DOMINGO VI DO TPO. ORDINARIO C
LECTIO:
DOMINGO VI Ordinario-C
16 febreiro 2025
O
texto de Lucas relacionado coas benaventuranzasou “felicidades” -como a min me
gusta dicir- ten as súas peculiaridades, que o distinguen do de Mateo, que é o
que de feito máis veces se le nas festividades litúrxicas.
Hai
algúns detalles menos importantes, coma o feito de que Mateo sitúe este sermón
ou discurso de Xesús nunha montaña e Lucas nunha valgada ou tamén que neste as
benaventuranzas sexan só catro mentres que en Mateo sexan o dobre, ou sexa,
oito. É, si, máis significativo o feito de que Lucas non fale da benaventuranza
ou felicidade dos “pobres no espírito”, tal e como fai Mateo, senón de maneira
directa e simple dos “pobres”: “Ditosos vós os pobres”, sen máis engadidos, é
dicir, os que carecen daqueles medios materiais de subsistencia que a outros teñen.
En
calquera caso, e en canto ó fondo da mensaxe de Xesús en relación coa
felicidade ou “felicidades”, que el nos anuncia e quere para todos, temos que
dicir ou admitir que non deixan de ser estrañas ou paradoxais. Pois só
poderemos chegar a acadar esas felicidades por camiños aparentemente
contrarios.
Non
pensemos, de todos modos, que Xesús, ese gran misterio de Deus que se agacha no
Xesús de Nazaret, quere ou busca a nosa desgraza, a nosa infelicidade. Se fose
así, hai tempo que tería desaparecido calquera rastro de cristianismo. Pois foi
nada menos que Deus mesmo o que nos creou precisamente con desexos infindos de
felicidade. Só Él pode darnos tales desexos e satisfacelos. O que pasa é que os
camiños que nos levan á unha felicidade fonda e perdurábel non son os que á
primeira vista semellan selo ou os que determinados intereses políticos ou
económicos nos propoñen.
Por
iso non deberiamos en principio considerar absurdo ou pura utopía o camiño
proclamado por Xesús, que nos conduciría á instauración daquel “reino de Deus”,
fonte de felicidade e de verdadeira plenitude humana. É verdade, de todos
modos, que de tantas veces oídas, as oito “felicidades” do chamado “Sermón do
monte” de Mateo ou as “catro” de hoxe de Lucas poden soarnosa música celestial.
En
calquera caso, Xesús fala desas “felicidades”como de algo que procede tamén da
súa propia experiencia vital como ser humano entre seres humanos. Deste xeito
esas felicidades veñen ser algo así como un espello que reflicte a persoa e o
modo de se comportar do propio Xesús e tamén de quen queira seguilo
consecuentemente na súa vida. Efectivamente, el é pobre “no espírito” e pobre
real ou de verdade, el “chora” (lembrade, por exemplo, a escena previa á
resurrección do seu amigo Lázaro), el é “sufrido”,“famento e sedento de
xustiza”,“misericordioso”,“de corazón limpo”, “traballa pola paz”, é,
finalmente, “perseguido por causa da xustiza”. E será xustamente esta última
“felicidade”, a de ser “perseguido por causa da xustiza”, a que o levaría á
morte e, seguidamente –alén xa da historia-, á felicidade plena da
resurrección.
Si,
as “felicidades” proclamadas por Xesús ante a multitude que o escoitaba veñen
ser como o abrente dun novo sol que espalla a súa luz sobre o val e a terra
para o xurdimento dun novo día que non terá xa máis solpores. Xurdirá así ese
“Reino dos Ceos” como froito da graza de Deus e do noso sermos -coma o Mestre-
pobres, sufridos, famentos e sedentos de xustiza, misericordiosos, de corazón
limpo, construtores de paz e perseguidos por causa da xustiza.
Non
nos deixemos levar pola incredulidade ou pola desesperanza á vista da crúa
realidade dos acontecementos que ocorren ó noso arredor ou polo mundo adiante.
Xesús chama ditosos, felices, a cantos proceden así, é dicir, a cantos están
atentos e decididos á levaren á práctica o seu programa das benaventuranzas ou
“felicidades”. Felicidades que empezan xa neste mundo,
pero que chegarán á súa plenitude no vindeiro, coa resurrección na que cremos e
esperamos.
A
palabra de Xesús é a que garante ós que así proceden que “serán consolados”,
que “herdarán a terra”, que “ficarán fartos” ou se encherán de plenitude, que
“serán tratados con misericordia”, que “serán chamados fillos de Deus”, que “verán
a Deus”.Que máis podemos querer ou pedir? En calquera caso, o noso Deus quere e
busca a nosa “santidade” conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de
entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Pois para el a
felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos
necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles.
Ese
é xustamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou
felicidades que se nos anuncian e que non son senón fiel retrato do que foi a
vida de Xesús.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/6-tempo-ordinario-c-lucas-617-20-26-2/
Comentarios
Publicar un comentario