30 abr. 2017

Era imposible que fora retido pola morte - Feit 2, 14. 22-33

Domingo 3 de Pascua - ciclo A


QUEDA CONNOSCO, SEÑOR

Queda connosco, Señor,
porque o noso camiño está cheo de trampas e tropezos;
porque é difícil alcanzar a paz e a felicidade tras as que corremos;
porque o pan de cada día tórnase amargo e duro de mastigar.

Queda connosco, Señor,
porque é bo que compartas as nosas ilusións e os nosos soños
e coñezas as nosas dúbidas e fracasos;
porque sen Ti resultan tristes nosas cancións;
porque sen Ti a vida non é vida
e a morte levántase triunfadora sobre a nosa sorte.
QUEDA CONNOSCO, SEÑOR,
PORQUE É DE NOITE NOS CAMIÑOS DA VIDA.

Queda connosco, Señor,
para apostar pola novidade da vida,
para levar esperanza aos homes que andan perdidos,
para que a dura e escura noite da fe,
anuncie o esplendor da luz dun novo día.

Queda connosco, Señor
para que a tristeza sexa silenciada pola alegría da Pascua,
para que non deixemos de avanzar polos camiños da vida
pregoando o que a túa presenza achega aos nosos días
sen ti baleiros e sen sentido.
QUEDA CONNOSCO, SEÑOR,
PORQUE É DE NOITE NOS CAMIÑOS DA VIDA.

Queda connosco, Señor,
porque as nosas dúbidas coa túa Palabra
convértense en respostas contundentes e seguras;
porque o noso camiño, impreciso e incerto,
transfórmase en presenza e esperanza resucitadas.

Queda connosco, Señor,
porque contigo amence a ilusión,
porque contigo ata os inimigos convértense en irmáns;
porque contigo o ceo está ao alcance da terra
e porque intúo que es o principio e o final sempre desexado.
QUEDA CONNOSCO, SEÑOR,
PORQUE É DE NOITE NOS CAMIÑOS DA VIDA.



Isidro Lozano

29 abr. 2017

Domingo 3 de Pascua A

DOMINGO III DE PASCUA  -  CICLO A

Resultado de imaxes para DOMINGO 3 DE PASCUA A

Primeira Lectura    Feit 2, 14. 22-33
Era imposible que fora retido pola morte
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

O día de Pentecoste, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles:
Xudeus e todos os que habitades en Xerusalén: entendede ben e escoitade as miñas palabras:
Fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus diante de vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós, como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ao plan establecido e á previsión de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio.
Xa David di del:
Eu vía decote o Señor diante miña,
xa que está á miña dereita, para que eu non vacile;
por iso alegrouse o meu corazón e aledouse a miña lingua,
e mesmo a miña carne acougará esperanzada;
porque non abandonarás a miña alma no sitio dos mortos
nin permitirás que o teu santo vexa a corrupción.
Déchesme a coñecer camiños de vida,
encherasme de gozo coa túa  presenza.
Irmáns, permitide que vos diga claramente que o patriarca David morreu e enterrárono e o seu sepulcro aínda está hoxe entre nós.
Pero, como el era profeta e sabía que Deus lle asegurara con xuramento que un descendente do seu sangue había sentar no seu trono, en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción.
A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vós vedes e sentides.

Palabra do Señor                                                      R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (11a): Has amosarme, Señor, camiños de vida.
Ou: Aleluia.

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.

Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.


Segunda Lectura     1 Pe 1, 17-21
Fostes redimidos polo precioso sangue do Año Inmaculado,Cristo
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO

Benqueridos irmáns:
Aínda que lle podedes chamar Pai ao que xulga con imparcialidade as obras de cada un, comportádevos con respecto durante o tempo do voso peregrinar.
Porque xa vedes que non vos rescataron dese tipo idolátrico de vida, que recibistes dos vosos pais, con algo perecedoiro, tal coma ouro ou prata; senón que vos rescataron co precioso sangue de Cristo, Año sen defecto nin tacha.
El xa estaba escollido de antes da creación do mundo pero presentouse nos derradeiros tempos para o voso ben. Por medio del tedes fe en Deus que o resucitou da morte e o glorificou, e dese xeito a vosa fe e a vosa esperanza están postas en Deus.

Palabra do Señor                                                 R/. Grazas a Deus

ALELUIA     Cf. Lc 24, 32
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón mentres nos falas.
Aleluia.


Evanxeo      Lc 24, 13-35
Recoñecérono na fracción do pan
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Naquel día, o primeiro da semana, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén.
Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
De que, logo?
Eles contestaron:
Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron a morte e o crucificaron.
Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ó entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu.
E dixeron:
Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.

Palabra do Señor                                        R/. Loámoste, Cristo


ENTRADA:                Bendito Ti, Xesús resucitado
LECTURAS:                          Ergo os meus ollos
OFERTORIO:                  Velaquí
COMUÑÓN:                  Quédate, Señor, connosco 


TVG:


28 abr. 2017

Ficha e Lectio - Domingo 3 de Pascua A



VER MÁIS:


LECTIO:

DOMINGO III DE PASCUA 
(Ciclo A: 30.IV.17)

            A extraordinaria nova da resurrección de Xesús, que estamos a celebrar e a lembrar comunitariamente estes días, é loxicamente algo sobre o que a liturxia, as lecturas e as diversas aclamacións que recitamos volven unha e outra vez.
            Os mesmos textos do evanxeo fálannos de que foron moitos e diversos os modos de se facer presente o Xesús resucitado ós apóstolos e ós demais discípulos.
            En todas estas experiencias pascuais, cargadas de alegría e de esperanza para os seguidores de Xesús e para cantos cren e crerán nel, dáse algo que vén sendo o común denominador de todas elas. Todas son experiencias fondas e transformadoras que conmoven e afectan ós que concreta e particularmente as experimentan, pero que teñen, máis alá diso, un carácter comunitario e universal. Quero dicir que teñen unha finalidade non só individual ou particular, senón xeral. Realízanse en función de todo o pequeno grupo cristián de entón e de cantos viriamos despois, concretamente nós e cantos veñan ó mundo despois de nós.
            A resurrección de Xesús é neste sentido un tema que afecta a toda a humanidade, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu dar vida para sempre, máis alá da morte, á humanidade toda. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
            Iso é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren persoalmente a experiencia de Xesús resucitado. É o que fan as mulleres que foron moi cedo onda o sepulcro do Señor. Retornan axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as aparicións, as experiencias, do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo. Ó longo dos tempos e dos séculos, fomos nós tamén recibindo, pola nosa parte, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén a nós.
            Por iso todos nós, que recibimos esta gran nova, temos que anunciala, coa nosa palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos hoxe en día ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser esta nova da resurrección algo tan incríbel, tan marabilloso. E é xustamente así por se tratar de algo que procede do Deus que é sempre meirande có que podemos maxinar sobre Él.
            Ós discípulos de Emaús, que facían camiño de volta, abatidos e desconsolados, cara á súa aldea de procedencia para continuaren alí coa súa normal vida anterior, ocórrelles algo semellante. Despois de teren experimentado Xesús resucitado, non o pensan dúas veces. En vez de se deitar e descansar tranquilamente da camiñada realizada, tal como llo acababan de aconsellar eles mesmos ó seu extraordinario e misterioso acompañante (pois sería xa de noite ou alomenos entre lusco e fusco), o que fan, tal como se nos di no texto de Lucas, é “levantarse axiña e volver a Xerusalén”. Para qué? Pois para comunicárllelo o máis cedo posíbel ós demais apóstolos e discípulos. As experiencias de Xesús non se poden gardar ou agachar no propio interior. Hai que comunicalas para que todos poidan participar tamén da felicidade que se deriva de novas tan incribles.
            Tal como se continúa a dicir no texto de Lucas, “eles contaron, ós once apóstolos, o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan”.
            O que a ámbolos dous lles pasara polo camiño é o que eles mesmos comentaban: “¿Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo camiño interpretándonos as Escrituras?”.
            O Xesús pascual, como ben nolo representa o cirio acendido liturxicamente na noite pascual, é coma un lume que se quere comunicar acendendo outros lumes. Nos discípulos de Emaús prendera ben polo camiño este lume. E eles, pola súa parte, o que axiña fan é comunicarlles este lume recibido ós seus compañeiros e coñecidos, para que así tamén eles teñan luz e calor. É dicir, para que tamén teñan eles orientación na vida, plenitude e felicidade no seu camiñar.
            Na Congregación Xeral XXV que tivemos os xesuítas no ano 2008 dicíasenos que teriamos que ser “lumes que acenden outros lumes”. Coido que isto é valido tamén para calquera cristián. Todos deberiamos recibir con agradecemento o lume que nos vén de Xesús, do Cristo crucificado e resucitado, e intentar que o lume recibido acenda outros lumes que pola súa parte continúen a multiplicar ese mesmo lume en cantos entren en contacto connosco.
            Non podemos pasar por alto que foi precisamente nesa especie de pequena eucaristía familiar que Xesús celebrou na casa dos seus discípulos de Emaús onde o lume, o “ardor”, que eles xa levaban no corazón cando camiñaban, se converteu de súpeto en luz que os iluminou e lles fixo coñecer a identidade dese inesperado acompañante que alí estaba sentado á mesa con eles. “Mentres estaban na mesa –dinos o texto de Lucas-, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono”.
            Estas son case as mesmas palabras que os sacerdotes dicimos no intre da consagración eucarística. Por iso ás eucaristías dos domingos non deberiamos vir movidos por calquera tipo de obriga legal, senón pola necesidade que temos todos de cargar as nosas pilas contactando co Señor que se debería facer presente de maneira especial nestas nosas reunións eucarísticas comunitarias. Coas pilas así ben cargadas seremos capaces de nos converter en luz e calor para cantos conviven ou de calquera forma se relacionen connosco. E estaremos ó tempo en condicións de sermos testemuñas, coma o foron os apóstolos, desta gran nova, para toda a humanidade: Cristo Resucitado.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            En mutua comuñón persoal á maneira dos apóstolos e discípulos con María, nai de Xesús, despois da súa Resurrección, diriximos a Deus Pai a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Fai, Pai, que saibamos saír ó encontro dos demais, coma os discípulos de Emaús, para neses encontros atopármonos tamén co teu fillo Xesús. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
            - Dános, Pai, vivirmos e experimentarmos, coma os discípulos de Emaús, a calor da presenza do teu fillo Xesús nas nosas vidas. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
            - Convértenos, Pai, en testemuñas fieis e convincentes da Resurrección de Xesús entre os homes e mulleres do noso tempo. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.



Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:



26 abr. 2017

Todos cantos creran estaban dacordo e tiñan todo en común - Feit 2, 42-47

Domingo 2 Pascua - Divina Misericordia - ciclo A



QUEDA

Queda, Señor, que se fai xa tarde,
que o camiño é longo e o cansazo grande.
Queda a dicirnos as túas vivas palabras
que aquietan a mente e acenden a alma.
Mantén impaciente o noso corazón torpe,
disipa as nosas dúbidas e temores.

Míranos cos teus ollos de luz e vida,
devólvenos a ilusión perdida.
Lava as feridas destes pés cansos;
espértanos á vida con xestos humanos.

Queda e límpanos rostro e entrañas;
queima esta tristeza, dános esperanza.
Queda, Señor, comparte as nosas viandas
e móstranos, paciente, os teus ensinos.

Pártenos o pan da túa compaña;
ábrenos os ollos da fe durmida.
Das túas palabras xorde o que buscamos,
vímolo camiñando ao teu lado.

Queda e renova valores e soños;
dános a túa alegría e a túa paz de novo.
Condúcenos sempre ao mundo, á vida,
para ver o teu rostro noutros rostros cada día.

Queda, Señor, que se fai xa tarde,
que o camiño é longo e o cansazo grande.


Florentino Ulibarri




23 abr. 2017

Rexeneróuseno-la esperanza viva pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos - 1 Pe 1, 3-9

Domingo 2 Pascua - Divina Misericordia - ciclo A



XESÚS, XESÚS RESUCITADO

Xesús, Xesús resucitado,
sinto na miña vida a túa presenza;
tamén a sinto na vida dos meus irmáns crentes.

Sinto que me preguntas con agarimo e enerxía ao mesmo tempo:
Ti por que crees? Por que crees en min?
Por que tentas andar polos meus camiños?

Porque me queres, Señor,
queres que a miña fe non sexa unha rutina;
porque me queres, Señor,
queres que a miña fe sexa unha aceptación incondicional 
do teu estilo de vida;
porque me queres, Señor,
queres que a miña fe me renove por dentro
e me faga cada día máis libre.

Xesús resucitado,
que senta a fondura da túa paz,
como proba de que estás vivo en min;
que senta o entusiasmo da túa alegría
como proba de que estás vivo en min;
que senta a urxencia de colaborar contigo,
como proba de que estás vivo en min;
que senta a forza do teu Espírito
como proba de que estás vivo en min.

Xesús resucitado, garantía da miña fe,
Ti me mostraches a viaxe da miña vida:
de noite as túas estrelas guiaban o meu camiño
e de día custoume atopar o que queres de min.
Por iso, máis dunha vez pregunteime
por que vivo na noite, por que morro de día?

Xesús resucitado, 
ti es a resposta aos interrogantes da miña vida.
Faime portavoz da túa paz, Señor, 
sen medo aos novos retos,
coas portas e xanelas da miña alma ben abertas
á dor da xente e á esperanza dos que cren en Ti.
Señor meu e Deus meu!



Isidro Lozano




22 abr. 2017

Domingo 2 de Pascua

Resultado de imaxes para domingo 2 de pascua

PRIMEIRA Feit 2, 42-47
Todos cantos creran estaban dacordo e tiñan todo en común
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

42Os irmáns eran perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón da
vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. 43Apoderouse de todos o respecto, pois os
apóstolos facían moitas marabillas e sinais. 44Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo
en común: 45vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás
necesidades de cada un. 46Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas
casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; 47louvaban a Deus, e eran ben vistos
por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo.


SALMO RESP. Sal 117, 2-4. 13-15. 22-24
R/ (1): Cantádelle ó Señor, porque é bo,
porque a súa misericordia dura por sempre
Ou: Aleluia

2Que o diga a casa de Israel:
o seu amor é eterno;
3que o diga a casa de Aharón:
o seu amor é eterno;
4que o digan os que temen ó Señor:
o seu amor é eterno.

13Empurran, empurran para tirarme,
pero o Señor é o meu auxilio.
14O Señor é a miña forza, o meu cantar,
El é a miña salvación.
15Oense cantares de gozo e de victoria.
nas moradas dos xustos:
a dereita do Señor é valente,

22A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra angular.
23Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
24Este é o día en que obra o Señor:
relouquemos e alegrémonos nel.



SEGUNDA 1 Pe 1, 3-9
Rexeneróuseno-la esperanza viva pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PEDRO APÓSTOLO

3¡Louvado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón,
resucitou a Xesús Cristo da morte
e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza,
4a unha herdanza que non se corrompe
nin se afea
nin murcha,
predestinada por Deus para vós;
5gracias á fe que vós tedes,
estades protexidos polo poder de Deus
en vistas á salvación
que está para se manifestar, no intre final.

6Por iso brincades de alegría, anque agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco
tempo diferentes probas. 7Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía do que o ouro
-que, a pesar de ser pasadío, se aquilata no lume- e considérase merecente de louvanza,
gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. 8A quen amades sen o terdes visto; en quen
credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, 9porque
conseguíste-lo froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.



ALELUIA Xn 20, 29
Porque me viches, Tomás, tes fe, di o Señor;
ditosos quen non viron e creron



EVANXEO Xn 20, 19-31
Pasados oito días, veu Xesús
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

19Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os
discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
-Paz convosco.

20Dito isto, mostróulle-las mans e mailo costado. Os discípulos alegráronse, vendo o
Señor. 21El díxolles outra vez:
-Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

22E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
-Recibide o Espírito Santo: 23a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a
quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

24Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
25Dicíanlle entón os outros discípulos:
-Vímo-lo Señor.

Pero el contestoulles:
-Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como
non meta a miña man no seu costado, non crerei.

26Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou
Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
-Paz convosco.

27Despois díxolle a Tomé:
-Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non
sexas incrédulo, senón home de fe.

28Tomé respondeulle:
-¡Meu Señor e meu Deus!

29Xesús díxolle:
-¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!

30Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste
libro. 31Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e,
crendo, teñades vida nel.




ENTRADA: 
ASPERSIÓN: 
A auga do Señor 
GLORIA: 
Gloria a Deus, gloria a Deus...
LECTURAS: 
Xesús é Señor 
OFERTORIO:
Grazas, Señor, graciñas 
PAZ: 
Que veña a paz á nosa terra 
COMUÑÓN: 


TVG:



ROSARIO DA 
DIVINA MISERICORDIA:



20 abr. 2017

Domingo 2 de Pascua - Divina Misericordia


 



VER TAMÉN:


LECTIO:

DOMINGO II PASCUA 
(Ciclo A: 23 de abril 2017))

            Os diversos relatos que os textos litúrxicos poñen á nosa disposición expresan e testemuñan todos eles ese ambiente de comuñón mutua entre os primeiros crentes. Comuñón a tódolos niveis. Non só na fe común e participada nese Xesús que agora se lles amosa glorioso e ceibe de todo vencello físico ou histórico, senón comuñón tamén na mutua relación comunitaria entre os crentes, entre os primeiros cristiáns. Non están eles rexidos por normas ou decretos autoritarios no seu modo de proceder, senón que é o espírito da nova mensaxe da resurrección o que os une e dá azos para anunciar tan gran noticia.
            Así se explica que na na carta de Pedro que acabamos de escoitar se relacione precisamente a resurrección de Xesús coa alegría que debería rebordar en todo bo cristián: “Loado sexa Deus –dinos Pedro-, que pola súa gran compaixón resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso –continúa a dicir Pedro- brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas”. E volverá insistir aínda Pedro nesta mesma carta: “brincades, cheos dunha alegría indicíbel e gloriosa, porque acadastes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal”.
            A alegría debería ser, pois, tal como comentabamos xa no anterior domingo, un sentimento moi fondo na vivencia da nosa fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. Porque en definitiva a nosa alegría cristiá está directamente relacionada coa resurrección de Xesús. Resurrección que comporta tamén a nosa futura resurrección. Os evanxeos, como hoxe o de Xoán, fálannos por iso da alegría dos discípulos de Xesús cando van facendo, individual e comunitariamente, a experiencia de Xesús resucitado. Dinos Xoán, por exemplo, que, ó veren ó Señor, os discípulos se alegraron. A nós, que vivimos unha boa morea de séculos despois de Cristo, pásanos algo do que lle aconteceu ó apóstolo Tomé. Desexariamos ter tamén, como el tamén o desexaba, probas e experiencias directas e tanxíbeis de que Xesús seguía e segue a vivir trala súa morte na cruz.
            Mais se os discípulos creron porque, como se nos di, “viron” ou tiveron diversas experiencias do Xesús resucitado, a nosa crenza nel e na súa resurrección terá que basearse na nosa “fe”, non nas nosas vivencias directas. Trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles e á que pola graza de Deus pertencemos tamén nós. En calquera caso e pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos a “visión” e as experiencias que tiveron os discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir en nós a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús tamén a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
            Os discípulos de Xesús, tal como nos son descritos nos Feitos dos apóstolos, practicaban unha “comuñón de vida”, “vivían unidos e tiñan todo en común”. Unha comuñón e solidariedade que debería ser tamén un forte estímulo para o noso tempo. Esa comuñón e solidariedade non os desposuía da súa felicidade, da súa alegría, pois, como alí se nos di, “comían con alegría e sinxeleza de corazón”. A solidariedade mutua dos primeiros cristiáns non era máis có resultado de se sentiren queridos e agraciados por Deus coa promesa da común resurrección. Pois sería totalmente absurdo comportarse de modo egoísta ou insolidario cando Xesús se entregara totalmente a nós, ofrecéndonos vida e alegría neste mundo e tamén para o máis alá, para a que chamamos a eternidade vindeira.
            Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes a nós incluso da súa propia resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En consecuencia, todos estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da nosa existencia particular, a unha eterna vida resucitada.
            Se todos nós, neste noso avanzado século XXI, tomamos en serio e levamos á práctica esta gran mensaxe de Xesús, quedariamos definitivamente vacinados contra angustias ou medos de que os cristiáns poidamos vérmonos reducidos algún día a un grupo marxinal entre outros.
            Polo menos, nos comezos da experiencia comunitaria dos primeiros cristiáns, que celebraban a Resurrección de Xesús e que vivían en comuñón e irmandade con todos, os resultados deste modo de pensar, de vivir e de crer eran, tal como se nos di tamén nos Feitos dos apóstolos, o continuo incremento de adhesións á fe en Xesús. “Cada día –dísenos alí- o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo”.
            A razón é ben clara. A xente séntese  e sentirase sempre atraída e movida  -onte, hoxe e mañá- se a mensaxe que se lles anuncia é esperanzador e alegre e se basea, ademais, no testemuño de alguén que se comportou de maneira totalmente fiel e conforme á súa mensaxe, aínda tendo que pasar por grandes sufrimentos e unha morte ignominiosa. Esa persoa foi o Xesús crucificado e resucitado en quen, pola graza de Deus, podemos dicir que cremos.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            
            Como fillos de Deus e irmáns do seu Fillo benquerido Xesús, invoquemos a Deus Pai por medio de Xesús, para que robusteza a nosa fe na Resurrección de Xesús e na nosa futura resurrección, dicindo: Pedímoscho, Pai
Todos: Pedímoscho, Pai.

            -Que as dificultades e sufrimentos da nosa vida non cheguen a debilitar a nosa fe en Cristo resucitado. 
Todos: Pedímoscho, Pai.
            -Que tódalas persoas do mundo poidan vivir con esperanza e ilusión a súa propia vida. 
Todos: Pedímoscho, Pai.
            -Que o teu Espírito Santo mova, Pai, a tódalas persoas a axudar a cantos se atopen sen os medios necesarios, materiais e espirituais, para se desenvolveren na vida. 
Todos: Pedímoscho, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:



18 abr. 2017

Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común - Feit 2, 42-47

DOMINGO DE PASCUA A


CREO NESTA IGREXA

Creo na Igrexa de Xesús encarnada no pobo pobre.
Creo na Igrexa que libera ao pobo oprimido.
Creo na Igrexa solidaria cos desprotexidos.

Creo na Igrexa que defende unha vida digna para todos.
Creo na Igrexa que esixe a xustiza e di a verdade.
Creo na Igrexa sen riquezas nin privilexios.

Creo na Igrexa casa solariega para todos.
Creo na Igrexa testemuño vivo de boa noticia.
Creo na Igrexa que acolle e cura aos feridos.

Creo na Igrexa que ilumina a nosa realidade actual.
Creo na Igrexa na que todos somos irmáns.
Creo na Igrexa comunidade de comunidades.

Creo na Igrexa con pastores de vida coherente.
Creo na Igrexa que non marxina nin condena.
Creo na Igrexa liberada e liberadora.

Creo na Igrexa profética.
Creo na Igrexa que non se dobrega ante os poderosos.
Creo na Igrexa que promove e respecta os dereitos
e a dignidade da muller, dos laicos, dos estranxeiros.

Creo na Igrexa de portas e xanelas abertas.
Creo na Igrexa que sofre persecución
por seguir a Xesús e proseguir a súa causa.

Creo, tamén, na Igrexa que vexo,
que me desvela e, ás veces, me turba,
pero que me acolle e perdoa,
e me ofrece a vida.


Florentino Ulibarri



17 abr. 2017

Rexeneróusenos a esperanza viva pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos - 1 Pe 1, 3-9

DOMINGO DE PASCUA A


Da Liturxia das Horas

Cristo, alegría do mundo,
resplandor da gloria do Pai.
Bendita esta mañá
que anuncia o teu esplendor ao universo!

No día primeiro,
a túa resurrección alegraba
o corazón do Pai.
No día primeiro,
viu que todas as cousas eran boas
porque participaban da túa gloria.

A mañá celebra
a túa resurrección e alégrase
con claridade de Pascua.
Levántase a terra
como un novo discípulo na túa busca
sabendo que o sepulcro está baleiro.

Na clara mañá
a túa sacra luz difúndese
como unha graza nova.
Que nós vivamos
como fillos da luz e non pequemos
contra a claridade da túa presenza.

É hora de mirar ao horizonte e espertar a alba;
é hora de romper vellos esquemas,
de emprender novas tarefas na vida...
Empezando por cambiar nós mesmos,
é hora de cambiar o mundo.
É hora de Pascua, de resurrección e alegría,
porque, Señor, resucitaches e estás vivo para sempre.



Isidro Lozano