Domingo 3 do Tpo. Ordinario - ciclo B
3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO B
Primeira Lectura Xon 3, 1-5.
10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XONÁS
Convertéronse os ninivitas da súa mala vida
Veulle de segunda vez
a palabra do Señor a Xonás:
‑ Érguete, vai a
Nínive, a gran cidade, e proclámalle a mensaxe que eu che dei.
Xonás ergueuse e
marchou a Nínive, conforme á palabra do Señor. Nínive era unha cidade
enormemente grande, de tres días para atravesala.
Xonás comezou a entrar
na cidade o camiño dun día e predicaba así:
‑ Dentro de corenta
días Nínive será destruída.
Os homes de Nínive
creron en Deus e proclamaron o xaxún. Vestíronse de saco desde o máis grande ao
máis pequeno.
Viu Deus as súas
obras, como se convertían do seu mal camiño, e arrepentiuse do mal que dixera
que lles ía facer, e non llelo fixo.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 24,
4bc-5ab. 6-7bc. 8-9
R/. (4a): Amósame, Señor, os teus camiños.
Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.
Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.
O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.
Segunda Lectura 1 Cor 7,
29-31
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS CORINTIOS
Pasou a configuración deste mundo
O que vos digo,
irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan
coma se non a tivesen; os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres
coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; os que
gozan no mundo, coma se non gozasen.
Porque o mundo, na súa
configuración actual, está a pasar.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mc 1 , 15
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Chega o Reino de Deus;
convertédevos e crede no Evanxeo.
Aleluia.
Evanxeo Mc 1, 14-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Facede penitencia e crede no Evanxeo
Cando prenderon a
Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo:
‑ O tempo está
cumprido e chega o Reino de Deus; convertédevos e crede no Evanxeo.
Camiñando pola ribeira
do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, o irmán de Simón, que estaban
largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
‑ Vinde comigo, e
fareivos pescadores de homes.
Eles deixaron de
contado as redes e seguírono.
Un pouco máis adiante
viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán; tamén eles
estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron a
seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros, e marcharon con el.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
HOXE PODE SER UN DÍA GRANDE
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
É triste,
pero cada día coñecemos a moita xente que nace, crece, traballa, reprodúcese
(ou non), xubílase e morre. Así, sen máis. Endexamais se preguntaron quen son,
como son, que fan, por que o fan, para que viven, cara onde camiñan…. ou cara
onde quixeran camiñar. Porque ser protagonistas da nosa propia historia, vivir
a tope a vida, chegar a ser persoa… non é algo que se nos dea feito, que se
consegue con ir sumando anos ou que se atopa sen buscar seriamente.
Descubrir
o sentido profundo da vida, ser nós mesmos, é tarefa persoal e intransferible.
A tarefa máis urxente e primeira de toda a vida. Porque Deus chámanos a ser nós
mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora… e
ensinounos o camiño: o servizo. Que a celebración que agora comezamos nos axude
a decatarnos de que hoxe é un bo día para descubrilo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Por non
querer dedicar tempo a revisar a nosa vida, e recoñecer que moitas veces
facémoslle mal aos demais co que dicimos e facemos,
SEÑOR,
AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
· Porque
desconfiamos das persoas, dos seus intereses, da súas motivacións negándolles
así a nosa confianza,
CRISTO, AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
· Porque
son demasiadas as ocasións nas que nos refuxiamos na masa, no ruído e na
superficialidade, para evitar tomar decisións e enfrontarnos aos problemas,
SEÑOR,
AXÚDANOS A CONVERTERNOS.
PALABRA ENRAIZADA
Hai
acontecementos na vida das persoas que fan cambiar o noso comportamento, o noso
xeito de vida: namorarnos, unha nova amizade, o nacemento dun fillo… Por
desgraza, a fe e o encontro co Resucitado non é un deles. Porque vinte séculos
despois, o encontro con Xesús, desgraciadamente, non provoca en nós unha
integración, un cambio de vida. É verdade que seguimos dicindo e escoitando que
o Reino está cerca, mesmo que está dentro de nós; pero na meirande parte dos
casos non cremos o que dicimos e, en consecuencia, non cambia a nosa vida.
Pedro, André, Santiago e Xoán escoitaron estas palabras de Xesús e créronas.
Deixaron as súas barcas, as súas redes, a súa casa… todo o que tiñan. Pero
había algo naquela chamada que os convence. E nós?. É posible que ata o de
agora, recibiramos unha chamada sociolóxica: nacemos nunha civilización, nunha
familia e nun momento no que tiñamos que ser cristiáns. Herdámolo, coma os
apelidos. Pero fáltanos o adestramento persoal, a resposta concreta,
consciente, madura, reflexiva.
· Porén, o
encontro con Xesús debería transformar todas as realidades deste mundo: redes,
familia, barca, negocios, traballo... quedarán descentradas. Porque o Deus que
nos revela Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, próximos aos pobres e
aos que precisan xustiza. E nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, os
seus ollos, o seu corazón, neste noso Nínive de crise, de nihilismo, de paro,
de marxinación, de contratos-lixo.
· Porque só
desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con Aquel en quen cremos,
só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os
demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. A isto é ao que fai
referencia a expresión “pescadores de homes”, que hoxe escoitamos no evanxeo e
que moitas veces interpretamos mal primando a cantidade sobre a calidade,
converténdoa en sinónimo de imposición. Hoxe, máis que nunca, é importante que
entendamos que o camiño nunca pode ser o da imposición, o do medo ou o da
obriga, nin tampouco o da obediencia cega, pois ademais de seren contrarios á
mensaxe de Xesús, son armas de dobre fío que se volven contra nós co paso do
tempo. O camiño pasa pola invitación, e non pola imposición; polo
discernimento, e non pola obediencia cega; polo afondamento da fe coma resposta
ao sentido da vida, e non polo adoutrinamento ou cumprimento de normas sen
sentido.
· Hoxe
tamén, Xesús, dinos a cada un e cada unha de nós: vinde comigo. Hoxe pode
ser un gran día, vivámolo así.
FRATERNIDADE ORANTE
Abrámonos
ao vento do Espírito para que El nos axude no noso proceso de conversión, e
digamos xuntos:
QUE
CAMIÑEMOS CON XESÚS
· Pola
Igrexa, para que fomente entre todos los cristiáns o respecto a outras crenzas,
culturas e razas, e así entre todos busquemos aquelo que nos fai máis humanos e
que fai da convivencia o mellor xeito de vivir, OREMOS.
QUE
CAMIÑEMOS CON XESÚS
· Para
que as nosas comunidades descubran que só desde actitudes que saben asumir os
seus erros e superar a tentación de crerse mellores que os demais, camiñamos na
conversión do Reino, OREMOS.
QUE
CAMIÑEMOS CON XESÚS
· Por
nós, para que no día a día da nosa vida saibamos recoñecer que estamos
necesitados de tempo de calidade, tempo de reflexión, tempo de discernimento,
para abrirnos á esperanza, OREMOS
QUE CAMIÑEMOS CON XESÚS
Señor,
que nunca teñamos medo de revisar as nosas actitudes e comportamentos, pois
sabemos que ti nos invitas sempre ao cambio e á renovación. P.X.N.S. Amén
MIRADA ESPERANZADA
Imos ver
se é certo que o amamos
imos mirarnos por dentro un pouco.
Hai
cousas colgadas que o mancan a El,
freguemos
o chan e abramos as portas,
que saian os lagartos e entren as luces.
Borremos
os nomes da lista negra
coloquemos
os nosos inimigos enriba da ucha,
convidémolos
a caldo.
Toquemos
as frautas dos parvos, dos sinxelos,
que Deus se atope a gusto se baixa.
G.
Fuertes
ENTRADA:
Amigos nas penas
LECTURAS:
OFERTORIO:
Na nosa terra
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario