ORACIÓN DOMINGO 5 ORDINARIO C
PARA QUEN SON EU?
Por que chegas Señor Xesús
na hora menos acaída,
á hora do cansanzo,
á hora en que recollo as redes
do meu fracaso?
Por que teimas en invadir
a miña pobre barca e pídesme
que confíe e volva remar?
Por que Ti me pides, Señor Xesús,
carpinteiro de interior,
se ti non sabes coma eu sei
de peixes e de mares
que volva largar o aparello?
Por que?...
Por que?...
Por que me sorprendes,
por que me engaiolas, Nazareno?
Pero a pregunta é... para que?
Para que leve unha boa nova.
Carlos González Prieto
Comentarios
Publicar un comentario