Domingo 26 de Ord C
26º COMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C
Primeira Lectura Am 6, 1a.
4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Será extirpada a facción dos nugalláns
Isto di o Señor
omnipotente:
"Malia os que
viven no lecer en Sión,
os despreocupados no monte de Samaría!
Déitanse en leitos de marfil,
vaguean nas súas camas,
xantando os carneiros do rabaño
e os xatos sacados da corte.
Cantaruxan ao son da arpa
e, coma novos David, inventan instrumentos.
Beben viño nas grandes
copas
e únxense coa esencia dos perfumes,
mais a desfeita de Xosé non os deprime.
Por iso agora van
partir para o exilio
á cabeza dos deportados,
pois rematou a esmorga dos nugalláns".
- Oráculo do Señor, Deus dos Exércitos ‑.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 145, 7.
8-9a. 9bc-10
R/. (1b): Loa, alma miña, o Señor.
Ou: Aleluia.
O Señor garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.
O Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.
O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.
Segunda Lectura 1 Tim 6,
11-16
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Garda os mandamentos ata a chegada do Señor
Benquerido irmán, home
de Deus:
Practica a xustiza, a
piedade, a fe, o amor, a paciencia e a mansedume. Combate a fermosa loita da
fe, procura a vida eterna á que te chamaron e da que fixeches clara profesión
diante de moita xente.
Mándocho en presenza
Deus, que fai vivir todas as cousas, e diante Cristo Xesús, que deu bo
testemuño ante Poncio Pilato: garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a
manifestación gloriosa do noso Señor
Xesús Cristo.
No seu debido tempo
amosarao o Deus bendito e único soberano, Rei dos reis e Señor dos señores: o
único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún
home o viu nin o pode ver.
A El a honra e o poder
eterno. Amén.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 2 Cor
8, 9
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre, sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.
Evanxeo Lc 16, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti recibiches bens e Lázaro males; agora este é consolado, mentres que
ti es atormentado
Naquel tempo, díxolles
Xesús aos fariseos:
- Había un home rico
que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días
espléndidos banquetes.
Ó pé da súa porta
xacía un pobre chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar
a fame co que caía da mesa do rico; e
incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
Resulta que morreu o
pobre, e levárono os anxos ao seo de
Abrahán. Morreu tamén o rico, e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no
medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abrahán e mais a Lázaro no seu
seo.
Entón suplicoulle
dicindo: "Ai, pai Abrahán, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle
o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume".
Pero Abrahán contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa
vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento.
Ademais, entre nós e
vós hai un abismo insalvable; de xeito que desde aquí non se pode pasar onda
vós, nin desde aí se pode vir onda nós".
Entón el insistiu:
"Suplícoche, pai Abrahán, que o mandes a casa do meu pai, onde teño cinco
irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de
tormentos". Pero Abrahán respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os
Profetas: que lles fagan caso a eles".
El volveu insistir:
"Pero non llelo van facer, pai Abrahán, non; se un morto vai onda eles,
seguro que se converterán". Pero Abrahán replicoulle: "Se a Moisés e
mais aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto
resucitado".
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
NIN SERVOS NIN ESCRAVOS,
SENÓN SERVIDORES DUN TESTEMUÑO EN IGUALDADE
PÓRTICO
As persoas non somos cousas que
pertenzamos a alguén que pode facer de nós canto queira. As persoas somos
presenza viva de Deus en nós, e polo tanto posuíumos dignidade, identidade,
liberdade e capacidade para tomar decisións e darlle á vida a orientación que
cada un queiramos ir construíndo. Isto que parece claro e non admite dúbida
desde o punto de vista racional, non o é tanto á hora de aplicalo á praxe, á
realidade, aos feitos de cada día. E non o é, porque aí xa aparecen intereses,
diferenzas e ansias de poder que podemos ter uns e outros. A pesares disto, a
fe cristiá segue a proclamar que non somos nin escravos nin servos, que non
estamos sometidos a ninguén máis cá liberdade que nos fai elixir un camiño ou
outro. Nesta elección, para os que nos chamamos crentes, aparece Deus. Non para
tomar as decisións por nós, senón para facerse presente e darnos forza nese
momento tan importante no que queremos darlle un sentido e unha orientación á
vida. Se temos isto claro, entenderemos ben a razón pola que como seguidores de
Xesús temos que clamar contra calquera intento de someternos, dominarnos ou
manipularnos, que teñen moitas veces os poderosos e os que son capaces de
enganar con argucias diversos ás persoas sinxelas e sen retranca. Abrámonos a
acoller, unha vez máis, esta chamada que se nos fai desde a palabra proclamada
para non deixarnos dominar por ninguén, evitando así perder o don máis grande
que Deus puxo en nós: a liberdade.
O PERDÓN
·
Para
que non pechemos os ollos á realidade, na que tantas persoas necesitan do noso
tempo e das nosas mans, SEÑOR, DÁNOS UN
CORAZÓN SENSIBLE.
·
Para
que revisemos se no noso actuar de cada día, o amor, a xustiza e a piedade son
actitudes que nos levan a seguir a Xesús, CRISTO,
DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.
·
Para
que non caiamos na tentación materialista de buscar só o útil e o que dá
ganancia, esquecéndonos das persoas,
SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.
REMUÍÑO
Temos escoitado moitas veces,
mesmo quizais o teñamos pensado, que a fe é unha cuestión que se pecha na
relación individual entre Deus e mais un, sen que inflúa nin teña que
preocuparse nin do mundo nin no que nel poida pasar. Diante disto, que a forza
de repetilo moita xente acaba por crelo, os textos que acabamos de proclamar na
liturxia da Palabra dinnos todo o contrario. Sendo o seguimento de Xesús un camiño
de salvación e esperanza, esta non poderá ser plena se non vai expresada desde
as actitudes –a maneira coa que nós reaccionamos e nos comportamos diante das
situacións que nos acaen- que van pondo de manifesto a credibilidade das nosas
conviccións e a coherencia do noso actuar. E se ben é verdade que a meta á que
nos leva a fe é a da resurrección, non menos verdade é tamén que esa meta final
necesita da verificación do actuar en relación con ese fin cara onde todos nós
arelamos dirixir a nosa vida, polo que sen realidade cotiá, sen achega aos
problemas e situacións que se van dando na nosa vida e na dos demais non hai
vivencia nin expresión de fe.
Paulo na 1ª carta que lle escribe a Timoteo, tal
e como acabamos de escoitar, sinala tres actitudes fundamentais que nunca poden
estar ausentes no actuar de alguén que quere ser, alí onde estea, seguidor
activo, e non simple consumidor de ritos e practicas relixiosas aprendidas
desde hai moitos anos e sobre as que non temos pensado a razón e o por que da
súa realización. Estas actitudes das que fala Paulo teñen como cimento a fe; é
dicir, a relación persoal, madura e cotiá con Deus desde o testemuño de vida de
Xesús. É unha tríade que nos fai poñer os pés no chan e preguntarnos de que
maneira, cada un de nós, no día a día da nosa vida imos facendo posible que a
xustiza, a piedade e a caridade aniñen e alenten canto facemos e dicimos. Cada
unha delas non se pecha en si mesma, senón que se abre ás outras, para incidir,
unha vez máis, en que a vida dos crentes non se pecha dentro dos templos, senón
que ten que manifestarse, ser visible para os demais e para o mundo no actuar...
e na coherencia dese actuar. Cómo falar de ser seguidores de Xesús se tratamos
aos demais como se foran números, balances, datos ou estatísticas? Cómo ser
seguidor de Xesús, se no contacto con outras persoas agroman en nós sentimentos
de rexeitamento, superioridade, imposición dos nosos criterios, sometemento dos
máis débiles ou submisión inmoral diante dos poderosos? Cómo querer chamarnos
seguidores de Xesús se o odio, a xenreira, a violencia, o abuso ou a
despreocupación polo que lle pasa aos demais, especialmente aos que temos máis
próximos, nos vai facendo insensibles e convertendo o noso corazón de carne en
pedra dura e fría? Cómo non sentir vergoña ao querer chamarnos seguidores de
Xesús cando na nosa vida nos volvemos materialistas, pragmáticos e só valoramos
o que é rendible e aporta ganancias, excluíndo dela todo o que supoña empatía,
solidariedade, transcendencia ou sentido da vida máis alá que o que vemos e
percibimos a través dos sentidos? Cómo, cómo, cómo... non reaccionar con rabia
diante deste esquecemento e manipulación de algo tan grande, novo e esperanzado
como é a tarefa que nos encomenda Xesús?
Unha tarefa que só ten unha raíz: a
súa persoa e a mensaxe que nos chegou a nós a través da palabra recollida polos
que del a escoitaron, e o testemuño, na maioría das veces contracorrente, de
homes e mulleres que ao longo dos anos, nin tiveron medo nin vergoña de
poñerlle accións, rostros, entrega e dispoñibilidade á fermosa tarefa de ir
construíndo o Reinado de Deus. Que pensemos onde e con quen queremos xogar este
partido: cos poderosos, que parece que todo o saben, e aos que logo o tempo vai
pondo no seu sitio; ou cos sinxelos que saben que a súa felicidade está en
traballar para que todos, uns e outros, non só uns poucos poidan ser felices?
Que por non ter pensado sobre isto nos pase coma ao rico do evanxeo, quen
incapaz de ver a presenza da esperanza e do amor no cotián de cada día,
buscaba, cando xa era tarde, grandes sinais que puideran convencer aos que
tiñan os ollos pechados e a vista cansa para ver que só na realidade concreta
se pode actuar e transformala para mellorala e facela casa de todos, sen
necesidade nin de grandes sinais nin de grandes eventos. Na brisa dos feitos de
cada día que se fan presentes nos irmáns, é onde estamos chamados a descubrir a
presenza, que non ausencia de Deus. Que prestemos oídos e ollos, para ver os
lázaros que nolo mostran constantemente.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentemos
agora, na confianza e no desexo de ser verdadeiras testemuñas de xustiza e
caridade para cos demais, a oración comunitaria, e digamos xuntos:
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A
RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
*
Para
que a Igrexa non consinta na tentación de moverse por afáns materialistas de
poder, imposición e dominio, esquecendo que Xesús nos invita sempre a dar
testemuño de servizo. OREMOS.
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A
RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
*
Para
que nas nosas comunidades aprendamos a vivir desde as actitudes ás que nos
chama o actuar constante e continuo de Xesús: a xustiza, a solidariedade, o non
abandono dos máis débiles e a gratuidade do amor, OREMOS.
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A
RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
*
Para
que nós, na normalidade da vida de cada día: familia, traballo, amigos... nos
esforcemos por poñer en práctica a fondura do testemuño co que Xesús nos invita
a descubrir cal é o sentido que temos que darlle á nosa existencia, OREMOS.
QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A
RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN
Señor,
aquí presentamos a nosa oración comunitaria. Queremos compartila entre nós e
contigo, para poder sentir sempre ao noso lado a forza da túa presenza. P.XN.S.
Amén.
PARA A REFLEXIÓN
PETICIÓNS NON ESCOITADAS
Eu
pedíralle a Deus poder para ser amado,
e
atopeime co amor para non precisar ser poderoso.
Pedíralle
a saúde para facer grandes cousas,
e
atopeime coa enfermidade para facerme grande.
Pedíralle
a riqueza para ser feliz,
e
atopeime coa felicidade para poder vivir na pobreza.
Pedíralle
leis para dominar aos outros,
e
atopeime liberdade para liberalos.
Pedíralle
admiradores para estar rodeado de xente,
e
atopeime amigos/as para non estar só.
Pedíralle
ideas para convencer,
e
atopeime respecto para convivir.
Pedíralle
cartos para mercar cousas,
e
atopeime persoas para compartir os meus cartos.
Pedíralle
unha relixión para gañar o ceo,
e
El só me deu ao seu Fillo para acompañarme pola terra.
Pedíralle
de todo para gozar na vida,
e
El deume a vida para que goce de todo.
Pedíralle
ser un deus,
e
El só puido facerme persoa...
(José Antonio García-Monge)
ENTRADA:
Camiñarei
LECTURAS:
O amor é o meirande
OFERTORIO:
Sementar, sementarei
COMUÑÓN:
Ide e pregoade
POWER
POINTS
Comentarios
Publicar un comentario