o acontecemento máis grande da vida cristiá, a morte e resurrección de Xesús, Non cabe dúbida que unha vivencia tan importante para a nosa fe debe ser preparada como se merece, e por iso todos os axentes pastorais, e maiormente os que teñen a responsabilidade da preparación litúrxica, deben mimar todos os detalles precisos para que este tempo sirva de preparación da vivencia que chegará despois.
            A referencia no lugar histórico para este tempo litúrxico sitúase no retiro que Xesús fixo ó deserto antes de pasar polo amargo cáliz da paixón, a encarnación propia da vivencia coresmal entróncase directamente nesta corentena da vida de Xesús.
            Para nós, cristiáns e cristiás, igual que xa foi para Xesús, a Coresma fainos sentir a febleza da fe nos momentos transcendentais da vida, e supón unha especie de proba que debemos afrontar para asumir a realidade da morte no noso camiño particular. A transformación que nos procura a nosa fe non deixa de lado as carencias dun mundo que vive o sufrimento continuado debido ao pecado de todas as persoas, e esta vivencia triste faise necesaria e real no camiño desa transformación, sendo así que non existirá unha resurrección plena se antes non se asume este paso pola vida mesma, polo pecado de toda a humanidade e polas realidades cotiás. E este é a razón de ser do tempo coresmal.
            Xunto a estas vivencias, a coresma pídenos afrontar a realidade, o sufrimento, a carencia, a austeridade como unha norma de vida. ou como un trámite necesario previo á exaltación de todas as persoas no misterio da Pascua.

Deste xeito é importante destacar os seguintes signos:

* a importancia do deserto, da vida cristiá como unha ascensión ao monte da crucifixión e da transfiguración, o tempo do catecumenado como preparación para a dureza e para a ledicia da fe.

* a importancia da penitencia e da conversión, sendo o tempo apropiado para unha celebración comunitaria do arrepentimento e da misericordia de Deus.
* a importancia de valorar a esmola e o xaxún como o intento de valorar a precariedade, o feito de contar co necesario, o desprenderse da actitude consumista, pretendendo darse conta de que a persoa se realiza como tal cando sabe dicir non ao que non é fundamental, vivindo o xaxún como un intento de equilibrio de si mesmo.


IDEAS PARA AS CELEBRACIÓNS


            Nas celebracións litúrxicas debemos intentar que os nosos xestos, ritos e vivencias fagan destacar unha serie de elementos que nos fan achegar ao verdadeiro espírito da Coresma. E sobre todo, é importante facer que a preparación de todas as celebracións sexan sempre comunitarias, en equipo, pois así axuda a entender a importancia da comunidade unida no tempo que nos ocupa.

            * A cruz é un signo propio deste tempo litúrxico, sendo importante que ocupe un lugar preferente nos lugares das celebracións, sempre tratado coa sinxeleza que este elemento da nosa vida require, pois é para nós a identificación coa morte, é o signo da vitoria e é unha especie de programa para a nasa vida.

            * A Palabra de Deus debe aparecer en lugar destacado, pois esa Palabra é o referente fundamental das seis semanas da Coresma. A preparación conxunta da homilía axuda a entender que o que Xesús nos di vai dirixido a todos/as e é cousa de todos/as. Así mesmo, son importantes os momentos de reflexión sobre os textos litúrxicos correspondentes.

            * A música e os cantos son elementos importantes das celebracións Por iso deben ser elementos a coidar, tanto o ambiente que se crea como os canto en si.

            * O templo, sen que estea cargado de ornamentación, debe invitar á reflexión, ao silencio. E unha música ambiental suave pode axudar neste sentido, pois é signo de austeridade.

            * A Eucaristía debe ser centro da vivencia de todo este camiño cara á Pascua, intentando que algúns momentos acaden especial relevancia, como poden ser o acto penitencial ou o salmo, pois tanto a actitude de perdón como a actitude da escoita da Palabra deben ser exaltadas durante as celebracións coresmais.

            Todas estas actitudes deberán xerar nas nosas comunidades actitudes de conversión que han de ser manifestas aos ollos de todos/as, pero máis se cabe aos ollos dos catecúmenos que se preparan para os sacramentos, pois este tempo catecumenal por excelencia debería converxer nunha grande liturxia bautismal na Vixilia Pascual, tanto para os novos e novas cristiáns/ás, como tamén para os/as que renovamos un ano máis as nosas promesas de outrora.

OS PERSONAXES
           
            Os que confían en Deus
            Ao longo do tempo coresmal, a liturxia vainos presentando os grandes heroes do Vello Testamento, e así se nos manifestan unha serie de persoas que non perden nunca a confianza en Deus Salvador. Nas mesmas situacións límite, eles consideran a fe como unha aposta sen mirar atrás. Os apuros de Noé nas augas do diluvio, que está pechado na arca agardando unha boa nova de parte de Deus, os apuros de Abrahán que confía cegamente en que Deus non o vai defraudar, a fortaleza de Moisés que encara o seu mesmo pobo que dubida no deserto para amosárllela seguridade das promesas de Deus… son signos de que a dureza deste tempo verá chegar a satisfacción da vitoria definitiva. Non se pode perder a confianza en Deus.

            O pobo de Israel
            O camiñar do pobo de Israel polo deserto é outro signo importante do que representa a historia salvífica de todas as persoas. A dureza do deserto leva ao desánimo, á amargura, á desconfianza en Deus, á creación de deuses falsos... á desilusión. Pero un pobo que é capaz de facer camiño na súa historia, unha comunidade que mantén erguido o seu estandarte e o seu carácter de pobo nunca se verá defraudada. O pobo que é capaz de atravesar as augas do mar non se verá queimado no deserto. Así tamén unha comunidade camiñante que é consciente do seu paso pola auga do bautismo, nunca perderá de vista a promesa da salvación, a terra prometida desde sempre.


LECTURAS DO TEMPO DE CORESMA


1º Domingo de Coresma: 
Xén 9,8-15              Salmo 24         1 Pe 3,18-22               Mc 1, 12-15

2° Domingo de  Coresma: 
Xén 22, 1-2.9-13.15-18    Sal 115  Rm 8,31 b-34            Mc 9,2-10


3° Domingo de Coresma: 
Ex 20,1-7                Sal 18              1Cor 122-25               Xn 2,13-25
                        Ou ben      
Ex 17,3-7              Sa194              Rm 5,1-2.5-8              Xn 4, 5,42

4º Domingo de Coresma: 
2Cro 36,14-16.19-23 Sal 136        Ef 2,4-10                     Xn 3, 14-21
                        Ou ben      
1S 16,1b.6-7.10-13a Sa1 22        Ef 5,8-14                     Xn 9,1-14

5° Domingo de Coresma: 
Xer 31, 31-34         Sal 50              Hb 5, 7-9                    Xn 12, 20-33
                        Ou ben      
Ez, 37-12-14          Sal 129            Rm 8, 8-11                  Xn 11, 1-45



22 feb. 2012

CELEBRACIÓN DE CORESMA - CATEQUESE

Unha rúa de periódicos
Xesús ofreceu a súa salvación desde todos os lugares, tamén desde o espazo aberto da rúa. As quellas dos pobos e cidades que percorreu, convertéronse en lugar de salvación para quen creron nel.
A celebración que segue quere tomar como elemento simbólico principal a rúa, chea de problemas e cuestións, pero tamén cargada de posibilidades.

Materiais

Follas de xornais nas que aparezan titulares expresando necesidades ou situacións difíciles.

Unha biblia e unha imaxe de Xesús



Ambientación do lugar
Con follas de xornal estendidas constrúese un longo corredor que percorre a igrexa ou a sala dun lado a outro.
Este corredor, feito de xornais, simboliza a rúa
En lugar ben visible acharase a biblia e a imaxe de Xesús, adornadas con sinxeleza e iluminadas adecuadamente.


Celebración
Saúdo do celebrante

Lector 1
O señor pídenos que abramos ben os ollos para ver a realidade que hai ao noso ao redor. Quere que teñamos un corazón sensible ás necesidades de quen nos rodean. A coresma convídanos a ser xenerosos e xenerosas.
Lector 2
Nas nosas rúas hai persoas que necesitan axuda. No noso colexio hai compañeiros e compañeiras que precisan que lles botemos unha man.
Lector 1
Na nosa casa, os nosos pais e irmáns, tamén desexan que lles axudemos.
Lector 2
A coresma é un tempo para aprender a ser xenerosos e solidarios.
Pedimos perdón polas veces que imos pola vida cos ollos e o corazón pechados e non escoitamos a quen nos pide axuda, Señor, ten piedade.
Polas veces que tan só nos preocupamos de nós mesmos, Cristo, ten piedade.
Porque nos esquecemos do noso amigo Xesús e non rezamos, Señor, ten piedade

Proclamación da Palabra de Deus
Introdución
Xesús ía pola rúa cos ollos ben abertos. Estivo sempre atento para ver e escoitar a quen sufrían e necesitaban axuda. Nas historias do evanxeo que imos escoitar, Xesús está na rúa.
A súa preocupación é facer o ben. Xesús pídenos aos cristiáns que fagamos o mesmo que El. Escoitemos con atención estas historias de Xesús.

Lecturas da Palabra de Deus
As lecturas leranse ou se narrarán, dependendo da idade dos participantes. Así mesmo o sacerdote utilizará o tres lecturas ou elixirá tan só algunha delas.

Lc 5, 12-14. Curación dun leproso
12Dunha vez estaban nunha vila e un home todo cuberto de lepra, vendo a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
‑Señor, ti, se queres, pódesme limpar.
13El estendeu a man e tocouno, dicindo:
‑Pois quero, queda limpo.
E no intre desapareceu a laceira.
14Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu:
‑Vai, preséntate ó sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño.

Lc 7,1-10. O centurión romano
1 Cando lle acabou de falar á xente, entrou en Cafarnaúm. 2Había un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. 3Como tiña oído falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose salva-lo criado. 4Eles, presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
‑Merece que lle fagas isto, 5pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu a sinagoga.
6Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa o centurión mandou uns amigos a dicirlle:
‑Señor, non te molestes, pois non son digno de que entres baixo o meu teito; 7por iso coidei que non era digno de ir ó teu encontro. Abonda cunha palabra túa, e o meu criado quedará curado. 8Pois eu, anque son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este "vai", e vai; a aqueloutro "ven", e vén; e ó meu criado "fai isto", e faino.
9Oíndo aquilo, Xesús ficou abraiado, e virándose díxolle á xente que o seguía:
‑Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.
10E, ó voltaren á casa, os mandados atoparon san o criado.

Lc 18,35-43. O cego de Iericó
35Cando chegaba a Iericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño. 36Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37Dixéronlle que era Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38El exclamou:
‑¡Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min!
39Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis alto:
‑¡Fillo de David, ten mágoa de min!
40Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
41‑¿Que é o que queres que che faga?
El respondeu:
‑Señor, que volva ver.
42Xesús díxolle:
‑Recobra a vista: salvoute a túa fe.
43E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, louvando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén louvaba a Deus.

Interiorización e expresión
O sacerdote comeza subliñando os primeiros versículos de cada un destes textos, onde se mostra claramente que Xesús entra a unha cidade ou se acha en camiño.

A reflexión seguinte pódese orientar coas seguintes cuestións:
. Quen hai agora na rúa que podería necesitar a nosa axuda?
. Se Xesús pasase agora por esta, a miña rúa, que me diría? Que lle diría eu a el?
· Quen necesitan a nosa axuda no colexio, en casa, na rúa...?

A interiorización estará ambientada por luz e música suaves.
Despois duns breves minutos de silencio, os participantes sitúanse en "a rúa de xornais" .
Cada participante collerá unha nova folla de xornal. Lerá o titular da noticia.

Oración dos fieis
· Pidamos ao Señor polos nenos e nenas do mundo que non teñen alimentos para poder comer e crecen raquíticos, para que o noso mundo sexa cada vez máis solidario, roguemos ao Señor.
· Dirixamos ao Señor a nosa oración por quen viven nos países onde hai guerra e violencia, para que veña pronto a paz, roguemos ao Señor.
· Roguemos ao Señor por aqueles compañeiros e compañeiras da nosa escola que teñen problemas, para que sentan acollidos por todos nós, roguemos ao Señor.
· Para que neste tempo de coresma fagamos como Xesús, que pasou cos ollos abertos para decatarse das persoas que lle necesitaban, roguemos ao Señor.
· Pidamos ao Señor polas nosas familias para que nos esforcemos en ser serviciales e xenerosos, roguemos ao Señor.


Ofrendas
Os participantes levántanse, portando nas súas mans a folla de xornal. Deposítana xunto á biblia e imaxe de Xesús.
Lector.
-Señor, ofrecémosche estas follas de xornal. Con elas queremos traer diante túa todos os problemas e dificultades que hai na rúa, no noso colexio, na nosa parroquia, na nosa casa.
Queremos pedirche que Ti transformes a tristeza en alegría; o egoísmo en xenerosidade; as mentiras en sinceridade.
-Señor, tamén che ofrecemos o pan e o viño para que os transformes en signos da túa presenza viva no medio de nós.



21 feb. 2012

Día Internacional da Lingua Materna

O ano pasado descubrín esta data, -unha vergoña tendo en conta que son profesora, e máis por ser de humanidades-, polo que este ano non quería deixar pasar a data para lembrar a ignorada Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, firmada no ano 1996, e amparada pola UNESCO.


Sobre esta Declaración déixovos cun fragmento dos preliminares e co documento en castelán para os que o queiran ler enteiro :


Conta unha antiga lenda que, hai moito tempo, había un rei que escoitou falar que no seu país vivía un sabio verdadeiro. Tan sabio era, segundo dicían, que falaba todas as linguaxes do mundo. Sabía escoitar aos paxaros e entendíaos coma se fose un deles. Sabía ler a forma das nubes e comprender de inmediato o seu sentido. Calquera lingua que ouvise, el respondía sen vacilar. Mesmo lía o pensamento dos homes e as mulleres, viñesen de onde viñesen. O rei, impresionado por tantos méritos que se lle atribuían, chamou a aquel home sabio ao seu palacio. E o sabio acudiu. 


Cando o tivo ante se, o rei apresurouse a preguntar:
- É certo, bo home, que coñecedes todas as linguas do mundo?
- Si, Maxestade ?-respondeu. 
- É certo que escoitades aos paxaros e comprendedes o seu canto?
- Si, Maxestade. 
- E, tal como dixéronme, é certo que ledes o pensamento das persoas?
- Si, Maxestade. 
O rei tiña aínda unha última pregunta. 


O rei desafiouno coa mirada, coma se quixese polo a proba, e lanzoulle a última pregunta: 
- Home sabio, nas miñas mans, que están escondidas ás miñas costas, teño un paxaro. Respóndeme, está vivo ou morto?


El sabía que fora cal fora a súa resposta, o rei podía matar o paxaro. Mirou ao rei, e estivo un longo intre en silencio. Ao final, respondeu con voz moi serena: 
- A resposta, Maxestade, está nas vosas mans. 

Todos nós, como o rei da lenda, podemos expor unha última pregunta a aquel sabio que coñecía todas as linguaxes do mundo. A resposta do sabio diríxese a todo o mundo. No noso caso, a todos os que teñan calquera responsabilidade na promoción dos dereitos lingüísticos, desde o militante até o escritor, desde a mestra até o lexislador. Porque aquel sabio, de forma inesperada, tivo medo.

A resposta está nas nosas mans. 


A Declaración é un texto necesario, tal como manifestan os seus Preliminares, para corrixir os desequilibrios lingüísticos de maneira que asegure o respecto e o pleno desplegamiento de todas as linguas e que estableza os principios dunha paz lingüística planetaria xusta e equitativa, como factor principal da convivencia social.
E se esta paz ha de ser xusta e equitativa é porque nos fundamentos da Declaración está o principio básico da igualdade de todos os pobos e de todas as linguas. Nin as características dos pobos (económicas, sociais, relixiosas, culturais, demográficas, etc.) nin as características das linguas xustifican ningún tipo de discriminación;  por tanto, todas as comunidades lingüísticas son suxeitos dos mesmos dereitos.

Todas as predicións indican que durante o século XXI poden desaparecer o 80% das linguas do mundo. Iso comporta unha formulación inevitable: que o plurilingüismo e a diversidade lingüística han de contribuír á cultura da paz tanto como esta ten que contribuír a preservar a diversidade.


Esta relación de reciprocidad é alcanzable se o desenvolvemento da cultura da paz explora os valores que proporcionan as linguas como elementos de integración. Neste sentido a DUDL fomenta unha nova percepción do concepto de diversidade lingüística: o que entende que TODAS as linguas son
patrimonio da humanidade e transmite o convencemento que este patrimonio non é ningunha propiedade senón un legado e como tal non se pode dilapidar. Con cada lingua que desaparece altérase o equilibrio ecolingüístico do mundo, e a rapidez e proliferación dos procesos de substitución pode traer
consecuencias imprevisibles que xa se empezan a detectar en diversas patoloxías colectivas. Neste feito radica a gran achega que a DUDL pode facer á cultura da paz: fomentar a conciencia que a diversidade lingüística non só é necesaria sinó que é unha achega imprescindible ao coñecemento da humanidade, porque cada lingua proporciónanos unha das múltiples formas de entender o mundo.(...)