31 may. 2014

Domingo 7 de Pascua. Ascensión do Señor - ciclo A

A ASCENSIÓN DO SEÑOR   -  A
Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
  
            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
            ‑ Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
            El respondeulles:
            ‑ Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
            ‑ Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
  
            Irmáns:
            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.  
            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
CICLO A      Mt 28, 16-20
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra
  
            Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
            Entón acercouse Xesús e díxolles:
            ‑ Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           




QUE A NOSA BOCA SEXA MEDIO DE ACLAMACIÓN DA SABEDORÍA DE DEUS – Ascensión   A  2014

ESCOITA ACTIVA
Mirar os acontecementos da nosa historia só cara arriba é propio da maxia. Miralos cara atrás é propio da superstición. Porén nós, coma cristiáns, temos unha mirada propia: cara arriba, confiando en Deus; cara ós lados, buscando aos irmáns; e cara adiante, construíndo futuro con optimismo, coa ledicia de sabérmonos acompañados.

Mais sempre temos a tentación da mirada máxica ou supersticiosa. A Pascua é tempo de espertar, de renunciar a estas tentacións, de liberarnos das cadeas que escravizan. Busquemos coa mirada a Cristo, miremos ao irmán e comecemos esta celebración recoñecendo nel a imaxe do Resucitado.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Porque moitas veces caemos na tentación de desconectar da realidade e pasar de todo, SEÑOR, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
*        Porque esquecemos que a nosa vida ten que ser un canto para aclamarte, e non para esquecerte, CRISTO, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
*        Polo noso costume de botarlle a culpa do que lle ocorre á Igrexa aos demais, sen facer autocrítica sobre a nosa falta de ilusión e testemuño, SEÑOR, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.

PALABRA ENRAIZADA
*        A pregunta que se lle fai hoxe na lectura do libro dos Feitos aos apóstolos, ben se nos podería facer a nós moitas veces. Porque... canto non temos mirado ao ceo para non comprometernos nunha tarefa que nos correspondía, deixando que a fixeran outros, cargándolles o traballo?; cantas veces non temos mirado ao ceo para evitar mirar de fronte a quen busca en nós unha man que axude, unha palabra que alente ou unha compaña que aparte da dor e soidade nas que está vivindo?; cantas e cantas veces -teriamos que preguntarnos- cando miramos para outro lado, cambiamos de conversación ou fixemos oídos xordos ás voces que nos buscaban e esperaban de nós unha resposta acorde co que somos: seguidores de Xesús? Por iso ten sempre tanta actualidade a palabra de Deus que lemos nas celebracións; por iso non pasa de moda; por iso sempre podemos atopar nela aspectos que nos axuden a asentar e mellorar a nosa vida. Máis alá dos costumes ou tradicións nas que temos convertido a fe, ao que nos chama Xesús sempre e especialmente hoxe, na festa da Ascensión, é a non desconectar do mundo. Porque é no mundo onde El quere que deamos razón da nosa fe, das nosas conviccións, da nosa resposta de non quedar mirando cara ao ceo como se foramos papamoscas. A mellor aclamación que podemos facer a Deus non é con rutinas nin con oracións repetidas sen pensar no que dicimos, senón cos nosos feitos cheos de esperanza, alegría e sinceridade. Iso si que move corazóns e fai preguntarse a aqueles que nos ven de lonxe e sempre están dispostos a cuestionar o que facemos. Diante disto só hai unha resposta: o convencemento do que facemos. Responsabilidade, coherencia, honestidade, solidariedade, xustiza, colaboración... teñen que ser as actitudes que, como resposta a Xesús, podemos ofrecer para dicir que paga a pena seguir confesando a fe en Deus, creador e Señor; no seu Fillo Xesucristo e no Espírito Santo. Con tanta compaña ao noso lado, nunca poderemos dicir que estamos solos e abandonados por El. Abramos os ollos, limpemos os oídos a ofrezamos as mans.

*        Paulo tentaba de explicarlle isto mesmo aos cristiáns de Éfeso cando lles dicía que Deus puxo baixo os seus pés tódalas posibilidades que permiten que o mundo sexa un lugar de inclusión e non de exclusión; un lugar de encontro e non de soidade; un lugar de diálogo e non de autoritarismo. Deus puxo ao noso dispor esta capacidade de transformación e cambio. O que ocorre é que para nós é moito máis doado dar as costas e buscar autoxustificacións ás nosas covardías, aos nosos individualismos, ás nosas comodidades... en lugar de saír e buscar, saír e atopar, saír e construír. O seguimento de Xesús ou é comunitario ou non é. Porque El o quixo así. Porque El o viviu así. Porque El nolo ofreceu así. De ninguén máis ca de nós vai depender acollelo e poñelo en práctica para mostrárllelo aos outros: a quen está afastado, a quen está rebotado, a quen está decepcionado coa nosa pouca ilusión e convencemento á hora de facer vida o que dicimos no credo: creo en Xesucristo. O sometemento baixo os seus pés non é escravitude, senón liberdade para facer posible entendemento e diálogo coa nosa vida.

*        Hai cincuenta anos, o Papa Paulo VI, tentando poñerlle rostro ás palabras de Xesús escribiu unha encíclica que leva por título “Eclesiam suam”, na que chamaba, unha e outra vez, ao diálogo como medio desde e polo que camiñar cada día no cara dentro e no cara fóra da Igrexa. Tanto tempo despois, segue en pé e vivo este chamamento. Porque a Igrexa será verdadeiramente de Xesús se é unha Igrexa dialogante, fraterna e con capacidade de escoitar e saír ao encontro dos demais, sen ter que pedir documentos que identifiquen nin “pedigree” que nos fagan crer mellores e superiores ca os demais.
*         Só deste xeito, na sinxeleza de quen cre construíndo encontro e entendemento; e non na imposición de quen se cre superior e mellor aos demais, seremos capaces de responder ao envío que Xesús nos fai tamén a nós hoxe: “Ide e facede discípulos de tódolos pobos”. A universalidade da proposta de Xesús, a universalidade da proposta cristiá, ten que ser sinxela, respectuosa e partir sempre da realidade. Sen ideas fixas nin precomprensión excluíntes. Só deste xeito seremos capaces de comprender que El está connosco.

FRATERNIDADE ORANTE
Presentemos a nosa oración comunitaria, sabendo que a universalidade da fe lévanos a pensar non só en nós, senón en tódalas persoas necesitadas da forza da oración e da man solidaria dos que nos chamamos amigos de Xesús. Dicimos logo xuntos:
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que sexamos unha Igrexa que sabe mirar ao mundo traballando pola xustiza e o ben común; e ao ceo para agradecer a forza da túa presenza, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que non cansemos nunca de renovar proxectos, ofrecer ideas, alentar colaboracións e unir vontades, facendo das nosas parroquias lugares de entendemento e non de enfrontamento, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que aprendamos a vivir o noso cristianismo como unha experiencia de gozo e non como unha carga pesada que nos condena, infantiliza e nos enche de medo, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
Señor, que a festa da Ascensión nos axude a tomar conciencia do noso compromiso de ser sal que dea sabor e azucre que adoce as relacións duns cos outros no medio dun mundo que se sabe crispado e violento. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
          Xesús marcha, pero quedan tantas cousas por facer! Entón, envía os seus discípulos para que continúen a súa obra. Xa anteriormente Xesús mandáraos ás aldeas, porque El non podía chegar a todas.
Xesús deuno todo para dar a coñecer o Pai e adiantar o seu Reino. Agora os apóstolos e os discípulos deben seguir facendo o que fixo Cristo e ao xeito de Cristo.
Rematou a hora de Cristo e agora comeza a hora dos cristiáns e das cristiás; a hora da Igrexa.
(Cáritas, La hermosura de la caridad, p. 244)

CANTO GOZOSO
  ENTRADA: Ti es camiño e verdade
  GLORIA
  LECTURAS: Oh, Señor, escólleme
  OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
  COMUÑÓN: Ide e pregoade




POWER POINTS



29 may. 2014

Manualidades para catequese - Ascensión do Señor

TOMADO DE:


Material : 
Debuxo, corda e algodón ou cartolina/papel para as nubes


 Pódese engadir unha estrela no remate da corda


------------------------------------------------------

TOMADO DE : 
http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/2013/04/tarjeta-plegada-ascesion-de-jesus.html





O que necesitamos...

Cartolina de cores: 2 clases de celeste (un máis claro, un máis escuro). Tesoiras, lapis negro. Marcadores de cores: marrón (pelo, bigote, barba) vermello (cinto, lingua) alaranxado (interior das mangas) celeste (adorno das mangas, bordo do manto) amarelo (halo)

Como o facemos...

1. Recortar polo bordo a figura de Xesús e coloreala.
2. Marcar os moldes das nubes con lapis negro sobre a cartolina celeste e recortalas.
3. Pegar o  Xesús na nube máis grande (ver modelo terminado).
4. Facer dous cortes na nube onde irá inserida a imaxe de Xesús e dobrar a nube polo medio (ver molde)
5. Introducir a Xesús nos cortes.

Se o desexamos podemos escribir unha mensaxe na nube de abaixo antes de colocar a Xesús.


--------------------------------------
OUTRO MODELO:

MATERIAIS: 2 cartolinas tamaño A4, unha branca 
(sobre a que imprímimo-lo debuxo e outra azul)


PASOS:
1. Pintar a Xesús e ós apóstolos e recortar as tres pezas por separado:



2. Colocar a tira na posición do debuxo e pegar a imaxe de Xesús á parte da pestana.

3. Facer un pequeno corte na parte superior esquerda da cartolina azul, 
por onde introduciremos o resto da tira para facer o efecto do debuxo de "ascender". 








28 may. 2014

Ficha e Lectio - Ascensión do Señor ciclo A







LECTIO : 

Xesús é alguén vivo que agora mesmo está presente no corazón da historia e en nosas propias vidas. Non habemos de esquecer que ser cristián non é admirar a un personaxe do pasado que coa súa doutrina pode achegarnos aínda algunha luz sobre o momento presente. Ser cristián é atoparse agora cun Cristo cheo de vida cuxo Espírito nos fai vivir.

Por iso Mateo non nos deixou relato algún sobre a ascensión de Xesús. Preferiu que queden gravadas no corazón dos crentes estas últimas palabras do resucitado: "Eu estou convosco todos os días até o fin do mundo". Este é o gran segredo que alimenta e sostén ao verdadeiro crente: o poder contar co resucitado como compañeiro único de existencia.

Día a día, el está connosco disipando as angustias do noso corazón e lembrándonos que Deus é alguén próximo e próximo a cada un de nós. El está aí para que non nos deixemos dominar nunca polo mal, a desesperación ou a tristeza. O infunde no máis íntimo do noso ser a certeza de que non é a violencia ou a crueldade senón o amor, a enerxía suprema que fai vivir ao home máis aló da morte. El contáxianos a seguridade de que ningunha dor é irrevogable, ningún fracaso é absoluto, ningún pecado imperdoable, ningunha frustración decisiva. O ofrécenos unha esperanza inconmovible nun mundo cuxo horizonte parece pecharse a todo optimismo inxenuo. El descóbrenos  o sentido que pode orientar as nosas vidas no medio dunha sociedade capaz de ofrecernos medios prodixiosos de vida, sen poder dicirnos para que habemos de vivir. El axúdanos a descubrir a verdadeira alegría no medio dunha civilización que nos proporciona tantas cousas sen poder indicarnos que é o que nos pode facer verdadeiramente felices.

Nel temos a gran seguridade de que o amor triunfará. Non nos está permitido o desalento. Non pode haber lugar para a desesperanza. Esta fe non nos dispensa do sufrimento nin fai que as cousas resulten máis fáciles. Pero é o gran segredo que nos fai camiñar día a día cheos de vida, de tenrura e esperanza. O resucitado está connosco.



VER TAMÉN :

Ficha e Lectio - Domingo 7 Pascua A





LECTIO:


Ese é o camiño: a opción pola vida e a opción por Deus son idénticas. O Señor dio no evanxeo de san Xoán: "Esta é a vida eterna: que che coñezan". A vida humana é unha relación. Só podemos ter a vida en relación, non encerrados en nós mesmos. E a relación fundamental é a relación co Creador; pola contra, as demais relacións son fráxiles. Por tanto, o esencial é escoller a Deus. Un mundo baleiro de Deus, un mundo que se esquece de Deus, perde a vida e cae nunha cultura de morte. Por conseguinte, escoller a vida, facer a opción pola vida é, ante todo, escoller a opción-relación con Deus.

Pero inmediatamente xorde a pregunta: con que Deus? Aquí, de novo, axúdanos o Evanxeo: co Deus que nos mostrou o seu rostro en Cristo, co Deus que venceu o odio na cruz, é dicir, co amor até o extremo. Así, escollendo a este Deus, escollemos a vida. (Benedito XVI, 2 de marzo de 2006).

Reflexión

Se quixésemos unha síntese dos requisitos para alcanzar a vida eterna, está aquí: que che coñezan a ti, o único Deus verdadeiro e ao que ti enviaches, Xesucristo. Se coñecer a Deus é o primeiro interese dos crentes, coñecer a Xesús debe ser o primeiro interese dos cristiáns.

Xesús ben sabía que unha vez que lle coñecésemos de verdade, non poderiamos deixar de amalo e de seguilo. Porque non se pode coñecer a Xesús sen caer presa do seu amor. Non se pode coñecer a Xesús sen contaxiarse da esperanza que infunde a súa mensaxe. Non se pode coñecer a Xesús sen crer na súa Paixón, Morte e Resurrección.

Alguén dixo que un crente é un namorado, un que se namorou de Deus. Se lle pides que che dea razóns do seu amor, quizá non logre facelo, non porque non teña razóns ou non as pensou, senón porque terá tantas que se lle amontoarán na boca e non poderán saír. Coñecer a Xesús, non nos pode deixar indiferentes, como non é indiferente o home ante o amor da súa esposa, ou da súa noiva. O verdadeiro cristinano é aquel que coa súa vida tentará corresponderlle regalándolle as súas boas obras.

Por isto, Xesús encomenda os cristiáns ao coidado do Pai. El sabe que chega a súa hora. Pero non quere deixarnos desamparados. Pide ao Pai por aqueles que crerán no Evanxeo ao longo de toda a historia. Por todos os que, coñecendo o que Deus fixo polo home, corresponderanlle cunha vida de auténticos discípulos: amando ao próximo, como Deus nos amou. A pesar de que o mundo nos ignore, nos desprece e nos tache de ilusos e idealistas, cando rememos contra corrente, lembremos que Xesús rogou por nós, simplemente porque somos seus.



26 may. 2014

CINE - A historia de Xesús para nenos

De casualidade atopei esta xoia, é difícil atopar cine en galego e máis relixioso e inda por riba para nenos, isto chámase riza-lo rizo. É a historia de Xesús contada por nenos e seguido o evanxeo de Lucas grazas a eyong52 no Youtube, que conseguiu esta película nun montón de idiomas, tamén no noso. Duración aprox. 61 min.



Esta é a ligazón:
https://www.youtube.com/watch?v=am1dseuE9wk


25 may. 2014

Pedireillo a meu Pai e ha darvos outro Paráclito - Xn 14, 15-21

Domingo 6 de Pascua - ciclo A


NON NOS DEIXAS ORFOS

Non os deixarás orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.

Cando te amamos e cumprimos os teus mandamentos,
o teu Espírito de verdade fainos compaña,
e é par nós forza e alento
para continuar en amor e fidelidade.

Cando facemos o mal,
o teu Espírito de verdade fainos compaña,
e é para nós luz na escuridade,
forza na canseira
e garantía do teu amor e fidelidade.

Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.

Podemos ollar o presente con esperanza
e o futuro con serenidade,
porque ti non desapides de nós,
aínda que nós desapidamos de ti.
Ti estás no máis fondo de nós mesmos,
nós estamos no máis fondo de ti mesmo;
ti e nós, xuntos nunha fraternidade imborrable,
estamos para sempre agachados no corazón de Deus.

Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.

Aínda que pasemos moitos traballos,
aínda que fracasemos nos nosos intentos bos,
aínda que a desgraza nos visite,
aínda que a morte nos recolla antes tempo.

Como cremos no teu amor,
non tardaremos en comprobar a súa fidelidade;
como cremos no teu espírito,
non tardaremos en sentir a súa forza de vida.

Non nos deixas orfos, Señor,

nunca nos deixas orfos. 


Aclama a Deus, terra enteira - Salmo 65

Domingo 6 de Pascua - ciclo A


AMIGOS

Amigo para sempre, ti o meu amigo,
e fíxente de por vida compañeiro,
fun eu o que te elixiu, ameite primeiro,
dos secretos fíxente testemuña. 

Amigos todos, e estaredes comigo,
e non busquedes razóns, é que vos quero,
capaz de dar a vida por enteiro
e facerme por vós un mendigo.

Gardade esta palabra na vosa vida:
que vos amedes uns aos outros con tolemia,
igual que eu vos amei, sen medida.

Consolade ao que chora a súa amargura,
curade dos enfermos toda ferida,
multiplicade servizos, dade tenrura. Amén. 


23 may. 2014

Domingo 6 de Pascua - ciclo A

DOMINGO  VI  DE PASCUA   -   CICLO A


Primeira Lectura      Feit 8, 5-8. 14-17
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Impuxéronlles as mans e recibían o Espírito Santo
  
            Naqueles días, Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. O pobo, dun acordo, atendía ao que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados.
            A cidade encheuse de alegría.
            Ao sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.
            Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.
            Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/. (1): Aclama a Deus, terra enteira.
Ou:  Aleluia.

Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!

Próstrase a terra toda diante de ti
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.

El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.

Vide os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.


Segunda Lectura    1 Pe 3, 15-18
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Mortal na carne, pero vivificado no espírito
  
            Benqueridos irmáns:
            Adorade a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
            Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien.
            Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.
            Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.

Evanxeo     Xn 14, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pedireillo a meu Pai e ha darvos outro Paráclito
  
            Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
            -Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, e eu rogareille ao Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade.
            O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós.
            Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme de ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir.
            Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo
           



UNHA ENTREGA SEMPRE SOLIDARIA: A FRATERNIDADE COA PERSOA ENFERMA  6ºPascua  A

ESCOITA ACTIVA
        A Igrexa española celebra hoxe a Pascua do Enfermo. E faino, como ocorre sempre, neste sexto domingo do tempo pascual. A celebración de hoxe quere pór diante nosa o importante que ten que ser para cantos formamos parte das comunidades cristiás facer da caridade espello no que poder mirarnos cada día. Sen ela, a fe esvaece e morre. Con ela crece, madura e desenvólvese ata facerse creativa e sempre anovada.

         Comecemos logo a celebración predispoñendo o corazón para acoller a quen necesite das tiriñas da achega e da axuda e da presenza solidaria a quen está mergullado na triste dor da enfermidade

CORAZÓN MISERICORDIOSO

        Que non viremos a cara diante da situación na que viven as persoas enfermas, SEÑOR, RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.

        Que non fagamos do noso tempo esquecemento para cos máis necesitados e débiles. CRISTO, RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.

        Que non convertamos a nosa vida e pragmatismo que só busca o noso beneficio, esquecendo a dor dos demais, SEÑOR, RENOVA EN NÓS A FORZA DA CARIDADE.

PALABRA ENRAIZADA

   Moitas veces, a nosa maneira de entender a relación con Deus é semellante á que temos co supermercado, tenda ou comercio ao que imos habitualmente: recorremos a El para suplir as nosas carencias. É mais, tentamos compralo para o noso interese prometéndolle grandes cousas -case sempre materiais que pouco ou nada teñen que ver co eixe vital ao que nos chama Xesús desde o evanxeo: “Cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos...”. Mal sabemos nós que, a diferenza nosa, Deus nin se compra nin se deixa comprar. Seguro que mesmo se ri das nosas ocorrencias materialistas. Para El o fundamental, o importante, o máis urxente son sempre as persoas; e de xeito máis privilexiado, as que están a pasar por situacións de especial dificultade. Deus é alegría, e busca que nós, seguidores seus, saibamos vivir e levar esta alegría a quen puidera necesitala. E todos sabemos -nisto a experiencia tennos chegado a todos-, que a enfermidade, pola dureza, dor e tristura que provoca, necesita persoas alegres -que non falsas de sorriso postizo-, que se fagan presentes para levar a alegría de corazón que tamén levaba Xesús, e que souberon poñer en práctica os apóstolos na primeiras comunidades, tal e como nos di a primeira lectura que temos proclamado hoxe.


   Desde esta alegría entendemos este texto que tan ao cerne chega do sentido cristián da vida, da primeira carta de Pedro: “saber dar razón da nosa esperanza”; é dicir, saber trasladar as nosas conviccións ao que facemos e dicimos, o que supón convencemento e sinceridade. Deus non é un estraño que nos fala por control remoto, senón que se fai presente como forza e dinamismo na nosa vida. Para que nos tería valido un Deus de moita grandiosidade que se esquece da vida, dos sufrimentos e da dor dos seus?. Para nada!!!!!!!!. Si, porque un Deus das e nas alturas nin dá sentido nin pode ocupar espazo no corazón das persoas. E xa sabemos: cando alguén non é capaz de estar no corazón, convértese en baleiro e non significa nada. Porén, o deus cristián, o deus de Xesús, non só significa moito, senón que ao facerse un coma nós, a súa identificación converteuno no mellor testemuño do que os seus seguidores estamos chamados a facer da nosa vida. E para iso é necesario saber a razón e o por que da súa presenza en nós. De aí que Pedro insista en que temos que saber dar razón da nosa esperanza. Non nos valen, xa pasou o tempo, as palabras ocas, inda que soen moi ben e se digan moi alto, senón os xestos sinxelos e convencidos a través dos que manifestamos que El si ocupa un lugar fundamental nos nosos corazóns. Tan fundamental que necesitamos mostralo servindo aos demais desde e con amor. Porque alí o recoñecemos. E isto é necesario facelo sen impoñer, senón propoñendo, para que quen queira, e desde a súa liberdade poida dicir: sígote e acóllote...Inda que iso supoña incomprensión e, moitas veces, sufrimento.

   Por iso, se seguimos esta folla de ruta trazada por Xesús, e tan ben recollida polos Apóstolos cando puxeron por escrito a súa mensaxe, entendemos, sen necesidade de moitas explicacións, que o amor é cerne e guieiro da nosa vida, de canto fagamos e sexamos capaces de compartir. Desde ese amor somos capaces de superar as contradicións do mundo, non para condenalo, senón para facelo mellor, para colaborar na súa transformación, para dar a coñecer nel e desde el, o traballo compartido na pluralidade de opcións e visións presentes nel. E nesta tarefa nunca estaremos orfos nin ao pairo. A presenza do Espírito faranos sentir que o noso traballo, o noso esforzo e a nosa esperanza nin son palabras baleiras nin recurso lingüístico para embobar aos que nos escoitan. Son verdadeiras conviccións que nos levan a facer da fe expresión da caridade, cumio e cerne da mensaxe de Xesús, que cura corazóns e sanda feridas dos irmáns que van quedando nas beiras desta sociedade de mercadores, incapaz de termar dos máis débiles e mancados.

FRATERNIDADE ORANTE

Diante do Deus que nos chama a facer da nosa vida imaxe da esperanza que move o corazón, dicimos:

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

Para que a Igrexa non se deixe engaiolar pola ansia de poder e dominio, e saiba poñer nos corazóns rotos das persoas tiriñas de caridade solidaria e xusta, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

Para que nas nosas comunidades non caiamos na tentación de crenos únicos, mellores e cumpridores de ritos e normas, esquecendo que, como persoas que somos, necesitámonos e necesítannos; o que nos ten que levar a ser sinxelos e a practicar a humildade, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

Para que fagamos da nosa vida compromiso de servizo e preocupación polos máis necesitados e enfermos da nosa contorna, evitando que a indiferenza aniñe en nós, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

Polas persoas que, con amor e entrega agradecida, dedican o seu tempo, a súa vida e as súas forzas a coidar das persoas enfermas, OREMOS.

QUE FAGAMOS DOS MANDAMENTOS EXPRESIÓN DE AMOR

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e o corazón para saber estar preto de quen necesita das nosas tiriñas de entrega, xenerosidade e compañía. P.X.N. S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

Señor, Ti que sabías escoltar, acoller e acompañar a quen estaba enfermo coa delicadeza de quen non busca o recoñecemento, senón transmitir agarimo e entrega.

Señor, Ti que tratabas aos enfermos con aquela delicadeza que facía que se achegaran a Ti sen medo e con confianza; dáme esa mesma dozura, ese mesmo agarimo, ese mesmo sorriso para saber transmitirlles que a través de min ti estás alí. Ao seu lado, na súa dor, no seu sufrimento.

         Que eu saiba calar a tempo, acompañar sen facer barullo, estar sen facerme nin imprescindible nin importante, para non agonialo nin entristecelo, senón para quererte queréndoo. Amen.


CANTO GOZOSO
 
     ENTRADA:
     Non vou so
     LECTURAS:
     OFERTORIO:
     COMUÑÓN:
     Grazas, Señor, graciñas

POWER POINTS