30 oct. 2016

Domingo 31 de Ordinario C

PRIMEIRO Sab 11, 22 - 12, 2:
Tes misericordia de todos, porque amas todo canto existe
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

22Señor, o universo todo, de fronte a ti, é coma un lixo na balanza
e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.
23E nembargantes compadecícheste de todo, pois todo o podes
e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan,
24pois amas a tódolos seres
e non rexeitas nada do que fixeches:
se algo che dese noxo, xa non o crearías.

25¿Como podería algo subsistir se ti non o queres
ou conservarse o que ti non chamas?
26Mais ti todo o perdoas porque todo é teu,
Señor, amigo da vida.

12 1Pois o teu sopro incorruptible mora en tódalas cousas.
2Por iso corrixes pouco a pouco a aqueles que tropezan
e amoéstalos lembrándolle-los seus erros
para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.


SALMO RESPONSORIAL Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/ (cf 1): Bendicirei por sempre o teu nome, meu Deus e rei


Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir por sempre o teu nome.
2Bendicireite o día enteiro,
louvarei por sempre o teu nome.

8O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en amor.
9O Señor é bo para todos,
garimoso con tódalas súas obras.

10Lóuvente, Señor, as túas obras,
bendígante os teus amigos.
11Pregoen a gloria do teu reino,
proclamen as túas fazañas.

 13O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por xeracións.
14O Señor sostén a tódolos que caen
e endereita os que se dobran.

 

SEGUNDA 2 Tes 1, 11 - 2, 2:
Sexa glorificado en vós o nome de Cristo, e vós nel
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

Irmáns e irmás:

11Rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que
co seu poder faga realidade todo propósito de face-lo ben e toda empresa de fe. 12Dese
xeito vós daredes gloria ó noso Señor Xesús Cristo e el a vós conforme a gracia do noso
Deus e do Señor Xesús Cristo.

2 1Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos,
irmáns, 2que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por
supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.



ALELUIA Xn 3, 16:
Tanto amou Deus o mundo,
que lle entregou o seu Fillo unixénito;
quen cre nel ten vida eterna.


EVANXEO Lc 19, 1-10:
Veu o Fillo do home buscar e salva-lo que estaba perdido
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

19 1Chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. 2Había alí un home chamado
Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. 3Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a
xente, porque el era pequeneiro. 4Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo,
porque ía pasar por alí. 5O pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
-Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.

6El, baixando de contado, acolleuno moi contento. 7Pero vendo aquilo, a xente empezou a
murmurar:
-Entrou a se hospedar na casa dun pecador.

8Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor:
-Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén,
devolvereille catro veces máis.

9Entón Xesús dixo:
-Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. 10Porque o Fillo

do Home vén buscar e salva-lo que estaba perdido.








 TVG:

28 oct. 2016

Ficha e Lectio: Domingo 31 de ORD C





LECTIO :


DOMINGO XXXI T. O. 
(Ano C: 30 de outubro de 2016)
             
Hai na liturxia de hoxe un notábel contraste e, tamén, axeitado complemento entre a Primeira Lectura e o evanxeo, no que o protagonista é alguén chamado Zaqueo. No libro da Sabedoría fálasenos da grandeza de Deus e no evanxeo do seu rebaixarse en Xesús ata conversar de igual a igual cos pecadores, parando cas deles, cousa que resultaba inconcibíbel nas categorías sociais e relixiosas daquel tempo .
Pero case máis importante có detérmonos neste contraste entre o libro da Sabedoría e o evanxeo é ver como Deus mantén en realidade o seu mesmo modo de ser en relación coa grandeza do universo material e na súa relación coas persoas. Nun caso e noutro amósase Deus sempre grande, magnánimo, sorprendente.
Vexamos. No Libro da Sabedoría hai conciencia de que no universo se expresa dalgunha maneira o mesmo Deus. Mais, sen que isto se negue, amósase este mesmo Deus como incomparabelmente máis grande có universo, por grande que este sexa: “o universo todo, de fronte túa –dísenos neste libro do Antigo Testamento- é como un lixo na balanza e como pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra”.
Isto segue a ser válido nos nosos tempos por máis que hoxe en día saibamos moito máis sobre a grandeza do universo que cando se escribiu o Libro da Sabedoría. Actualmente fálannos os astrónomos e astrofísicos de miles de millóns de galaxias existentes no noso universo e da posibilidade incluso de que existan outros universos iguais ó noso ou moito máis extensos, incluso innumerábeis.
Podemos pensar que esta excelsitude divina, reflectida na grandeza do universo, é precisamente a que fai que sexa Deus tan dadivoso e magnánimo en tódalas súas criaturas. Por iso non lle vai a el ser envexoso, resentido, “malo”. Á fin e ó cabo, todo vén del. Desde as partículas elementais máis pequenas ata as máis descomunais galaxias. Todo procede del e quere, polo tanto, tódalas cousas.
É isto o que se deduce de moitas expresións deste Libro da Sabedoría. Velaquí algunhas: “compadecícheste de todo, pois todo o podes”; “todo o perdoas porque todo é teu, Señor, amigo da vida; pois o teu sopro incorruptíbel mora en tódalas cousas”; “amas a tódolos seres e non rexeitas nada do que fixeches”.
Deus e, polo tanto, bondadoso, magnánimo, porque a súa creación, e nós nela, procedemos del e nel estamos (“nel vivimos, nos movemos e estamos”) ou, como se di no Libro da Sabedoría, El está en nós (“o seu sopro inmortal está en todo”).
Pois ben, é esta grandeza de Deus a que se vai mostrar tamén no encontro de Xesús, imaxe humana de Deus Pai-Nai, con Zaqueo, tal como nolo describe Lucas no seu relato de hoxe.
Polo que alí se nos di, Zaqueo era “pequeneiro” de talle, mais grande en desexos e anceios. Buscaba con teima a felicidade e chegou  por iso a ser “moi rico” (tal como textualmente se nos di), seguramente a costa doutros que, de cando en vez polo menos, asoballaba. Mais a sona de Xesús, un personaxe singular, que non dispuña de riquezas materiais mais que facía felices a cantos o seguían, inquietábao. Correu, pois, e subiuse a unha figueira coa idea de se pór así a tiro da ollada de Xesús, que por alí había pasar.
Zaqueo non sospeitaba nin era consciente de que era en realidade e de verdade o propio Xesús o que lle estaba a dar forzas e presteza, ó seu corpo e ós seus pés, para correr e apulitar figueira arriba. E iso que Zaqueo tiña que saber moi ben que as pólas das figueiras eran perigosas, pois non se deixan domear coma as doutras árbores, senón que rompen de súpeto cando un menos o pensa. “Coidadiño coas pólas da figueira, que vos son moi falsas”, dicíanos a nosa nai ós seus fillos pequenos cando subiamos á nosa frondosa figueira, pegada á parede da casa, para paparmos algúns figos.
            Mais Zaqueo non sube á figueira a por figos, porque el, como rico que era, dispuña de abondosos alimentos na súa casa e na súa mesa para non ter que andar buscándoos entre as follas dunha humilde e xenerosa figueira. El quere ver Xesús. El vai ver Xesús. Non por curiosidade, non. Ocorría que a persoa de Xesús estaba hai tempo movéndolle o corazón, aínda que Zaqueo non fose capaz de se dar suficientemente conta do que lle estaba a pasar... Como era Xesús quen levaba a iniciativa neste encontro salvador, sen que Zaqueo se puidese decatar ben diso, a sorpresa de Zaqueo tivo que ser maiúscula cando de súpeto escoita que Xesús se “autoinvita” a comer na súa casa, na casa de Zaqueo: “Zaqueo, baixa, que hoxe teño que comer na túa casa”...
Unha vez máis temos aquí o xantar compartido como símbolo da íntima e igualitaria relación, persoal e comunitaria, de Deus con nós e de nós con el. Non o esquezamos: é sempre Deus, o Deus de Xesús, quen convida. Nunca somos nós os que o convidamos a el. Só temos, pola nosa parte, que poñermos a tiro del, por máis que mesmo nisto sexa el que tira tamén de nós.
Zaqueo acada así unha viva experiencia da grandeza, da bondade, da xenerosidade do Deus de Xesús ó se atopar deste modo, inesperadamente, man a man con el na súa casa. Unha experiencia semellante non pode menos de transformar Zaqueo. De rico, explotador ou asoballante pasa a sentir os demais como iguais a si mesmo en canto fillos dun mesmo pai: “darei a metade de canto teño ós pobres e, se roubei a alguén, devolvereille catro veces máis”. En adiante, Zaqueo será menos rico en cousas de que presumir ou fachendear, mais terá un tesouro infinito: a riqueza dun Deus que se fai amigo del en Xesús e a plenitude que proporciona a irmandade coas persoas coas que convive e ás que fai partícipes dos seus bens. Estas persoas deixan xa de se sentir asoballados por el e acadan a dignidade de irmáns seus, cos que se comporta fraternalmente.
Amósase así nidiamente unha vez máis, como é ben doado decatarse, a vertente social da mensaxe de Xesús, tal como Lucas a percibiu. Isto é válido e importante nas celebracións eucarísticas. Xustamente pouco antes de recibirmos a comuñón eucarística dicimos nós: “eu non son merecente de que entres no meu fogar...”. Tampouco Zaqueo era “merecente” de que Xesús parase no seu fogar, na súa casa, e así o pensaría seguramente el tamén tras escoitar desde a figueira as palabras de Xesús. Mais nesta nosa relación con Deus non teñen cabida algunha os chamados “méritos” propios, pois un nunca os pode ter desde si mesmo. Aquí só campa a gratuíta e xenerosa iniciativa de Xesús, que busca a nosa liberación e felicidade.

ORACIÓN DOS FIEIS:
Preguemos xuntos, irmás e irmáns, a Deus Pai, para que nos transforme como a Zaqueo en verdadeiros amigos de Xesús e solidarios cos demais, dicindo: 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-          Fainos, Pai, desexosos de felicidade e vida para todos. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-          Dános, Pai, desexos de coñecerte e de sentármonos á túa mesa. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Transfórmanos, Pai, en persoas solidarias cos demais e loitadoras contra calquera forma de inxustiza: 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

26 oct. 2016

A oración do humilde traspasará as nubes - Eclo 35, 15b-17. 20-22a

Domingo 30 do Tpo. Ordinario - ciclo C


OH DEUS, TEN COMPAIXÓN...

Oh Deus, ten compaixón deste pecador!
Señor, eu son un pecador que acode, esta mañá,
coa mente chea de tristeza e o corazón frío,
a acollerse ao abrigo do teu amor misericordioso.
A diario experimento en min mesmo
o peso do meu propio pecado;
descúbroo no fondo do meu corazón,
e pálpoo nos meus feitos e nas miñas palabras.

Eu son o borrón e ti es o lapis corrector;
eu o erro e ti a goma de borrar.
Eu son o debuxo adormentado e ti es o Señor da vida;
eu o abecedario desordenado e ti a palabra salvadora.
Síntome unha liña torcida que ti endereitas co teu agarimo de Pai.

Oh Deus, ten compaixón deste pecador!
Sinto un máis neste pobo de pecadores
queridos inmensamente por ti,
porque somos tan débiles e pequenos,
como cridos e autosuficientes,
incapaces por nós mesmos de abrirnos ao amor e á verdade.
O peso da miña vida dobra os meus ombreiros e a miña historia,
para que lembre en todo momento que son barro,
arxila namorada de ti, o meu Deus en quen confío.

Que o teu perdón me cure,
que a túa palabra me reanime,
que o teu Espírito me renove,
que o teu amor me recupere
para unha vida limpa e solidaria.

Acólleme, Señor, no reino do teu misericordia
porque son un pecador.
E como o publicano do evanxeo,
desde a insensatez das miñas incoherencias,
eu se, Señor, que ti escoitas o meu berro:
Oh Deus, ten compaixón de min que son un pecador!



Isidro Lozano




24 oct. 2016

Finalmente daráseme a coroa de xustiza - 2 Tim 4, 6-8. 16-18

Domingo 30 do Tpo. Ordinario - ciclo C


SEÑOR, TI DEIXECHES 

Señor, ti dixeches 
que cantos traballan pola paz 
serían chamados fillos e fillas de Deus,
concédenos entregarnos sen descanso 
a instaurar no mundo 
a única xustiza 
que pode garantir aos homes e mulleres 
a verdadeira paz.

Señor da Paz, ti es a mesma xustiza: 
por iso o home violento non che comprende 
nin o corazón cruel che acepta; 
fai que os bos perseveren no ben 
e os que están enfrontados recuperen a paz 
co esquecemento do odio... 

Ti que co teu amor paternal gobernas o mundo, 
rogámosche que todos os homes 
a quen deches unha idéntica orixe, 
constitúan unha soa familia na paz 
e vivan sempre unidos polo amor fraterno.

Amén.








23 oct. 2016

Domingo 30 de Ordinario C


 PRIMEIRA Eclo 35, 15b-17. 20-22a (gr. 12-14. 16-18)
A oración do humilde trastasará as nubes
PROCLAMACIÓN DA PALBRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 15Deus é un Deus xusto
e non ten preferencias de persoa;
16non tomará parte contra o pobre
mais presta oídos ás demandas do asoballado,
17non refuga os saloucos do orfo
nin da viúva que repite o seu laio

20Semellante laio acada o seu favor,
o seu berro chega ata as nubes.

21O grito do pobre traspón as nubes,
non apousa ata chegar á meta,
non cede ata que Deus o atende
e que o xuíz veraz faga xustiza;
22tampouco Deus a retardará



SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 17-18. 1-9 e 23
R/ (7a): Clamou o pobre e Deus escoitouno

 2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

17mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
18Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias.

 19O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.
23O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.



SEGUNDA 2 Tim 4, 6-8. 16-18
Finalmente daráseme a coroa de xustiza
PROCLAMACIÓN DA PALBRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

 Benquerido irmán:

A min xa me falta pouco para derrama-lo meu sangue, e o meu pasamento está a chegar.
7Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. 8O que me resta é a
coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel
Día. E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa.

16Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron. ¡Que Deus llelo
perdoe! 17Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e
tódalas nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. 18O Señor hame librar de toda
obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos
séculos dos séculos. Amén.



 ALELUIA 2 Cor 5, 19:
Deus, en Cristo, reconcilia ó mundo consigo,
e deunos a nós unha palabra de reconciliación


EVANXEO Lc 18, 9-14
Baixou o publicano xustificado para a súa casa ó contrario que o fariseo
 PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 9Xesús propuxo esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos,
créndose perfectos e desprezando os demais:

10-Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.

11O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche gracias
porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador.
12Gardo o xexún dúas veces por semana e pago o dezmo de todo canto gaño".

13O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los ollos ó
ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un
pecador".

14Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro
non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe
enaltecerano.


CANTO GOZOSO
*     ENTRADA: Que ledos hoxe estamos 
*     LECTURAS: Escoita ao Señor
*     OFERTORIO: Eu soñei 
*     COMUÑÓN: Ide e pregoade 



TVG:






Ficha e Lectio - Domingo 30 ORD C




LECTIO: 
DOMINGO XXX T. O. 
(Ano C: 23 de outubro de 2016)

            Outra fermosa parábola de Xesús a de hoxe, unha vez máis referida por Lucas e só Lucas, o infatigábel compañeiro do apóstolo Paulo. Graciñas, pois, de novo a Lucas por este galano que nos fai para entendermos como ha ser o noso comportamento con Deus, o noso falar con el e mailo noso desafogar o noso corazón con el.
            No anterior domingo expúñanos Lucas a parábola daquela teimuda muller que acadou que o xuíz inxusto se erguese por fin do leito para lle facer xustiza, pretendendo con iso Xesús pór ante nós de relevo, como nos dicía Lucas, “a necesidade de orar sempre, sen cansar”. Hoxe o tema é o modo como deberiamos dirixirnos ó noso Pai Deus cando oramos, cando falamos con El.
            O fondo da cuestión é acadar clara conciencia de quen somos nós e de quen é e como é o noso Deus. Xesús descúbrenos a Deus, ben o sabemos, como un Deus-Pai-Nai que nos quere, que nos ten agarimo, que nos leva consigo no colo. Non hai nena ou neno que se sintan máis felices e seguros que cando o pai ou a nai os levan no seu colo. Esa protección amorosa crea nos fillos confianza e fai tamén medrar neles a liberdade.
            Ante este Deus-Pai-Nai, que é amor e poder infinitos, somos durante toda a nosa vida nenos pequenos. Mais isto non nos converte en temerosos, pusilánimes ou apoucados, senón ó revés. É precisamente dese modo como podemos arriscarnos ante as dificultades, loitar por espallar o ben, crear fraternidade e outras moitas cousas boas máis. Por que? Porque ese Deus amoroso está sempre connosco. Ou mellor, porque nós estamos sempre con el, sostidos por el, guiados por el.
            Podemos así entender bastante ben por que Xesús, na parábola de hoxe, non lle ten boa lei ó fariseo no seu modo de proceder. O fariseo, ó se dirixir a Deus, non se comporta con el coma un fillo cun pai-nai que o quere e que o está a soster en todo intre en canto está a facer. O fariseo (ou calquera de nós se nos comportamos ó seu xeito) só se apoia en si mesmo, nos seus presuntos méritos, na súa suposta valía, no seu fiel cumprimento ata das minucias máis pequenas da lei, na súa loada e ben vista competencia nos complicados asuntos das prescricións legais. Diriamos que o fariseo é un convencido de ser un especialista sobre Deus, sobre o que el quere e ordena. Por iso ten el clara conciencia de ser distinto dos demais, de ser máis ca todos eles. É xustamente por iso polo que fachendosamente, desde o interior de si mesmo e nada máis que de si mesmo, lle dá grazas a Deus dicindo: “Douche grazas porque non son coma os demais”. Pois estes, os demais, non son para el máis que a borralla, o lixo do mundo. Eles non fan máis ca contaminar e deshonrar a suprema dignidade de Deus e o modo puro de proceder de xentes sabias e acrisoladamente relixiosas coma el mesmo, o fariseo.
            Como é doado ver, o fariseo (e calquera que se deixe atrapar por este modo de se ver a si mesmo e de ver os demais) está totalmente cego para ver o interior das persoas, o corazón. Tanto para afondar no seu propio corazón coma no do pobre recadador de impostos, que non lonxe del, no mesmo templo, non fai máis ca petar no propio peito, pedíndolle a Deus compaixón polo seu mal comportamento. O contrapunto do fariseo, é dicir, o recadador de impostos non é, oficial ou publicamente, senón un pecador máis dos moitos que hai por aí adiante e ós que o presuntamente especialista en Deus, o fariseo, non se achegará máis ca para tomar renovada conciencia da súa propia grandeza  e da súa diferenza respecto deles.
            Falando de diferenzas, para Xesús hai evidentemente unha gran diferenza entre eles. Só que esa diferenza en Xesús está decididamente a favor do recadador de impostos. Por que? Pola mesma razón pola que a Xesús, é dicir, a aquel do que si podemos dicir que é verdadeiramente especialista en Deus, non lle vai o comportamento do fariseo. Porque o fariseo, na súa relación con Deus, non fai máis ca presentarlle a el, na súa deturpada oración, o seu supostamente meritorio curriculum vitae, a súa presuntamente excelente folla de servizos. O recadador de impostos en cambio non ten nada diso, mais apóiase por iso mesmo no Deus que todo o sostén, no Deus do que sabe e sente que é compasivo e misericordioso.
Resulta que aí está precisamente a cerna, o núcleo, da mensaxe do evanxeo de Lucas: que Deus está por enriba de leis, de normas ou de condenas; Deus é, ante todo, un Deus liberador, non condenador; un Deus que ofrece confianza, amor e compaixón, de maneira especial a aqueles que máis o precisan, é dicir, ós pobres, ós marxinados política, social ou relixiosamente. O recadador de impostos, a pesar do seu cargo ou máis ben precisamente debido a iso, era na sociedade xudía do seu  tempo, un mal visto, un marxinado tanto política como relixiosamente. Por iso as preferencias de Xesús van dirixidas cara a el e non cara ós supostamente máis relixiosos.
Compréndese, neste contexto, tamén ben por que o papa Francisco non fai problema ningún en recoñecerse ante todos como “pecador”, igual có recadador de impostos dos tempos de Xesús. Nunha ampla entrevista que se publicou hai pouco dicía el textualmente: “Eu son un pecador. Esa é a definición máis exacta. E non o digo como unha forma figurativa de falar ou como xénero literario”.
Recoñecérmonos, pois, como pecadores ante Deus e ante os demais significa colocarnos ó lado do recadador de impostos do evanxeo de Lucas, que recibiu os parabéns de Xesús fronte ó fariseo. Porque este recoñecemento de si mesmo como “pecador” é, paradoxalmente, o sinal máis claro de que, ó dicilo e sentilo así de verdade ante Deus e ante os demais, deixamos xa por iso mesmo de selo. Pois ese recoñecemento conmove o corazón do noso Pai-Nai-Deus e nos converte así en xustos, en reconciliadas ou reconciliados con Deus. Así nolo dá a entender claramente a parábola de hoxe ó rematar deste xeito: “Asegúrovos que este (é dicir, o recadador de impostos) baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non”.
Ó comezo das habituais eucaristías dicimos todos xuntos: “Eu confésome pecador diante de Deus omnipotente e tamén diante de vós meus irmáns. Pois teño pecado moito, etc...”. Á luz da parábola de hoxe, vemos ben que esa é realmente a mellor maneira de prepararmos o noso corazón para o noso encontro eucarístico con el, co Deus que se rebaixou a si mesmo no seu fillo Xesús, converténdoo así en amigo e irmán de pobres e pecadores.
Finalmente, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da Evanxelización dos Pobos”, lembremos coa nosa oración e o noso compromiso persoal a tantos, elas e eles, que se entregan de por vida a anunciar a boa nova de Xesús a tódolos pobos.

ORACIÓN DOS FIEIS
Preguémoslle de corazón a Deus Pai que nos aprenda a relacionármonos con el tal como el quere, dicindo: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR. 
Todos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.

- Dános, Pai, coñecemento de Ti e de nós mesmos, para acadarmos así humildade de corazón e admiración da túa grandeza infinita.  
Todos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.
- Axúdanos, Pai, a sabermos estimar e apreciar os desprezados pola sociedade, pero que son por Ti apreciados e queridos. 
Todos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.
- Concédenos, Pai, saber intuír o corazón das persoas e non o seu moito ou pouco ter e poder. T
odos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                       
      Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

21 oct. 2016

GUIÓN LITÚRXICO DOMUND 2016

23 DE OUTUBRO - XXX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO


MONICIÓN DE ENTRADA

   Este domingo ten lugar a Xornada Mundial das Misións, o DOMUND, coa lema "Sae da túa terra". A Xornada proponnos o exemplo dos misioneiros e misioneiras, que o deixaron todo para saír da súa terra e ir cara aos que non coñecen a Cristo. Todos e cada un, e a nosa enteira comunidade cristiá, estamos chamados a saír de nós mesmos, a ser o que o papa Francisco chama "unha Igrexa en saída". A celebración da misa do domingo é o maior acicate para espertar a nosa fe e o noso amor, e facer que non se aletargue a nosa vida cristiá, senón que sexa misioneira. Acollamos con espírito humilde a Palabra de Deus e a eucaristía, para que con alegría salgamos ao encontro de todos os nosos irmáns.


SUXESTIÓNS PARA A HOMILÍA

   No Evanxeo de hoxe, Xesús preséntanos dous modelos de oración: un é o da persoa segura de si mesma, que dá grazas a deus, pero que non sente necesitada do seu misericordia; o outro é a oración de quen, ante Deus, sábese indigno e necesitado de perdón e misericordia. Xesús conclúe lapidariamente: "Este baixou á súa casa xustificado, e aquel non". E é que Deus é un Pai que nos ama sempre e incondicionalmente, e ante El o que somos está patente: de nada serve autoxustificarnos. A oración ábrenos a Deus desde a realidade da nosa existencia; se acollemos a súa misericordia, El mesmo perdóanos e renova a nosa vida, El nos xustifica. Xa o Antigo Testamento falaba do valor que a oración do pobre ten aos ollos de Deus (primeira lectura e salmo). Na segunda lectura san Paulo expresa a súa confianza ante Deus: compara a súa vida cunha competición deportiva e espera "non dos seus méritos, senón de Deus, xuíz xusto" o premio aos seus traballos. Porque Deus non se contenta con ser quen nos xustifica, senón que, ademais, nos fain partícipes da súa obra de salvación e recompensa sobradamente "co cento por un" a quen inviste a súa vida ao servizo do Evanxeo en favor dos seus irmáns.

   A Xornada Mundial das Misións deste ano ten como lema "Sae da túa terra", e a liturxia de hoxe fálanos da actitude elemental e imprescindible: deixar de mirarnos a nós mesmos e mirar a necesidade dos demais. A oración que Deus escoita é a do humilde que proclama coa súa vida e a súa palabra a misericordia do Señor. Recoñecer a nosa pobreza e a grandeza da obra de Deus -como o fixo a Virxe María- é a forma máis sinxela de ser misioneiro. Neste ano Xubilar da Misericordia, lémbranolo tamén o Papa na súa Mensaxe para a Xornada, que ten por título "Igrexa misioneira, testemuña de misericordia". Hai un vínculo esencial entre misericordia e misión, e a misericordia esixe a humildade do corazón. Modelo de "cristián en saída" e de "Igrexa en saída" son os misioneiros e misioneiras, que esparcen a semente da Boa Noticia polo mundo enteiro. Eles deixaron a súa terra para porse ao servizo do Evanxeo e da Igrexa. Certamente trátase dunha vocación específica, aínda que este feito non debe opacar a realidade de que todo cristián está chamado a saír da súa terra, en canto esta representa o arraigamento no coñecido, as seguridades humanas, a autojustificación persoal, a comodidade, a rutina... A oración humilde, á vez que nos fai confiar na misericordia de Deus, convértenos tamén en mensaxeiros dela, desarráiganos  e fainos valerosos para anunciar esa misericordia do Señor aos demais. Que sexa este o froito da celebración eucarística que nos reuniu!


ORACIÓN DOS FIEIS

Deus escoita a oración que se lle dirixe con espírito humilde; animados polo Espírito Santo, confiadamente pedímoslle: 

Pola Igrexa, para que toda ela sexa testemuña de misericordia.
Roguemos ao Señor. 

Polo Papa e os bispos, para que axuden a todos os fieis a ser "Igrexa en saída".
Roguemos ao Señor. 

Por todos os cristiáns, para que a nosa oración humilde nos axude a ser anunciadores da misericordia de Deus.
Roguemos ao Señor. 

Polo froito do Ano Xubilar da Misericordia, para que faga á Igrexa máis capaz de levar o Evanxeo a todos os homes e pobos.
Roguemos ao Señor. 

Polas persoas que sofren, para que vexan en quen lles axudan o rostro da misericordia de Deus.
Roguemos ao Señor. 

Polos misioneiros e misioneiras en todo o mundo, para que sigan saíndo coa alegría da misericordia ao encontro dos demais.
Roguemos ao Señor.

Por nós, para que deixemos a nosa comodidade e salgamos ás periferias existenciais que agardan o anuncio do Evanxeo.
Roguemos ao Señor. 


Escoita, Pai de misericordia, a oración humilde dos teus fillos, que puxeron a súa confianza só en Ti. Por Xesucristo, o noso Señor.



Juan Martínez Sáez, fmvd. Colaborador das OMP

18 oct. 2016

VIXILIA "SAE DA TÚA TERRA" DOMUND 2016

«O lema deste ano é unha chamada a cada cristián
a saír da súa realidade e levar a luz do Evanxeo
alí onde se necesite ver o rostro de Cristo».


1. Canto inicial


2. Monición inicial
 Nesta Xornada Mundial das Misións que imos celebrar, o Papa convídanos a seguir profundando na misericordia de Deus Pai e a vivir con fidelidade a mensaxe do Evanxeo. O lema deste ano é Sae da túa terra; é unha chamada a cada cristián e cada comunidade a saír da súa propia realidade e levar a luz do Evanxeo alí onde os homes e mulleres do noso tempo necesiten ver o rostro de Cristo.
O mundo necesita de persoas que, atopándose con Cristo Salvador, axuden a outros a realizar esta mesma experiencia. Esta é a misión de todo cristián, e en especial a daqueles que foron chamados polo Señor a entregar a súa vida polos máis abandonados.
Que nesta vixilia deixémonos levar polo Espírito Santo, que nos guía e impulsa a saír de nós mesmos e da nosa terra; e oremos tamén dunha maneira especial pedindo ao Dono da mies que envíe traballadores ao seu mies.

3. Lectura: Xén 12,1-3.
O Señor díxolle a Abram:  ‑"Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan,  á terra que eu che mostrarei.
Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.
Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.


4. Reflexión
Lese o parágrafo n. 2 da Mensaxe para a Xornada Mundial das Misións 2016 do papa Francisco:

A misericordia fai que o corazón do Pai senta unha profunda alegría cada vez que atopa a unha criatura humana; desde o principio, el diríxese tamén con amor ás máis fráxiles, porque a súa grandeza e a súa poder ponse de manifesto precisamente na súa capacidade de identificarse cos pequenos, os descartados, os oprimidos (cf. Dt 4,31; Sal 86,15; 103,8; 111,4). El é o Deus bondadoso, atento, fiel; achégase a quen pasa necesidade para estar preto de todos, especialmente dos pobres; implícase con tenrura na realidade humana do mesmo xeito que o faría un pai e unha nai cos seus fillos (cf. Xr 31,20). O termo usado pola Biblia para referirse á misericordia remite ao seo materno: é dicir, ao amor dunha nai aos seus fillos, eses fillos que sempre amará, en calquera circunstancia e pase o que pase, porque son o froito do seu ventre. Este é tamén un aspecto esencial do amor que Deus ten a todos os seus fillos, especialmente aos membros do pobo que procreou e que quere criar e educar: nas súas entrañas, conmóvese e estremécese de compaixón ante a súa fraxilidade e infidelidade (cf. Os 11,8). E, con todo, el é misericordioso con todos, ama a todos os pobos e é cariñoso con todas as criaturas (cf. Sal 144.8-9).


5. Canto:
Sede sal, sede luz (Lydia Sánchez) 



6. Signo
Preséntanse diferentes ámbitos aos que sentimos urxidos a acudir. En cada intención
ofrécese unha vela -que pode ser colocada diante do Santísimo-, como signo de que
queremos  levar a luz do Evanxeo a cada unha destas realidades, e, mentres, cántase
"Ide e pregoade" (de Odilo González). 

            


Como introdución ao signo, lese:
Abrahán recibiu o mandato do Señor de saír da súa terra, da súa patria, para ir cara á
terra prometida. Nós, do mesmo xeito que Abrahán, tamén somos chamados a saír da nosa
terra para ir ao encontro dos irmáns; eles son a terra onde Deus cumpre a súa promesa.
Queremos presentar agora diferentes realidades e, mentres tanto, preguntarnos: cara a que
terra saímos...

Saímos cara á terra dos pobres, os encarcerados, os marxinados. Que sempre recoñezamos o rostro de Cristo nos máis necesitados. (Canto).

Saímos cara á terra das familias. Que acudamos sempre en axuda e defensa da familia, especialmente daquelas que máis o necesitan. (Canto).

Saímos cara á terra dos mozos que non coñecen a Cristo. Que sempre nos atopemos dispostos a transmitirlles a mensaxe do Evanxeo e ao mesmo Señor. (Canto).

Saímos cara á terra da educación e a cultura. Que esteamos sempre prestos para anunciar con valentía os valores do Evanxeo na vida pública. (Canto).

Saímos cara á terra dos enfermos e anciáns. Que mostremos sempre a nosa proximidade e amor para con eles en obras concretas de misericordia. (Canto).

Saímos cara á terra das persoas e pobos que nunca escoitaron falar do Señor. Que en todo o mundo deamos sempre testemuño do amor de Deus a todos os que teñen sede da súa Palabra. (Canto).


7. Noso Pai


8. Oración Final
Pai misericordioso, ti queres que todos os homes sálvense e cheguen ao coñecemento
da verdade; mira a abundante colleita e envía novos operarios, para que sexa predicado
o Evanxeo a toda criatura, e o teu pobo, congregado pola Palabra de vida e sostido
pola graza dos sacramentos, avance polo camiño da salvación e do amor. Polo
noso Señor Xesucristo, o teu Fillo, que vive e raíña contigo na unidade do Espírito Santo,



9. Bendición co Santísimo, reserva e canto