Ficha e Lectio - Domingo 30 ORD C




LECTIO: 
DOMINGO XXX T. O. 
(Ano C: 23 de outubro de 2016)

            Outra fermosa parábola de Xesús a de hoxe, unha vez máis referida por Lucas e só Lucas, o infatigábel compañeiro do apóstolo Paulo. Graciñas, pois, de novo a Lucas por este galano que nos fai para entendermos como ha ser o noso comportamento con Deus, o noso falar con el e mailo noso desafogar o noso corazón con el.
            No anterior domingo expúñanos Lucas a parábola daquela teimuda muller que acadou que o xuíz inxusto se erguese por fin do leito para lle facer xustiza, pretendendo con iso Xesús pór ante nós de relevo, como nos dicía Lucas, “a necesidade de orar sempre, sen cansar”. Hoxe o tema é o modo como deberiamos dirixirnos ó noso Pai Deus cando oramos, cando falamos con El.
            O fondo da cuestión é acadar clara conciencia de quen somos nós e de quen é e como é o noso Deus. Xesús descúbrenos a Deus, ben o sabemos, como un Deus-Pai-Nai que nos quere, que nos ten agarimo, que nos leva consigo no colo. Non hai nena ou neno que se sintan máis felices e seguros que cando o pai ou a nai os levan no seu colo. Esa protección amorosa crea nos fillos confianza e fai tamén medrar neles a liberdade.
            Ante este Deus-Pai-Nai, que é amor e poder infinitos, somos durante toda a nosa vida nenos pequenos. Mais isto non nos converte en temerosos, pusilánimes ou apoucados, senón ó revés. É precisamente dese modo como podemos arriscarnos ante as dificultades, loitar por espallar o ben, crear fraternidade e outras moitas cousas boas máis. Por que? Porque ese Deus amoroso está sempre connosco. Ou mellor, porque nós estamos sempre con el, sostidos por el, guiados por el.
            Podemos así entender bastante ben por que Xesús, na parábola de hoxe, non lle ten boa lei ó fariseo no seu modo de proceder. O fariseo, ó se dirixir a Deus, non se comporta con el coma un fillo cun pai-nai que o quere e que o está a soster en todo intre en canto está a facer. O fariseo (ou calquera de nós se nos comportamos ó seu xeito) só se apoia en si mesmo, nos seus presuntos méritos, na súa suposta valía, no seu fiel cumprimento ata das minucias máis pequenas da lei, na súa loada e ben vista competencia nos complicados asuntos das prescricións legais. Diriamos que o fariseo é un convencido de ser un especialista sobre Deus, sobre o que el quere e ordena. Por iso ten el clara conciencia de ser distinto dos demais, de ser máis ca todos eles. É xustamente por iso polo que fachendosamente, desde o interior de si mesmo e nada máis que de si mesmo, lle dá grazas a Deus dicindo: “Douche grazas porque non son coma os demais”. Pois estes, os demais, non son para el máis que a borralla, o lixo do mundo. Eles non fan máis ca contaminar e deshonrar a suprema dignidade de Deus e o modo puro de proceder de xentes sabias e acrisoladamente relixiosas coma el mesmo, o fariseo.
            Como é doado ver, o fariseo (e calquera que se deixe atrapar por este modo de se ver a si mesmo e de ver os demais) está totalmente cego para ver o interior das persoas, o corazón. Tanto para afondar no seu propio corazón coma no do pobre recadador de impostos, que non lonxe del, no mesmo templo, non fai máis ca petar no propio peito, pedíndolle a Deus compaixón polo seu mal comportamento. O contrapunto do fariseo, é dicir, o recadador de impostos non é, oficial ou publicamente, senón un pecador máis dos moitos que hai por aí adiante e ós que o presuntamente especialista en Deus, o fariseo, non se achegará máis ca para tomar renovada conciencia da súa propia grandeza  e da súa diferenza respecto deles.
            Falando de diferenzas, para Xesús hai evidentemente unha gran diferenza entre eles. Só que esa diferenza en Xesús está decididamente a favor do recadador de impostos. Por que? Pola mesma razón pola que a Xesús, é dicir, a aquel do que si podemos dicir que é verdadeiramente especialista en Deus, non lle vai o comportamento do fariseo. Porque o fariseo, na súa relación con Deus, non fai máis ca presentarlle a el, na súa deturpada oración, o seu supostamente meritorio curriculum vitae, a súa presuntamente excelente folla de servizos. O recadador de impostos en cambio non ten nada diso, mais apóiase por iso mesmo no Deus que todo o sostén, no Deus do que sabe e sente que é compasivo e misericordioso.
Resulta que aí está precisamente a cerna, o núcleo, da mensaxe do evanxeo de Lucas: que Deus está por enriba de leis, de normas ou de condenas; Deus é, ante todo, un Deus liberador, non condenador; un Deus que ofrece confianza, amor e compaixón, de maneira especial a aqueles que máis o precisan, é dicir, ós pobres, ós marxinados política, social ou relixiosamente. O recadador de impostos, a pesar do seu cargo ou máis ben precisamente debido a iso, era na sociedade xudía do seu  tempo, un mal visto, un marxinado tanto política como relixiosamente. Por iso as preferencias de Xesús van dirixidas cara a el e non cara ós supostamente máis relixiosos.
Compréndese, neste contexto, tamén ben por que o papa Francisco non fai problema ningún en recoñecerse ante todos como “pecador”, igual có recadador de impostos dos tempos de Xesús. Nunha ampla entrevista que se publicou hai pouco dicía el textualmente: “Eu son un pecador. Esa é a definición máis exacta. E non o digo como unha forma figurativa de falar ou como xénero literario”.
Recoñecérmonos, pois, como pecadores ante Deus e ante os demais significa colocarnos ó lado do recadador de impostos do evanxeo de Lucas, que recibiu os parabéns de Xesús fronte ó fariseo. Porque este recoñecemento de si mesmo como “pecador” é, paradoxalmente, o sinal máis claro de que, ó dicilo e sentilo así de verdade ante Deus e ante os demais, deixamos xa por iso mesmo de selo. Pois ese recoñecemento conmove o corazón do noso Pai-Nai-Deus e nos converte así en xustos, en reconciliadas ou reconciliados con Deus. Así nolo dá a entender claramente a parábola de hoxe ó rematar deste xeito: “Asegúrovos que este (é dicir, o recadador de impostos) baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non”.
Ó comezo das habituais eucaristías dicimos todos xuntos: “Eu confésome pecador diante de Deus omnipotente e tamén diante de vós meus irmáns. Pois teño pecado moito, etc...”. Á luz da parábola de hoxe, vemos ben que esa é realmente a mellor maneira de prepararmos o noso corazón para o noso encontro eucarístico con el, co Deus que se rebaixou a si mesmo no seu fillo Xesús, converténdoo así en amigo e irmán de pobres e pecadores.
Finalmente, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da Evanxelización dos Pobos”, lembremos coa nosa oración e o noso compromiso persoal a tantos, elas e eles, que se entregan de por vida a anunciar a boa nova de Xesús a tódolos pobos.

ORACIÓN DOS FIEIS
Preguémoslle de corazón a Deus Pai que nos aprenda a relacionármonos con el tal como el quere, dicindo: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR. 
Todos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.

- Dános, Pai, coñecemento de Ti e de nós mesmos, para acadarmos así humildade de corazón e admiración da túa grandeza infinita.  
Todos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.
- Axúdanos, Pai, a sabermos estimar e apreciar os desprezados pola sociedade, pero que son por Ti apreciados e queridos. 
Todos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.
- Concédenos, Pai, saber intuír o corazón das persoas e non o seu moito ou pouco ter e poder. T
odos: APRÉNDENOS, PAI, A ORAR.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                       
      Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

Comentarios

Publicacións populares