Pedireillo a meu Pai e ha darvos outro Paráclito - Xn 14, 15-21
Domingo 6 de Pascua - ciclo A
NON NOS DEIXAS ORFOS
Non os deixarás orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.
Cando te amamos e cumprimos os teus
mandamentos,
o teu Espírito de verdade fainos compaña,
e é par nós forza e alento
para continuar en amor e fidelidade.
Cando facemos o mal,
o teu Espírito de verdade fainos compaña,
e é para nós luz na escuridade,
forza na canseira
e garantía do teu amor e fidelidade.
Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.
Podemos ollar o presente con esperanza
e o futuro con serenidade,
porque ti non desapides de nós,
aínda que nós desapidamos de ti.
Ti estás no máis fondo de nós mesmos,
nós estamos no máis fondo de ti mesmo;
ti e nós, xuntos nunha fraternidade
imborrable,
estamos para sempre agachados no corazón de
Deus.
Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.
Aínda que pasemos moitos traballos,
aínda que fracasemos nos nosos intentos bos,
aínda que a desgraza nos visite,
aínda que a morte nos recolla antes tempo.
Como cremos no teu amor,
non tardaremos en comprobar a súa fidelidade;
como cremos no teu espírito,
non tardaremos en sentir a súa forza de vida.
Non nos deixas orfos, Señor,
nunca nos deixas orfos.
Comentarios
Publicar un comentario