Ficha e Lectio- Domingo 2 despois de Nadal
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO II DESPOIS DE Nadal
(Ano B: 4. I. 2015)
Pasado
mañá é tamén día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos
a entrañábel festa dos Reis Magos a pouco de comezar o novo ano. Hai só tamén
tres días que celebramos a festividade de “Santa María Nai de Deus” co que
comezou tamén unha vez máis un ano novo, que agora se chama 2015. Por todo isto
procurarei hoxe ser algo máis breve do normal, porque o que importa non é o
moito oír e falar, aínda que se trate de temas tan importantes e instrutivos,
senón o moito darlle voltas no noso interior, no noso corazón, ás grandezas que
Deus fixo e segue a facer con nós.
Temos
que abrirlle a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos
por medio do seu Fillo, que é –tal como nos di Xoán no evanxeo de hoxe- a
Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, á humanidade toda.
Por
medio desa palabra de Deus convertémonos en fillos de Deus, asemellándonos ó fillo
benquerido de Deus, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrármonos naquilo
que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que
non pode ser só teórica, senón que ha ser sobre todo viva e práctica. Nestas
festas que estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É
nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa
relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é
desde sempre o misterioso proxecto de Deus Pai con nós.
Paulo
dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura de hoxe. En Xesús, coméntanos
el, estamos todos “benditos”. Pois foi nel e “por medio” del, por medio de
Xesús, cómo Deus Pai nos “escolleu” e “predestinou” a todos nós, “antes da
creación do mundo”, para “sermos fillos adoptivos seus”. Isto é algo que ningún
pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo, se non nos fose revelado
por medio de Xesús. Un Xesús que coñece o seu Pai Deus como fillo “benquerido”,
que se relaciona polo tanto con el de
maneira infinitamente familiar e única.
Como
este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e, en consecuencia, nos resulta
totalmente imposíbel poder entendelo e comprendelo directamente, por iso se nos
comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. A un neno, a un coma
nós, si que os podemos en certa medida entender, porque participan da nosa
común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó
mesmo tempo, esta mesma Palabra, tan divina coma o Pai que a pronuncia, que a
dirixe a nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e -por estraño que poida parecer-
tan doado tamén de entender o que se nos di neste, tan famoso, comezo do
evanxeo de Xoán, que acabamos de proclamar e escoitar.
Xesús
é a “Palabra” de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a súa palabra.
Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande, e non pode
haber ninguén meirande ca Deus, lle dirixe a un a palabra, queda un ipso facto
transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un ninguén, unha
nada ou algo totalmente insignificante, á dignidade e grandeza de vérmonos
convertidos en “fillos de Deus”. Podemos dicir que nacemos de novo. Xoán dinos
que “nacemos” así da “vontade de Deus”. Ó nacermos deste xeito divino,
recibimos –continúa a proclamar Xoán- “o poder de sermos fillos de Deus”. Si,
si. Tal e como soa. Non desvaloricemos esta grande mensaxe cristiá: “fillos de
Deus”, adoptivos (iso si, pois sería imposible que fose doutra forma), pero
verdadeiros, auténticos.
Por
iso, esa gran mensaxe de Xesús como “Palabra” de Deus a nós que nos converte en
fillos seus, en fillos de Deus Pai, ten unha enorme, inconcibíbel, capacidade
vivificadora e iluminadora. Nesa palabra, dísenos no evanxeo de hoxe, está a
“vida”. Xesús diranos: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. Unha vida que, ó
mesmo tempo, é “luz dos homes”, luz contra a que nada poden facer as tebras. “A
Palabra –dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este
mundo”. “Eu son –diranos Xesús- a LUZ do mundo”. Xesús, palabra de Deus Pai ó
mundo, é para Xoán ese novo sol que espalla vida, calor e luminosidade fronte a
calquera clase de morte ou escuridade.
Por
todo isto, Xesús como “palabra” non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É,
polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. “A Palabra
fíxose carne”, dísenos de maneira rotunda e concisa no evanxeo de Xoán. Da
mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade
infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así,
por Xesús podemos saber cómo é Deus. Este é o resumo e a conclusión da
reflexión de Xoán: “A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai”,
foi que nolo revelou”.
Deámoslle
grazas a Deus por ter querido manifestársenos no seu fillo Xesús, aparecendo
entre nós, como nos di tamén Xoán, “cheo de graza e de verdade”.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoste
a Ti, benquerido Pai noso, a nosa oración da man do teu fillo Xesús, palabra
túa que se dirixe a nós e que fai posíbel esta oración nosa, dicindo:
Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, espírito agradecido contigo por
téreste dignado dirixirte a nós por medio do
teu mesmo Fillo Xesús, o teu tesouro máis prezado.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, oído fino e atento para podermos
atender e entender esta palabra que nos dirixes
a todos nós en Xesús.
TODOS: Escóitanos,
Pai.
- Fai, Pai, que a humanidade toda se achegue cada
vez máis á túa Palabra divina, para se converter
así no Reino que ti queres instaurar no mundo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Señor e
irmán Noso e Palabra túa. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario