29 feb. 2016

ORACIÓN SEMANA CORESMA 3 - GUÍAME, SEÑOR



GUÍAME, SEÑOR

Guíame, Señor, a miña luz,
nas tebras que me rodean,
guíame cara adiante!
A noite é escura e estou lonxe de casa:
Guíame ti!
Dirixe Ti os meus pasos!
Non che pido ver claramente o horizonte afastado:
bástame con avanzar un pouco...

Non sempre fun así, 
non sempre che pedín que me guiases Ti.
Gustábame elixir eu mesmo e organizar a miña vida...
pero agora, guíame Ti!
Gustábanme as luces cegadoras
e, desprezando todo temor, 
o orgullo guiaba a miña vontade:
Señor, non lembres os anos pasados...
Durante moito tempo a túa paciencia esperoume:
sen dúbida, Ti guiarasme por desertos e pantanos,
por montes e torrentes
ata que a noite dea paso ao amencer
e sorríame á alba o rostro de Deus:
o teu Rostro, Señor!

Henry Newmann


"Eu son" mandoume onda vós - Ex 3, 1-8a. 13-15

Domingo 3 de Coresma - ciclo C



NON É 

A PRIMEIRA VEZ

Señor:
Non é a primeira vez que vés
e que a figueira mostra as súas follas arrogantes
-verdes, grandes, ásperas, sen froito-,
enganándote.

Sabes que ocupa un terreo fértil,
que suaches e cansaches coidándoa
para que dera os mellores figos.

E foi inútil.
E, aínda que tes ganas de cortala,
o teu corazón resístese.

Cavarás a súa terra, botaraslle esterco de novo ...
Déixaa un pouco máis.
Déixanos un pouco máis.
Déixame un pouco máis, Señor, e cóidame.









28 feb. 2016

A vida do pobo no deserto con Moisés escribiuse para a nosa conversión - 1 Cor 10, 1-6. 10-12

Domingo 3 de Coresma - ciclo C


CHAMADOS A DAR FROITO

Estás chamado para dar froito.
Non podes ocupar un sitio
e logo non producir nada.
Na Igrexa de Deus
hai moitos sitios ocupados.
Na Igrexa de Deus
hai moitos cristiáns bautizados
que logo non dan froito.

Non se pode estar na comunidade
aproveitándose do rendemento alleo.
Moito ou pouco, hai que render.

O perdón de Deus
non é garantía de preguiceiros.
O que non fai o que debe facer
deixa un oca na súa vida
que ninguén poderá encher.
Nin Deus!

O que non achega o que debe ofrecer
deixa un baleiro na súa comunidade
que ninguén poderá cubrir.
Nin Deus!

A vida persoal,
a vida comunitaria
a historia dos pobos
non se realiza a golpe de milagres.

Traballa seriamente,
aproveita o tempo e as oportunidades,
responsabilízate da túa tarefa.

Porque as túas mans
son as mans que Deus ten
para refacer a túa vida
e a vida do mundo no que vives.



27 feb. 2016

Domingo 3 de Coresma C

DOMINGO III DE CORESMA  -   CICLO C


Primeira Lectura     Ex 3, 1-8a. 13-15
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
"Eu son" mandoume onda vós
  
            Naqueles días, Moisés pastaba os rabaños do seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía, e dixo para si:
            ‑ Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira.
            En vendo o Señor que Moisés se achegaba para mirar, chamouno desde a silveira:
            ‑ Moisés!, Moisés!
            El respondeu:
            ‑ Aquí estou.
            Díxolle Deus:
            ‑ Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada.
            E engadiu:
            ‑ Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob.
            Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.
            O Señor díxolle:
            ‑ "Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía".
            Moisés replicou:
            ‑ "Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: E cal é o seu nome? Que lles direi eu entón?"
Deus respondeulle a Moisés:
            ‑ "Eu son o que son".
            E engadiu:
            ‑ "Diraslles así aos israelitas: Eu son mándame onda vós".
            E mandoulle aínda:
            ‑ "Diraslles tamén aos israelitas: O Señor, o Deus de vosos pais, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme todas as xeracións.

  Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11
R/. (8a): O Señor é misericordioso e clemente.

Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o  Señor,
non esquezas os seus beneficios.

El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

O Señor fai xustiza
e defende o dereito do oprimido.
Amosoulle a Moisés os seus camiños,
ós fillos de Israel as súas fazañas.

O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Canto se alza o ceo sobre a terra,
así é grande o seu amor para os que o temen.



Segunda Lectura     1 Cor 10, 1-6. 10-12
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A vida do pobo no deserto con Moisés escribiuse para a nosa conversión
  
            Irmáns:
            Non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; que todos comeron o mesmo alimento espiritual ‑ pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo ‑.
            Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
            Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degoiros do mal, coma eles os tiveron.
            Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron vítimas do Exterminador.
Isto sucedeulles a eles como exemplo, e escribiuse para o noso escarmento: para nós, que vivimos na fin dos tempos. De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!

  Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



VERSÍCULO   Mt 4, 17

Facede penitencia, di o Señor;
está cerca o Reino dos Ceos.



Evanxeo     Lc 13, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Se non facedes penitencia, todos pereceredes
  
            Naquel intre presentáronse algúns para contarlle a Xesús o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían.
            El respondeulles:

            ‑ Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
            E púxolles esta parábola:
            ‑ Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao viñateiro: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:
            "Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".


  Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo     



Do “aquí estou” de Moisés ao “non murmuredes” de Paulo hai un camiño que temos que ir enchendo de acollida da Palabra que quere cambiar os nosos corazóns para que reborden humanidade fraterna, que supera a dureza da rancor e da xenreira 
3ª coresma TOC 2016
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

POWER POINTS


CANTO AGRADECIDO
ENTRADA: 
LECTURAS: 
OFERTORIO: 
COMUÑÓN: 


ESCOITA ACTIVA
Bos días, e paz e ben para todos. Un domingo máis volvemos reunirnos convencidos da forza da unión e do sentido comunitario da oración. O Deus da tenrura e da misericordia ábrenos as portas da súa casa para que nos acheguemos a El desde a palabra proclamada na fe celebrada. Proclamar e celebrar son dous verbos que indican unha actitude de movemento, e que supón que a nosa participación ha ser activa, creadora e viva. Son as actitudes das que temos que ir deixando pegada sen necesidade de facer cousas que chamen a atención nin que resulten extravagantes. Celebremos, logo con sinxeleza, canto nos ten ocorrido ao longo da semana, nas luces e nas sombras; e facémolo desde o eco que deixa en nós a palabra proclamada. Por iso, dispoñámonos, co corazón, a vista e o oído a participar desta festa de esperanza e misericordia na que compartimos a tenrura apaixonante do Deus que sempre nos busca espazo no que poder acougar ao seu lado.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque lle damos moito bombo ás cousas que facemos ben, pero escondemos o que lle fai dano aos demais, a Deus e a nós mesmos; SEÑOR, QUE PASEMOS DA SOBERBIA AO RECOÑECEMENTO DOS NOSOS ERROS.
·         Porque as nosas présas fan que non lle dediquemos a Deus o tempo no que acougar e poñer nel a nosa vida, CRISTO, QUE PASEMOS DA SOBERBIA AO RECOÑECEMENTO DOS NOSOS ERROS.
·         Porque nos sobran palabras baleiras, e fáltannos actitudes que recoñezan as nosas equivocacións e as nosas ganas de cambiar a mellor; SEÑOR, QUE PASEMOS DA SOBERBIA AO RECOÑECEMENTO DOS NOSOS ERROS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
No diálogo entre Deus e Moisés que vimos de escoitar na primeira lectura, aparece unha frase que nos pode axudar esta mañá a entrar na dinámica da Palabra que axude a entendela e vivila. Deus dille a Moisés que a terra na que está é sagrada. Iso mesmo nos recordaba non hai moito tamén o Papa Francisco na súa carta encíclica Laudato si, cando nos dicía que temos a obriga de coidar e respectar a terra, o mundo, a casa común, na que vivimos. Porque esta non é duns poucos, os poderosos, os que a destrúen, os que tentan facer dela ermo e destrución. A terra é sagrada porque é don de Deus, e coma todo don que provén del, para nós e desde nós ha ser o mellor legado que poidamos deixar aos que veñen despois. A sacralidade non é logo un non tocarlle nin un volver ao tempo no que os nosos devanceiros vivían nas covas, senón que esa sacralidade vén dada pola súa orixe: Deus, e pola chamada a facer dela lugar e tarefa desde a que poidamos coidala para que cantos vivimos agora nela e os que veñan despois de nós, poidan atopar un medio desde o que sentirse queridos, acollidos e necesitados, para atoparse uns cos outros, axudarse nas necesidades duns e outros e convertela nunha casa que nos axuda e protexe, pero que non destruímos porque é de todos e a todos nos fai falta.
            E facémolo así porque a pon ao noso dispor, sendo misericordioso e clemente, como rezabamos no salmo; e quere que termemos uns dos outros tendo un espazo común no que caibamos todos e onde ninguén se senta botado fóra. E se El sanda as nosas doenzas e coróanos coa súa tenrura; desde el, tamén nós temos que ser curadores de quen atopamos no camiño dos nosos pequenos mundos: familia, amigos, compañeiros de traballo, veciños, barrio, parroquia, país... para ofrecerlles dispoñibilidade, tempo, actitudes e comportamentos xustos. Son logo o seu amor e a súa tenrura non palabras baleiras que saen da boca para que soen e se perdan ao aire, senón palabras que expresan que na nosa vida estamos a tomar en serio que Deus se fai presenta a través do noso actuar e da nosa maneira de achegarnos aos demais. Non é un Deus das alturas, afastado e despreocupado do que nos pasa, senón un Deus a ras de terra, que vai deixando pegada da súa presenza por medio do recoñecemento que cada un de nós fagamos da dignidade dos demais, da igualdade coa que temos que tratarnos uns a outros, no respecto que nos merecemos, mesmo tendo ideas e formas de ver a realidade distintas. O amor e a tenrura de Deus han ser sempre o noso amor e a nosa tenrura. Isto esixe de nós estar atentos a facer xustiza do noso actuar defendendo aos máis débiles, aos que os poderosos queren facer menos, aos que nunca van saír nin nos grandes programas de máxima audiencia nos medios de comunicación, nin tampouco van ser portada de revistas ou xornais de grande tirada. Por iso temos que ter os ollos ben abertos sempre, para non deixarnos confundir nin polo moito barullo nin pola aparencia; para aprender a ver desde os ollos de Deus quen son os oprimidos do noso tempo ao lado dos que teremos que estar cando falamos do Deus de Xesús. 

            El é o Deus que unha e outra vez segue a darnos oportunidades sen cansar. Oportunidades que contrastan coa nosa pouca paciencia. O mesmo que lle ocorría a aquel que quería cortar a figueira de raíz porque non daba froito. Desde a lóxica de Deus, saber esperar ha ser unha actitude permanente na que todos nós temos que ir aprendendo, namentres seguimos a coidar das persoas máis esquecidas e necesitadas, sabendo que non son sobrantes, senón presenza de Deus en corazóns que latexan no sufrimento porque para os que mandan, e ás veces eses que mandan podemos ser nós, non son máis que sombras que minoran as súas présas. Fagamos logo compromiso non descoidar o coidado dos que poidan necesitarnos. Seguro que entón, si que daremos abundante froito.

FRATERNIDADE ORANTE
Poñamos a vida nas mans de Deus e digamos agradecidos:
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA

Para que a Igrexa sexa paciente e non xulgue a quen, achegándose a ela, busca tempo para ser escoitado/a ou mans e corazón para ser axudado/a na busca de solucións xustas ante as inxustizas dos poderosos, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Para que nas nosas comunidades aprendamos a ir deixando pegadas que fagan que os que as sigan atopen calor de corazón, mirada limpa e mans sempre dispostas a axudar, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Para que nós deixemos que a palabra hoxe proclamada chegue ao corazón e nos leve a descubrir que ao noso redor segue habendo persoas que agradecen o noso tempo, o noso sorriso e as nosas palabras de esperanza, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Señor, alenta canto hoxe poñemos ao teu carón. Sabemos que moitas veces pechamos os oídos a canto nos invitas a vivir. Que este tempo de coresma sexa tempo de cambio e renovación en nós. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Pensei e recei.
Temín darche as chaves.
Seguín pensando e rezando,
seguín vivindo,
e por fin dei o paso
e entregueiche as chaves do meu corazón.

Mais toda a miña loita foi en van.
Ti non querías as chaves.
Volvíchesmas dar,
e dixéchesme:
Ti es o dono, manda e goberna.
Eu estou contigo.


(M. Regal, Chorimas. Páx.63)

25 feb. 2016

Ficha e Lectio - Domingo 3 de Coresma C


+ FICHAS: 



LECTIO:


DOMINGO III DE CORESMA 
(Ano C: 28. II. 16)

            O tempo de Coresma vai avanzando e nós deberiamos írmonos renovando interiormente ó seu ritmo. Hoxe ofrécesenos a posibilidade de escoller na liturxia as Lecturas  do Ciclo A (o de hai dous anos) en vez das do Ciclo C no que propiamente estamos. Non quixen desaproveitar a ocasión que se nos brinda, porque a lectura do encontro de Xesús coa muller samaritana, descrito por Xoán, é unha verdadeira preciosidade pola súa sinxeleza ou espontaneidade e mais pola fondura do seu contido.
            Sérvenos ademais para irmos afondando, cada vez máis decididamente, na enorme grandeza e orixinalidade da mensaxe de Xesús. Pois, se no comezo da Coresma se nos pediu que “nos convertésemos e crésemos no Evanxeo”, na “boa nova”, teriamos que estar atentos ás novidades fundamentais que nos trae Xesús e que se distinguen netamente das anteriores manifestacións de Deus na historia humana.
            E estas novidades de Xesús –estou diso moi convencido- seguen sendo verdadeiramente novas nos tempos de hoxe e seguirano a ser nos tempos vindeiros, porque o acontecemento da aparición e presenza de Xesús onda nós veu romper tódolos moldes, incluso os moldes relixiosos. Isto é así pola mesma razón pola que Deus, o Deus infindo e inabarcábel, rompe por si mesmo con tódalas pequenas ideas e conceptos nos que nos gustaría apresalo. Pois Xesús non é, nin máis nin menos, có anunciador elixido por ese Deus misterioso e inabarcábel para comunicarnos quen é e como é ese Deus.
            En Xesús ofrécenos Deus, o Deus creador de todo, a doada e gratificante posibilidade de achegármonos a El, ó Deus infindo e misterioso, sen utilizarmos vellos ritos ou transitando por vías digamos oficiais, venerables ou tradicionalmente admitidas polas diversas culturas. Se isto que digo vos parece esaxerado ou estraño, escoitade unha vez máis o que lle comenta Xesús, cansado e sedento, a esa muller samaritana, á que todos lle debemos agradecer moito por ter sido tan oportuna como para ocorrérselle ir a por auga ó pozo cando Xesús estaba alí a descansar un pouco.
            Polo relato de Xoán sabemos que a muller cambiou de terzo na súa conversa cando Xesús lle fixo referencia ós cinco maridos que tivera. Xesús non a condena nin a despreza por iso. Quen sabe se ela era unha muller ben consciente de si mesma, con suficiente sentido da súa dignidade e liberdade para non se deixar someter ós autoritarismos e desprezos respecto dela por parte dos sucesivos maridos? Non esquezamos que naquela cultura e naquel tempo a muller era unha persoa moito máis discriminada aínda que nos nosos tempos.
            Esta benévola e comprensiva actitude de Xesús en relación con ela é a que a ela lle fai de súpeto intuír que a persoa que está alí a falar con ela é alguén que non se parece en nada ós seus anteriores maridos. Coa intuición propia dunha muller intelixente e coñecedora da vida humana, a samaritana decátase axiña de que alí diante dela está un home de Deus ou, como ela lle di a Xesús, un “profeta”.
            Para ela é, polo tanto, o momento axeitado para formularlle unha pregunta digamos directamente “relixiosa”. A pregunta que lle fai a Xesús é sobre o lugar no que está Deus, sobre cal é a relixión “verdadeira”, a del, é dicir, a do xudeu Xesús, ou a dela, a dos samaritanos. Unha pregunta que moitos nos podemos facer tamén hoxe en día ante a presenza ó noso lado de crenzas ou confesións relixiosas tan diversas. Se ve que a intelixente muller non era unha “dogmática” respecto da súa propia relixión, senón que tiña dúbidas sobre a lexitimidade do seu modo concreto de incardinarse ou vincularse a uns determinados ritos ou lugares de culto.
            Xesús non a vai defraudar. Porque se a muller samaritana, polo que se ve, era unha muller amante da liberdade e da verdade, Xesús serao aínda moito máis ca ela. Pois Xesús é o fillo “benquerido” de seu Pai Deus, que é a mesma liberdade e amor absolutos, presente en calquera tempo e lugar. En consecuencia, Xesús vai encher o corazón da muller cun espírito de liberdade e verdade, que a converterá en anunciadora ante os seus veciños da gran mensaxe que acababa de recibir.
            Porque Xesús vai liberar (unha vez máis Xesús como “liberador”!), vai descargar a esta muller, aberta á verdade e á liberdade, das angustias e atrancos ós que estaba sometida pola concreta sociedade na que estaba a vivir.
            Coido que a resposta que lle deu Xesús a esta muller hai vinte séculos non está aínda suficientemente asimilada nos nosos tempos, incluso entre os que nos chamamos cristiáns e seguidores de Xesús. É unha resposta absolutamente sorprendente, pero totalmente coherente coa experiencia fonda e íntima que Xesús tiña do seu Pai Deus naqueles sublimes momentos de conversa con El no cumio de calquera deses montes a onde se dirixía para falar con El (como no monte do anterior domingo onde se transfigurou durante a oración).
            Escoitemos a resposta de Xesús á muller, e fagámolo tendo presente aquel mandado do Pai: “Este é meu fillo benquerido, o elixido. ESCOITÁDEO”. Velaquí, pois, a case incríbel resposta de Xesús: “Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai... Chega a hora –e velaí- en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran o adoren en espírito e verdade”.
            Con esta resposta púxolle Xesús definitivamente no seu interior á samaritana aquela auga, mellor dito, aquela –en palabras de Xesús- “fonte que salta ata a vida eterna”, que ela en realidade estaba sempre no fondo a buscar.
            Para rematar xa. Un cristián éo de verdade cando achegándose concretamente á súa igrexa habitual para escoitar a mensaxe de Xesús e alimentarse da súa doutrina e da súa persoa, sabe e é perfectamente consciente de que a nosa “adoración” do Deus de Xesús non se restrinxe ou limita a un concreto lugar, senón que ocorre e pode ocorrer en calquera lugar do mundo, sexa ou non considerado como sagrado. Por que? Porque o Deus de Xesús non é só o Deus dalgúns, senón o Deus de todos. A súa Palabra, é dicir, Xesús, diríxese sempre a tódalas conciencias en calquera tempo ou lugar e no seo de calquera cultura ou relixión. Así o entendía tamén, como ben sabedes, o noso Pai Seixas. Deixemos, pois, neste tempo coresmal que esta alegre mensaxe de Xesús ensanche os nosos corazóns, como o fixo coa muller samaritana.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
Rogamos a Deus Pai para que saibamos escoitar o seu fillo Xesús e levar así a outros a quen é a Fonte de augas vivas, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: Escóitanos, Pai.

            -Dános, Pai, fe na palabra do teu fillo Xesús, que se nos presenta como modelo da nosa relación contigo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Concédenos, Pai, apertura de entendemento e de corazón para sabermos verte e adorarte en calquera lugar e cultura do mundo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Fai, Pai, que saibamos recoñecerte e servirte en calquera persoa con fame e sede de xustiza, felicidade e paz. 
Todos: Escóitanos, Pai.


            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro





VER MÁIS:

http://www.gruposdejesus.com/3-coresma-c-lucas-131-9/

24 feb. 2016

#mobilizarosalia



Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o día de Rosalía de Castro co gallo do seu nacemento, cunha iniciativa moi chula. Quérese coñecer a incidencia que tería esta acción nas redes sociais. So hai que enviar o seguinte hastag cunha imaxe e cun verso da obra de Rosalía en calquera das redes nas que esteades presentes en internet: Facebook, Instagram, Twitter, Pinterest, etc.
Por exemplo:

#mobilizarosalia Dios puxo un velo enriva D'os nosos corazons, Velo qu'oculta abismos Qu'el pode ollar tan sô.









23 feb. 2016

CELEBRACIÓN PENITENCIAL DE CORESMA

Un corazón necesitado de renovación. Grazas, Señor.


Ambientación:
            Reunímonos na Igrexa e con unha luz moi tenue, comezamos cantando. Diante do altar colocamos un recipiente de barro dentro do que poñeremos os anacos de cadea - símbolo que fomos rachando ao longo de toda a Coresma - para queimar antes do momento da absolución.

Canto:  ARREPENTIDO.

            -Arrepentido de vivir sen sentido percorrendo camiños que se arredan de Ti.
            Arrepentido das xornadas baleiras e do tempo perdido que pasou ante min.
            Perdóanos, Señor, perdóanos. (bis)
            -Arrepentido de esquecer os proxectos e matar o ideal de vivir coma Ti.
            Arrepentido de negar o sorriso ou a axuda precisa a quen pasa onda min. 
Perdóanos, Señor...           
            -Arrepentido de palabras sen vida, de amizades feridas que se foron de min.
            Arrepentido coma o fillo perdido, volvo á casa e confío que me esperas alí. 
Perdóanos, Señor...


Saúdo: No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo…

Monición:
            Ao longo da Coresma temos escoitado moitas veces a palabra convertédevos. Todo o tempo de Coresma foi un camiño, un exercicio de conversión. Queremos cambiar a nosa maneira de facer e pensar as cousas, porque só así conseguiremos celebrar, con sentido e vivencia cristiá, a Pascua de Cristo. É dicir, morrer ao pecado e enchemos da vida nova que El nos ven traer.
            Nesta celebración queremos revisar a nosa resposta, poñemos di ante de Cristo, coma aquel paralítico que levaron entre catro, abrimos a súa misericordia, e esperar a súa palabra de perdón e renovación.
            Tamén nós queremos esta tarde ver a Xesús, esforcémonos por conseguilo e abramos o noso corazón ao cambio.

Invocacións penitenciais:      
            Libéranos da carga dos nosos pecados./ Señor, ten piedade.          
            Libéranos do peso dos nosos egoísmos./  Señor, ten piedade
            Libéranos das nosas ataduras e apegos. / Señor, ten piedade.         
            Libéranos das nosas comodidades e dos nosos medos./ Señor, ten piedade.
            Libéranos das nosas dúbidas e escuridades./ Señor, ten piedade.     
            Libéranos dos nosos rancores e envexas./ Señor, ten piedade
            Libéranos das nosas violencias e vinganzas./ Señor, ten piedade.     
            Libéranos das nosas riquezas e cobizas./ Señor, ten piedade.           
            Libéranos das nosas tristuras e desesperanzas. / Señor, ten piedade. 
            Libéranos dos nosos pesimismos e pasividades./ Señor, ten piedade.

Oración
                        Concédenos, Señor Deus, un corazón:
            Vixiante, que ningunha curiosidade nos aparte de ti;
            Nobre, que ningunha influencia nos envileza;
            Recto, que ningunha mala intención nos desvíe;
            Firme, que ningunha tribulación nos debilite;
            Libre, quen ningún afecto nos escravice.

Ecos da oración
            (Cunha música suave de fondo, vaise lendo de xeito pausado o seguinte texto)

Concédenos, Señor
            Queremos cambiar o noso corazón.
            Sós non podemos facelo. Necesitamos da túa man, Señor.
Un corazón vixiante
            Porque un corazón que durme, apágase. Deixa de ser sensible
            Vólvese capaz de ferir os irmáns. Necesitamos un corazón esperto.
            Atento a túa palabra, a túa chamada. A túa chegada.
            Que non esteamos durmidos cando chegues.
CREA EN MIN, OH DEUS, UN CORAZÓN PURO
E RENÓVAME POR DENTRO CUN ESPÍRITO FIRME.

Un corazón nobre
            Ás veces o meu corazón deixase levar por intereses mesquiños
            faise hipócrita, enganoso e corrupto.
            Necesitamos un corazón limpo, digno e bo fiel aos seus principios e valores
Un corazón recto       
            Porque moitas veces desviámonos do teu camiño
            Non buscamos a verdade, senón o noso interese
            Dános, Señor, un corazón libre e responsable
            Que non se engane a si mesmo, nin pretenda enganar aos demais  
CREA EN MIN, OH DEUS, UN CORAZÓN PURO
E RENÓVAME POR DENTRO CUN ESPÍRITO FIRME.

Un corazón firme
            Que rompa a nosa covardía. O noso cansazo e impaciencia.            
            Que esquece e se desesperanza.             
            Dános, Señor, forza e fortaleza. Perseveranza e paciencia. Aguante e fidelidade.
Un corazón libre
            O noso corazón moitas veces é escravo. Átase a moitos apegos que non o fan feliz:
            A cobiza, o pracer, a fama, o medo, a timidez. Dáme, Señor, un corazón desapegado, pobre.
            Humilde, e sempre en actitude de cambio.    

Proclamación da Palabra

• Ez 36, 23 - 28. cambiarei o voso corazón de pedra en corazón de carne.
Lectura do Libro de Ezequiel  (Ez  36, 23 – 28)

            Así fala o meu Señor, Iavé:

            -Casa de Israel, non por vós vou eu actuar, senón por mor do meu santo Nome, que vós profanastes entre as nacións onde fostes.

            Pois vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome, profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.

            Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor -é o meu Señor, Iavé, quen fala-, cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.

            Pois recollereivos das nacións, xuntareivos de tódolos países e traereivos á vosa terra.

            Asperxerei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros; de tódalas vosas impurezas e de tódalas vosas idolatrías heivos purificar.

            Dareivos un corazón novo e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo; sacarei da vosa carne o corazón de pedra e poreivos un corazón de carne.

            Porei nas vosas entrañas o meu espírito e farei que camiñedes conforme os meus preceptos
e que gardéde-los meus mandamentos e os cumprades.
            Viviredes no país que lles dei a vosos pais: seréde-lo meu pobo e eu serei o voso Deus.

Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

 

CREA EN MIN, OH DEUS, UN CORAZÓN PURO
E RENÓVAME POR DENTRO CUN ESPÍRITO FIRME.
-Apiádate de min pola túa bondade,  borra o meu pecado.
Lávame ben da miña iniquidade, límpame da culpa.
-Recoñezo o meu pecado, sinto a miña culpa.
Lávame Ti, e quedaréi branco, branco coma a neve.

• Mt 11, 25 - 30. Na pequenez, Deus, fálanos e móstrase achegado e sempre amigo. Só desde a humildade conseguiremos o cambio do corazón.

Lectura do Evanxeo de san Mateu  ( Mt 11, 25 – 30)


            Naquel tempo dixo Xesús:

            -Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e ós prudentes e llas revelaches á xente humilde.

            Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
            Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei.

            Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é aturable e a miña carga liviá.

Palabra do Señor                                         R/.- Loámoste, Cristo

CREA EN MIN, OH DEUS, UN CORAZÓN PURO
E RENÓVAME POR DENTRO CUN ESPÍRITO FIRME.
-Faime senti-lo gozo e a ledicia, borra as miñas culpas.
Crea en min un corazón puro, non me botes fóra.


Remuíño:
            - Necesitamos un transplante de corazón.
            - Deus sae ao noso encontro: non estamos sós.
            - Camiñamos desde a humildade, deixando atrás o vello.

Exame de Conciencia:
            Momento de achegarse ao perdón e de queimar as cadeas que nos escravizan, e que ao longo do tempo de Coresma quixemos ir rachando e deixando atrás. Soa de fondo unha música suave.

Peticións de acción de grazas:

            Dámosche grazas, Pai
- Polo amor co que nos amas.            Grazas, Pai.
- Polo perdón que nos concedes.       Grazas, Pai.
- Polos sacramentos que recibimos.   Grazas, Pai.
- Pola Palabra que nos alenta.            Grazas, Pai.
- Pola auga e o sangue de Cristo.       Grazas, Señor.
- Pola forza do Espírito que camiña con nós.                        Grazas, Pai.
- Pola Igrexa que nos chama a ser comunidade.       Grazas, Pai.     
- Polos irmáns que comparten con nós a fe.              Grazas, Pai.     
- Polas persoas que vas pondo no noso camiño para que nos guíen.                        Grazas,Pai.

Dámosche grazas, Pai, pola grandeza da túa misericordia, que non se esgota, e sempre nos perdoa. Amén.

            Pola vida que é regalo dos teus dedos, polo sol que nos esperta cada alba,
            Pola noite que agarima os nosos ollos, pola lúa que nos enche de nostalxia.
                                   Grazas, Señor, graciñas (bis)
            Polos cumes onde raia a luz do día, polos vales frutidores da fartura,
            polos mares bulideiros de inquedanzas, pola calma, polo vento e pola chuvia.
                                   Grazas, Señor, graciñas (bis)
            Polos nenos en quen brilla o teu sorriso, pola idade na que o amor con forza bate,
            por aquela en que a fogaxe madurece, pola hora na que a vida é señardade.
                                   Grazas, Señor, graciñas (bis)
            Pola casa e mailo pan, polo traballo, pola busca dos lograr quen nos teñen,
            polo empeño comunal dun e outros, polo albor do mundo xusto que pretenden.