Domingo 2 de Coresma C

DOMINGO II DE CORESMA  -  CICLO C


Primeira Lectura     Xen 15, 5-12. 17-18
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Deus establece alianza co fiel Abrahán

            Naqueles días, Deus levou fóra a Abrahán e prometeulle:
            ‑ "Olla cara ao ceo e conta as estrelas, se é que podes. Así terás de descendentes". Abrahán creu ao Señor, que llo tivo en conta para a xustificación.
            Despois díxolle o Señor:
            ‑ "Eu son o Señor, que te sacou de Ur dos Caldeos, para che dar en herdo esta terra".
            Abrahán preguntou:
            ‑ "Señor e dono meu, como saberei que será miña?"
            O Señor respondeu:
            ‑ "Tráeme unha becerra, unha cabra e un carneiro, todos eles de tres anos, e mais unha rula e unha pomba".
            Abrahán trouxo todo, partiu os animais polo medio e puxo unha metade fronte á outra; pero as aves non as partiu. Os voitres descendían á carnada, e Abrahán espantábaos.
            Cando o sol estaba para se pór, apoderouse de Abrahán un sono profundo e invadiuno unha escura ansiedade.
            Cando se puxo o sol e se fixo noite pecha, Abrahán viu pasar entre os membros dos animais tallados un fume coma de forno e un facho de lume.
            Aquel día fixo o Señor con Abrahán esta alianza:
            ‑ "Ós teus descendentes dareilles esta terra, desde o torrente de Exipto ata o gran río Éufrates,

Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL       Sal 26, 1. 7-8. 9abc. 13-14
R/. (1a): O Señor é a miña luz e salvación.

O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?

Escoita, Señor, a miña voz, que estou clamando,
ten misericordia de min, respóndeme.
O meu corazón dixo de ti:
"Buscade o meu rostro".
O teu rostro eu busco, Señor.

Non afastes de min o teu rostro.
Non rexeites con ira o teu servo,
Ti es a miña axuda.

Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.



Segunda Lectura     Flp 3, 17 - 4, 1  (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Cristo hanos configurar co seu corpo glorioso
  
            Irmáns:
            Seguide todos o meu exemplo e reparade nos que camiñan conforme o modelo que tedes de nós. É que moitos ‑ dos que xa vos teño falado e agora falo a chorar ‑ pórtanse coma inimigos da cruz de Cristo. Esa xente vai acabar na perdición; o Deus dela é o seu bandullo; a súa gabanza está na vergonza: xente que só se interesa polas cousas terreais.
            Pero a nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transformar o noso pobre corpo, configurándoo ao corpo da súa condición gloriosa, de acordo coa súa virtualidade para sometelo e para someter a si mesmo todas as cousas.
            Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!

 Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus

______________________________________________________________________

Ou máis breve:  3, 20 -- 4, 1

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES

            Irmáns:
            A nosa patria está no ceo, de onde nós agardamos un salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transformar o noso pobre corpo, configurándoo ao corpo da súa condición gloriosa, de acordo coa súa virtualidade para sometelo e para someter a si mesmo todas as cousas.
            Polo tanto, meus irmáns tan queridos e por quen sinto saudades, miña alegría e coroa, seguide así firmes no Señor, queridiños!

 Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.




Evanxeo    Lc 9, 28b-36
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Transfigurouse o seu rostro mentres oraba
  
            Naquel tempo, Xesús colleu a Pedro, a Xoán e mais a Santiago e subiu ao monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes.
            De súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e mais os outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
            ‑ Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Queres que vos fagamos tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías?
            Pero non sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles quedaron moi asustados ao entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube:
            ‑ Este é o meu Fillo, o Elixido: escoitádeo.
            Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E eles gardaron silencio. E non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles días.

 Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo




Fiar no mundo proxectos de misericordia desde a confianza de quen sabe escoitar para descubrirte presente entre nós 
2º Coresma  2016 TOC
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

POWER POINTS

CANTO AGRADECIDO
§  ENTRADA: Eu sei de quen me fiei
§  LECTURAS: Escoita ao Señor
§  OFERTORIO: Recibe Señor
§  COMUÑÓN: Acharte presente

ESCOITA ACTIVA
Como Abrahán, tamén nós somos invitados a vivir desde a confianza de Deus e en Deus. Esa confianza que sabe escoitar e acoller; acompañar e alentar; corrixir e dialogar. O Deus de Xesús é entón un Deus que non nos pon a proba mandándonos facer cousas imposibles, senón que vai falándonos ao profundo de cada un de nós para que fagamos do noso corazón a sé desde a que entendamos que as persoas, e non as leis nin as imposicións, son o importante. Como a roca que pouco a pouco vai fiando, que tamén nós aprendamos a fiar na confianza dun Deus que nos quere e nos invita a querer. O Deus que nos chama a cambiar e nos acompaña ao longo desta coresma para que vaiamos deixando ao noso paso pegadas de misericordia enchoupadas de confianza e non de medo. Por iso colocaremos hoxe no taboleiro a segunda pegada que nos lembre que esta ha ser a nosa tarefa cada día.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Para que cambiemos as actitudes que nos fan desconfiados e escépticos, SEÑOR, QUE TEÑAMOS AZOS DE MISERICORDIA.
·         Para que convertamos o egoísmo en xenerosidade, CRISTO, QUE TEÑAMOS AZOS DE MISERICORDIA.
·         Para que saibamos escoitarnos ata descubrir a necesidade de cambiar e deixar atrás o afán de mandar e impoñer o noso criterio sobre os demais, SEÑOR, QUE TEÑAMOS AZOS DE MISERICORDIA.


OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·         O mesmo que os discípulos, tamén nós necesitamos facer do noso actuar proximidade, achega para cos demais e para con Deus. Seguro que temos escoitado moitas veces a frase de que a Igrexa é esperta en humanidade. Se iso é así, non pode mostrarse coma unha institución chea de normas e esixencias, sen ningunha capacidade nin de empatía nin de misericordia. Porque a humanidade á que se refire supón estar constantemente á espreita de canto lle ocorre aos que están ao redor. Non para impoñerlle cargas ou berrarlle como un señor que manda, ordena e dicide sobre as vidas dos demais, senón como un pai e amigo que escoita, anima, perdoa e non está constantemente mirando cara atrás para lembrarnos o malos que somos e o mal que o facemos. A Igrexa ten que ser hoxe aos ollos de todas as persoas -e moitas veces segue a non selo-, icona de que canto dicimos que é e fai Deus para con nós, ela é capaz de poñelo no día a día da vida das persoas. Nun mundo de présas e resultados, humanidade é poñerlle corazón ás cousas que facemos e tenrura ao trato das persoas coas que nos atopamos. Só así a Igrexa -tamén nós, non só papa, bispos e curas-, seremos axentes da confianza de Deus e berces de misericordia.

·         Esta é a Igrexa á que Deus lle confía o mundo que conformamos, poñéndoo ao seu dispor, para que, a través do noso actuar responsable, xusto, libre e igualitario construamos a casa común onde non se discrimine nin polo credo nin tampouco pola cultura ou cor da pel. Deus non xulga “pintas externas”, senón que ve os corazóns, para que latexen desde e para as persoas, e non para a eficacia nin para a ganancia. El é un Deus do pequeno e sinxelo, non do aparente e baleiro. Coma descendentes deste tronco que pon ao noso dispor, estamos chamados a facer do noso testemuño experiencia permanente de esforzo por ser xustos e crear xustiza; ser solidarios e construír solidariedade; ser veraces e afastarnos da corrupción, o engano e a mentira. Porque non é contra do ser humano, senón para a súa dignificación polo que El nos entrega a terra para que fagamos dela casa común e non excluínte.

·         Nesta tarefa permanente é onde ha estar o noso esforzo e a nosa firmeza, como Paulo tamén animaba desde ela aos filipenses. Unha firmeza que non se deixa manipular nin xoga ao engano de abusar dos pequenos e débiles; unha firmeza que nos axuda a distinguir cal é camiño que debemos construír entre todos e cal é o do que debemos afastarnos; unha firmeza que non nos fai intolerantes, senón homes e mulleres de conviccións e valores que non se deixan enganar polo fácil e cómodo.

·         E para iso, como fixo Xesús con aqueles discípulos, tamén nós necesitamos subir ao monte –entendido coma o lugar no que Deus se manifesta– para contemplar e orar. No medio do barullo do noso mundo, podemos perder a oportunidade de escoitar e descubrir a voz de Deus que nos vai falando a través das persoas e cousas coas que nos imos atopando e gozando. É no monte e desde o monte, coa tranquilidade que require e esixe, onde temos que ir percibindo a súa voz ,que desde o silencio nos vai falando e invitando á oración de agradecemento e contemplación. E coma os que estaban con el, non habemos desesperarnos porque nos agonía o silencio, a tranquilidade e a paz que aquel sempre nos ofrece. De cando en vez é necesario, e moi importante, desconectar de todo tipo de barullo para deixar que polos nosos oídos entre a brisa do vento que nos chama a saber confiar e a aprender a non precipitarnos nin volvernos arroutados e a escoitar e descubrir que a voz de Deus chámanos a ser activos no medio dun mundo necesitado da súa paz.


FRATERNIDADE ORANTE
Unámonos en oración comunitaria para sentir a forza da presenza de Deus que nos invita a vivir a fe aprendendo a escoitarnos uns a outros, e digámoslle agradecidos,
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN

·         Para que  cantos formamos a igrexa nos esforcemos por facer deste tempo de coresma tempo de recoñecer erros e cambiar actitudes, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN
·         Para que nos esforcemos por levar misericordia e perdón aos veciños, aos familiares e ás persoas das que nos fomos afastando ata perder a relación, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN
·         Para que a nosa vida sexa unha tarefa permanente por ver a necesidade que temos uns dos outros, e nos apartemos de actitudes e comportamentos que nos fan individualistas e faltos de cariño e atención para cos demais, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR ACOMPAÑAR A NOSA ORACIÓN

Señor, alenta canto hoxe poñemos ao teu carón. Sabemos que moitas veces pechamos os oídos a canto nos invitas a vivir. Que este tempo de coresma sexa tempo de cambio e renovación en nós. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Aquí estou, Señor Xesús, á beira do camiño, sen camiño. 
Os meus pasos buscan as túas pegadas onde poñer as miñas pisadas: 
A vida e a morte están ante min coma un reto. 
O ben e o mal crúzanse no meu corazón, que sen descanso busca, pide e chama. 
Eu quero ser ditoso, Señor Xesús, home en camiño. 
Eu quero ser libre coa liberdade do teu Evanxeo. 
Libre en opción sincera e decidida a túa Palabra. 
Quero deixar atrás as chamadas opresoras do diñeiro, 
do poder, do pracer, do que no fondo é nada. 
Quero facer do teu Evanxeo norma de vida 
e escoitalo día e noite ata que penetre no fondo da alma. 
Quero ser, Señor Xesús, coma a árbore que crece onda o río 
e bebe en profundidade e fondura nas correntes da auga. 
Quero dar no seu tempo froitos de paz e ben, 
e deixar que as sementes que sementaches en min se abran. 
Non deixes nunca, Señor, que murchen as miñas follas verdes, 
nin que o vento as arranque, unha a unha, das súas pólas. 
Quero seguir o camiño da persoa nova, da persoa 
que di si á vida e a garda con perseveranza. 
Quero ser persoa de espírito que loite contra a carne 
e que faga do amor a Carta Magna, a Lei fundamental do teu Reino, 
aberto ao corazón vivo en desafío radical, 
unha a unha, das túas Benaventuranzas.

Non me deixes camiñar polo camiño de Caín, que leva sangue; 
e que a cada paso deixa os sinais do que mata. 
Non quero ser coma palla que leva o vento 
e fai dela un xogo fácil entre as súas ás. 
Quero ser desde as miñas raíces e a miña historia de ilusións e fracasos, 
desde as miñas loitas e as miñas crises, 
un camiño de esperanza aberto cara á Vida eterna, 
onde Ti moras e onde esperas, cun corazón de amigo, a miña chegada. 
Ti es, Señor Xesús, o camiño dun corazón vivo; 
o camiño de Abel, o camiño da vida na cruz 
entregada pola salvación do home, 
de todo home que busca en Ti a resposta certa e segura na encrucillada. 
Señor Xesús, contigo faise o camiño suave e lixeiro, 
ao levar entre ti e mais eu -os dous xuntos- esta pesada carga. 
Quero ser discípulo teu, e aprender de Ti, Mestre, 
a ser libre coma o vento, no teu Espírito, que guía e salva.

Comentarios

Publicacións populares