Domingo 4 do Tpo. Ordinario B

4º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura      Deut 18, 15-20
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Farei xurdir un profeta e poñerei as miñas palabras na súa boca
  
            Díxolle Moisés ao pobo:
            O Señor, o teu Deus, fará xurdir, no medio de ti, de entre os teus irmáns, un profeta coma min.
            Facédelle caso, tal como llo pediches ao Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer.
            E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas.
            Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
              Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.



Segunda Lectura     1 Cor 7, 32-35
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A virxe considera o que corresponde a Deus para ser santa
  
            Irmáns:
            Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar.
            Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; e así está dividido.
           A muller non casada, o mesmo cá doncela ceibe, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma.
            Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ao seu home.
            Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ao contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ao Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 4, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O pobo asentado nas tebras viu unha inmensa luz
e para os asentados na rexión e na sombra da morte amenceu a luz.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 1, 21-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ensinábaos coma quen ten autoridade
  
            Naquel tempo viñeron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
            Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:
            ‑ Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
            Xesús mandoulle:
            ‑ Cala, e bótate fóra dese home.
            O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:
            ‑ Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos, e eles obedéceno.
            E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

 

O PODER DA PALABRA
4º Domingo TOB  2015

ESCOITA ACTIVA

A palabra é unha arma poderosa que podemos usar de xeito negativo ou positivo. Convéncenos unha persoa que sabe argumentar as súas ideas e causas, pónsenos a pel de galiña cando escoitamos a alguén recitar un poema con sentimento, acoden as bágoas aos nosos ollos cando alguén a quen queremos nos fire coas súas palabras, sorrimos e mesmo se nos soben as cores cando alguén nos dirixe unhas palabras de amor ou gaba algo de nós....
Pois ben, a Palabra é tamén a que nos convoca nesta mañá de domingo. Unha Palabra con autoridade, que non con autoritarismo, que sae ao noso encontro para ser caxato na nosa vida. Escoitaremos a súa voz ou endureceremos o noso corazón?.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  Porque as nosas teimas impídennos moitas veces escoitar a túa voz, que nos fala de esperanza e gozo,              SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.
                                    Porque facemos oídos xordos á túa voz, que nos fala de sinxeleza, unión, diálogo, xustiza, solidariedade e paz,                 CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.
                                     Porque non estamos dispostos/as a ser a túa voz denunciando abusos, inxustizas, explotacións ou discriminacións, SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O NOSO CORAZÓN.

PALABRA ENRAIZADA

·         Neste mundo desencantado e aburrido, no que nada nin ninguén consegue chamar a nosa atención; neste mundo tan saturado de coñecementos e noticias no que prima o pragmatismo; neste mundo tan falto de esperanza e de boas novas, o Evanxeo pasa sen pena nin gloria. Por que? Velaí a pregunta do millón que ten varias posibles respostas: a xente non quere compromisos, a xente non conecta con el, a xente non o considera unha boa nova, a xente non está disposta a cumprir as súas esixencias.... e, se cadra, tamén é posible que nós ensinemos coma os letrados e coma os rabinos, e non coma Xesús. Eles ensinaban en Israel por oficio; e o seu era comentar a Lei e as tradicións dos maiores, ler o que estaba escrito e repetir o que eles aprenderan antes nas escolas, administrar as verdades e crenzas adquiridas, o que sempre se dixera. O seu maxisterio era conservador, legalista e ritualista; conservaban ben a letra; pero esquecían o espírito; e a letra sen espírito mata...mata tamén de aburrimento. Por iso, non asombraban a ninguén. Porén, Xesús ensinaba con autoridade. No fondo está, onte coma hoxe, o conflito entre dúas concepcións relixiosas: unha, a dos letrados, que privilexia como acceso a Deus as esixencias rituais da pureza; outra, a de Xesús, que privilexia o compromiso coa xente. Así, na sinagoga interprétase con rigor e precisión a lei, pero o endemoñado continúa dominado pola súa enfermidade e esmagado pola mesma sensación de desamparo e dependencia. Ata que chega Xesús. A súa práctica revoluciona o ambiente. Os letrados calan, pero a xente sabe discernir: Xesús libera e sanda, ensina con autoridade, non coma os letrados. Iso é bo, é unha boa nova, e provoca asombro no pobo. Pero os que se senten desenmascarados e desposuídos do seu poder pola súa práctica, calan ou berran, evádense da conversión. E non aceptan os sinais do Reino. E hoxe, non nos estará pasando o mesmo a moitos cristiáns que seguen a esgazarse as vestiduras mesmo diante dalgunhas palabras do Papa Francisco que son milimetricamente analizadas e cuestionadas?. Como diría Hélder Cámara: “Se lle dou de comer aos pobres, din que son un santo. Pero se pregunto por que hai pobres, din que son comunista”.

·         Porén, Xesús atraía multitudes, porque non había discrepancia entre o que dicía e o que facía. No seu caso, falar con autoridade era todo o contrario a falar autoritariamente. Non sentaba cátedra, senón que daba testemuño. Por iso nós, que somos a súa Igrexa, debemos escoitar antes de falar; e debemos coidar moito de non dicir no nome de Deus o que non é a súa Palabra, senón que responde máis ben a intereses ocultos dalgúns grupos de presión, de poder, ou do utilitarismo deste mundo que fai que esquezamos, tamén dentro da Igrexa, que a persoa é o centro do noso sentir, do noso pensar e do noso actuar.

·         A Palabra invítanos a mirar ao noso redor e preguntarnos: onde están os profetas hoxe?, quen son os que anuncian, sen necesidade de facer cousas extravagantes e raras, a Xesucristo?. Ao mellor non nos facemos estas preguntas; tamén pode pasar que escoitemos a Palabra e a deixemos esvarar por nós, sen tentar de remoela e levala á vida de cada día. Pois inda que nos pareza estraño, El segue suscitando nas persoas actitudes de compromiso, loita e traballo a prol das cousas do mundo, para cambialas e facer delas lugares e ámbitos da súa presenza. Seguen xurdindo homes e mulleres que, deixándose levar pola forza da Palabra, son no medio do mundo ollos, boca e mans do mandado de Deus: amádevos. Porque cando un é coherente con aquilo que cre, reza e vive.... iso é autoridade.


FRATERNIDADE ORANTE

Pómonos, Señor, nas túas mans e abrímonos a túa confianza, para que acompañes e alentes a nosa vida, dicíndoche:
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ

Para  que entre todos fagamos da Igrexa unha comunidade viva, aberta e fraterna, que ten que saber escoitar a túa voz no medio dun mundo tantas veces cheo de ruído, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
 Para que entre todos nos esforcemos por crear nas nosas comunidades espazos que sirvan para vernos, escoitarnos, alentarnos e compartir as riquezas e pobrezas das nosas vidas, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ
           Para que cada un/unha dos que nos sentimos esperanzados e gozosos pola Palabra do teu Fillo, nos esforcemos día a día en superar a tentación de reducila a simple vivencia descarnada do que cada día nos preocupa e ilusiona, OREMOS.
QUEREMOS ESCOITAR A TÚA VOZ

Grazas, Señor, por esta nova oportunidade que nos dás de facer da nosa vida unha experiencia gozosa de encontro contigo e cos irmáns. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA

Anunciamos a Boa Nova de Xesús
cando seguimos as súas pegadas
e a nosa vida dá testemuño
do Reino que Deus quere para todas as persoas.
Anunciamos a boa Nova de Xesús
cando vivimos para os demais,
cando nos interesa o que lle pasa á outra persoa,
cando nos comprometemos pola vida,
cando traballamos pola xustiza,
cando construímos a paz,
cando nos rebelamos diante da inxustiza,
cando comezamos a compartir,
cando aprendemos xuntos,
cando superamos as diferenzas,
cando nos preocupamos dos problemas desta terra,
cando temos a mirada atenta para ver a Deus que fala na vida,
cando confiamos en que el camiña con nós e nos dará as forzas necesarias.
Entón... e só entón... teremos autoridade.

CANTO GOZOSO
Odres Nuevos - Evangelio 1 febrero 2015 COLORENTRADA: 
LECTURAS:
Escoita ti
OFERTORIO:
COMUÑÓN:


POWER POINTS

Domingo 4 Ordinario B
Domingo 4 Ord B-Bene Pagola

Comentarios

Publicacións populares