Domingo 1 de Coresma - ciclo C

DOMINGO I DE CORESMA  -  CICLO C


Primeira Lectura      Dt 26, 4-10
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Confesión de fe do pobo elixido
  
            Faloulle Moisés ao pobo dicindo:
            O sacerdote collerá a cesta da túa man e poraa diante do altar do Señor, teu Deus. Entón ti tomarás a palabra e dirás diante do Señor, teu Deus: Meu pai era un arameo errante que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante con pouquiña xente que o acompañaba.
            Alí converteuse nun pobo grande, poderoso e numeroso. Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume.
            Entón chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo.
            Logo o Señor fíxonos saír de Exipto con man forte e brazo estendido, con gran terror, con sinais e con feitos marabillosos, e fíxonos entrar neste santuario e entregounos esta terra, terra que deita leite e mel.
            Por isto, velaí que agora eu trouxen as primicias dos froitos da terra que ti me deches, Señor. Poralas na presenza do Señor, teu Deus, prostraraste na presenza do Señor, teu Deus.

 Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL     Sal 90, 1-2. 10-11. 12-13. 14-15
R/. (cf. 15b): Acompáñame, Señor, na tribulación.

Ti que habitas ao abeiro do Altísimo
e moras á sombra do Omnipotente,
dille ao Señor: "Meu refuxio, miña forza,
meu Deus, en quen confío".

Ningún mal te atinxirá,
ningunha praga se achegará á túa tenda,
porque el mandará os seus anxos onda ti,
para que te garden en todos os camiños.

Levarante nas súas mans,
para que non bata na pedra o teu pé.
Poderás camiñar sobre áspides e víboras,
e esmagar o león e o dragón.

Hei libralo, porque se apegou a min;
hei protexelo, porque coñece o meu nome.
Cando me chame, hei responderlle;
con el estarei na aflición,
para defendelo e honralo.


Segunda Lectura    Rm 10, 8-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Confesión de fe de quen cre en Cristo
  
            Irmáns:
            Que di a Escritura?
            ‑ Cerca de ti está a palabra,
na túa boca e no teu corazón.
            Esa é a palabra da fe que anunciamos. Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. Pois crese co corazón para acadar a xustiza; e maniféstase coa boca para lograr a salvación. Porque di a Escritura: todo o que crea nel non quedará defraudado.
            Daquela non hai diferenza entre o xudeu e o grego, pois un mesmo é o Señor de todos, rico para todos os que o invocan; porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo.

  Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus




VERSÍCULO    Mt 4, 4b

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.



Evanxeo      Lc 4, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Era conducido polo Espírito ao deserto, e era tentado
  
            Naquel tempo, Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ao cabo deles sentiu fame.
            E díxolle o Satán:
            ‑ Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.
            Respondeulle Xesús:
            ‑ Está escrito: O home vive de algo máis que de pan.
            Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
            ‑ Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: Se me adoras todo será teu.
            Respondeulle Xesús:
            ‑ Escrito está: Adorarás o Señor, teu Deus, e só a El darás culto.
            Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:
            ‑ Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te garden;  e tamén: Levarate nas súas mans para que non se manquen os teus pés nas pedras.
            Xesús respondeulle:
            ‑ Está mandado:Non tentarás o Señor, teu Deus.
            E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.

  Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo



Plántalle cara á fame: sementa!!!!!!!
(Sementar recursos, Sementar capacidades, Sementar responsabilidade e cooperación entre os Estados, Sementar solidariedade) – 1º Coresma TOC 2016


 

POWER POINTS



CANTO AGRADECIDO
PERDÓN: Arrepentido


ESCOITA ACTIVA
Celebramos hoxe o primeiro domingo de Coresma. Un tempo de Graza, para renovar a nosa vida cristiá; un tempo para deixar que Xesucristo, o sementador, nos faga frutificar en obras de fe, esperanza e caridade.
         Ao longo deste tempo coresmal teremos un sinal que nos axudará a ter sempre presente onde está o importante no camiño da nosa vida. Serán unhas pegadas que nos invitarán a que os nosos pasos sexan pasos de achega e non de confrontación; pasos de entendemento e non de indiferenza; pasos de diálogo e non de incomunicación.
         E todo para poder chegar a gozar da Pascua que nos libera das ataduras que endurecen o noso corazón e nos incapacitan para escoitar o doloroso clamor de tantos corazóns que ao noso redor se senten solos, esquecidos e magoados... moitas veces pola nosa incapacidade para velos e achegarnos a eles.
Celebramos tamén, en este día, a  Campaña 57 de Mans Unidas, co lema: “Plántalle cara á fame: SEMENTA”, co desexo de sementar corazóns compasivos, corazóns capaces de abrirse ás necesidades dos máis afastados, que impulsen accións concretas para acabar coa fame.
Acheguémonos ao Señor, quen por medio da súa Palabra, e co seu Corpo e o seu Sangue, nos alimenta para poder ser testemuñas da súa misericordia.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Por non sementar momentos de encontro que unan, senón indiferenza que nos illa e nos fai individualistas; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA VIDA SEMENTE E NON ERMO.
·         Por non acompañar a quen se ve excluído e tende a súa man para ser acollida e axudada;CRISTO, QUE FAGAMOS DA VIDA SEMENTE E NON ERMO.
·         Por non educar os máis novos no respecto da casa común, o noso mundo, ensinándolles a coidar e non a estragar e contaminar; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA VIDA SEMENTE E NON ERMO.


MONICIÓN ÁS LECTURAS
Deus non permanece indiferente á sorte do pobo elixido. Un pobo que clamou ao Señor, que recoñeceu a súa presenza na tribulación e a quen Deus bendiciu cunha terra que mana leite e mel. É este un Pobo de irmáns, onde non hai distinción entre xudeus e gregos, xa que un mesmo é o Señor de todos. Un Deus que fortalece na debilidade, que vence a tentación e que nos revela a grande dignidade dos seres humanos: criaturas e fillos de Deus. Escoitemos con atención.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
                  O mércores da Cinza comezamos o tempo de Coresma. E neste ano xubilar da Misericordia, ano de perdoanza e arrepentimento, dinos o Papa Francisco: “A Coresma deste ano xubilar ha ser vivida con maior intensidade, como momento forte para celebrar e experimentar a misericordia de Deus. Cantas páxinas da Sagrada Escritura poden ser meditadas nas semanas de Coresma para redescubrir o rostro misericordioso do Pai!” (MV 17). Nos textos que hoxe vimos de escoitar, móstrasenos a un Deus que non permanece indiferente á nosa historia, á historia da humanidade, do seu pobo e que, de maneira especial, sente compaixón dos débiles e necesitados. “Entón clamamos ao Señor, Deus dos nosos pais e o Señor escoitou a nosa voz, mirou a nosa opresión, o noso traballo e a nosa angustia”. E coma Pai sempre pendente e preocupado polos seus fillos, agasállanos co mundo, casa de todos, e pono nas nosas mans: “levounos a este lugar e deunos unha terra, unha terra que mana leite e mel. Por iso, agora traio aquí as primicias dos froitos do chan que Ti, Señor, me deches”. Na nosa responsabilidade está responder a esta encomenda e a este agasallo. Como, preguntámonos moitas veces? A celebración de hoxe pode ser un momento para darlle resposta a esta pregunta:

Plántalle cara á fame: SEMENTA. Este é o lema da Campaña de Mans Unidas deste ano. A xenerosidade é o camiño que Xesucristo, Señor de todos, nos revelou e é a invitación que hoxe se nos fai, para acabar coa fame no mundo. “… xa que un mesmo é o Señor de todos, xeneroso con todos os que o invocan”.
Xesucristo, ao comezar a súa vida pública, foi guiado polo Espírito ao deserto, onde foi tentado polo demo. “e alí, onde estivo sen comer, ao final sentiu fame”. Ese Xesús, que sentiu fame, visítanos e faise presente nos irmáns que padecen necesidade. El dinos: “Tiven fame e déstesme de comer”.
Acollamos hoxe a invitación que a Igrexa en España nos fai: SEMENTA, para combater a fame no mundo, para saciar a fame de Deus nas persoas, coas que compartimos a fraternidade.
Abramos os nosos ollos para mirar as miserias do mundo, as feridas de tantos irmáns e irmás privados da dignidade, e sintámonos provocados a escoitar o seu grito de auxilio. Que as nosas mans estreiten as súas mans, e acheguémolos a nós para que sintan a calor da nosa presenza, da nosa amizade e da fraternidade” (MV 15).


FRATERNIDADE ORANTE
Ao comezo do camiño coresmal, oremos a Deus, fonte de vida e de todo ben, guiados polo Espírito do Señor e digamos xuntos:
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
·         Para que nesta Coresma aprendamos a seguir ao noso mestre e modelo, Xesucristo, o home novo, proxecto dunha humanidade reconciliada co Pai, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
·         Polo Papa Francisco, polos nosos bispos e por todos os curas, para que, co seu testemuño e palabra, sexan testemuñas da misericordia de Deus, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
·         Polos nosos gobernantes e políticos, para que impulsen o verdadeiro desenvolvemento de todos os pobos e especialmente dos máis necesitados, eliminando as causas da fame, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
·         Polos pobres e necesitados, polos beneficiarios dos proxectos de Mans Unidas, para que experimenten o consolo de Deus e a axuda de todos lles permita saír da súa pobreza, OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
·         Por cantos fan posible o labor de Mans Unidas, para que a caridade de Cristo brille neles e se estenda a todas as persoas; OREMOS.
QUE SEMENTEMOS ENCONTRO E NON INDIFERENZA
Señor, que unha vez máis nos ofreces este tempo de coresma para recuperar o verdadeiro sentido da vida e para reconciliarnos contigo e cos irmáns; fai que todos xuntos, seguindo as pegadas Cristo, camiñemos día tras día cara a alegría pascual. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Dinos o papa Francisco que é un escándalo que aínda haxa fame e malnutrición no mundo. Isto nunca pode ser considerado un feito normal ao que hai que acostumarse, como si formara parte do sistema. Tamén nos di que “Todo está conectado”; por iso, dicimos nós, que nada do que pasa no mundo, casa común, ocorre ao chou; senón que o noso é un mundo interdependente, no que a relación entre unhas persoas con outras e de estas coas cousas non é neutra. Non podemos pensar, entón, que a responsabilidade das situacións que se dan no noso mundo, ao noso redor, non é nosa, senón doutros, dos que mandan e poden.
A desnutrición crónica que sofren 800 millóns de persoas, ten que ver cun tipo de desenvolvemento contaminante e estragador. O Papa anímanos a promover una ecoloxía integral, capaz de acabar coa pobreza e a exclusión, que promova o coidado da creación, o agarimo e o respecto cara aos máis pobres, o coidado dos outros, da familia, das relacións sociais... Poderemos cambiar o noso modo de vida para que todos poidamos gozar da “casa común”?

Neste ano xubilar, a Igrexa é chamada a curar aínda máis as feridas, a alivialas co leo da consolación, a vendalas coa misericordia, e a curalas coa solidariedade e a debida atención. Non caiamos na indiferenza que humilla, na rutina que anestesia o ánimo e impide descubrir a novidade, no cinismo que destrúe. Abramos os nosos ollos para mirar as miserias do mundo, as feridas de tantos irmáns e irmás privados da dignidade, e sintámonos provocados a escoitar o seu grito de auxilio.










Comentarios

Publicacións populares