Domingo 7 de Pascua. Ascensión do Señor - ciclo A

A ASCENSIÓN DO SEÑOR   -  A
Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
  
            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
            ‑ Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
            El respondeulles:
            ‑ Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
            ‑ Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
  
            Irmáns:
            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.  
            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
CICLO A      Mt 28, 16-20
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra
  
            Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
            Entón acercouse Xesús e díxolles:
            ‑ Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           




QUE A NOSA BOCA SEXA MEDIO DE ACLAMACIÓN DA SABEDORÍA DE DEUS – Ascensión   A  2014

ESCOITA ACTIVA
Mirar os acontecementos da nosa historia só cara arriba é propio da maxia. Miralos cara atrás é propio da superstición. Porén nós, coma cristiáns, temos unha mirada propia: cara arriba, confiando en Deus; cara ós lados, buscando aos irmáns; e cara adiante, construíndo futuro con optimismo, coa ledicia de sabérmonos acompañados.

Mais sempre temos a tentación da mirada máxica ou supersticiosa. A Pascua é tempo de espertar, de renunciar a estas tentacións, de liberarnos das cadeas que escravizan. Busquemos coa mirada a Cristo, miremos ao irmán e comecemos esta celebración recoñecendo nel a imaxe do Resucitado.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Porque moitas veces caemos na tentación de desconectar da realidade e pasar de todo, SEÑOR, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
*        Porque esquecemos que a nosa vida ten que ser un canto para aclamarte, e non para esquecerte, CRISTO, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.
*        Polo noso costume de botarlle a culpa do que lle ocorre á Igrexa aos demais, sen facer autocrítica sobre a nosa falta de ilusión e testemuño, SEÑOR, QUE BOTEMOS RAÍCES DE FRATERNIDADE.

PALABRA ENRAIZADA
*        A pregunta que se lle fai hoxe na lectura do libro dos Feitos aos apóstolos, ben se nos podería facer a nós moitas veces. Porque... canto non temos mirado ao ceo para non comprometernos nunha tarefa que nos correspondía, deixando que a fixeran outros, cargándolles o traballo?; cantas veces non temos mirado ao ceo para evitar mirar de fronte a quen busca en nós unha man que axude, unha palabra que alente ou unha compaña que aparte da dor e soidade nas que está vivindo?; cantas e cantas veces -teriamos que preguntarnos- cando miramos para outro lado, cambiamos de conversación ou fixemos oídos xordos ás voces que nos buscaban e esperaban de nós unha resposta acorde co que somos: seguidores de Xesús? Por iso ten sempre tanta actualidade a palabra de Deus que lemos nas celebracións; por iso non pasa de moda; por iso sempre podemos atopar nela aspectos que nos axuden a asentar e mellorar a nosa vida. Máis alá dos costumes ou tradicións nas que temos convertido a fe, ao que nos chama Xesús sempre e especialmente hoxe, na festa da Ascensión, é a non desconectar do mundo. Porque é no mundo onde El quere que deamos razón da nosa fe, das nosas conviccións, da nosa resposta de non quedar mirando cara ao ceo como se foramos papamoscas. A mellor aclamación que podemos facer a Deus non é con rutinas nin con oracións repetidas sen pensar no que dicimos, senón cos nosos feitos cheos de esperanza, alegría e sinceridade. Iso si que move corazóns e fai preguntarse a aqueles que nos ven de lonxe e sempre están dispostos a cuestionar o que facemos. Diante disto só hai unha resposta: o convencemento do que facemos. Responsabilidade, coherencia, honestidade, solidariedade, xustiza, colaboración... teñen que ser as actitudes que, como resposta a Xesús, podemos ofrecer para dicir que paga a pena seguir confesando a fe en Deus, creador e Señor; no seu Fillo Xesucristo e no Espírito Santo. Con tanta compaña ao noso lado, nunca poderemos dicir que estamos solos e abandonados por El. Abramos os ollos, limpemos os oídos a ofrezamos as mans.

*        Paulo tentaba de explicarlle isto mesmo aos cristiáns de Éfeso cando lles dicía que Deus puxo baixo os seus pés tódalas posibilidades que permiten que o mundo sexa un lugar de inclusión e non de exclusión; un lugar de encontro e non de soidade; un lugar de diálogo e non de autoritarismo. Deus puxo ao noso dispor esta capacidade de transformación e cambio. O que ocorre é que para nós é moito máis doado dar as costas e buscar autoxustificacións ás nosas covardías, aos nosos individualismos, ás nosas comodidades... en lugar de saír e buscar, saír e atopar, saír e construír. O seguimento de Xesús ou é comunitario ou non é. Porque El o quixo así. Porque El o viviu así. Porque El nolo ofreceu así. De ninguén máis ca de nós vai depender acollelo e poñelo en práctica para mostrárllelo aos outros: a quen está afastado, a quen está rebotado, a quen está decepcionado coa nosa pouca ilusión e convencemento á hora de facer vida o que dicimos no credo: creo en Xesucristo. O sometemento baixo os seus pés non é escravitude, senón liberdade para facer posible entendemento e diálogo coa nosa vida.

*        Hai cincuenta anos, o Papa Paulo VI, tentando poñerlle rostro ás palabras de Xesús escribiu unha encíclica que leva por título “Eclesiam suam”, na que chamaba, unha e outra vez, ao diálogo como medio desde e polo que camiñar cada día no cara dentro e no cara fóra da Igrexa. Tanto tempo despois, segue en pé e vivo este chamamento. Porque a Igrexa será verdadeiramente de Xesús se é unha Igrexa dialogante, fraterna e con capacidade de escoitar e saír ao encontro dos demais, sen ter que pedir documentos que identifiquen nin “pedigree” que nos fagan crer mellores e superiores ca os demais.
*         Só deste xeito, na sinxeleza de quen cre construíndo encontro e entendemento; e non na imposición de quen se cre superior e mellor aos demais, seremos capaces de responder ao envío que Xesús nos fai tamén a nós hoxe: “Ide e facede discípulos de tódolos pobos”. A universalidade da proposta de Xesús, a universalidade da proposta cristiá, ten que ser sinxela, respectuosa e partir sempre da realidade. Sen ideas fixas nin precomprensión excluíntes. Só deste xeito seremos capaces de comprender que El está connosco.

FRATERNIDADE ORANTE
Presentemos a nosa oración comunitaria, sabendo que a universalidade da fe lévanos a pensar non só en nós, senón en tódalas persoas necesitadas da forza da oración e da man solidaria dos que nos chamamos amigos de Xesús. Dicimos logo xuntos:
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que sexamos unha Igrexa que sabe mirar ao mundo traballando pola xustiza e o ben común; e ao ceo para agradecer a forza da túa presenza, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que non cansemos nunca de renovar proxectos, ofrecer ideas, alentar colaboracións e unir vontades, facendo das nosas parroquias lugares de entendemento e non de enfrontamento, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
ü  Para que aprendamos a vivir o noso cristianismo como unha experiencia de gozo e non como unha carga pesada que nos condena, infantiliza e nos enche de medo, OREMOS.
QUE ONDE ESTEAMOS, LEVEMOS A TÚA PAZ
Señor, que a festa da Ascensión nos axude a tomar conciencia do noso compromiso de ser sal que dea sabor e azucre que adoce as relacións duns cos outros no medio dun mundo que se sabe crispado e violento. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
          Xesús marcha, pero quedan tantas cousas por facer! Entón, envía os seus discípulos para que continúen a súa obra. Xa anteriormente Xesús mandáraos ás aldeas, porque El non podía chegar a todas.
Xesús deuno todo para dar a coñecer o Pai e adiantar o seu Reino. Agora os apóstolos e os discípulos deben seguir facendo o que fixo Cristo e ao xeito de Cristo.
Rematou a hora de Cristo e agora comeza a hora dos cristiáns e das cristiás; a hora da Igrexa.
(Cáritas, La hermosura de la caridad, p. 244)

CANTO GOZOSO
  ENTRADA: Ti es camiño e verdade
  GLORIA
  LECTURAS: Oh, Señor, escólleme
  OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
  COMUÑÓN: Ide e pregoade




POWER POINTS



Comentarios

Publicacións populares