28 oct. 2016

Ficha e Lectio: Domingo 31 de ORD C





LECTIO :


DOMINGO XXXI T. O. 
(Ano C: 30 de outubro de 2016)
             
Hai na liturxia de hoxe un notábel contraste e, tamén, axeitado complemento entre a Primeira Lectura e o evanxeo, no que o protagonista é alguén chamado Zaqueo. No libro da Sabedoría fálasenos da grandeza de Deus e no evanxeo do seu rebaixarse en Xesús ata conversar de igual a igual cos pecadores, parando cas deles, cousa que resultaba inconcibíbel nas categorías sociais e relixiosas daquel tempo .
Pero case máis importante có detérmonos neste contraste entre o libro da Sabedoría e o evanxeo é ver como Deus mantén en realidade o seu mesmo modo de ser en relación coa grandeza do universo material e na súa relación coas persoas. Nun caso e noutro amósase Deus sempre grande, magnánimo, sorprendente.
Vexamos. No Libro da Sabedoría hai conciencia de que no universo se expresa dalgunha maneira o mesmo Deus. Mais, sen que isto se negue, amósase este mesmo Deus como incomparabelmente máis grande có universo, por grande que este sexa: “o universo todo, de fronte túa –dísenos neste libro do Antigo Testamento- é como un lixo na balanza e como pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra”.
Isto segue a ser válido nos nosos tempos por máis que hoxe en día saibamos moito máis sobre a grandeza do universo que cando se escribiu o Libro da Sabedoría. Actualmente fálannos os astrónomos e astrofísicos de miles de millóns de galaxias existentes no noso universo e da posibilidade incluso de que existan outros universos iguais ó noso ou moito máis extensos, incluso innumerábeis.
Podemos pensar que esta excelsitude divina, reflectida na grandeza do universo, é precisamente a que fai que sexa Deus tan dadivoso e magnánimo en tódalas súas criaturas. Por iso non lle vai a el ser envexoso, resentido, “malo”. Á fin e ó cabo, todo vén del. Desde as partículas elementais máis pequenas ata as máis descomunais galaxias. Todo procede del e quere, polo tanto, tódalas cousas.
É isto o que se deduce de moitas expresións deste Libro da Sabedoría. Velaquí algunhas: “compadecícheste de todo, pois todo o podes”; “todo o perdoas porque todo é teu, Señor, amigo da vida; pois o teu sopro incorruptíbel mora en tódalas cousas”; “amas a tódolos seres e non rexeitas nada do que fixeches”.
Deus e, polo tanto, bondadoso, magnánimo, porque a súa creación, e nós nela, procedemos del e nel estamos (“nel vivimos, nos movemos e estamos”) ou, como se di no Libro da Sabedoría, El está en nós (“o seu sopro inmortal está en todo”).
Pois ben, é esta grandeza de Deus a que se vai mostrar tamén no encontro de Xesús, imaxe humana de Deus Pai-Nai, con Zaqueo, tal como nolo describe Lucas no seu relato de hoxe.
Polo que alí se nos di, Zaqueo era “pequeneiro” de talle, mais grande en desexos e anceios. Buscaba con teima a felicidade e chegou  por iso a ser “moi rico” (tal como textualmente se nos di), seguramente a costa doutros que, de cando en vez polo menos, asoballaba. Mais a sona de Xesús, un personaxe singular, que non dispuña de riquezas materiais mais que facía felices a cantos o seguían, inquietábao. Correu, pois, e subiuse a unha figueira coa idea de se pór así a tiro da ollada de Xesús, que por alí había pasar.
Zaqueo non sospeitaba nin era consciente de que era en realidade e de verdade o propio Xesús o que lle estaba a dar forzas e presteza, ó seu corpo e ós seus pés, para correr e apulitar figueira arriba. E iso que Zaqueo tiña que saber moi ben que as pólas das figueiras eran perigosas, pois non se deixan domear coma as doutras árbores, senón que rompen de súpeto cando un menos o pensa. “Coidadiño coas pólas da figueira, que vos son moi falsas”, dicíanos a nosa nai ós seus fillos pequenos cando subiamos á nosa frondosa figueira, pegada á parede da casa, para paparmos algúns figos.
            Mais Zaqueo non sube á figueira a por figos, porque el, como rico que era, dispuña de abondosos alimentos na súa casa e na súa mesa para non ter que andar buscándoos entre as follas dunha humilde e xenerosa figueira. El quere ver Xesús. El vai ver Xesús. Non por curiosidade, non. Ocorría que a persoa de Xesús estaba hai tempo movéndolle o corazón, aínda que Zaqueo non fose capaz de se dar suficientemente conta do que lle estaba a pasar... Como era Xesús quen levaba a iniciativa neste encontro salvador, sen que Zaqueo se puidese decatar ben diso, a sorpresa de Zaqueo tivo que ser maiúscula cando de súpeto escoita que Xesús se “autoinvita” a comer na súa casa, na casa de Zaqueo: “Zaqueo, baixa, que hoxe teño que comer na túa casa”...
Unha vez máis temos aquí o xantar compartido como símbolo da íntima e igualitaria relación, persoal e comunitaria, de Deus con nós e de nós con el. Non o esquezamos: é sempre Deus, o Deus de Xesús, quen convida. Nunca somos nós os que o convidamos a el. Só temos, pola nosa parte, que poñermos a tiro del, por máis que mesmo nisto sexa el que tira tamén de nós.
Zaqueo acada así unha viva experiencia da grandeza, da bondade, da xenerosidade do Deus de Xesús ó se atopar deste modo, inesperadamente, man a man con el na súa casa. Unha experiencia semellante non pode menos de transformar Zaqueo. De rico, explotador ou asoballante pasa a sentir os demais como iguais a si mesmo en canto fillos dun mesmo pai: “darei a metade de canto teño ós pobres e, se roubei a alguén, devolvereille catro veces máis”. En adiante, Zaqueo será menos rico en cousas de que presumir ou fachendear, mais terá un tesouro infinito: a riqueza dun Deus que se fai amigo del en Xesús e a plenitude que proporciona a irmandade coas persoas coas que convive e ás que fai partícipes dos seus bens. Estas persoas deixan xa de se sentir asoballados por el e acadan a dignidade de irmáns seus, cos que se comporta fraternalmente.
Amósase así nidiamente unha vez máis, como é ben doado decatarse, a vertente social da mensaxe de Xesús, tal como Lucas a percibiu. Isto é válido e importante nas celebracións eucarísticas. Xustamente pouco antes de recibirmos a comuñón eucarística dicimos nós: “eu non son merecente de que entres no meu fogar...”. Tampouco Zaqueo era “merecente” de que Xesús parase no seu fogar, na súa casa, e así o pensaría seguramente el tamén tras escoitar desde a figueira as palabras de Xesús. Mais nesta nosa relación con Deus non teñen cabida algunha os chamados “méritos” propios, pois un nunca os pode ter desde si mesmo. Aquí só campa a gratuíta e xenerosa iniciativa de Xesús, que busca a nosa liberación e felicidade.

ORACIÓN DOS FIEIS:
Preguemos xuntos, irmás e irmáns, a Deus Pai, para que nos transforme como a Zaqueo en verdadeiros amigos de Xesús e solidarios cos demais, dicindo: 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-          Fainos, Pai, desexosos de felicidade e vida para todos. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-          Dános, Pai, desexos de coñecerte e de sentármonos á túa mesa. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Transfórmanos, Pai, en persoas solidarias cos demais e loitadoras contra calquera forma de inxustiza: 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

No hay comentarios:

Publicar un comentario