Confesión de fe do pobo elixido - Dt 26, 4-10

Domingo 1 de Coresma - ciclo C


SÓ TI ES O MEU DEUS

Escóllote a ti, meu Deus,
escóllote a ti, coma Xesús.
Coma El quixer eu amarte,
coma El quixer eu levarte
no fondo e na tona de min mesmo,
dándolle forza e sentido a todo canto planeo e fago.

Ti es o meu Deus e o meu todo,
Ti es o centro da miña vida,
todo en min depende de ti,
todo en min mira amorosamente cara a ti.

Nas horas da miña debilidade e pobreza
gustaríame gozar do poder da túa presenza.
Nas horas difíciles da escolla e da decisión
gustaríame sentirte preto.

Cando me tente o espírito malo
que hai en min e no mundo,
quixer estar fondamente asentado en ti.

Cando me provoquen o poder, a fama e os cartos,  
quixer proclamar con toda a forza
que só Ti es o meu Deus.

Cando me tente a abandonar
as cousas da comunidade
e a ollar só para o meu insolidariamente,
quixer descubrir en ti as fontes
que invitan ao amor grande e solidario.

Meu Deus, meu corazón, meu todo,
alento que de min termas,
acougo e gozo diario, meu Deus!



Comentarios

Publicacións populares