Ficha e Lectio - Domingo 5 Ordinario C
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO V do T. O.
(7 febreiro 2016)
Para entendermos mellor o evanxeo de hoxe, cómpre ter en conta que o mar
era na mentalidade da época un lugar onde habitaban os monstros, os monstros
mariños, que ameazaban ou poñían en perigo ós que se metían nel. Polo tanto,
“pescar” viña significando tamén en certo modo, na frase que emprega Xesús
cando lle di a Pedro que vai ser “pescador de homes”, algo así como anunciarlle
que se vai converter nun “liberador das persoas”. Pedro vai liberar a xente,
grazas á mensaxe de liberación que nos trae Xesús, de toda clase de medos,
angurias ou ameazas. Pedro e con el os demais apóstolos e seguidores, todos
nós, estamos, pois, chamados a sermos “pescadores” de persoas. É dicir,
seguidores de Xesús que ofrecemos a cantos se atopen con nós a alegría da súa
boa nova, a orientación da súa luz e a forza do seu Espírito contra a que non
poderá facer nada monstro ningún.
Seguimos
así, como vedes, fieis á mensaxe central de “liberación” que Xesús dirixiu en
Nazaret ós seus veciños, hai un par de domingos, aínda que naquela ocasión os
seus oíntes preferisen seguir vivindo baixo a rutina e os medos e ameazas da
lei a comezar unha nova andadura polos camiños alegres e liberadores de Xesús.
Mais
para podermos entrar de verdade polos camiños deste Xesús liberador, fai falla
algo máis cós nosos esforzos. Esta parece ser a idea central deste encontro de
Xesús con tres dos seus apóstolos máis representativos (Pedro, Santiago e mais
Xoán) onda o lago de Xenesaret. De pouco valen as calidades e pericias
persoais, incluso traballando en grupo (os tres apóstolos pescando en
comandita), se con eles ou entre eles non anda o impulso e a inspiración do
Espírito de Xesús. De noite (cando a hora parecía ser a propicia) non pescaron
ren; só aburrimento e cansazo. E de día, cando pasara xa presuntamente o tempo axeitado,
alí está Xesús para botarlles unha man. Xesús sentiríase tamén en certo modo
case obrigado a facer algo por eles. Pois algúns comentaristas cren que el
vivía por entón na casa de Pedro; e algún peixe si que lles faría falta para
levalo á boca, aínda que non fosen tantos como os que atoparían logo na rede.
É
esta unha lección que tendemos quizais a esquecer e deixar de lado moitas
veces. Na empresa liberadora de Xesús tan imprescindible é o noso esforzo
persoal coma aquilo que chamamos “graza” de Deus, que nos incita ó traballo e
que nos ha de acompañar sempre. Paulo exprésao ben claramente na súa carta de
hoxe ós Corintios cando, tras comentar que el non é senón o derradeiro e menos
digno entre os apóstolos, engade alí mesmo: “traballei máis ca todos eles;
aínda que non precisamente eu, senón a graza de Deus que está comigo”. Vén
sendo o que Santo Ignacio de Loiola formulará moito despois dicindo que
deberiamos facer as cousas como se todo dependese de nós e confiarlle ó mesmo tempo o resultado a Deus
coma se todo dependese del.
Así
nin nos encheremos de fachenda polos éxitos acadados nin perderemos azos ante
os fracasos, posiblemente só aparentes. Hoxe en día, por exemplo, podemos sentírmonos
tentados a pensar que ou nós, os “pescadores”, non facemos o que deberiamos
facer para non coller, como se di no evanxeo de hoxe, “nin un rabo de peixe” ou
que o Xesús do lago de Xenesaret non está xa con nós. No primeiro podemos
certamente fallar. Mais no segundo, no que se refire a Xesús e ó seu Espírito,
non podemos pensar que el nos teña abandonado ó volvérmonos do mar coa barca
baleira de peixes. A nosa fe asegúranos que Deus actúa e seguirá actuando no
mundo e tamén entre nós, aínda que iso non teña por que ocorrer da maneira que
nós pensamos ou falsamente cremos ser a
única lóxica e correcta.
Todos
sabemos, por exemplo, que nos últimos tempos están a escasear vocacións tanto
sacerdotais como relixiosas, que tradicionalmente tiveron sempre unha función
bastante importante no oficio evanxélico de “pescar homes”, é dicir, de axudar
á xente a viviren coa liberdade e a alegría coas que Deus quere que vivamos.
Mais os camiños de Deus non os coñecemos e a historia pode incluso tamén
aprendernos algo. En relación coa vida relixiosa, lin unha vez concretamente o
seguinte: “No século XVIII había máis de 300.000 relixiosos varóns pertencentes
a aproximadamente 100 Ordes diferentes. En 25 anos (entre 1775 e 1800) estas
cifras descenderon a 150.000, para chegaren cara ó 1850 a uns 70.000, e iso
contando con que xurdiran novas Congregacións. Unha diminución dun 70% en menos
dun século... E, porén, esta situación superouse rapidamente e 100 anos máis
tarde (1950) o número de relixiosos era xa de novo máis de 300.000 (un índice
de crecemento de máis do 500%)”.
Non
se trata desde logo aquí de pescudar sobre o futuro da nosa Igrexa e sobre o
modo concreto como serán os futuros “pescadores de homes” que Deus suscitará no
mundo por medio do seu Espírito nos tempos vindeiros. O importante é que
tomemos conciencia de que Deus segue a habitar entre nós e de que o seguirá a
facer tamén entre os que veñan despois de nós do xeito e maneira que El só
coñece. Pois el mesmo asegurounos en Xesús que el estará connosco tódolos días
deica á fin do mundo.
CREDO
ORACIÓNS DOS FIEIS:
Confortados e movidos polo Espírito de Deus, dirixímoslle
a Deus Pai a nosa oración pregando: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Dános, Pai, fe fonda e agradecida na palabra de Xesús
que vén liberarnos dos medos e angustias das nosas vidas.
Todos: ESCÓITANOS,
PAI.
-Suscita, Pai, entre nós e no mundo enteiro persoas
desexosas de se converter en “pescadores de homes”, en persoas apaixonadas pola
construción do teu reino de felicidade e de paz.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Dálles, Pai, ós mensaxeiros e mensaxeiras do teu reino
fe e paciencia cristiás nas angueiras e traballos que realizan coa túa graza.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario