Domingo 3 de Coresma C
DOMINGO III DE
CORESMA - CICLO C
Primeira
Lectura Ex 3, 1-8a. 13-15
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
"Eu
son" mandoume onda vós
Naqueles días, Moisés pastaba os
rabaños do seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os
rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. Nunha labarada, no
medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira
que ardía e que non se consumía, e dixo para si:
‑ Voume chegar alá, para observar
este fenómeno e saber por que non se consome a silveira.
En vendo o Señor que Moisés se
achegaba para mirar, chamouno desde a silveira:
‑ Moisés!, Moisés!
El
respondeu:
‑
Aquí estou.
Díxolle
Deus:
‑
Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é
terra sagrada.
E
engadiu:
‑
Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob.
Moisés tapou a cara, polo medo de
ver a Deus.
O Señor díxolle:
‑ "Teño visto as miserias do
meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os
seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta
terra a unha terra boa e largacía".
Moisés replicou:
‑ "Xa me estou vendo chegar
onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais
eles preguntaranme: E cal é o seu nome? Que lles direi eu entón?"
Deus
respondeulle a Moisés:
‑ "Eu son o que son".
E engadiu:
‑ "Diraslles así aos
israelitas: Eu son mándame onda vós".
E mandoulle aínda:
‑ "Diraslles tamén aos
israelitas: O Señor, o Deus de vosos pais, o Deus de Abrahán, de Isaac e de
Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme
todas as xeracións.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal
102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11
R/.
(8a): O Señor é misericordioso e clemente.
Alma
miña, bendí o Señor
e
todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma
miña, bendí o Señor,
non
esquezas os seus beneficios.
El
perdoa as túas culpas
e
sanda as túas doenzas;
rescata
a túa vida da morte
e
coróate de amor e de tenrura;
O
Señor fai xustiza
e
defende o dereito do oprimido.
Amosoulle
a Moisés os seus camiños,
ós
fillos de Israel as súas fazañas.
O
Señor é misericordioso e clemente,
tardo
á ira e rico en mercés.
Canto
se alza o ceo sobre a terra,
así
é grande o seu amor para os que o temen.
Segunda
Lectura 1 Cor 10, 1-6. 10-12
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A
vida do pobo no deserto con Moisés escribiuse para a nosa conversión
Irmáns:
Non quero, irmáns, que ignoredes que
os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do
mar; que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; que todos
comeron o mesmo alimento espiritual ‑ pois bebían da pedra espiritual que os
acompañaba: e esa pedra era Cristo ‑.
Pero, con todo, a maior parte deles
non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
Isto sucedeu coma un exemplo para
nós, a fin de que non teñamos degoiros do mal, coma eles os tiveron.
Nin murmuredes, coma algúns deles e
pereceron vítimas do Exterminador.
Isto
sucedeulles a eles como exemplo, e escribiuse para o noso escarmento: para nós,
que vivimos na fin dos tempos. De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado
de non caer!
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Mt 4, 17
Facede
penitencia, di o Señor;
está
cerca o Reino dos Ceos.
Evanxeo Lc 13, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Se
non facedes penitencia, todos pereceredes
Naquel intre presentáronse algúns
para contarlle a Xesús o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns
galileos co dos sacrificios que ofrecían.
El respondeulles:
‑ Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
‑ Un home tiña unha figueira
plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao
viñateiro: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non
llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:
"Señor, déixaa aínda un ano
máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así
dá froito...; e, onde non, pódela cortar".
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Do “aquí estou” de Moisés ao “non murmuredes” de Paulo hai un camiño que
temos que ir enchendo de acollida da Palabra que quere cambiar os nosos
corazóns para que reborden humanidade fraterna, que supera a dureza da rancor e
da xenreira
CANTO AGRADECIDO
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
ESCOITA ACTIVA
Bos días, e paz e ben
para todos. Un domingo máis volvemos reunirnos convencidos da forza da unión e
do sentido comunitario da oración. O Deus da tenrura e da misericordia ábrenos
as portas da súa casa para que nos acheguemos a El desde a palabra proclamada
na fe celebrada. Proclamar e celebrar son dous verbos que indican unha actitude
de movemento, e que supón que a nosa participación ha ser activa, creadora e
viva. Son as actitudes das que temos que ir deixando pegada sen necesidade de
facer cousas que chamen a atención nin que resulten extravagantes. Celebremos,
logo con sinxeleza, canto nos ten ocorrido ao longo da semana, nas luces e nas
sombras; e facémolo desde o eco que deixa en nós a palabra proclamada. Por iso,
dispoñámonos, co corazón, a vista e o oído a participar desta festa de
esperanza e misericordia na que compartimos a tenrura apaixonante do Deus que
sempre nos busca espazo no que poder acougar ao seu lado.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·
Porque lle
damos moito bombo ás cousas que facemos ben, pero escondemos o que lle fai dano
aos demais, a Deus e a nós mesmos; SEÑOR, QUE PASEMOS DA SOBERBIA AO
RECOÑECEMENTO DOS NOSOS ERROS.
·
Porque as
nosas présas fan que non lle dediquemos a Deus o tempo no que acougar e poñer
nel a nosa vida, CRISTO, QUE PASEMOS DA SOBERBIA AO RECOÑECEMENTO DOS
NOSOS ERROS.
·
Porque nos sobran
palabras baleiras, e fáltannos actitudes que recoñezan as nosas equivocacións e
as nosas ganas de cambiar a mellor; SEÑOR, QUE PASEMOS DA SOBERBIA AO
RECOÑECEMENTO DOS NOSOS ERROS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
No
diálogo entre Deus e Moisés que vimos de escoitar na primeira lectura, aparece
unha frase que nos pode axudar esta mañá a entrar na dinámica da Palabra que
axude a entendela e vivila. Deus dille a Moisés que a terra na que está é
sagrada. Iso mesmo nos recordaba non hai moito tamén o Papa Francisco na súa
carta encíclica Laudato si, cando nos
dicía que temos a obriga de coidar e respectar a terra, o mundo, a casa común,
na que vivimos. Porque esta non é duns poucos, os poderosos, os que a destrúen,
os que tentan facer dela ermo e destrución. A terra é sagrada porque é don de
Deus, e coma todo don que provén del, para nós e desde nós ha ser o mellor
legado que poidamos deixar aos que veñen despois. A sacralidade non é logo un
non tocarlle nin un volver ao tempo no que os nosos devanceiros vivían nas
covas, senón que esa sacralidade vén dada pola súa orixe: Deus, e pola chamada
a facer dela lugar e tarefa desde a que poidamos coidala para que cantos
vivimos agora nela e os que veñan despois de nós, poidan atopar un medio desde
o que sentirse queridos, acollidos e necesitados, para atoparse uns cos outros,
axudarse nas necesidades duns e outros e convertela nunha casa que nos axuda e
protexe, pero que non destruímos porque é de todos e a todos nos fai falta.
E
facémolo así porque a pon ao noso dispor, sendo misericordioso e clemente, como
rezabamos no salmo; e quere que termemos uns dos outros tendo un espazo común
no que caibamos todos e onde ninguén se senta botado fóra. E se El sanda as
nosas doenzas e coróanos coa súa tenrura; desde el, tamén nós temos que ser curadores
de quen atopamos no camiño dos nosos pequenos mundos: familia, amigos,
compañeiros de traballo, veciños, barrio, parroquia, país... para ofrecerlles
dispoñibilidade, tempo, actitudes e comportamentos xustos. Son logo o seu amor
e a súa tenrura non palabras baleiras que saen da boca para que soen e se
perdan ao aire, senón palabras que expresan que na nosa vida estamos a tomar en
serio que Deus se fai presenta a través do noso actuar e da nosa maneira de
achegarnos aos demais. Non é un Deus das alturas, afastado e despreocupado do
que nos pasa, senón un Deus a ras de terra, que vai deixando pegada da súa
presenza por medio do recoñecemento que cada un de nós fagamos da dignidade dos
demais, da igualdade coa que temos que tratarnos uns a outros, no respecto que
nos merecemos, mesmo tendo ideas e formas de ver a realidade distintas. O amor
e a tenrura de Deus han ser sempre o noso amor e a nosa tenrura. Isto esixe de
nós estar atentos a facer xustiza do noso actuar defendendo aos máis débiles,
aos que os poderosos queren facer menos, aos que nunca van saír nin nos grandes
programas de máxima audiencia nos medios de comunicación, nin tampouco van ser
portada de revistas ou xornais de grande tirada. Por iso temos que ter os ollos
ben abertos sempre, para non deixarnos confundir nin polo moito barullo nin
pola aparencia; para aprender a ver desde os ollos de Deus quen son os
oprimidos do noso tempo ao lado dos que teremos que estar cando falamos do Deus
de Xesús.
El é o Deus que unha e outra vez segue a darnos oportunidades sen cansar. Oportunidades que contrastan coa nosa pouca paciencia. O mesmo que lle ocorría a aquel que quería cortar a figueira de raíz porque non daba froito. Desde a lóxica de Deus, saber esperar ha ser unha actitude permanente na que todos nós temos que ir aprendendo, namentres seguimos a coidar das persoas máis esquecidas e necesitadas, sabendo que non son sobrantes, senón presenza de Deus en corazóns que latexan no sufrimento porque para os que mandan, e ás veces eses que mandan podemos ser nós, non son máis que sombras que minoran as súas présas. Fagamos logo compromiso non descoidar o coidado dos que poidan necesitarnos. Seguro que entón, si que daremos abundante froito.
FRATERNIDADE ORANTE
Poñamos
a vida nas mans de Deus e digamos agradecidos:
SEÑOR,
QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Para que a Igrexa sexa paciente e non xulgue a quen, achegándose a ela,
busca tempo para ser escoitado/a ou mans e corazón para ser axudado/a na busca
de solucións xustas ante as inxustizas dos poderosos, OREMOS.
SEÑOR,
QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Para que nas nosas comunidades aprendamos a ir deixando pegadas que fagan
que os que as sigan atopen calor de corazón, mirada limpa e mans sempre
dispostas a axudar, OREMOS.
SEÑOR,
QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Para que nós deixemos que a palabra hoxe proclamada chegue ao corazón e nos
leve a descubrir que ao noso redor segue habendo persoas que agradecen o noso
tempo, o noso sorriso e as nosas palabras de esperanza, OREMOS.
SEÑOR,
QUE FAGAMOS DA PACIENCIA PEGADA DE ACOLLIDA
Señor,
alenta canto hoxe poñemos ao teu carón. Sabemos que moitas veces pechamos os
oídos a canto nos invitas a vivir. Que este tempo de coresma sexa tempo de
cambio e renovación en nós. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Temín darche as
chaves.
Seguín pensando e
rezando,
seguín vivindo,
e por fin dei o paso
e entregueiche as
chaves do meu corazón.
Mais toda a miña loita
foi en van.
Ti non querías as
chaves.
Volvíchesmas dar,
e dixéchesme:
Ti es o dono, manda e
goberna.
Eu estou contigo.
(M. Regal, Chorimas. Páx.63)
Comentarios
Publicar un comentario