31 ene. 2015

Domingo 4 do Tpo. Ordinario B

4º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura      Deut 18, 15-20
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Farei xurdir un profeta e poñerei as miñas palabras na súa boca
  
            Díxolle Moisés ao pobo:
            O Señor, o teu Deus, fará xurdir, no medio de ti, de entre os teus irmáns, un profeta coma min.
            Facédelle caso, tal como llo pediches ao Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer.
            E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas.
            Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
              Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.



Segunda Lectura     1 Cor 7, 32-35
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A virxe considera o que corresponde a Deus para ser santa
  
            Irmáns:
            Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar.
            Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; e así está dividido.
           A muller non casada, o mesmo cá doncela ceibe, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma.
            Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ao seu home.
            Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ao contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ao Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 4, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O pobo asentado nas tebras viu unha inmensa luz
e para os asentados na rexión e na sombra da morte amenceu a luz.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 1, 21-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ensinábaos coma quen ten autoridade
  
            Naquel tempo viñeron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
            Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
            ‑ Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
            Xesús mandoulle:
            ‑ Cala, e bótate fóra dese home.
            O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
            ‑ Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos, e eles obedéceno.
            E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

 

O PODER DA PALABRA
4º Domingo TOB  2015

ESCOITA ACTIVA

A palabra é unha arma poderosa que podemos usar de xeito negativo ou positivo. Convéncenos unha persoa que sabe argumentar as súas ideas e causas, pónsenos a pel de galiña cando escoitamos a alguén recitar un poema con sentimento, acoden as bágoas aos nosos ollos cando alguén a quen queremos nos fire coas súas palabras, sorrimos e mesmo se nos soben as cores cando alguén nos dirixe unhas palabras de amor ou gaba algo de nós....
Pois ben, a Palabra é tamén a que nos convoca nesta mañá de domingo. Unha Palabra con autoridade, que non con autoritarismo, que sae ao noso encontro para ser caxato na nosa vida. Escoitaremos a súa voz ou endureceremos o noso corazón?.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  Porque as nosas teimas impídennos moitas veces escoitar a túa voz, que nos fala de esperanza e gozo,              SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.
                                    Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos fala de sinxeleza, unión, diálogo, xustiza, solidariedade e paz,                 CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.
                                     Porque non estamos dispostos/as a ser a túa voz denunciando abusos, inxustizas, explotacións ou discriminacións, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA

·         Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que? Velaí a pregunta do millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con autoridade. No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e esmagado pola mesma sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da conversión. E non aceptan os sinais do Reino. E hoxe, non nos estará pasando o mesmo a moitos cristiáns que seguen a esgazarse as vestiduras mesmo diante dalgunhas palabras do Papa Francisco que son milimetricamente analizadas e cuestionadas?. Como diría Hélder Cámara: “Se lle dou de comer aos pobres, din que son un santo. Pero se pregunto por que hai pobres, din que son comunista”.

·         Porén, Xesús atraía multitudes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.

·         A Palabra invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?, quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras, a Xesucristo?. Ao mellor non nos facemos estas preguntas; tamén pode pasar que escoitemos a Palabra e a deixemos esvarar por nós, sen tentar de remoela e levala á vida de cada día. Pois inda que nos pareza estraño, El segue suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das cousas do mundo, para cambialas e facer delas lugares e ámbitos da súa presenza. Seguen xurdindo homes e mulleres que, deixándose levar pola forza da Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos. Porque cando un é coherente con aquilo que cre, reza e vive.... iso é autoridade.


FRATERNIDADE ORANTE

Pómonos, Señor, nas túas mans e abrímonos a túa confianza, para que acompañes e alentes a nosa vida, dicíndoche:
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ

Para  que entre todos fagamos da Igrexa unha comunidade viva, aberta e fraterna, que ten que saber escoitar a túa voz no medio dun mundo tantas veces cheo de ruído, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
 Para que entre todos nos esforcemos por crear nas nosas comunidades espazos que sirvan para vernos, escoitarnos, alentarnos e compartir as riquezas e pobrezas das nosas vidas, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
           Para que cada un/unha dos que nos sentimos esperanzados e gozosos pola Palabra do teu Fillo, nos esforcemos día a día en superar a tentación de reducila a simple vivencia descarnada do que cada día nos preocupa e ilusiona, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ

Grazas, Señor, por esta nova oportunidade que nos dás de facer da nosa vida unha experiencia gozosa de encontro contigo e cos irmáns. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA

Anunciamos a Boa Nova de Xesús
cando seguimos as súas pegadas
e a nosa vida dá testemuño
do Reino que Deus quere para todas as persoas.
Anunciamos a boa Nova de Xesús
cando vivimos para os demais,
cando nos interesa o que lle pasa á outra persoa,
cando nos comprometemos pola vida,
cando traballamos pola xustiza,
cando construímos a paz,
cando nos rebelamos diante da inxustiza,
cando comezamos a compartir,
cando aprendemos xuntos,
cando superamos as diferenzas,
cando nos preocupamos dos problemas desta terra,
cando temos a mirada atenta para ver a Deus que fala na vida,
cando confiamos en que el camiña con nós e nos dará as forzas necesarias.
Entón... e só entón... teremos autoridade.

CANTO GOZOSO
Odres Nuevos - Evangelio 1 febrero 2015 COLORENTRADA: 
LECTURAS:
Escoita ti
OFERTORIO:
COMUÑÓN:


POWER POINTS

Domingo 4 Ordinario B
Domingo 4 Ord B-Bene Pagola

28 ene. 2015

Ficha e Lectio - Domingo 4 de Ord B

DOMINGO IV DO TEMPO ORDINARIO 
(1. II. 2014)

            Sempre me chamou a atención o que se nos di hoxe no Evanxeo de Marcos sobre Xesús: “Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados”.
            Eu non estudei Dereito, pero imaxino que algúns dos profesores desa Facultade explicarán os temas das leis algo así como o facían os letrados dos que se nos fala no Novo Testamento. Xa sabemos que as leis que rexían o comportamento dos xudeus do tempo de Xesús eran moitas, moi minuciosas e tamén moi concretas e exteriores. E para iso o pobo precisaba de mestres da lei que dunha maneira bastante impersoal e aséptica lles explicasen con precisión e detención as cousas.
            Pero xa sabemos que, como tantas veces temos oído, a letra mata, mentres que só o espírito vivifica. O que importa, pois, é o espírito da lei, non a súa letra. E ós letrados da época de Xesús semella que lles preocupaba máis a letra có seu espírito.
            De Xesús, a quen se lle chamaba tamén “Mestre”, lle estrañaban poderosamente á xente as cousas que dicía, mais sobre todo o seu modo de dicilas. El era algo así como un podente volcán, semellante a eses dos que algunha vez se nos conta que son capaces de abrollar dende o fondo do mar cara á superficie, chegando a formar se cadra incluso unha nova illa por enriba do mar. Os volcáns emiten tamén desde o fondo de si mesmos a súa palabra e son capaces de formar novas realidades. Tamén Xesús dicía de si mesmo: “lume vin traer á terra e que máis querería eu ca que xa estivese a arder”... Algo así, pois, coma un volcán, mais un volcán non destrutivo senón construtor, benigno e facedor de bens.
            Quero dicir que Xesús falaba tamén, con quente emoción e convencemento, desde a súa experiencia máis fonda e íntima. Falaba do que el sabía e vivía. Desde a conciencia do seu saberse unido intimamente co Pai Deus e con tódolos seus irmáns da terra. Cos irmáns do seu tempo, cos do noso tempo e cos dos tempos que virán despois de nós. Era un falar comprometido, apaixonado, fraternal, divinamente humano. ¡Quen puidera estar alí presente e oílo falar! Sobre todo, sería un falar libre e animoso, engaiolante. “Nunca ninguén falou así!”, dicían uns. Outros non podían entender o que ocorría e comentaban: “¿Non é este o fillo do carpinteiro?”. Coma quen di: ¿Non é este o fillo da panadeira veciña ou do obreiro en paro?... Isto viña ser un verdadeiro escándalo, pero por outra parte o que el dicía tiña que ser verdade, porque se non ¿como podía namorarse o corazón tanto do que dicía? Tiña que ser verdade o que saía da súa boca e do seu corazón. Porque Xesús, o profeta e mestre, ofrecía confianza e paz ós corazóns da xente, convertía as persoas en verdadeiramente libres e felices.
            É lóxico que a xente non puidese menos de dicir o que nos refire Marcos que dicían: “É unha nova doutrina, e con autoridade”. Marcos dinos, efectivamente, ata dúas veces neste curto texto, que Xesús falaba e ensinaba con “autoridade”.
            Importante expresión esta, a da “autoridade”, que pode prestarse a confusión! Cando se nos anuncia, por exemplo nun acto político ou social, que están a chegar as autoridades, un pode pensar, se non se está informado, que vai vir o alcalde de Vigo, ou quizais o Presidente da Xunta ou alguén máis importante aínda... Por máis que vivamos en países chamados democráticos, as autoridades case sempre provocan en nós un non sei que de cauteloso respecto ou incluso de medo, posiblemente atávico.
            Cando nos di Marcos que Xesús falaba con “autoridade” non era este tipo de autoridade humana (civil, militar ou relixiosa) a que alí se estaba a presenciar. Non. Á fin e ó cabo, todos saberedes máis ou menos que a palabra “autoridade” provén, nas linguas nosas que proveñen en boa parte do latín, da raíz “augere”, que significa “aumentar”. De modo que algúen ten “autoridade” cando sabe e é capaz de aumentar, de conseguir agrandar os demais, de facelos medrar, de encher coa forza do seu vento propicio as velas das nosas barcas e facelas así camiñar con suavidade e dereitura polo mar. Con ese vento amigo, co espírito da fala de Xesús a xente notaba que os seus corazóns se enchían e despregaban coma as velas dunha lancha con bo vento. En consecuencia, podían vivir e camiñar con ilusión.
            Sumos Pontífices, bispos, cregos, frades, párrocos, xente normal e corrente coma todos nós, deberiamos aprender a ser xente de “autoridade”, é dicir, xente revestida interna e externamente daquela sinxela e amigábel autoridade de Xesús, que se algún diploma ou currículo tiña era os de ser e sentirse fillo benquerido de Deus Pai e irmán maior de todos nós.
            Se queremos, pois, ter algunha autoridade ten que ser sempre unha autoridade fondamente democrática e humana que, coma a de Xesús, faga medrar ós demais na fraternidade, na humanidade. Se Xesús é o Deus feito home, non nos queda outro camiño para achegármonos a ese Deus que comportarnos como el se comporta: facernos plenamente humanos, ben achegadiños á todos, empezando polos máis necesitados.
            Temos que obedecer aquel imperativo do poeta grego Píndaro: “Chega a ser o que es”. No contexto no que estamos a falar: Cheguemos a ser o que somos, persoas humanas, plenamente humanas. É así como chegaremos a ser verdadeiramente divinos. Foi isto o que nos veu dicir Xesús ó traernos a mensaxe do Pai. Xesús foi ese fermento da humanidade que fixo “aumentar” coa súa autoridade as nosas vidas. Foi esta ademais unha das comparanzas das que Xesús botou man algunha vez: a mensaxe de Xesús é como esa pequena cantidade de fermento que fai levedar e inchar toda a masa de millo ou trigo que se converterá en pan.
            Coa nosa participación na eucaristía, recibindo en nós o “corpo de Cristo” (tal como nolo di, ó recibirmos a comuñón, o sacerdote), cada un de nós e a comunidade toda que entre todos formamos iremos medrando no seguimento de Xesús grazas a “autoridade” engrandecedora sobre nós do Fillo de Deus. Que así sexa!

CREDO  
    
   
ORACIÓN DOS FIEIS

Unidos todos, Pai, ó teu Fillo Xesús, que se fixo irmán noso, humano coma nós, pedímosche conxuntamente que fagas medrar en nós o espírito de Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

            -Ti que deches “autoridade” ó teu Fillo Xesús para anunciarte a Ti, Pai, fai que todos nos sintamos movidos pola palabra de Xesús. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
            -Dános, Pai, espírito de sinxeleza e humanidade para así podermos entender a mensaxe de Xesús. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
            -Concédenos, Pai, estimar e practicar a fraternidade e igualdade entre tódalas persoas, como sinal de sermos de verdade discípulos de Xesús. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


26 ene. 2015

Libro de Oracións para nenos (2)

Decidín facelo porque -oh, sorpresa- chamáronme dunha librería para ver se tiña algo disto ou se sabía onde localizar algo así... pero non hai nada disponible, xa sabedes...

Este é máis ben pensando en colexios e catequistas:



 







Eu fíxeno así, un pouco simple, para que poñades
só o texto se queredes, pero podedes engadirlle 
os debuxos de Fano, ó voso gusto.
Completareino nunha segunda entrega, 
é un pouco máis longo do que parece...

Nesta ligazón veredes un exemplo de como podería quedar:

25 ene. 2015

Convertéronse da súa mala vida - Xon 3, 1-5. 10

Domingo 3 Tpo. Ordinario - ciclo B


PREGARIAS PARA MEDRAR 
EN ILUSIÓN

Señor Xesús,
ben ves como ando moitas veces,
coas ilusión tiradas polo chan.

Nin teño ganas de traballar,
nin teño ganas de estar cos amigos,
nin teño ganas dos proxectos comunitarios,
nin teño ganas sequera de estar contigo.

Pésame o corpo e pésame o espírito,
pésanme os meus fallos e os fallos dos demais,
pésame o fracaso,
pésame o fracaso dos pobres no mundo.

Conto coa túa axuda, Xesús.
Eu sen ti non podo nada;
sen os meus compañeiros non podo nada.
Como che agradezo a ti e a eles
a paciencia que tedes comigo
e a ilusión que tantas veces me renovades!

Como me alegraría
de ver que a túa ilusión prende en min!
Como me alegraría tamén
de ver que outros recuperan os ánimos
grazas a min!

Xesús, os teus camiños gústanme;
contigo e coas túas cousas son feliz.
No que en poida e saiba e valla,
conta comigo.