30 oct. 2013

Festividades 1 e 2 de novembro

LECTURAS:

Tódolos Santos :
http://xanostesaqui.webnode.es/lecturas-da-misa/dias-especiais/novembro/todolos-santos/

Defuntos :
http://xanostesaqui.webnode.es/lecturas-da-misa/dias-especiais/novembro/a02-11-dia-de-defuntos/



A FESTA DA PLENITUDE NO ENCONTRO GOZOSO CO PAI DA ESPERANZA – TODOS OS SANTOS 2013


PÓRTICO
            A cantos hoxe nos reunimos celebrando a festa de TOdoS os Santos, únenos a mesma convicción: Deus, que é amor e esperanza, non nos deixa solos, senón que nos acolle ao seu carón para invitarnos á confianza diante de toda a desconfianza que nos rodea; para chamarnos polo noso nome fronte ao anonimato que nos ignora e silencia; para tendernos a súa man nun momento no que o individualismo e o interese puramente materialista se queren impor por riba da amizade, o amor e a espiritualidade que nos leva a descubrir a Deus no encontro xeneroso cos irmáns e na profundidade das decisións que orientan e dan sentido a nosa vida. A festa de hoxe quere ser, logo, chamada a non deixarse arrastrar do pesimismo, para facer agromar a esperanza daquel que sempre se achega a nós e non cansa de dicirnos: benaventurados. Por tantos benaventurados que responderon a súa invitación, compartimos e celebramos hoxe este momento de oración.
O PERDÓN
  • Para que aprendamos a facer da nosa vida don e entrega, fronte á intolerancia e o egoísmo, SEÑOR, GRAZAS POR FACER DA SANTIDADE DON E ENTREGA.
  • Para que descubramos que o amor non son palabras, senón feitos que se mostran no escoitar, axudar e animar a quen o necesite, CRISTO, GRAZAS POR FACER DA SANTIDADE DON E ENTREGA.
  • Para que manteñamos os ollos abertos a descubrir a túa presenza en cantos se esforzan por romper a lóxica do egoísmo, para crecer na lóxica da preocupación e da proximidade, SEÑOR, GRAZAS POR FACER DA SANTIDADE DON E ENTREGA.

REMUÍÑO
                  O libro da Apocalipse cóntanos algo que, a pesares de que temos escoitado moitas veces, quizais non lle teñamos prestado toda a atención que merece: Son moitos os escollidos, salvados, agarimados que xa gozan da presenza de Deus. E se son moitos os que xa perciben o recendo do amor de Deus, non podemos dicir que o mundo é malo, que as persoas son todas egoístas e que a desesperanza é tanta que non hai nada que facer. Ao contrario, se tomamos en serio a palabra proclamada, e lle prestamos atención, descubriremos que a mensaxe que nos quere dirixir é outra. Unha mensaxe en positivo: a bondade do amor de Deus está moito máis presente entre nós do que cremos, por iso temos que deixar de laiarnos e de mirar só o negativo, para comezar a construír desde o bo que percibimos ao noso redor. Unha bondade que se nos mostra cada día nas persoas que dan o seu tempo ao servizo dos demais, das persoas que se abren a compartir o que teñen, das persoas dispostas a facer da vida dos outros un tempo de sorriso e paz. Esa foi a tarefa na que tanto se implicaron homes e mulleres aos que temos coñecido, e aos que hoxe queremos dicirlle desde esta nosa oración comunitaria: grazas polo voso exemplo, grazas polo camiño que nos abristes, grazas por mostrarnos que fronte ao noso pesimismo hai outro xeito, outro mundo, outro corazón que crece e vive en esperanza. A celebración de hoxe  ten que ser para todos nós unha celebración de agradecemento por todo o Reinado de Deus que temos recibido a través da vida, polo exemplo e o testemuño das persoas coas quer temos compartido tempo e vida, e que repousan nos “camposantos” das nosas parroquias.


E inda que os seus nomes non están nos calendarios, nin as súas festas se celebran con foguetes e música, hoxe nós miramos para as lápidas nas que están escritos os seus nomes e, cheos de agradecemento, celebramos que teñan sido as mellores testemuñas do amor de Deus, os mellores embaixadores do ilusionante e esperanzado proxecto de amor, paz e xustiza que viviu e nos invitou a vivir Xesús de Nazaret. Por iso nós hoxe, con actitude orante, co corazón latexando de lembranzas e co pensamento agradecido, reunímonos para celebrar que “por riba das nosas distancias, hai unha fe; unha esperanza que medra en nós tamén”; o que nos leva a confesar sen rutina e cheos de agarimo: porque o voso testemuño foi tan grande que estaredes sempre en nós, agardamos un día poder volver atoparnos ao lado do noso amigo Xesús, para cantar o aleluia da resurrección. Paga a pena, entón, non deixarse vencer, na loita de cada día, polas dificultades, atrancos e desilusións que nos vaian chegando –sabendo que moitas veces son duras e difíciles de entender– para seguir abrindo camiños e fendas que nos acheguen a Deus, e lles posibiliten aos irmáns unha vida máis digna e xusta.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus, que é amor e acollida, invítanos neste momento a compartir a oración comunitaria dicindo xuntos:
            GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
      Para que en toda a Igrexa saibamos ser agradecidos e valoremos os exemplos de entrega xenerosa de tantas persoas que hoxe, na súa festa, a festa dos santos sen calendario, ven recoñecido o seu traballo e o seu esforzo en favor das persoas e da súa dignidade, OREMOS.
            GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
      Para que nas nosas comunidades non desalentemos nunca, e nos esforcemos por levar tempo e capacidade de escoita a cantos, neste momento tan difícil, senten a necesidade de persoas que os escoiten, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
      Para que cada un/ha de nós, saibamos valorar que só poderemos descubrir o que son a felicidade e a alegría, se somos capaces de por o noso tempo ao servizo de quen puidera necesitalo, como fixeron tantos homes e mulleres aos que hoxe queremos honrar nesta festa de Tódolos Santos, OREMOS.

GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE AMOR DAS PERSOAS SINXELAS
Grazas, Señor, por ofrecernos a alegría da esperanza e da vida entregada ao servizo da felicidade dos outros. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor, axúdame a ser Santo:
Santo sen premio.                                                                 
Santo para non ofenderte.                                                                                                                   Santo para servir mellor aos demais.
Señor, neste día,
que recordamos e celebramos a memoria de Todos os Santos,
axúdame a acercarme máis a Ti.
Que o Espírito me conceda os dons necesarios para ser mellor.
Non porque eu mereza algo,
senón para que a miña loanza chegue a Ti, máis plena.
Señor, perdóame,
polas miñas infidelidades e abandonos,
por todo o que podía ter feito e non fixen,
por todo o que podía ter servido e non servín,
por todo o que teño desaproveitado.
Dáme a túa bendición para que o resto da miña vida,
che sexa fiel e caritativo,
luz túa e servidor de todos,
segundo Ti me pidas en cada momento.
Grazas, Señor, pola túa misericordia comigo.
Amén.
CANTOS
      ENTRADA: 
    Benaventurados     
      LECTURAS: 
     Por riba das nosas distancias
     Camiñarei na presenza do Señor
OFERTORIO: 
     Se o Señor resucitou    
COMUÑÓN: 
     Pan do ceo






RECURSOS :
Tódolos Santos :
http://xanostesaqui.blogspot.com.es/2012/11/oracion-de-todolos-santos.html
Todos-os-santos
Tódolos Santos

Defuntos :
http://nosanaicinhadoceo.webnode.es/musica-galega/s/
Fieis-defuntos
Fies defuntos- Bene Pagola



28 oct. 2013

Ficha e Lectio - Domingo 31 Ord C




LECTIO :
http://www.salesianos.edu/sites/default/files/LectioDivina_071104.pdf

Xesús tiña que pasar por alí. Todo comeza coa inquietude de Zaqueo. Non sabía quen era Xesús, pero "trataba de distinguilo". Non só distinguilo "visualmente" senón chegar a identificalo. Zaqueo conta con dúas
dificultades: era baixo de estatura e a xente impedíallo. O home é de pequena estatura cando trata de achegarse ao misterio de Deus, tamén cando se aproxima a un rostro tan humano como o de Xesús. E é a xente quen impide distinguir a Xesús. Ese pulular impresionante de actitudes, opinións, actividades, estreses, ofertas, que se dan no camiño da nosa vida, non sempre facilitan "distinguir quen é Xesús". Pero dunha
cousa estaba seguro Zaqueo, Xesús "tiña que pasar por alí". Son os dous trazos que poden preparar ao home de hoxe tamén para o encontro con Xesús. A insatisfacción que lle empuxa a buscar e distinguir a alguén cuxa existencia se intúe, e a sospeita de que está aí no medio da nosa vida, nas nosas rúas e cidades, e que podemos chegar a descubrilo, a pesar de nosa pequena estatura e de que a xente na súa ir e vir dificúlteo.

Hoxe teño que hospedarme na túa casa. Zaqueo "trataba de distinguir", quería "identificar", desexaba "ver".
Xesús cambia cualitativamente as expectativas e desexa chegar ao corazón da persoa, á súa casa. Zaqueo ha de baixar do alto da árbore onde contempla, para aloxar a Xesús na súa casa. O encontro é un agasallo transformador, sobre todo cando se percibe que Divos non se contenta con dar resposta ás nosas preguntas, senón que na persoa de Xesús quere entrar na nosa casa, quere compartir a nosa vida. Aloxarse connosco significa participar da nosa hospitalidade, entrar na nosa intimidade, participar da nosa mesa. Recibiuno moi contento. Claro. Quen abre as súas portas a Xesús cae na conta de que non é el o que dá, senón o que recibe.

Todos murmuraban. É curioso que Lucas non singulariza a murmuración senón que a universaliza. Que desconcerto cando Xesús achégase aos afastados, aos marxinados, aos que o sistema relixioso desprezaba! Lucas repíteo unha e outra vez. E remata a narración coa afirmación: "O Fillo do Home veu a buscar e salvar o que estaba perdido". Que amigos somos os cumpridores, os "relixiosos", os "responsables institucionais", de dicir a Xesús a quen se pode aproximar e de quen se ten que afastar! Coma se a salvación fose o resultado dunha "xustiza" e un "cumprimento" que, por suposto, atribuímonos a nós.

Darei aos pobres a metade dos meus bens. A transformación cristiá é consecuencia dun encontro con Xesús. É máis, podemos sospeitar das persoas "relixiosas" cuxa vida non sente sacudida e necesitada de decisións radicais. O que resulta curioso é o campo elixido por Zaqueo (e por Lucas) para tomar esas decisións radicais: o da riqueza. Zaqueo non toma decisións como acudir ao templo con máis frecuencia, ou achegarse arrepentido aos líderes relixiosos, ou estudar a fondo a Lei e os seus preceptos. As decisións que brotan cando Xesús entra a fondo na súa casa teñen que ver coa riqueza e cun achegamento aos pobres. Ese é o lugar de discernimiento da sinceridade da súa conversión! E Xesús parece ratificalo cando, despois de escoitar as decisións de Zaqueo, exclama: "Hoxe foi a salvación desta casa".

27 oct. 2013

Baixou o publicano xustificado para a súa casa, ao contrario que o fariseo - Lc 18, 9-14

Domingo 30 de Ordinario - ciclo C


NON LEVA A DEUS

Aínda que sexa bo valorar e afirmar
o que es e o que pensas,
non andes nunca
demasiado seguro de ti mesmo,
coma se nunca puideses enganarte.

Aínda que sexa bo recoñecer
todo o ben que hai en ti,
nunca te creas perfecto,
nunca penses que funcionas
coma un reloxo,          .
que xa non tes máis para onde ir.

Aínda que sexa bo
comprobar e axuizar
o comportamento dos demais,
nunca os despreces,
nunca olles para eles de esguello,
nunca fagas medrar a rúa bondade
á custa dos fallos dos demais.

A ninguén lle gustan os chulos,
os fachendosos, os sabichóns,
os que van pola vida
levando diante un cartel
no que apuntan diario
calidades, méritos e perfeccións.

A Deus tampouco lle gustan,
Aínda que o fagan disimuladamente.

Moitas veces a xente de igrexa,
a xente de moita relixión,
non se dá posta a ben con Deus
por mor de se crer
perfectos cumpridores de todo.

Moitas veces os menos cumpridores
fanse íntimos de Deus,
porque Deus ten as súas compracencias
na xente humilde e verdadeira
que sente con do diariamente
os males que lle rouban a inocencia.




Clamou o pobre e Deus escoitouno - Salmo 33

Domingo 30 de Ordinario - ciclo C



ACÓLLEME, SEÑOR

Busco os teus brazos. Señor.
Ti es o meu Salvador;
creo na vida do teu Reino,
creo na resurrección.

Oh meu Deus, meu Salvador,
oio que me chamas,
sinto a túa voz.
Oh meu Deus acólleme,
polos meus pecados perdóame.

Ao teu carón busco a paz
o descanso e o amor,
creo na túa misericordia,
creo na túa salvación.

Oh meu Deus, meu Salvador,
oio que me chamas,
sinto a túa voz.
Oh meu Deus acólleme,
polos meus pecados perdóame.

Oh meu Deus, acólleme. 



26 oct. 2013

Domingo 30 de Ordinario C

30 º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura     Eclo 35, 15b-17. 20-22a (gr. 12-14. 16-18)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
A oración do humilde traspasará as nubes

            Deus é un Deus xusto
e non ten preferencias de persoa;
non tomará parte contra o pobre
mais presta oídos ás demandas do asoballado;
non refuga os saloucos do orfo
nin da viúva que repite o seu laio.
            Semellante laio acada o seu favor,
o seu berro chega ata as nubes.
            O grito do pobre traspón as nubes,
non apousenta ata chegar á meta,
non cede ata que Deus o atende
e que o xuíz veraz faga xustiza;
tampouco Deus a retardará.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 33, 2-3. 17-18. 19 e 23
R/.  (7a):  Clamou o pobre e Deus escoitouno.

Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.

Mais o Señor encara os malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.

O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.


Segunda Lectura     2 Tim 4, 6-8. 16-18
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Finalmente daráseme a coroa de xustiza

            Benquerido irmán:
            A min xa me queda pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar.         
            Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada.
            E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel día. E non só a min, senón a todos os que arelan a súa Vinda gloriosa.
            Na miña primeira defensa non me acompañou ninguén, todos me deixaron. Que Deus llelo perdoe! Pero o Señor asistiume e fortaleceume para rematar a  predicación e que todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león.
            O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter a salvo para o seu Reino celestial.       Para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 18, 9-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Baixou o publicano xustificado para a súa casa,  ao contrario que o fariseo
  
            Naquel tempo, Xesús propúxolles esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:
            ‑Dous homes subiron  ao templo para orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.
            O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".
            O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos  ao ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".
            Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



SE O DEUS NO QUE CREMOS NON FAI DIFERENZA ENTRE AS PERSOAS, POR QUE OS QUE NOS CHAMAMOS SEGUIDORES SEUS NON FACEMOS O MESMO?

PÓRTICO

Nun mundo aparentemente tan ben comunicado e no que semella que estamos tan preto uns dos outros, resulta que nunca tanto coma hoxe as persoas estiveron solas, esquecidas, sen ninguén que as escoite e lles preste atención.

Que nos pasa? Esquecemos a diferenza entre o importante e o accesorio? Xa non sabemos distinguir entre un carballo, por moitos anos que teña, e unha persoas que sofre, á que ninguén lle fai caso ou está enferma? Cómo temos chegado a esta situación? Tan duros somos de corazón que nos esquecemos das persoas e da dignidade que entre nós compartimos?

Deixemos que a Palabra que hoxe imos proclamar aniñe e enchoupe o noso corazón e estimule a nosa vida.

O PERDÓN

      Para que non deixemos que a friaxe e a indiferenza aniñen no corazón, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

      Para que nin os pobres nin a pobreza nos resulten indiferentes, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.

                  Para que non caiamos na tentación da inconstancia e o abandono, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

REMUÍÑO

                  Un mundo onde a loita contra a tentación de esmagar e oprimir ao outro é tan grande, necesita de referentes que o fagan ter sempre presente que as persoas somos o centro de todo, o máis importante, a razón e o porqué de todo canto se fai e supón avance e mellora para todos. Tendo isto claro, a realidade vai por un camiño moi distinto. Nunca tanto coma hoxe as desigualdades entre uns e outros foron tan grandes; as diferenzas entre os que teñen moito e os que día a día van perdendo o pouco que teñen son cada vez maiores. Ocórrenos a nós como ocorría no tempo no que se escribiu o libro de Eclesiástico, que lemos como primeira lectura. Diante da indiferenza e o desprezo das persoas, relegadas a segundos, terceiros e cuartos postos no canto dos cartos, as ganancias e as estatísticas favorables, necesitamos para vencer esta actitude morna e tremendamente inhumana, voces que nos esperten do sono que nos fai pasivos e xustificadores de canto pasa. Necesitamos persoas e testemuños que non deixen que adormezan as nosas conciencias e nos convertan en simples robots que aceptan pasivamente o que os que mandan deciden sobre nós, como se foramos ovellas dun rabaño que eles guían e enganan segundo os seus intereses. Fronte de tantos lobos que buscan abusar de nós, necesitamos sentirnos firmes e asentados na forza que recibimos da Palabra de Deus, para clamar e actuar contra os que non prefiren ás persoas, e dentro destas, aos pobres, como compañeiros de viaxe á hora de construír un mundo no que non gañen sempre os mesmos, e os perdedores sexan reducidos a cousas, como se a súa dignidade non valera para nada. Se non nos apuramos, acabará pasando o tempo, quedaremos atrás, e cando queiramos reaccionar, xa será tarde. O Papa Francisco vén insistindo, unha e outra vez, que temos que saír dos pazos das comodidades, para ir facendo barullo. O barullo de quen sabe que as cousas poden ser doutro xeito. Pero para iso é necesario perder os medos e unirnos a cantos, coa mesma esperanza e ilusión, non se conforman nin se resignan, senón que se rebelan contra todo canto supón ver ás persoas oprimidas, enganadas ou estafadas. Do mesmo xeito que o Señor encara aos malvados, que tamén nós saibamos unir forzas para plantarlles cara.

      
            Este esforzo será o que anime e vaia dando sentido á nosa vida. Porque, se non fose así, teriamos que preguntarnos que pintamos aquí? Para que estamos? Que sentido ten calar e aguantar? Deus non nos quere resignados nin calados, senón activos e denunciando as inxustizas que os que mandan e, pensan que saben, van cometendo contra de nós e dos máis débiles. Como crentes e seguidores de Xesús non podemos nin debemos permitilo. Non é tempo de calar nin de aguantar acatamentos e privilexios de quen sendo igual a cada un/ha de nós, coida que pode pisarnos e esmagarnos se non facemos o que quere e manda. É tempo de rebelarse, para que ao chegar á meta, poidamos pasala coa alegría de ter loitado e traballado polo triunfo. Tal e como nos di Paulo que a el lle espera. Do mesmo xeito, tamén a nós nos agarda a meta do encontro con Deus. Presentarémonos coa vida chea de resignación e as mans baleiras?

                  Non nos creamos, entón, nin perfectos nin mellores cós demais, e esforcémonos por ir buscando canto nos une, achega e esperanza, para así ir construíndo espazos de encontro dos que saen as forzas para loitar contra da inxustiza e evitar que os de sempre, os que din, mandan, dirixen e impoñen, sexan os que acaben saíndo coa súa. Non fagamos coma o fariseo que se cría xusto e mellor cos demais, e desprezando a quen tiña a seu lado, quería dar leccións de bonhomía. Fagamos da nosa vida, como nos invita Xesús, espazos de colaboración, encontro, respecto para os outros e sinxeleza. Porque dos sinxelos e misericordiosos é o Reinado que nos deixou Xesús.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Rompamos a indiferenza diante do que pasa por diante dos nosos ollos, e pidamos a Deus Pai/Nai que nos dea folgos para non calar nunca fronte da inxustiza. Facémolo dicindo xuntos:
SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

Para que a Igrexa esperte do sono que a ten levado a calar diante da opresión, a inxustiza e a explotación dos máis pequenos e necesitados, OREMOS.

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

Para que nas nosas parroquias non calemos cando vexamos e saibamos de situación de violencia, opresión, malos tratos ou discriminación que estean sufrindo algúns dos nosos veciños, OREMOS.

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

Por nós, para que non busquemos xustificacións que impidan un comportamento profético de non calar cando os que temos ao noso redor son tratados como cousas e non como persoas, OREMOS.

SEÑOR, QUE NUNCA XUSTIFIQUEMOS O ABUSO DOS DÉBILES

Grazas, Señor, por axudarnos a espertar do sono da indiferenza e o pasotismo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Hai algo peor que ter malas ideas:
é ter ideas definitivas.
Hai algo peor que ter mala conciencia,
e aínda peor que facerse unha mala conciencia:
é ter unha conciencia perfecta.
Hai algo peor que ter un espírito malo:
é ter un espírito acomodado.
Porque os mellores, os bos,
ou cando menos aqueles que gustan de ser chamados así,
non teñen defectos na súa armadura... e nunca son feridos.
A moral da súa pel é para eles coiraza e concha.                                                                                Porque non lles falta nada, nada se lles dá;
porque non lles falta nada, ninguén lles ofrece todo.
A caridade de Deus non cura a quen non ten feridas.
Precisamente por estar ferido no chan,
aquel home foi recollido polo samaritano.
Por estares sucio o rostro de Xesús,
foi limpado polo pano da Verónica.
Por mostrar as súas feridas, as súas penas, o seu amor
Xesús dignificou a muller pecadora.
Así, pois, quen non caeu, nunca será erguido;
quen non se manchou, nunca será limpado.
Os bos non son permeables á graza.

CANTOS
ENTRADA:
Amigos nas penas
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
Pregoeiros da túa paz
COMUÑÓN:
Ti es o pan do ceo


21 oct. 2013

Ficha e Lectio - Domingo 30 Ord C





TOMADO DE :

Dous homes subiron ao templo a orar. Un era fariseo, outro, publicano. Ata aquí, todo ben. Ao Señor debeu de gustarlle iso. Porque, aínda que chegara a dicir aquilo de «cando reces, métete na túa habitación, pecha a porta, e Deus que ve no escondido, escoitarache» ou aquilo outro de «os verdadeiros adoradores adoran en espírito e en verdade», o certo é que Xesús, desde moi neno «ía cos seus pais ao templo». É máis, un día ante o mal uso que do templo facían os vendedores, proclamou sen titubeos: «A miña casa é casa de oración». A Xesús, por tanto, gústalle que no seu templo recemos todos. O que xa non parece gustarlle tanto é algún estilo» de oración: «O fariseo, ergueito... dicía no seu interior: dou grazas porque non son como os demais...». 

Este home, máis que orar a Deus «se oraba a si mesmo». Erixíndose en «Deus de si mesmo», se autoproclamaba diferente. Non recoñecía o negativo que adoitamos ter os homes: « ladróns, inxustos, adúlteros;...», e exhibía algúns trofeos que outros non teñen: «Xaxúo dúas veces por semana e 
pago o diezmo do que teño». Non necesita ningún retoque, vive na plenitude e na perfección. O fariseo bastábase a si mesmo, non necesitaba a ninguén, nin sequera a Deus E este é o gran fallo da súa "oración". Nin fala a Deus, xa que o que fai é cantarse a si mesmo as súas virtudes. Nin escoita a Deus, xa que o 
propio sonsonete dos seus autoalabanzas impídenlle ouvir calquera outra voz que non sexa a súa. 

Xesús, en cambio, encomiou a oración do publicano. Non «porque quedou alá atrás e golpeaba o seu peito sen atreverse a levantar os ollos ao ceo». Porque esas actitudes externas tamén poden caer no «fariseísmo». Senón porque, de verdade, na profundidade da súa vida, recoñecíase pecador: «Señor, ten compaixón deste pecador». Fronte ao orgullo do fariseo, este home recoñecía o seu profundo «baleiro interior». En alguén que sente cheo, dificilmente entra algo; mentres que quen se recoñece «baleiro», xa está en boa actitude para recibir axuda. Sobre todo pode entrar Deus, que é capaz de chegar ata as máis belas e difíciles encarnacións. 

O evanxeo de hoxe dinos unha cousa moi clara: para achegarnos a Deus debemos sentir que lle necesitamos de verdade. Debemos sentir que sen a súa axuda e a súa forza non somos nada. Debemos sentir que, por moito que nos esforcemos por ser bos cumpridores do que nos pide, sempre nos quedará un gran camiño a percorrer antes de chegar a amalo como el ámanos, ata que cheguemos a confiar totalmente nel, ata que cheguemos a facer do Evanxeo o criterio de toda a nosa existencia. 

Sempre nos queda un gran camiño a percorrer. Porque ser cristián, ser fiel a Deus, non consiste simplemente en cumprir unha serie de preceptos: cumprir os mandamentos e ser bos é necesario, pero non basta. Ser cristián é moito máis, é un camiño que non se termina nunca: ser cristián é chegar a ser coma Xesús. O que espera O Señor de nós é, que non deixemos de camiñar cara a el e que non deixemos nunca de pedir a súa axuda.



VER TAMÉN:
(4º IDIOMA: GALEGO)



20 oct. 2013

Deus faralles xustiza aos seus elixidos que claman por El - Lc 18, 1-8

Domingo 29 de ordinario - ciclo C


NON CANSES

Non canses;
se os traballos
fan fraquear o teu andar,
non canses.

Se a incomprensión da xente
te desanima, .
non canses.

Se pasan días e anos,
e nada parece cambiar,
non canses.

Se ves ao teu arredor
xente abusona,
que tripa con descaro
os dereitos dos humildes,
non canses.

Sé firme no teu esforzo.
Sé firme na túa decisión.
Sé firme no teu traballo.
Sé firme no túa oración.

Clama día e noite
co berro das protestas xustas,
co silencio da resistencia rexa,
co murmurio do agarimo aceso,
co diálogo das palabras limpas.

Clama día e noite,
insiste, repite.

Non o poñas en dúbida:
Deus escoita,
Deus é xusto,
Deus ten estima do débil,
Deus sairá por ti,
Deus defenderá os dereitos
dos seus escollidos.

Non canses.
A oración coa que clamas a Deus
doéndote das túas miserias -
e das miserias da. xente
e dispoñéndote a darlles remedio,
esa oración
nunca será unha falsidade
nin un engano de pícaros.