17 dic. 2017

Gardade a vosa vida, o voso espírito, o voso corpo para a chegada do Señor - 1 Tes 5, 16-24

Domingo 3 de Advento - ciclo B



ESTE É 
O TEMPO DA ESPERA

Este é o tempo da espera, do anhelo e a ilusión.
É un tempo de ollos abertos,
de miradas longas como o horizonte
e de pasos lixeiros por outeiros e vales.
É o tempo das salas de espera,
dos soños bos que soñamos
e dos embarazos de vida.

É tempo de anuncios, pregoes e sobresaltos
de vixías, sentinelas e carteiros,
de trobadores e profetas.
É tempo de luces e coroas,
de portas e fiestras entreabertas,
de murmurios, vieiros e pateiras.

É tempo de pobres e emigrantes,
de cadeas e cárceres rotos
e de follas con boas noticias.
É tempo de Isaías e Xoán Bautista,
de María e de Xosé, quitando pantasmas,
embarcado na aventura
e pasando as noites en claro.

EDV






16 dic. 2017

Domingo 3 de Advento - ciclo B


 PRIMEIRA Is 61, 1-2a. 10-11
Alegrareime con grande gozo no Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS


61 1O Espírito do Señor, Deus, está sobre min,
porque o Señor me unxiu.

Mándame anuncia-la boa nova ós pobres,
cura-los de corazón destrozado,
proclamarlles ós cativos a liberdade
e ós presos que abran os ollos,
2para proclamar un ano de gracia do Señor

10Exultarei ledicioso polo Señor,
e a miña alma brincará de xúbilo polo meu Deus,
xa que me fixo vestir roupas da salvación
e envolveume co manto da xustiza,
coma o noivo que veste solemnemente o turbante,
e coma a noiva que se adorna coas súas xoias.

11Pois, como a terra fai saí-los seus gromos,
e como un horto fai brota-las súas sementeiras,
así o Señor Iavé fará brota-la xustiza,
e a louvanza ante tódolos pobos.



SALMO RESP. Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54
R/ (Is 61, 10b): A miña alma exultará no Señor, meu Deus


46Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor,
47e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,
48porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí: desde agora
tódalas xeracións me van felicitar.

 49¡Marabillas o Poderoso fixo en min!
O seu nome é Santo;
50a súa misericordia chega xeración tras xeración
a tódolos que o temen.

53ós famentos éncheos de bens,
e ós ricos despídeos baleiros.
54Ampara a Israel, o seu Servidor,
lembrándose da súa misericordia,


 SEGUNDA 1 Tes 5, 16-24
Gardade a vosa vida, o voso espírito, o voso corpo para a chegada do Señor
 PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

 Irmáns e irmás:

16Estade sempre alegres. 17Orade constantemente. 18Dade gracias en tódalas ocasións:
que isto é o que Deus quere de vós coma cristiáns. 19Non apaguéde-lo Espírito; 20non
desprecéde-las palabras inspiradas. 21Exami-nádeo todo e agarrádevos ó que é bo.
22Arre-dade de toda especie de mal.

23Que o Deus da paz vos santifique totalmente: que todo o voso ser -espírito, alma e
corpo- se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo. 24Pois o que vos
chama é fiel, e hao facer.





ALELUIA Coma no n. 7

 

EVANXEO Xn 1, 6-8. 19-28
No medio de vós está aquel a quen non coñecedes
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

 6Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.

7Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.
8Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.

19E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes
e levitas onda el, para lle preguntar:
-¿Ti quen es?

20El declarou e non negou. Declarou:
-Eu non son o Cristo.

21Preguntáronlle:
-Entón ¿quen es ti? ¿Es Elías?

Contestou:
-Non son.

-¿E-lo profeta?

Respondeu:
-Non.

22Daquela dixéronlle:
-¿E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta ós que nos mandaron.
¿Que dis de ti mesmo?

23El dicía:
-Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor" (como
escribira o profeta Isaías).

24Algúns dos mandados eran fariseos 25e preguntáronlle:
-Entón ¿por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

26Xoán respondeulles:
-Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; 27o que vén detrás
miña e eu non son merecente de lle desata-lo amalló da sandalia.

28Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán

bautizando.

Palabra do Señor                            T/ Loámoste, Cristo




o   ENTRADA: 

o   LECTURAS: 

o   OFERTORIO: 

o   COMUÑÓN: 

15 dic. 2017

Ficha e Lectio - Domingo 3 de Advento B

FICHAS ANTERIORES:

DEBUXOS DE:

FICHAS DE CATEQUESIS DE GALICIA:


LECTIO: 

DOMINGO III DE ADVENTO 
(Ciclo B: 17. XII. 2017)

   O próximo domingo é xa o último domingo de Advento, antes da festa do Nadal e Xoán Bautista segue hoxe tamén a prepararnos para o encontro co Señor do Nadal.
   Viamos estes días pasados que os profetas eran os que removían as inercias e pasividades de crentes e non crentes. O evanxeo de Xoán alude hoxe ós representantes da que poderiamos chamar, para entendérmonos, a igrexa xerárquica daquel entón: os sacerdotes e levitas do xudaísmo. Se ve que eles estaban preocupados, se cadra tamén un pouco molestos, polo feito de que algunhas persoas, non pertencentes ó estamento oficial e dirixente do xudaísmo, semellasen interferir dalgunha maneira nas súas funcións. Entre elas Xoán Bautista era sen dúbida o máis importante. O Bautista non exercía funcións relacionadas co culto do templo, non era sacerdote nin levita. E, a pesar diso, predicaba ó pobo, movía a xente a se arrepentiren e bautizaba os que se achegaban a el coa auga do Xordán, anunciándolles a próxima chegada do Mesías.
   Desde logo non deixa de ser curioso e tamén algo desconcertante o feito de que Deus Pai, o Pai do noso Señor Xesús Cristo e Pai noso, utilizase para preparar a chegada do seu Fillo onda nós, utilizase –digo- a persoas que estaban máis ben á marxe dos que poderiamos chamar os seus representantes “oficiais”. Porque Xoán Bautista vivía no deserto e de forma distinta e tamén bastante distante dos considerados oficialmente relixiosos. Unha vez máis, amósase Deus tamén aquí sorprendente. El é meirande cás redes e conceptos cos que inutilmente queremos entendelo ou comprendelo de modo conceptual.
   Ante o estraño caso do Bautista, ós sacerdotes e levitas do xudaísmo semella que non lles quedaba outra opción que intentar controlar as cousas e, en primeiro lugar, mandar intermediarios para se informaren exactamente sobre quen era el e que era o que facía. “Os xudeus mandaron de Xerusalén –dísenos no texto de Xoán- sacerdotes e levitas onda el”, onda o Bautista, para lle facer unha serie de preguntas.
   E resulta que Xoán Bautista -contra o que eles podían sospeitar- lles responde, con toda claridade e humildade, que el non é nin o gran profeta Elías que volvera á vida, nin o Cristo-Mesías, nin posúe estritamente a categoría de “profeta”.
   O Bautista era, si, tal como se nos di, “testemuña da luz”. Como de noite a lúa é testemuña do sol que está sempre a vir e que se reflicte nela. A lúa non é a “luz”. A lúa non é o “sol”. Mais esa lúa chea, que podemos contemplar tan ben nalgunhas noites, podería dicir de si mesma, coma o Bautista, que é testemuña do sol. Porque do sol recibe a lúa a súa luz e, co seu resplandor, por limitado que sexa, anuncia que o sol está oculto mais existe e vai nacer axiña co abrente do próximo día.
   A humildade do Bautista é a humildade da lúa, que sabe ben que, se pode iluminar, ese poder non é seu. Ela non fai máis que actuar como voceiro ou reflexo do sol. Ela, a lúa, prepáranos para podermos recibir o sol. Ese sol, cara ó que non poderemos ollar directamente, porque nos quedariamos cegos, mais que nos posibilitará camiñar sen tropezos, con seguridade, de maneira libre e alegre e creando sempre novos horizontes. O sol é, desde logo, un símil moi axeitado do que Deus é. Coa súa luz, que procede del mesmo, posibilita a vida, a calor e a capacidade de saber onde estamos e onde imos.
Pero en todo isto coido que hai algo moi importante e que está en relación tamén co texto do evanxeo de hoxe. Vou ver se me aclaro.
   O Bautista di de si mesmo que é “testemuña da luz”. El anuncia e fai presente, á súa maneira, a luz que só pode proceder de Deus. Como dicía, non podemos mirar directamente cara ó sol, porque a súa luz é excesiva e poderiamos incluso quedarmos cegos. De aquí proveñen as precaucións que debemos tomar se queremos observar unha eclipse solar.
   Pois ben, resulta que Deus-Pai vai facer un prodixio incríbel para que o podamos ollar a el sen quedarmos cegos, “sen morrermos”, como se pode ler no Antigo Testamento cando, despois de ter algún profeta ou vidente unha experiencia de Deus por medio dun anxo ou doutra maneira, se di que tiñan medo a morreren porque viran a Deus.
   Cal é ese prodixio? O prodixio non é nin máis nin menos ca Xesús de Nazaret. Ollando ou contemplando Xesús estamos a ver realmente a Deus sen quedarmos cegos ou morrermos. Lembrarédesvos unha vez máis daquilo que dicía Xesús: “quen me ve a min, ve o Pai”. Polo tanto, se queremos ver a Deus, vexamos, miremos, contemplemos ese Xesús de Nazaret, imaxe viva e perfecta do Pai, que vai nacer no Nadal.
   O Bautista mesmo está a anunciárnolo tamén cando no evanxeo de Xoán se nos di que el, o Bautista, era ”testemuña da luz”. El non é a luz, mais anúncianos a luz. E aquí está, como digo, o incríbel. Porque onde está esa luz divina que se poida ver? Cando os enviados polos xudeus lle fan ó Bautista a última das preguntas, a de por que entón el bautiza se non é nin Elías, nin o profeta nin o Cristo, o Bautista responde: “Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes, do que non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia”.
   É dicir, a luz visíbel de Deus está entre nós, aínda que non a coñezamos. Dado que a luz invisíbel de Deus non pode ser vista, Deus Pai fíxose visíbel, e de maneira verdadeira e perfecta en Xesús. Deus está polo tanto realmente “entre nós”. Agora entendemos por que Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. E por iso nos resulta difícil recoñecelo, porque a Deus con frecuencia o imaxinamos estando onde non está (alá arriba, na estratosfera ou non sei onde). Non. Deus está aquí, connosco –á maneira dun pequeno vagalume- ó se facer un de nós e se converter en irmán noso. Agora entendemos tamén por que el, tal e como o comentabamos hai algúns días, considerará o que lles fagamos ou deixemos de facer ós nosos irmáns como algo que lle fixemos ou deixamos de facer a el mesmo.
   Neste sentido, podemos dicir con verdade que, así como Xesús é a luz visíbel de Deus Pai, así tamén son e serán sempre os pobres e necesitados a luz visíbel de Xesús, máis alá do tempo histórico ou biográfico en que el viviu.

CREDO
   
ORACIÓN DOS FIEIS

Unimos as nosas oracións para lle pedir a Deus Pai que nos aprenda a recoñecer no seu fillo Xesús, identificado cos necesitados da terra, a face amorosa de Deus, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, luz para vermos no teu fillo Xesús a túa presenza misteriosa entre nós.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, a túa graza para podermos considerar a todos como manifestación visíbel do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda entre nós.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Fai, Pai, que saibamos ver nos máis pobres e necesitados a presenza entre nós do teu fillo Xesús que se identificou con eles.
Todos: Escóitanos, Pai.

PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.
Manuel Cabada Castro






VER TAMÉN:


14 dic. 2017

Preparade o camiño do Señor - Is 40, 1-5. 9-11

Domingo 2 de Advento - ciclo B


UNHA VEZ MÁIS

Unha vez máis, invítasme a preparar os camiños
polos que Ti vés traendo boas novas.
Grazas, Señor.

Porque contas comigo para achandar penedos e vales
e para desterrar mentiras e opresións,
Grazas, Señor.

Por poñerte no vieiro polo que vou camiñando
para que te atopemos,
Grazas, Señor.

Porque entras na miña casa e queres facer dela unha morada nova
para todas as persoas que camiñan e se achegan,
Grazas, Señor.

Ti atopáchesme, e ese toque teu estame transformando.
A vida vai xermolando dentro do meu corazón.
Grazas, Señor.
Ulíbarri, Fl.


Esperamos uns ceos novos e unha terra nova - 2 Pe 3, 8-14

Domingo 2 de Advento - ciclo B


RUTINAS ROTAS

A couza da ilusión é a rutina,
como a couza da esperanza é o medo.
A couza da vontade é o tedio,
como a couza da fe é a negación.
Somos escravos das nosas rutinas.
Os mesmos horarios coas mesmas compañías,
repetindo os mesmos esquemas,
atados ás mesmas certezas.
Ninguén poderá liberarnos destas ataduras?
Quen corre o risco de penetrarse en camiños e mensaxes novas?
Xoán era un vello xudeu, aínda que de idade nova.
De familia sacerdotal, por parte de pai, vinculado ao Templo.
Xoán cambiou todo, de escenario, de vida, de mensaxe, de esperanzas.
Do Templo de seu pai, ao deserto de Xudá.
Da vida familiar, á austeridade en soidade.
Do xugo da lei, á conversión total, e a esperanza?

Xoán rompeu as rutinas; á esperanza púxolle un nome.
Amosounos o seu rostro e fíxoa achegada,
amable suplicada e desexada.
A esperanza é humana.
Xesús, Home, Mesías, Señor!

   Pedro Fraile

9 dic. 2017

Domingo 2 de Advento - ciclo B

2º DOMINGO ADVENTO - CICLO B


Primeira Lectura Is 40, 1-5. 9-11
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Preparade o camiño do Señor

Consolade, consolade o meu pobo: -dí o o voso Deus.
Faládelle ao corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto
que a súa milicia está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada.
Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por todos os seus pecados.
Unha voz clama:
"No deserto preparádelle o camiño ao Señor.
Endereitádelle na estepa a calzada ao noso Deus.
Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado;
que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.
Pois vaise revelar a gloria do Señor, e toda carne verá o Único.
Falou a boca do Señor".
Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión,
levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén,
levántaa, non teñas medo.
Dilles ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".
Velaí o meu Señor que chega con poder; si, o seu brazo domina.
Velaí a súa paga con el,
o seu xornal diante del.
Igual ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo,
leva aos añiños no seo e protexe os que aínda maman.

Palabra do Señor                                  R/ Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/. (8): Amósanos, Señor, a túa misericordia, e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar os seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura 2 Pe 3, 8-14
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Esperamos uns ceos novos e unha terra nova

Benqueridos irmáns:
Que non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil anos sonlle coma un día. Non está retrasando Deus o cumprimento do que prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren.
Máis ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e todas as obras que hai nela nin se atoparán.
Xa que todo isto se ha disolver desta maneira, (con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir mentres esperades e suspirades pola chegada do día de Deus!
Porque é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de calor se han derreter.
Pero nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza.
Por iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en paz, sen tacha nin defecto.

Palabra do Señor                                     R/ Grazas a Deus


ALELUIA Lc 3, 4. 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Preparade os camiños do Señor
endereitade os seus carreiros;
todos verán a salvación de Deus.
Aleluia.


Evanxeo Mc 1, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Endereitade os vieiros do Señor

Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo Fillo de Deus.
Como está escrito no profeta Isaías: "Mira, mándoche por diante un mensaxeiro,
para que prepare o teu camiño; voz de quen clama no deserto:
"Preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros".
Presentouse Xoán Bautista no deserto, pregoando un bautismo de conversión para perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a rexión de Xudea e todos os de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.
Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo.
E proclamaba:
- Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, diante de quen non son digno de prostrarme para lle desatas os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.


Palabra do Señor                                                       R/. Loámoste, Cristo 




Debuxo de Fano/ Cantos de REMOL DA PALABRA


     ENTRADA:

     Volve Señor

     LECTURAS: 

     Non vou so

     OFERTORIO: 


     COMUÑÓN: 


Ficha e Lectio - 2 Advento B


VER FICHA ANTERIOR: 



LECTIO:


DOMINGO II DE ADVENTO 
(Ciclo B: 10 de decembro de 2017)

   Os profetas do Antigo Testamento eran renovadores das tradicións e da fe do pobo. Xurdían sobre todo en tempos de crise política e moral. Xoán Bautista foi un deles. A pesar da súa humildade, sobre todo en relación co papel que lle estaba reservado a Xesús, o Bautista foi, como se nos di que proclamou Xesús sobre el, o máis grande dos nados de muller.
   Nunca debemos esquecer que tanto os profetas como calquera que, en todo tempo ou lugar, proclame a necesidade de practicar o ben ou que simplemente faga el mesmo o ben e se comporte como cómpre na súa vida, todos eles, están a ser movidos polo espírito de Deus. Deus actúa sempre no mundo por medio dunha ou doutra persoa. E todos deberiamos aguzar oído, vista e corazón para escoitar, albiscar ou sentir os sinais que de Deus, dunha ou doutra maneira, nos chegan a nós por medio de tantas persoas boas. Porque Él é sempre o misterioso creador e sorprendente impulsor de todo ben que ocorre na terra, e moitas veces de maneira insospeitada e inesperada para nós.
   Hai xa anos que son coñecidas polos técnicos e mais pola xente (polo menos de oír de falar delas) unhas que chaman tuneladoras que realizan un traballo moi complexo, furando debaixo da terra para construíren con rapidez e comodidade grandes obras, como vías para trens, etc. Hai xa algúns anos furaron tamén aquí, nas proximidades de Vigo, para o AVE dúas destas tuneladoras que coido lembrar que levaban nomes de dous candorosos animaliños: a unha chamábanlle “Miñoca” e á outra “Lebre”.
   Pois ben, o Bautista era, na dimensión social e relixiosa, algo así como unha especie de tuneladora, un proclamador e facedor de grandes obras, no caso del obras morais. Viña sendo como un animador do comportamento moral das persoas para que o Deus que estaba e está sempre a vir non se atopase con tantos atrancos no súa vinda onda nós. O Bautista intentou, de maneira semellante ó que hoxe en día fan os enxeñeiros e obreiros por medio desas grandes máquinas, achanzar o camiño moral para que, en definitiva, as persoas e os pobos puidesen vivir en paz e xustiza, unidos e irmandados entre si.
   O Advento é, como ben sabemos, un tempo dedicado a preparármonos para a vinda, a chegada de Deus onda nós. A vinda dun Deus, que naturalmente está desde sempre xa onda nós, mais que quere facerse cada vez máis activo e presente en todos e cada un de nós. Deus non forza a ninguén a entrar no seu Reino, mais non deixa por iso de nos convidar a cotío a un encontro cada vez máis estreito con el.
   Cada un de nós poderemos saber, ou polo menos sospeitar, que tipo de atrancos lle poñemos de feito a Deus para que el poida facerse verdadeiramente presente nas nosas vidas, no noso comportamento.
   En calquera caso, non deberiamos enganarnos. O encontro paternal e filial de Deus connosco, que se realiza en Xesús, non chegará a se facer realidade verdadeira mentres non saibamos encontrármonos fraternalmente coas persoas coas que nos atopemos na vida.
   Por iso o “preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros” do Bautista vén coincidir de feito co esforzo particular e comunitario que deberiamos practicar por derrubar barreiras e valados que entorpezan o camiñar das persoas e dos pobos cara á súa liberdade, cara ó seu desenvolvemento, xeral e particular, nos eidos cultural, social ou relixioso. Pois Deus só pode vir onda nós e atoparse a gusto connosco cando vaiamos construíndo, el connosco e nós con el, un mundo onde haxa xustiza, paz e entendemento mutuo. Porque, tal como nos di o apóstolo Pedro, na Segunda Lectura, “nós, conforme á súa promesa (é dicir, conforme á promesa de Deus), esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza”.
   Cara aí ha de camiñar o noso esforzo, individual e social. Cara a ese novo ceo e nova terra, que rexeitará como vello todo o anterior, mais que certamente terá o seu asento na xustiza, no amor e na igualdade ou fraternidade. Gloriámonos moito e con razón da cantidade de adiantos técnicos que podemos advertir e admirar durante os poucos anos de vida que podemos vivir. Do mesmo xeito, deberiamos tamén desexar que os nosos adiantos morais, que tanta relevancia teñen para a felicidade das persoas e dos pobos, non tivesen un ritmo inferior.
   O Bautista chamaba seguramente a atención dos seus contemporáneos vivindo no deserto, vestindo e comendo pobremente. Por iso viña tanta xente onda el. Nin ía campado con roupa de marca, nin podía convidar a ninguén a beber con el un viñiño dunha selecta denominación de orixe. Para vivir éralle abondo, como nos comenta o texto de Marcos, con manterse “de saltóns e mel bravo”.
   Mais non o dubidemos. O Bautista sentíase seguramente feliz no seu papel de precursor do Señor, na súa tarefa de anunciar e proclamar o ben, a xustiza e o arrepentimento polos malos comportamentos. El sabía que as velas da súa barca estaban ben inchadas polo vento do Espírito de Deus e aturaba así con paciencia e bo ánimo calquera contratempo que puidese xurdir. O importante para el era saber que o vento de Deus era o que movía e impulsaba a súa vida ó servizo do que ía vir: do Mesías de Deus, do Deus feito home que se convertería desde entón e para sempre en irmán maior noso, de tódolos homes e mulleres da humanidade de tódolos tempos.
   Traballemos, pois, todos conxuntamente para que os proxectos de Deus se vaian facendo realidade, cada vez máis ampla e intensa, no noso mundo.


CREDO

PRECES

Xa que debemos orar sempre a Deus e sen desanimármonos, fagámolo todos xuntos dicindo: Escóitanos, Pai
TODOS: Escóitanos, Pai

- Pola igrexa, para que reciba o alento evanxelizador da vinda de Cristo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Para que os dirixentes políticos e as instancias económicas cooperen á chegada do Reino de Deus rebaixando as montañas de inxustizas erguidas pola cobiza humana e achanzando os abismos da desigualdade. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Para que deixemos a Xesús achegarse onda nós, afastando dos nosos vieiros toda autosuficiencia e dureza de corazón. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Para que o sentido da vida que ofrece a Boa Nova de Xesús encha o baleiro das persoas que carecen de esperanza. 
Todos: Escóitanos, Pai.


PEDÍMOSCHO, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/domingo-2-advento-b-marcos-11-8/


Inmaculada Concepción

LECTURAS:






LECTIO:
FESTA DA INMACULADA CONCEPCIÓN 
(8. XII. 2017)
   A festividade da Inmaculada Concepción é unha festa de alegre loanza a María. Dela podemos dicir que foi a primeira crente, a primeira cristiá. Con anterioridade incluso ós mesmos Apóstolos, en canto que creu na palabra de Deus dirixida a ela e aceptou con humildade o convite de Deus para ser nai de Xesús, o noso irmán maior. Por iso a podemos chamar tamén nai de Deus, Nai da Igrexa e nai nosa.
   Por esta fonda, íntima e inimaxinábel relación con Deus tiña que estar María lonxe de calquera forma de pecado dende o primeiro intre da súa existencia. É isto o que se quere en definitiva dicir cando falamos da “Inmaculada Concepción de María”.
   De aquí provén a grandeza de María. Ela é a “chea de graza”, tal como a invocamos na oración “Deus te salve, María, chea de graza...”. Porque se estar en “graza”, ter a “graza de Deus” significa estar a ben con Deus, non pode haber persoa humana coa que Deus poida estar máis a gusto ca coa súa Nai, a Nai de Xesús.
   Agora ben, para ser María a “chea de graza” tivo que lle deixar, para dicilo dalgunha maneira, moito espazo a Deus para que puidese habitar plenamente nela. Ela faise así pequena de todo, ata se converter na “escraviña” de Deus. Integramente dedicada ó seu servizo. “Velaquí a escrava do Señor”.
   María era totalmente consciente de que para que Deus fixese nela as súas marabillas, as súas grandezas, non podía haber outro camiño có de non ser ela obstáculo algún á obra de Deus. É dicir: recoñecerse pequena ante a grandeza do poder e da bondade de Deus. Será así como María se converterá en verdadeiramente “grande”. Recoñecerao no fermoso himno do “Magníficat”, cando vai visitar a súa curmá. “Proclama a miña alma a grandeza do Señor, alédase o meu espírito en Deus o meu Salvador, porque ollou a humillación da súa escrava... O poderoso fixo obras grandes por medio de min”.
   Neste sentido cómpre ter en conta un detalle filolóxico que non carece de importancia. Refírome a que propiamente non deberiamos dicir sen máis de María que está “chea” de graza, senón que foi “enchida” (por Deus) de graza. Así o quere dar a entender Lucas cando escribe en grego “kejaritoméne”, que é unha forma verbal pasiva. Como se dixésemos: “Alédate, María, Deus encheute de graza”. Deste modo expresa ben Lucas que é sempre Deus quen toma a iniciativa, o que “enche”. Por iso María ten plena razón cando manifesta que foi Deus, non ela, quen fixo que nela xurdisen grandes marabillas.
   Mais non deberiamos quedarnos aquí nesta obrigada loanza de María Inmaculada pola grandeza que recibiu do noso Deus. Tampouco deberiamos limitarnos a agradecer a Deus as grandezas que realiza no mundo ó se facer fillo en Xesús dunha muller, María, que non por iso deixa de seguir sendo un ser humano máis coma todos nós.
   Porque a grandeza realizada por Deus en María é toda ela unha case incríbel mensaxe. Pois todas e todos estamos dalgún modo representados nela en canto “chea de graza”. A única diferenza está en que o que en María é xa “plenitude de graza”, en nós, en toda a humanidade, é un proxecto que está Deus aínda a realizar. Todos nós temos o mesmo destino: deixármonos encher pola sobreabundante graza de Deus, un destino no que María vai diante de nós. Para así formarmos xunto con ela unha mesma e única comunidade de amor a Deus Pai e de mutuo amor entre todos nós.
Ese vén ser o destino do que nos fala o apóstolo Paulo na carta ós Efesios, cando nela nos di: “Deus Pai bendiciunos con toda bendición espiritual, en Cristo”. Deus “escolleunos para sermos santos e sen mancha [é dicir, “in-maculados”]”. Estamos “predestinados polo Pai a sermos fillos adoptivos seus”. Fomos “prelixidos... para sermos imaxe da súa gloria”.
   Agora ben, que significado concreto ten todo isto para nós, alén de recoñecermos e agradecermos este grandioso destino que Deus nos ten preparado?
Coido que a grandiosidade desta festa da Inmaculada está en que nos pon de manifesto que cando unha persoa se entrega en corpo e alma a Deus, pode el facer nela e con ela verdadeiras marabillas.    Pode convertela, como ocorre en María, en vivo e sorprendente instrumento de salvación para moitos.
   María foi así a que nos trouxo Xesús, que significa Salvador, ó mundo. Foi ela quen, coa súa plenitude de graza, puido ter no seu colo o desexado de tódalas nacións, o Deus feito home. Foi ela quen no seu fillo Xesús nos deu a posibilidade dunha fraternidade universal con tódalas persoas. E non imaxinemos a María como unha muller fóra do normal, recluída no interior de si mesma coma se o peso da súa gran dignidade a paralizase. Pois ela entendeuse sempre a si mesma, polo contrario, como a “escraviña” de Deus, como muller sinxela, pobre, dilixente e traballadora, fiel coma ninguén a Deus e ós demais, espallando entre todos o amor que ela recibira de Deus. Como podería ser doutra forma a nai de Xesús, daquel que naceu e viviu toda a súa vida entre xente humilde e pobre?
   Deámoslle a Deus grazas por esta festa tan entrañábel!

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

Dirixímosche hoxe a Ti, María, Nai Inmaculada, a nosa oración dicindo: Roga por nós, pecadores
TODOS: Roga por nós, pecadores.

- María, visitada polo anxo, que aceptaches a mensaxe de Deus para seres nai de Xesús, fainos sempre dilixentes e fieis ás inspiracións de Deus. 
TODOS: Roga por nós, pecadores.
- María, solidaria, fai que, coma Ti, proclamemos a todos que os poderosos son derrubados dos seus tronos e que os pobres e humillados son erguidos do chan. 
TODOS: Roga por nós, pecadores.
- María, que choraches o teu Fillo ó pé da cruz, enxoita as nosas bágoas e consola o corazón de tódolos homes e mulleres sufrintes. 
TODOS: Roga por nós, pecadores.

María Inmaculada, muller da espera e da esperanza, que saibamos esperar alegres contigo, neste tempo de Advento, a chegada de quen nos trae amor e fraternidade! Amén.

Manuel Cabada Castro


OUTRAS ENTRADAS: 



7 dic. 2017

1 Cor 1, 3-9: Esperámo-la manifestación do noso Señor Xesús Cristo

Domingo 1 de Advento - ciclo B


QUEN VELARÁ NA NOITE?

Quen velará na noite, oh sentinela?
Quen manterá a diario a lapa acesa?
E quen será porteiro de porta aberta?

Se sombras medorentas cobren a Terra.
Se botan aos obreiros das súas empresas.
E se os labregos deixan as terras ermas.

Se os gobernantes berran fofas promesas.
Se os curas nos predican frases baleiras.
En tanto que dos bancos medran as rendas.

Ninguén dá nada feito, nin Deus sequera.
Quen queira outro futuro, irmáns á tarefa!
Que longo é o camiño, moi longa a espera.

O mundo: esa casiña que Deus nos deixa.
As xentes que a habitan: a súa facenda.
Xesús e nós facendo a nosa Terra.

Unha Galicia nova, de cruces feita:
de cruces e amenceres que a canten fresca;
de brazos mergullados en fonda aperta.




Is 63, 16b-17. 19b; 64, 2b-7: ¡Ai, se racháse-lo ceo e baixases!

Domingo 1 de Advento - ciclo B


SEÑOR, DÁNOS  ENTRAÑAS 
DE MISERICORDIA

Señor, dános entrañas de misericordia
fronte a toda miseria humana.
Inspíranos o xesto e a palabra oportuna
fronte ao irmán só e desamparado.

Axúdanos a amosarnos dispoñibles
ante quen se sente explotado e deprimido.

Que a túa Igrexa, Señor, sexa un recanto
de verdade e de amor, de liberdade,
de xustiza e de paz,
para que todos encontren nela
un motivo para seguir esperando.

Que os que te buscamos saibamos discernir
os signos dos tempos
e crezamos en fidelidade ao Evanxeo;
que nos preocupemos de compartir no amor
as angustias e tristezas,
as alegría e esperanzas
de todos os seres humanos,
e así lles amosemos o teu camiño
de reconciliación, de perdón, de paz…
            
(Pregaria eucarística Vb/Vc)


3 dic. 2017

DOMINGO 1 DE ADVENTO B

PRIMEIRA Is 63, 16b-17. 19b; 64, 2b-7:
¡Ai, se racháse-lo ceo (e) baixases!
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Ti, Señor, e-lo noso pai,
o "noso Redentor desde sempre" é o teu Nome.
 17¿Por que, Señor, nos deixaches descarriar lonxe dos teus vieiros,
 e fixeches endurece-lo noso corazón apartándose do teu respeto?
¡Cambia de actitude por amor dos teus servos,
por amor das tribus da túa herdanza!

¡Ai, se racháse-lo ceo (e) baixases!
¡Coa túa presencia rebulirían os montes,
Baixaches, (e) coa túa presencia tremeron os montes:
3unha cousa que desde antigo nunca se oíra,
(pero) certo que se nos fixo escoitar:
 O ollo non viu fóra de ti ningún deus, que tal lle faga a quen espera nel.

4Atopácheste co que se alegraba e practicara a xustiza,
cos que se lembraban de ti nos teus vieiros.
Velaí: estabas enfadado porque pecaramos,
(pero) estaremos sempre nos teus vieiros e salvarémonos.

5Todos nós fomos coma un impuro,
e toda a nosa xustiza como a roupa da menstruante.
Todos nós murchamos coma a folla,
e as nosas iniquidades leváronnos coma o vento.

6Non había quen invocase o teu nome,
quen espertase para acollerse a ti,
porque ti escondícheno-la túa cara,
e alagáchesnos co lote das nosas culpas.

7Pero agora, Señor, ti e-lo noso Pai.
Nós sómo-lo barro e ti e-lo oleiro,
pois obra das túas mans somos todos nós.


SAL. RESP. Sal 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
R/ (4): Deus, convértenos,
ilumina sobre nós o teu rostro e salvarémonos

 2Escoita, pastor de Israel,
ti que sentas sobre os querubíns,
esperta o teu poder e ven salvarnos.

15Da a volta, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e ve.
Atende esta vide,
16este sarmento que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.

18Que a túa man protexa ó teu elixido,
o home que ti fortaleciches.
19Non nos afastaremos máis de ti;
danos vida de novo, e invocarémo-lo teu nome.



SEGUNDA 1 Cor 1, 3-9:
Esperámo-la manifestación do noso Señor Xesús Cristo
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

Irmáns e irmás:

 3desexámosvos gracia e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Cristo.

4Non paro de lle dar gracias a Deus por vós, pola gracia de Deus que se vos deu por
medio de Cristo Xesús. 5Porque por medio del quedastes ricos en todo, nos dons da
palabra e do coñecemento: 6e así confirmouse solidamente entre vós o testemuño en
favor de Cristo. 7De xeito que non carecedes de ningún don, mentres agardáde-la
revelación do Noso Señor Xesús Cristo. 8El é quen vos manterá firmes deica á fin, para
que ninguén vos poida acusar de nada no día do Noso Señor Xesús Cristo. 9Deus é fiel e
foi El quen vos chamou á comunidade do seu Fillo Xesús Cristo, noso Señor.



ALELUIA Sal 84, 8:
Móstranos, Señor, a túa misericordia,
e dáno-la túa salvación 


EVANXEO. Mc 13, 33-37:
Estade á espreita: non sabedes cándo vai chega-lo señor da casa
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Dilles Xesús ós seus discípulos:
- 33Estade á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento.

 34É coma un home que foi ó estranxeiro, deixando a casa e maila facenda nas mans
dos seus criados, encargándolles a cada un o que tiña que facer; e ó porteiro ordenoulle
que velase.

35Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña
ou con noite cerrada, se co canto do galo ou no amencer. 36Non vaia ser que chegue de
repente, e vos atope durmindo. 37E o que vos digo e vós, tamén llelo digo a todos:
¡Estade en vela!


ENTRADA: 
LECTURAS: 
OFERTORIO: 
COMUÑÓN: