DOMINGO V DO TPO. ORDINARIO C

 Oracional Galego en Spotify

LECTURAS DO DÍA


LECTIO:

DOMINGO V ORDINARIO-C

9 febreiro 2025

            Cómpre ter en conta que na mentalidade da época o mar era un lugar onde habitaban os monstros, os monstros mariños que ameazaban ou poñían en perigo cantos se metían nel. “Pescar”, xa que logo, viña significar en certo modo, na palabras que emprega Xesús cando lle di a Pedro que vai ser “pescador de homes”, algo así como anunciarlle que se vai converter nun “liberador” das persoas. Pedro liberaría a xente, grazas á mensaxe de Xesús, de medos, angurias ou ameazas.

            Pedro e con el os demais apóstolos e seguidores de Xesús estamos, pois, chamados a sermos “pescadores” de persoas. É dicir, seguidores dun Xesús que ofrece a todos a ledicia da súa boa nova, a orientación da súa luz e a forza do seu Espírito que ningún monstro vencerá.

            Mantémonos así fieis á mensaxe de “liberación” que Xesús dirixiu en Nazaret ós seus veciños, hai un par de domingos, aínda que os seus oíntes preferisen seguir vivindo baixo a rutina e as ameazas da lei a iniciar unha alegre andadura polos camiños liberadores de Xesús.

            Mais para podermos entrar de verdade por estes camiños fai falla algo máis ca esforzos persoais. Esta parece ser a idea central deste encontro de Xesús con tres dos seus apóstolos máis representativos (Pedro, Santiago e mais Xoán) onda o lago de Xenesaret. De pouco valen, pois, as calidades e pericias persoais, incluso traballando en grupo (os tres apóstolos pescando en comandita), se entre eles non anda o impulso e a inspiración do Espírito de Xesús. De noite (cando semellaba ser a hora máis propicia) non pescaron ren; só aburrimento e cansazo. E de día, cando presuntamente pasara xa o tempo axeitado, alí está Xesús para lles botar unha man, pois sentiríase dalgún modo obrigado a facer algo por eles. Algúns comentaristas pensan que Xesús viviría quizais por entón na casa de Pedro e algún peixe si que lles faría falta para levalo á boca, aínda que non fosen tantos como os que atoparían logo na rede.

            Velaquí temos unha lección que quizais tendemos a esquecer. Pois na acción liberadora de Xesús tan imprescindíbel é o noso esforzo persoal coma aquilo que chamamos “graza” de Deus, que nos incita ó traballo e nos acompañará sempre. Paulo exprésao ben claramente na carta de hoxe ós Corintios cando, tras comentar que el é só o derradeiro e menos digno dos apóstolos, engade: “traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo”.

            É este un pensamento que Santo Ignacio de Loiola reformulará moito tempo despois dicindo que deberiamos facer as cousas como se todo dependese de nós, mais ó tempo confiarlle a Deus o resultado coma se todo dependese del. Así non nos encheremos de fachenda polos bos resultados nin perderemos azos ante os fracasos, quizais só aparentes.

            Nos tempos que corren, por exemplo, poderiamos sentirnos tentados a pensar que ou nós, os “pescadores”, non facemos o que teriamos que facer ao non sermos quen de coller -como se di no evanxeo- “nin un rabo de peixe” ou que o Xesús do lago de Xenesaret non está xa connosco para botarnos unha man. No primeiro podemos nós fallar. Mais no segundo, no que atinxe a Xesús e ó seu Espírito, non podemos pensar que nos teñan abandonado ó volvermos do mar coa barca baleira. A nosa fe asegúranos que Deus actúa e seguirá actuando no mundo e tamén entre nós, aínda que iso non teña por que ocorrer da maneira que nós pensamos ou  que falsamente cremos ser a única correcta.

            Todos somos conscientes, por exemplo, de que nos tempos actuais están a escasear as vocacións sacerdotais ou relixiosas que tradicionalmente tiveron unha función importante no oficio evanxélico de “pescar homes”, é dicir, de axudar a xente a vivir coa liberdade e a alegría coas que Deus quere que vivamos. Mais os camiños de Deus non os coñecemos e a historia humana non rematou aínda.

            Desde logo non se trata aquí de pescudar ou de elucubrar sobre o porvir da nosa Igrexa ou sobre o modo concreto como serán os futuros “pescadores de homes” que Deus suscitará no mundo por medio do seu Espírito. O importante é que saibamos que Deus segue a habitar entre nós e de que o seguirá a facer tamén entre os que veñan despois de nós do xeito e da maneira que El só coñece. Pois el mesmo asegurounos en Xesús que el estará connosco tódolos días deica á fin do mundo. Pola nosa parte, esteamos sempre atentos á súa palabra e ás súas inspiracións para que no noso tempo levemos á práctica a súa mensaxe de amor e fraternidade.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/5-tempo-ordinario-c-lucas-51-11-4/



FICHA 1 / FICHA 2 / FICHA 3



Comentarios

Publicacións populares