30 sept. 2013

ESCOLA DE ESPIRITUALIDADE - CURSO 2013-2014

Chegoume comunicación dos novos cursos da Escola de Espiritualidade, tomade nota por se vos interesa:

A revelación divina na realización humana 


A Escola de Espiritualidade Escola de Espiritualidade, nacida en 1994 en Sobrado dos Monxes, pretende desde o seu comezo contribuír á encarnación da experiencia evanxélica na vida real. Non busca ser un grupo ou movemento aparte, senón axudar á promoción dunha fe que alimente a vivencia persoal e fomente o compromiso comunitario.


BUSCAMOS
Comprender, celebrar e vivir a fe dun xeito consciente, maduro e renovador.
Sermos un espazo de celebración, oración, busca, encontro e comunicación de experiencias.
Reforzar o compromiso e a participación nas parroquias, comunidades, asociacións...


OFRECEMOS
Unha formación permanente en ciclos de catro anos:
1. Deus crea por amor
2. A revelación divina na realización humana
3. Xesús, o rostro humano de Deus
4. A Igrexa, sacramento de salvación


PARTICIPAMOS
Todas as persoas preocupadas por unha fe actualizada, sen distinción de xénero, idade, estado ou ocupación.


DINÁMICA 
A revelación divina na realización humana
..Oración comunitaria
..Exposición teolóxica e diálogo


OBRADOIROS: 
..Iniciación á Espiritualidade
..As Benaventuranzas na vida cristiá
..Fe e compromiso sociopolítico
..A Muller na Biblia
..Fe cristiá e crecemento humano
..Buscar a Deus na vida
..Comprometerse na renovación eclesial
..Situación de crise e moral social


LUGAR: 
Centro Proxecto Home
Rúa do Cotolengo, 2 (detrás de El Corte Inglés)
15702.– SANTIAGO DE COMPOSTELA


DATAS: 
..23 de novembro
..14 de decembro
..8 de febreiro
..15 de marzo
..10 de maio
13, 14 e 15 de xuño (Convivencia en Sobrado)


HORARIO: 
10:00 a 19:30 horas


MATRÍCULA: 35,00 € 
Ingresar na conta Novagalicia Banco 2080-0378-51-3040006097
Data límite da matrícula: 30 de outubro
Existe un fondo de becas para subvencionar a asistencia a quen teña dificultade cos gastos. 

XANTAR: 
Pódese ir ao Restaurante “Paz Nogueira” (10,00 €)

GARDERÍA: 
Haberá este servizo se hai demanda suficiente.


SECRETARÍA / CONTACTO: 
Mª Carmen Turnes Negreira
turnesnegreira@yahoo.es
Avda. Vilagarcía, 13 - 2º E
15706.-SANTIAGO DE COMPOSTELA


EN INTERNET: 
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/ 
E-mail: escolaespiritualidade@gmail.com


EQUIPO COORDINADOR 
Andrés Torres Queiruga
Pilar Wirtz Molezún
Mª Carmen Turnes Negreira
Mencha Leirós de la Peña
Soedade López Campo
María Cancelo Baquero
Asun Louzán Tomé
Manolo Regal Ledo
Xabier Blanco Vilar
Xoán Carlos Rodríguez Herranz
José María F. Vázquez (Blog)

29 sept. 2013

Ti recibiches bens e Lázaro males... - Lc 16, 19-31

Domingo 26 de Ordinario - ciclo C



COMPARTIR 

O QUE SOMOS E TEMOS


Compartir 
para que todo o mundo viva;
esta é, Señor, a túa ensinanza,
o camiño que nos invitas a facer
para renovar 
a esperanza da humanidade.

Señor da Vida,
ensínanos 
a recoñecer os nosos dons. 
Quizás parecen pouca cousa;
pero compartidos cos outros
serán semente 
de solidariedade fraterna.

Abres, Señor, as nosas mans
para que compartamos 
os nosos bens, 
o noso tempo e os nosos dons;
para que fagamos 
un mundo máis fraterno.

Ensínanos a construír o teu Reino.
Esconde os nosos egoísmos 
e mesquindades. 
Invítasnos a dar máis que a recibir.
Amósanos o camiño 
da gratuidade e da doazón,
para que sexamos forxadores 
de comuñón e fraternidade.

Que fixeches polo teu irmán?
Resoa nos nosos corazóns,
clara e lacerante, 
a túa palabra de vida. 
Axúdanos a presentar 
as nosas mans, 
baleiras por dalo todo, Señor.
Todo porque os outros vivan máis.




Loa, alma miña, o Señor - Salmo 145

Domingo 26 de Ordinario - ciclo C



BENDICIÓN NA POBREZA

Bendígote, Pai bo, polo máis pobre,
que atopa no teu seo un doce amor,
que berra e que protesta no teu nome
buscando nesta terra paz mellor.

Bendígote por ese marxinado
que anda cada día ao meu redor,
facéndome de espello do teu rostro,
reclamo do Alento valedor.

Bendígote por Lázaro esmoleiro,
cuberto de vergonza e de fedor,
bendígote nos Lázaros do mundo
motivo de esperanza e de tremor.

Bendígote nas cousas do Evanxeo
que anuncian un futuro de esplendor
para os pobres e esmagados desta terra
no nome de Xesús liberador. 




28 sept. 2013

Domingo 26 de Ord C

26º COMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C

 

Primeira Lectura     Am 6, 1a. 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Será extirpada a facción dos nugalláns
  
            Isto di o Señor omnipotente:
            "Malia os que viven no lecer en Sión,
os despreocupados no monte de Samaría!
Déitanse en leitos de marfil,
vaguean nas súas camas,
xantando os carneiros do rabaño
e os xatos sacados da corte.
            Cantaruxan  ao son da arpa
e, coma novos David, inventan instrumentos.
            Beben viño nas grandes copas
e únxense coa esencia dos perfumes,
mais a desfeita de Xosé non os deprime.
            Por iso agora van partir para o exilio
á cabeza dos deportados,
pois rematou a esmorga dos nugalláns".
- Oráculo do Señor, Deus dos Exércitos ‑.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1b):  Loa, alma miña, o Señor.
Ou:  Aleluia.

O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     1 Tim 6, 11-16
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Garda os mandamentos ata a chegada do Señor
  
            Benquerido irmán, home de Deus:
            Practica a xustiza, a piedade, a fe, o amor, a paciencia e a mansedume. Combate a fermosa loita da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e da que fixeches clara profesión diante de moita xente.
            Mándocho en presenza Deus, que fai vivir todas as cousas, e diante Cristo Xesús, que deu bo testemuño ante Poncio Pilato: garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do noso Señor  Xesús Cristo.
            No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único soberano, Rei dos reis e Señor dos señores: o único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver.
            A El a honra e o poder eterno. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA       2 Cor  8, 9
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre, sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 16, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti recibiches bens e Lázaro males; agora este é consolado, mentres que ti es atormentado
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            - Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes.
            Ó pé da súa porta xacía un pobre chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a  fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
            Resulta que morreu o pobre, e levárono os anxos  ao seo de Abrahán. Morreu tamén o rico, e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abrahán e mais a Lázaro no seu seo.
            Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abrahán, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume". Pero Abrahán contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento.
            Ademais, entre nós e vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós".
            Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abrahán, que o mandes a casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abrahán respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os Profetas: que lles fagan caso a eles".
            El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abrahán, non; se un morto vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abrahán replicoulle: "Se a Moisés e mais aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado".

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



NIN SERVOS NIN ESCRAVOS, SENÓN SERVIDORES DUN TESTEMUÑO EN IGUALDADE
PÓRTICO
As persoas non somos cousas que pertenzamos a alguén que pode facer de nós canto queira. As persoas somos presenza viva de Deus en nós, e polo tanto posuíumos dignidade, identidade, liberdade e capacidade para tomar decisións e darlle á vida a orientación que cada un queiramos ir construíndo. Isto que parece claro e non admite dúbida desde o punto de vista racional, non o é tanto á hora de aplicalo á praxe, á realidade, aos feitos de cada día. E non o é, porque aí xa aparecen intereses, diferenzas e ansias de poder que podemos ter uns e outros. A pesares disto, a fe cristiá segue a proclamar que non somos nin escravos nin servos, que non estamos sometidos a ninguén máis cá liberdade que nos fai elixir un camiño ou outro. Nesta elección, para os que nos chamamos crentes, aparece Deus. Non para tomar as decisións por nós, senón para facerse presente e darnos forza nese momento tan importante no que queremos darlle un sentido e unha orientación á vida. Se temos isto claro, entenderemos ben a razón pola que como seguidores de Xesús temos que clamar contra calquera intento de someternos, dominarnos ou manipularnos, que teñen moitas veces os poderosos e os que son capaces de enganar con argucias diversos ás persoas sinxelas e sen retranca. Abrámonos a acoller, unha vez máis, esta chamada que se nos fai desde a palabra proclamada para non deixarnos dominar por ninguén, evitando así perder o don máis grande que Deus puxo en nós: a liberdade.
O PERDÓN
·         Para que non pechemos os ollos á realidade, na que tantas persoas necesitan do noso tempo e das nosas mans, SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.
·         Para que revisemos se no noso actuar de cada día, o amor, a xustiza e a piedade son actitudes que nos levan a seguir a Xesús, CRISTO, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.
·         Para que non caiamos na tentación materialista de buscar só o útil e o que dá ganancia, esquecéndonos das persoas, SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.
REMUÍÑO
Temos escoitado moitas veces, mesmo quizais o teñamos pensado, que a fe é unha cuestión que se pecha na relación individual entre Deus e mais un, sen que inflúa nin teña que preocuparse nin do mundo nin no que nel poida pasar. Diante disto, que a forza de repetilo moita xente acaba por crelo, os textos que acabamos de proclamar na liturxia da Palabra dinnos todo o contrario. Sendo o seguimento de Xesús un camiño de salvación e esperanza, esta non poderá ser plena se non vai expresada desde as actitudes –a maneira coa que nós reaccionamos e nos comportamos diante das situacións que nos acaen- que van pondo de manifesto a credibilidade das nosas conviccións e a coherencia do noso actuar. E se ben é verdade que a meta á que nos leva a fe é a da resurrección, non menos verdade é tamén que esa meta final necesita da verificación do actuar en relación con ese fin cara onde todos nós arelamos dirixir a nosa vida, polo que sen realidade cotiá, sen achega aos problemas e situacións que se van dando na nosa vida e na dos demais non hai vivencia nin expresión de fe. 

Paulo na 1ª carta que lle escribe a Timoteo, tal e como acabamos de escoitar, sinala tres actitudes fundamentais que nunca poden estar ausentes no actuar de alguén que quere ser, alí onde estea, seguidor activo, e non simple consumidor de ritos e practicas relixiosas aprendidas desde hai moitos anos e sobre as que non temos pensado a razón e o por que da súa realización. Estas actitudes das que fala Paulo teñen como cimento a fe; é dicir, a relación persoal, madura e cotiá con Deus desde o testemuño de vida de Xesús. É unha tríade que nos fai poñer os pés no chan e preguntarnos de que maneira, cada un de nós, no día a día da nosa vida imos facendo posible que a xustiza, a piedade e a caridade aniñen e alenten canto facemos e dicimos. Cada unha delas non se pecha en si mesma, senón que se abre ás outras, para incidir, unha vez máis, en que a vida dos crentes non se pecha dentro dos templos, senón que ten que manifestarse, ser visible para os demais e para o mundo no actuar... e na coherencia dese actuar. Cómo falar de ser seguidores de Xesús se tratamos aos demais como se foran números, balances, datos ou estatísticas? Cómo ser seguidor de Xesús, se no contacto con outras persoas agroman en nós sentimentos de rexeitamento, superioridade, imposición dos nosos criterios, sometemento dos máis débiles ou submisión inmoral diante dos poderosos? Cómo querer chamarnos seguidores de Xesús se o odio, a xenreira, a violencia, o abuso ou a despreocupación polo que lle pasa aos demais, especialmente aos que temos máis próximos, nos vai facendo insensibles e convertendo o noso corazón de carne en pedra dura e fría? Cómo non sentir vergoña ao querer chamarnos seguidores de Xesús cando na nosa vida nos volvemos materialistas, pragmáticos e só valoramos o que é rendible e aporta ganancias, excluíndo dela todo o que supoña empatía, solidariedade, transcendencia ou sentido da vida máis alá que o que vemos e percibimos a través dos sentidos? Cómo, cómo, cómo... non reaccionar con rabia diante deste esquecemento e manipulación de algo tan grande, novo e esperanzado como é a tarefa que nos encomenda Xesús? 

Unha tarefa que só ten unha raíz: a súa persoa e a mensaxe que nos chegou a nós a través da palabra recollida polos que del a escoitaron, e o testemuño, na maioría das veces contracorrente, de homes e mulleres que ao longo dos anos, nin tiveron medo nin vergoña de poñerlle accións, rostros, entrega e dispoñibilidade á fermosa tarefa de ir construíndo o Reinado de Deus. Que pensemos onde e con quen queremos xogar este partido: cos poderosos, que parece que todo o saben, e aos que logo o tempo vai pondo no seu sitio; ou cos sinxelos que saben que a súa felicidade está en traballar para que todos, uns e outros, non só uns poucos poidan ser felices? Que por non ter pensado sobre isto nos pase coma ao rico do evanxeo, quen incapaz de ver a presenza da esperanza e do amor no cotián de cada día, buscaba, cando xa era tarde, grandes sinais que puideran convencer aos que tiñan os ollos pechados e a vista cansa para ver que só na realidade concreta se pode actuar e transformala para mellorala e facela casa de todos, sen necesidade nin de grandes sinais nin de grandes eventos. Na brisa dos feitos de cada día que se fan presentes nos irmáns, é onde estamos chamados a descubrir a presenza, que non ausencia de Deus. Que prestemos oídos e ollos, para ver os lázaros que nolo mostran constantemente.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentemos agora, na confianza e no desexo de ser verdadeiras testemuñas de xustiza e caridade para cos demais, a oración comunitaria, e digamos xuntos:
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
*        Para que a Igrexa non consinta na tentación de moverse por afáns materialistas de poder, imposición e dominio, esquecendo que Xesús nos invita sempre a dar testemuño de servizo. OREMOS.
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
*        Para que nas nosas comunidades aprendamos a vivir desde as actitudes ás que nos chama o actuar constante e continuo de Xesús: a xustiza, a solidariedade, o non abandono dos máis débiles e a gratuidade do amor, OREMOS.
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
*        Para que nós, na normalidade da vida de cada día: familia, traballo, amigos... nos esforcemos por poñer en práctica a fondura do testemuño co que Xesús nos invita a descubrir cal é o sentido que temos que darlle á nosa existencia, OREMOS.
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
Señor, aquí presentamos a nosa oración comunitaria. Queremos compartila entre nós e contigo, para poder sentir sempre ao noso lado a forza da túa presenza. P.XN.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
PETICIÓNS NON ESCOITADAS
Eu pedíralle a Deus poder para ser amado,
e atopeime co amor para non precisar ser poderoso.
Pedíralle a saúde para facer grandes cousas,
e atopeime coa enfermidade para facerme grande.
Pedíralle a riqueza para ser feliz,
e atopeime coa felicidade para poder vivir na pobreza.
Pedíralle leis para dominar aos outros,
e atopeime liberdade para liberalos.
Pedíralle admiradores para estar rodeado de xente,
e atopeime amigos/as para non estar só.
Pedíralle ideas para convencer,
e atopeime respecto para convivir.
Pedíralle cartos para mercar cousas,
e atopeime persoas para compartir os meus cartos.
Pedíralle unha relixión para gañar o ceo,
e El só me deu ao seu Fillo para acompañarme pola terra.
Pedíralle de todo para gozar na vida,
e El deume a vida para que goce de todo.
Pedíralle ser un deus,
e El só puido facerme persoa...
(José Antonio García-Monge)
CANTOS
ENTRADA:
Camiñarei
LECTURAS:
O amor é o meirande
OFERTORIO:
Sementar, sementarei
COMUÑÓN:
Ide e pregoade


POWER POINTS

26 sept. 2013

Ficha e Lectio - Domingo 26 Ord C



TOMADO DE: 

Había unha vez un home rico... Coa sinxeleza dunha parábola, Xesús denuncia o eterno problema dos homes: a súa división en ricos e pobres. Un rico despreocupado que «banquetea espléndidamente», alleo ao sufrimento dos demais e un pobre esmoleiro a quen «ninguén daba nada». Dous homes distanciados por un abismo de egoísmo e insolidariedade que, segundo Xesús, pode facerse definitivo, por toda a eternidade. 

Non entenderiamos o ensino de Xesús, se quedásemos con certos detalles da parábola, que non alteran en nada a súa mensaxe. A distinta sorte na outra vida do rico e do pobre é só un recurso para demostrar de que distinta maneira ve Deus a desigualdade entre os homes. Pero de ningunha maneira quere dicir que os pobres se conformen sendo pobres, que xa lles chegará a súa quenda no ceo. O sentido da parábola non é 
brindar consolo aos pobres, senón avisar aos ricos e aos que pon a súa confianza e nas riquezas e no poder que delas obteñen. O retrato robot da parábola identifica igualmente aos países ricos que pon a súa confianza no seu poder económico desprezando e mantendo aos países subdesenvolvidos na súa penosa e difícil situación. 

A riqueza inxusta. Esta é a convicción profunda de Xesús. A riqueza en canto «apropiación excluínte da abundancia», non fai crecer á persoa humana, senón que a destrúe e deshumaniza pois a vai facendo indiferente, apática e insolidaria ante a desgraza allea. A parábola é un reto á nosa vocación de solidariedade. Podemos seguir vivindo e deixarnos atrapar por esta sociedade de consumo e continuar gozando alegremente do noso benestar, cando a realidade da pobreza está presente en millóns de seres humanos? O noso gran pecado pode ser a apatía social e política. A pobreza converteuse en algo tan 
«normal e cotián» que xa non escandaliza nin nos fere tanto. Encerrámonos cada un en «a nosa vida» e quedámonos cegos e insensibles ante a frustración, a humillación, a inseguridade e a desesperación de tantos homes e mulleres e de tantos pobos do noso mundo. 

A pobreza no século XXI non é só un fenómeno que reflicte o fracaso dun sistema socio-económico e que obriga ás nacións a preguntarse que é o que non funciona. A pobreza son persoas concretas que agora mesmo necesitan a axuda de quen gozamos de tantos bens. Quizais dariamos algún paso concreto de solidariedade se nos atrevésemos a contestar a esta pregunta: necesitamos realmente todo o que 
compramos? Cando termina a nosa necesidade real e cando comezan os nosos caprichos? 

"No que se refire aos bens do Señor, 
non sexas desagradecido, 
senón repárteos entre os teus próximos, 
non esteas orgulloso deles, coma se fosen a túa propiedade 
e non sexas ahorrativo na súa repartición...
Meu e teu son só nomes baleiros. 
Todo pertence a Deus
                                                           San Xoán Crisóstomo


VER TAMÉN :
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2013/09/29-de-setembro-domingo-xxvi-do-tempo.html 
http://eclesalia.wordpress.com/2013/09/25/romper-la-indiferencia/
(en varios idiomas, o 7º é o galego)

24 sept. 2013

Santos Arcanxos: Miguel, Gabriel e Rafael



TOMADO DE : 

Segundo os Pais da Igrexa, a misión dos anxos é conducir á humanidade ao culto do único Deus verdadeiro, sendo así mensaxeiros das revelacións divinas.

Na Biblia, hai dous textos importantes que se toman para justificar a existencia dos arcanxos. No libro de Tobit (ou Tobías) o anxo Rafael preséntase dicindo "Eu son Rafael, un do sete anxos que están ao servizo do Señor e que poden entrar ante a súa presenza gloriosa" (Tb 12, 15), tamén no libro da Apocalipse lese: "Recibide a graza e paz de parte do que é e era e ha de vir, e de parte do sete espíritos que están diante do seu trono" (Ap 1,4).

Como Miguel, Rafael e Gabriel son os únicos anxos cuxos nomes son mencionados na Biblia, e aos que Deus reveloulles misións singulares, inclúellos no grupo de arcanxos. "Eles serven a Deus día e noite, contemplando o seu rostro, glorificándolo sen cesar" (Martiroloxio Romano)

A misión de san Miguel lese no libro da Apocalipse, a de san Rafael no libro de Tobías, e a misión máis coñecida de san Gabriel é o anuncio a María Virxe no Evanxeo de San Lucas.

A festa dos santos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael celébrase conxuntamente o día 29 de setembro lembrando o día da dedicación da basílica que ten o título de San Miguel, na vía Salaria, Italia.


VER TAMÉN: 

23 sept. 2013

II Premio á Innovación e Experimentación Pastoral

Premios Escolas Católicas de Galicia 
e Editorial Santillana 


BASES:

1. Escolas Católicas (FERE-CECA) de Galicia e Editorial Santillana convocan o II Premio á Innovación e Experimentación Pastoral.

2. Poderán concorrer todos os profesores en activo que exerzan a docencia nos centros escolares de Galicia nos niveis de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos. A participación poderá exercerse de forma individual ou en equipo.

3. Os traballos presentados deberán axustarse á seguinte temática:
a) Experiencias e recursos didácticos para a ensinanza da Relixión católica e o diálogo interrelixioso.
b) Experiencias, recursos e materiais didácticos para a pastoral escolar que estimulen aspectos como a construción da paz, a solidariedade, o acompañamento pastoral, o compromiso misioneiro, a iniciación á oración, a interioridade...

4. Os orixinais, que teñen que estar escritos en galego, terán unha extensión máxima de 25 páxinas a tamaño DIN A4 e a dous espazos, excluídos gráficos, táboas ou material complementario. É preciso citar as fontes utilizadas, tanto para a elaboración da memoria como para a selección de materiais. Os interesados enviarán, dentro dun sobre, dúas copias impresas do orixinal e un arquivo en formato Word. Ademais, xunto aos traballos, incluirase un resumo, cunha extensión máxima de dúas páxinas.


5. Os traballos multimedia deberán presentarse en formato directamente executable baixo Windows, e permitir a súa copia. Incluirán unha explicación acerca do seu uso na aula, así como unha fundamentación do seu interese pedagóxico.

6. Os autores deberán referir na primeira páxina do traballo, ademais do seu título, tanto os seus datos persoais (nome completo, enderezo, teléfono, correo electrónico e nivel educativo ao que pertencen) coma os datos do centro en que desenvolvan o seu labor educativo (nome, enderezo e teléfono). Só se poderá presentar un traballo por autor.

7. Os orixinais remitiranse, antes do 10 de xaneiro de 2014, inclusive, ao enderezo: Escolas Católicas de Galicia: Rúa Santa Clara n.º 23, 15704 Santiago de Compostela. Indicarase claramente I Premio á Innovación e Experimentación Pastoral.

8. Os traballos presentados serán valorados por un xurado presidido polo secretario autonómico de Escolas Católicas de Galicia, tres especialistas en temas de formación relixiosa e pastoral designados polo secretario autonómico, así como un representante de Santillana.

9. Concederase un primeiro premio de 1.000 €, un segundo premio de 700 €, un terceiro premio de 500 € e un accésit de 250 € aos mellores traballos. Ademais, tanto ás catro experiencias premiadas como a todos os centros participantes regalaráselles un lote de libros escolares de Santillana.

10. As tres propostas educativo-pastorais premiadas serán expostas no transcurso da Xornada de Pastoral de Pastoral Educativa organizada por Escolas Católicas de Galicia.

11. O fallo do xurado será inapelable e farase público o día 8 de febreiro de 2014 nas Xornadas de Pastoral Educativa. A resolución será comunicada aos ganadores por escrito desde a Secretaría Autonómica de Escolas Católicas, e a través da páxina web de Escolas Católicas de Galicia.

12. Os tres traballos premiados e outros seleccionados polo xurado poderán ser publicados na páxina web de Escolas Católicas de Galicia.

13. Os traballos non publicados quedarán en depósito no Departamento de Pastoral de Escolas Católicas de Galicia, á disposición dos interesados, ata un mes despois da comunicación do fallo do premio.

14. O feito de presentarse ao concurso implica a aceptación íntegra das bases.

21 sept. 2013

Non podedes servir a Deus e á riqueza - Lc 16, 1-13

Domingo 25 de Ordinario - ciclo C


O CAMIÑO DA SOLIDARIEDADE

Xesús, Mestre bo, ensínanos o camiño
para vivir solidariamente.
Axúdanos a converter o noso corazón duro
nun corazón sensible e achegado
a todas as persoas que sofren.

Ensínanos a saber descubrir a dor,
o sufrimento e as necesidades dos demais.
Dános a sinxeleza precisa
para conmovemos diante do próximo
e para acudir na súa axuda.

Que non sexamos mesquiños na nosa entrega,
que aprendamos a dar todo o que ternos:
as nosas cousas, o noso tempo,
o noso esforzo, a nosa vida enteira,
para que os outros vivan máis e mellor.

Axúdanos a ter compaixón,
que non é mágoa, senón solidariedade activa
e compromiso co outro:
sentir con el, padecer con el,
mobilizamos desde dentro
para saírmos ao seu encontro.

Deixar os propios intereses para atender os dos outros.
Aprender a dar, antes que pedir e que recibir.
Ensínanos a ser solidarios, a vivir o amor de verdade,
a construír a xustiza e o Reino.
 

POWER POINT: Sen etiqueta

Loade ó Señor, que levanta os pobres - Salmo 112

Domingo 25 de Ordinario - ciclo C


VIVOS NO AMOR

Cada mañá, Pai bo,
Quero ir contento para o traballo;
e comparto o meu esforzo con outras persoas,
e volvo á casa co pan suado e gañado.
Grazas, Pai bo, polo meu pan

Cada día, Pai bo,
quero unirme aos que loitan na comunidade
para facer máis digna a nosa vida,
e a xustiza florece nas nosas mans.
Grazas, Pai bo, pola nosa unión.

Sen acougo, Pai bo,
queremos rexer con coidado as nosas vidas,
coa sinxeleza dos humildes
e coa sabedoría dos avisados,
porque está en xogo a nosa paz e a nosa liberdade.
Grazas, Pai bo, pola sinxeleza loitadora.

Un día tras doutro, Pai bo,
queremos abrir as mans e o corazón
con vontade solidaria e fraterna,
pensando nos que non teñen pan nin esperanza.
Grazas, Pai bo, pola nosa solidariedade.

En todo e por todo queremos servirte a ti,
plenitude de todos os nosos soños,
camiño e luz da nosa busca solidaria. 



19 sept. 2013

Domingo 25 de Ordinario C

25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     Am 8, 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Contra aqueles que teñen sometidos polo diñeiro aos necesitados
  
            Escoitade isto, vós que asoballades o pobre
e exterminades a xente humilde do país;
vós que dicides:
            "Cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo
e o sábado para fornecer o gran
traficando ata co farelo,
para minguar a medida,
aumentar o prezo
e defraudar con balanza falsa,
para mercarmos por diñeiro o mendigo
e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"
            Xura o Señor pola soberbia de Xacob:
            "Endexamais esquecerei os seus delitos”.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 112, 1-2. 4-6. 7-8
R/. (cf. 1a e 7b): Loade o Señor, que levanta os pobres.
Ou: Aleluia.

Loade, servos do Señor,
loade o nome do Señor.
Bendito sexa o nome do Señor,
agora e por sempre.

Sobre todos os pobos é excelso o Señor,
sobre o ceo a súa gloria.
Quen se compara  ao Señor, noso Deus,
que habita nas alturas
e se inclina para mirar
polo ceo e pola terra?

El ergue do po os indixentes,
levanta da varredura os pobres,
para lles dar asento cos príncipes,
cos príncipes do seu pobo.





Segunda Lectura     1 Tim 2, 1-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Fáganse oracións por todos os homes a Deus, que quere que todos os homes se salven

            Benquerido irmán:
            Rogo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de toda a xente, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serena baseada na piedade e na decencia.
            Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen  ao coñecemento da verdade.
            Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou como rescate por todos.
            Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑ digo a verdade e non minto ‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.
            Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     2 Cor 8, 9
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 16, 1-13 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non podedes servir a Deus e á riqueza
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
            O administrador púxose a cavilar: "E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Ora! Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
            Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle  ao primeiro: "Ti canto lle debes  ao meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
            Despois preguntoulle  ao segundo: "Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
            O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
            Por iso eu avísovos:
            ‑ Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito.           Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo non sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

______________________________________________________________________

Ou:  10-13 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a  verdadeira? E se no alleo nos sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo






 NON É MÁIS FELIZ A PERSOA QUE MÁIS TEN, SENÓN A QUE MENOS PRECISA

PÓRTICO
Ata hai ben pouco tempo o noso ritmo atolado de vida fíxonos crer que nada se nos podía negar, que os cartos eran a solución para todo. E entón, cando ninguén o esperaba, chegou a crise, maldita crise! Unha crise que vai deixando a moitas persoas nas beiras, sen traballo e polo tanto sen poder pagar as súas débedas, sen ilusións, sen esperanza. Unha crise que nos pillou co pé cambiado. Unha crise que nos fai tomar conciencia de que non é no ter onde atopamos sentido, senón na solidariedade que nos abre aos demais e na sinxeleza de quen busca vivir con dignidade e ser feliz vivindo co necesario, sentindo que as pequenas cousas seguen a ser importantes.

O PERDÓN
ö  Por non termos sabido descubrir e transmitir o que significa a austeridade, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
ö  Polas veces nas que nos creamos falsas necesidades que nos invitan a comprar, a acaparar, a posuír cousas que en realidade non precisamos, CRISTO, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
ö  Porque seguimos equivocados, pensando que a fe tamén é reducible a un negocio no que se paga polos favores recibidos, esquecendo a gratuidade e o amor, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.

REMUÍÑO
*    No noso mundo parece que todo ten un prezo. Todo pode comprarse, tamén as persoas, e se cadra aínda máis nestes tempos de crise: económica, moral, de valores.. Como nos tempos de Amós, moitos tamén seguen preguntándose cando pasará esta maldita crise para poder vender con xuros, a que país poderemos mandar os cartiños para telos seguros, onde poderemos conseguir man de obra barata, quen estará máis desesperado para facernos este traballo por menos soldo... En definitiva, estamos pagando as consecuencias de facer sinónimos cartos e felicidade, de axeonllarnos diante do deus mercado, de deshumanizar a economía...e iso fai que pouco a pouco o noso corazón se vaia corrompendo e busque escusas para venderse ao mellor ofertante. Xa non hai ideais, xa non hai coherencia, xa non hai honestidade, xa non hai…. Vendemos todo! Unha meirande parte dos nosos representantes públicos non se decata de que son simples xestores, e malgastan ou estafan os cartos que son de todos, recortando logo drasticamente en asuntos sociais nos que non cabe recortar. Quen sae prexudicado? Pois, coma sempre, os máis débiles.

*    E a esta compra-venda tampouco é allea a nosa Igrexa, que en demasiadas ocasións esquece que o seu é vivir na gratuidade e na austeridade. E é que no fondo todos temos algo de comerciantes, e é tan tentador vivir en pecado!. Parécenos que a Eucaristía na que rezamos aos nosos defuntos ten máis valor se nos cobran o estipendio correspondente e se é unipersoal ou unifamiliar; cremos que se chega antes ao ceo se no funeral hai tres ministros en vez dun só; pensamos que somos mellores se poxamos por levar aquel santo na procesión....E, pola banda dos que mandan, a cousa non está mellor. Pagámoslle a un compañeiro porque nos vén presidir unha celebración o día da festa, cobramos estipendios abusivos, pensamos que é unha boa parroquia aquela na que os seus fregueses teñen un bo nivel económico, estamos dispostos a presidir celebracións coma churros se nos pagan convenientemente. Pararnos, falar coa xente, escoitar.... parvadas! O único importante é o culto, sobre todo ao deus mercado, que fai medrar a nosa conta corrente. En resumo, cremos que se pagamos polos servizos relixiosos, estamos mellor xustificados e temos máis dereitos.

*    Por iso que ben nos vén repetir o que o Señor nos lembra no evanxeo; aquilo de que non podemos servir a Deus e aos cartos, porque amaremos a un e aborreceremos ao outro. E isto é o que está a pasar na nosa igrexa: non só que o deus son os cartos, senón tamén que os “representantes de Deus” fixeron un becerro de ouro, o dos cartos, diante do que se prostran esquecendo que son a gratuidade, o amor e o servizo, os camiños que temos que andar.

*    Unha vez máis, a Palabra chámanos a sermos coherentes, a non deixarnos corromper, a sermos fieis e responsables no pequeno, nesas cousas miúdas que van tecendo a nosa vida, a non esquecermos que os cartos non dan a felicidade. Axúdanos, Señor, para que a corrupción, ningún tipo de corrupción, aniñe no noso corazón.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentámosche agora as nosas peticións comunitarias dicindo:
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
ð  Pola Igrexa (xerarquía, relixiosos e leigos), para que nunca esquezamos que só teremos autoridade moral cando abandonemos o comercio para sermos servidores de todos, cando poñamos o que somos e temos ao servizo dos demais, cando sirvamos aos máis necesitados, cando descubramos nas outras persoas (aínda que non sexan dos nosos) a Deus, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
ð  Polas nosas comunidades, para que entendan que no amor, na entrega, no diálogo, na dispoñibilidade, e no servizo ás persoas de todo credo, ideoloxía ou raza, está a esencia da súa fe, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
ð  Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que cos capitais de Deus non se especula nin se comercia, senón que somos amados para amar, somos servidores para servir, somos regalados para compartir, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
                Deus, que en Xesús pronuncias unha palabra radical sobre a imposibilidade de servirte a Ti e aos cartos, axúdanos a sermos radicais tamén e a traballar por unha economía sometida ás leis da ética e do amor. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN
Xesús, Mestre bo,
ensínanos o camiño para vivir solidariamente.
Axúdanos a converter o noso corazón duro
nun corazón sensible e cércano a todas as persoas que sofren.
Ensínanos a saber descubrir a dor, o sufrimento e as necesidades dos demais.
Danos a sinxeleza precisa para conmovernos diante do próximo
e para acudir na súa axuda.
Que non sexamos mesquiños na nosa entrega,
que aprendamos a dar todo o que temos:
as nosas cousas, o noso tempo, o noso esforzo, a nosa vida enteira,
para que os outros vivan máis e mellor.
Axúdanos a ter compaixón, que non é mágoa,
senón solidariedade activa e compromiso co outro.

 

CANTOS

ENTRADA:
Que ledos hoxe estamos
LECTURAS:
Xesús chamado amigo
OFERTORIO:
Benaventurados
COMUÑÓN:
Pan do ceo

 

POWER POINTS