Ficha e Lectio - Domingo 27 de Ord. C
LECTIO:
DOMINGO XXVII T. O.
(Ano C: 2 de outubro de
2016)
Vou
ollar hoxe, pola miña parte, un pouco cara a atrás, aínda que non quero con
isto deixar de continuar a comentar temas ou ideas que nos poidan animar a
vivirmos con entusiasmo e agradecemento a nosa fe. Sabedes ben que, na parte da
celebración eucarística dedicada a escoitar agradecidamente o que chamamos a “palabra
de Deus”, hai sempre tres lecturas, tanto do Antigo como sobre todo do Novo
Testamento, sendo a última das tres a lectura do evanxeo. Todo isto realízase
en ciclos de lecturas distintas durante un total de tres anos litúrxicos. De
modo que despois de cada ciclo de tres anos litúrxicos volven repetirse durante
outros tres anos máis as mesmas Lecturas e mailo Evanxeo dos tres anos
anteriores.
Pois
ben, grazas ó noso Deus que aquí me trouxo non por iniciativa miña senón pola
dos meus superiores xesuítas, cumpro xa hoxe seis anos presidindo aquí na nosa igrexa
dos Apóstolos o noso habitual encontro dominical. En consecuencia, os textos da
liturxia deste domingo son tamén os primeiros que comentei por primeira vez
ante vós hai agora seis anos e, máis recentemente aínda, hai só tres anos. Espero
que esta repetición regular das lecturas e tamén, en certa medida, dos
comentarios nos axude a profundar cada vez máis intensamente no coñecemento e
asunción persoal sobre todo da boa nova que nos trae o evanxeo de Xesús.
Pois
ben, o tema da fe é o que aparece no comezo mesmo do evanxeo de hoxe, ó
pedírenlle os apóstolos a Xesús que lles “aumente a fe”. Unha fe que é
considerada polos teólogos como a primeira das chamadas “virtudes teologais”
(xunto coas virtudes da “esperanza” e da “caridade” ou do amor, que veñen
despois). “Teologais” porque están en relación directa con Deus mesmo, que por
medio do seu Espírito as suscita ou
promove en nós. Só el, o Deus Pai que se nos amosa en Xesús, pode “aumentala”
en nós se llo pedimos con aquela confianza que el mesmo nos dá.
Unha
fe, que –como en teoría ben sabemos- non é tal sen as obras, é dicir, sen o
exercicio e a práctica da nosa confiada relación con Deus e do noso amor a
tódalas persoas. Teñan ou non teñan estas explicitamente esa fe que nós recoñecemos
ter recibido como don gratuíto e xeneroso de Deus Pai por medio do seu Fillo
Xesús. Trátase así dunha práctica ou realización cristiá da fe que nos converte
en “servidores” de Deus e do seu Fillo Xesús, á maneira do humilde criado
cumpridor do que se nos fala na curta parábola de hoxe.
Unha
vez máis é tamén aquí Lucas o único dos evanxelistas que non quixo que permanecese
no esquecemento esa parábola de Xesús que remata con aquela lección tan fermosa
de humildade e alegría en relación co noso traballo pola realización do Reino
de Deus: “Cando fagades todo o que se vos mande, dicide: ‘Somos simples
servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer”.
Logo
de aludir a estes dous temas, o da nosa fe e o do noso servizo a ela como
condición necesaria para que esta fe sexa unha fe verdadeiramente viva e non
morta, volvo de novo cara a atrás. Aínda que sexa só un pouco. É que me daría
algo de mágoa se non fixese unha curta alusión a tres grandes santos que
poderían ser considerados como verdadeiros “pesos pesados” na categoría da súa
fe en Deus, sen lle querer restar con isto méritos a ningún outro santo do calendario
litúrxico. Resulta que este primeiro domingo de outubro está acompañado e
arrodeado polas festividades dos tres e por iso quero facer unha moi curta lembranza
deles, porque coido que se distinguiron precisamente nesa fe e nesa realización
práctica da mesma ás que me estou a referir.
Son
estes: Santa Teresa do Neno Xesús (a súa festividade celebrouse onte mesmo, o
día primeiro deste mes de outubro que acabamos de comezar), San Francisco de
Borxa (a súa festividade celébrase mañá) e San Francisco de Asís (pasadomañá).
Santa
Teresiña do Neno Xesús, como ben saberedes, foi un limpo e inimaxinábel modelo
de fe e confianza feliz e absoluta en Deus. Viviu e practicou unha
espiritualidade que se adoita chamar “infancia espiritual”. Tiña unha relación
de fe e confianza en Deus á maneira dun neno ou dunha nena cos seus pais. Una
relación deste tipo non vale só para os cativos, senón tamén para persoas
adultas, porque ante Deus somos ou debemos ser todos sempre nenos, por moitos
anos que levemos xa enriba de nós. Disto decatouse ben o gran pensador e
escritor vasco, Unamuno, naquel poema seu que a min tanto me gusta e que por
iso algúns de vós posiblemente me oístes recitar desde aquí algunha vez. Vén
sendo unha réplica poética daquilo de Xesús: “Se non vos facedes coma nenos non
entraredes no Reino dos ceos”. Repítovos unha vez máis o poema de Unamuno: "Agranda la puerta,
padre, / porque no puedo pasar; / la
hiciste para los niños, / yo he crecido
a mi pesar. / Si no me agrandas la puerta, / achícame, por piedad; / vuélveme a
la edad bendita / en que vivir es soñar". Teresiña do Neno Xesús, puido coa graza de Deus
achicarse coma unha nena ante o noso Pai Deus, tal como quería Unamuno.
En canto ó santo valenciano Francisco de Borxa. Tiña de
todo na vida: diñeiro, moi altos cargos políticos, etc. Mais non permitiu que o
diñeiro ou os honores se fixesen donos del, seguindo as palabras de Xesús, que
comentabamos o outro domingo, de que “non podemos servir a Deus e mailo
diñeiro”. Deixouno, pois, todo e fíxose humilde xesuíta, aínda que chegase
despois a desempeñar como Xeral o máximo cargo dirixente na Compañía de Xesús.
Cóntase del que, á morte da emperatriz Isabel, tivo que acompañar o seu cadáver
desde Toledo ata Granada para aquí testemuñar a autenticidade da defunta. Tan
impresionado quedou pola morte e transformación física da emperatriz que
decidiu pedir ser admitido na Compañía de Xesús para dedicarse o resto da súa
vida a testemuñar a súa fe en Xesús, convertido para el dende aquel momento en
único Señor fiábel seu. “Non servirei señor que se me poida morrer”, cóntase
que dixo.
Varios séculos antes que estes dous - Francisco de Borxa
e Teresa do Neno Xesús – viviu o terceiro gran santo ó que tamén aludín:
Francisco de Asís. É o nome de Francisco (referíndose ó nome do santo de Asís)
o que escolleu para si o actual papa por simpatizar el moito coa súa figura. Un
santo que revolucionou a Igrexa de Deus co seu amor ós pobres e á natureza
toda. Unha natureza, que reflicte en si a fermosura de Deus nas aves, nos
animais, na auga, no sol. Sendo como é un santo dos tempos medievais conecta,
como ben sabedes, moi ben cos desexos e
arelas de moitas persoas e culturas do noso tempo.
Por iso hoxe, ante a proximidade a este domingo das
festividades destes santos –dous varóns e unha muller- que tiveron unha fe firme
no Deus de Xesús, deberiamos desexar vivamente que a fe “aumente” no noso
interior, tal como ocorreu neles.
ORACIÓN
DOS FIEIS
Dirixímoslle
a Xesús, fillo benquerido de Deus Pai, a nosa oración comunitaria pedíndolle,
como llo pediron os apóstolos, que “nos aumente a fe”, dicindo: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Dános,
Señor Xesús, unha fe sinxela, alegre e desprendida como a que nos amosaches por
medio de San Francisco de Asís.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
-
Apréndenos, Señor Xesús, a imitarmos o exemplo de fe humilde, decidida e
servizal de san Francisco de Borxa.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
- Fai,
Señor Xesús, que saibamos recuperar en nós unha fe absolutamente confiada en
ti, coma a de Santa Teresa do Neno Xesús.
TODOS: SEÑOR, AUMÉNTANOS A FE.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario