FICHA E LECTIO: DOMINGO V DE ORDINARIO C
FICHAS ANTERIORES: FICHA1 / FICHA2
LECTIO:
Pescadores esperanzados
(6 febreiro 2022)
Pra
entendermos mellor o evanxeo de hoxe, cómpre ter en conta que o mar era na mentalidade
da época un lugar onde habitaban os monstros, os monstros mariños, que
ameazaban ou poñían en perigo os que se metían nel.
Polo
tanto, “pescar” viña significar tamén en certo modo, na frase que emprega Xesús
cando lle di a Pedro que vai ser “pescador de homes”, algo así como anunciarlle
que se vai converter nun “liberador” das persoas. Pedro vai liberar a xente,
grazas á mensaxe de Xesús, de medos, angurias ou ameazas.
Pedro
e con el os demais apóstolos e seguidores de Xesús estamos, pois, chamados a
sermos “pescadores” de persoas. É dicir, seguidores de Xesús que ofrecemos a
cantos se atopen connosco a alegría da súa boa nova, a orientación da súa luz e
a forza do seu Espírito contra a que non poderá facer nada monstro ningún.
Seguimos
así fieis á mensaxe central de “liberación” que Xesús dirixiu en Nazaret ós
seus veciños, por máis que os seus oíntes preferisen seguir vivindo baixo a
rutina e as ameazas da lei.
Mais
para podermos entrar de verdade por estes camiños fai falla algo máis cós nosos
esforzos. Esta parece ser a idea central deste encontro de Xesús con tres dos
seus apóstolos máis representativos onda o lago de Xenesaret.
De
pouco valen as calidades persoais, incluso traballando en grupo (os tres apóstolos
pescando xuntos), se con eles ou entre eles non anda o impulso e a inspiración
do Espírito de Xesús. De noite (cando parecía ser propicia a hora) non pescaron
ren; só aburrimento e cansazo. E de día, cando pasara xa presuntamente o tempo
axeitado, alí está Xesús para lles botar unha man, pois sentiríase tamén en
certo modo obrigado a facer algo por eles. Algúns comentaristas pensan que
Xesús viviría quizais por entón na casa de Pedro e algún peixe si que lles
faría falta para levalo á boca.
Velaquí
temos unha lección que quizais tendemos a esquecer ou deixar de lado. Pois na
acción liberadora de Xesús tan imprescindíbel é o noso esforzo persoal coma
aquilo que chamamos “graza” de Deus, que nos incita ó traballo e nos acompañará
sempre. Paulo exprésao ben claramente na súa carta de hoxe ós Corintios cando,
tras comentar que el non é senón o derradeiro e menos digno entre os apóstolos,
engade alí mesmo: “traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu,
senón a graza de Deus que está comigo”.
É
este un pensamento que Santo Ignacio de Loiola (do que estamos a celebrar os cincocentos
anos da súa conversión) reformulará moito tempo despois dicindo que deberiamos
facer as cousas como se todo dependese de nós
e confiarlle a Deus ó tempo o resultado coma se todo dependese del. Non
nos encheremos así de fachenda polos éxitos acadados nin perderemos tampouco
azos ante os fracasos, posiblemente só aparentes ou provisionais.
Hoxe
en día, por exemplo, poderiamos sentirnos tentados a pensar que ou nós, os “pescadores”,
non facemos o que deberiamos facer por non sermos quen de coller, como se di no
evanxeo de hoxe, “nin un rabo de peixe” ou que o Xesús do lago de Xenesaret non
está xa connosco para nos botar unha man. No primeiro podemos certamente fallar.
Mais no segundo, no que se refire a Xesús e ó seu Espírito, non podemos pensar
que el nos teña abandonado ó volvermos do mar coa barca baleira de peixes. A nosa
fe asegúranos polo menos que Deus actúa e seguirá actuando no mundo e tamén
entre nós, aínda que iso non teña por que ocorrer da maneira ou no tempo que
nós pensamos.
Somos
conscientes, por exemplo, de que nos tempos actuais están a escasear vocacións tanto
sacerdotais como relixiosas, que tradicionalmente tiveron sempre unha función
bastante importante no oficio evanxélico de “pescar homes”, é dicir, de axudar
a xente a viviren coa liberdade e a alegría coas que Deus quere que vivamos.
Mais os camiños de Deus non os coñecemos e a historia non rematou aínda, como algúns
polo contrario teorizan ou desexarían.
Desde
logo non se trata aquí de pescudar ou de elucubrar sobre o futuro da nosa
Igrexa ou sobre o modo concreto como serán os futuros “pescadores de homes” que
Deus suscitará no mundo por medio do seu Espírito no noso tempo ou en tempos vindeiros.
O importante é que tomemos conciencia de que Deus segue a habitar entre nós e
de que o seguirá a facer tamén entre os que veñan despois de nós do xeito e da
maneira que só El coñece. Por medio de Xesús asegurounos que el estará connosco
tódolos días deica á fin do mundo. Pola nosa parte, esteamos sempre atentos á
súa palabra e ás súas inspiracións para que nos tempos que nos toca vivir
levemos á práctica a súa mensaxe de amor e fraternidade.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/5-tempo-ordinario-c-lucas-51-11-3/
Comentarios
Publicar un comentario