Domingo 29 Ordinario C

29º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -  CICLO C


Primeira Lectura     Ex 17, 8-13
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Mentres Moisés levantaba a man, vencía Israel

            Naqueles días, viñeron os amalecitas e atacaron Israel en Refidim. Moisés díxolle a Xosué:
            ‑ "Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".
Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían  ao cume do outeiro.
            Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento,  ao tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas.
            As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.
Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 120, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8
R/. (cf. 2): O noso socorro vén do Señor, que fixo o ceo e mais a terra.

Alzo os meus ollos cara aos montes:
de onde virá  o meu socorro?
O meu socorro vén do Señor,
que fixo o ceo e mais a terra.

El non deixa que esvare o teu pé,
o teu gardián non dorme;
non dorme, non adormece,
o gardián de Israel.

O Señor é o teu gardián,
O Señor é o teu arrimo, está á túa dereita.
Polo día o sol non che fará dano
nin a lúa pola noite.

O Señor gárdate do mal,
El garda a túa vida.
O Señor garda a túa chegada e a túa saída,
agora e por sempre.



Segunda Lectura     2 Tim 3, 14 -- 4, 2
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Perfecto sexa o home de Deus, idóneo para calquera obra boa

            Benquerido irmán:
            Mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che ensinar o  camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
            Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase idóneo para calquera obra boa.
            Pídoche diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: pregoa a palabra, insiste teimudamente, corrixe, reprende, aconsella con moita paciencia e doutrina.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Heb 4, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A palabra de Deus é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 18, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deus faralles xustiza aos seus elixidos que claman a El
  
            Naquel tempo, Xesús propúxolles aos seus discípulos unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
            ‑ Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte  ao meu contrario". El, durante moito tempo, non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".
            E o Señor continuou:
            ‑ Escoitade o que di un xuíz inxusto. E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, el atopará fe sobre a terra?

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




INDA QUE NÓS CANSEMOS, DEUS NIN CANSA NIN SE ABURRE DE NÓS

PÓRTICO
Sempre andamos con présa: a misa non pode durar moito, cos veciños non temos tempo para quedar e falar un pouco, aos enfermos non temos tempo de ilos ver, cos fillos non podemos sentar para escoitalos, falar con eles o xogar un pouco... Andamos tan atarefados!. Pero tanto, tanto, que imos deixando escapar as mellores posibilidades e momentos de gozar do tempo, da contemplación da natureza, da compaña das persoas, da palabra dos seres queridos... Cando nos daremos conta de que o que agora parece que nos escapa xa non ten volta atrás, que xa non volveremos ter outro momento ou situación igual?.

A Palabra de Deus quere invitarnos hoxe a que paremos e pensemos sobre todas estas oportunidades que imos deixando escapar, para así reconsiderar a nosa postura, e volver de novo ao importante. As présas non son nunca boas compañeiras, as persoas si que o son. Que a paciencia e a perseveranza volvan ocupar o sitio que merecen e lles corresponde na nosa vida.

E neste contexto de compartir repousadamente o que somos e o temos, celebramos a Xornada Mundial das Misións, o DOMUND, que co lema “Fe+Caridade=Misión”, é unha boa ocasión para lembrarnos que, como ben di o papa Francisco: “recibimos o don da fe , non para telo agochado, senón para difundilo, para que poida alumear o camiño de moitas persoas”.

O PERDÓN
*    Da nosa impaciencia e da nosa présa, AFÁSTANOS, SEÑOR.
*    Da nosa incapacidade para saber valorar o tempo compartido con quen o necesita, AFÁSTANOS, CRISTO.
*    Da nosa présa por perder o tempo solos, e non recuperalo para poñelo a dispor de canto anima, aleda e alenta, AFÁSTANOS, SEÑOR.
REMUÍÑO
     Moisés é consciente da realidade na que el e mais o pobo están a vivir, por iso insiste unha e outra vez na necesidade de orar xuntos, de orar con confianza, de orar crendo na forza e no valor da oración. Non se está a referir a unha oración rutineira que leva os beizos para un lado e a mente para outro. El non deixa de dicirlle ao pobo que canto se expresa cos beizos ha saír do profundo do corazón, pois só así a credibilidade de quen reza e do que se reza poderá asentar realmente no cotián da vida de cada persoa. Cando nós rezamos, facémolo tamén así, ou máis ben deixámonos ir polo vieiro da costume, a rutina e as palabras sen sentido nin forza que saen da nosa boca?... Unha vez máis, e respondendo á invitación que desde esta palabra que busca alimentar e dar sentido á nosa vida, esforcémonos por non caer na tentación de cansar e abandonar. Porque só quen insiste e non se deixa vencer polo desánimo, é capaz de entender e albiscar por que os cristiáns falamos de esperanza e non só de ilusión nin de ideas irrealizables. Non terá algo que ver coa aclamación que faciamos no salmo de que o noso auxilio nos vén do Señor?
     Se somos capaces de ir acompasando todo canto imos vivindo e facendo co que rezamos, estaremos acadando o obxectivo ao que nos invita Xesús: non deixarnos levar nin das présas nin da tentación de deixar pasar o tempo sen facer nada; á vez que iremos construíndo o edificio da nosa existencia con bos cimentos; os cimentos que se son capaces de aguantar os envites que a todos nos vai dando a vida, e non perder deste xeito a esperanza que asenta e orienta o sentido e opcións que cada un de nós imos tomando, e que nos axudan a crecer e madurar como persoas e como cristiáns. Deste xeito, iremos respondendo ás diferentes situacións nas que se vai concretando en nós a obra de Deus. Unha obra que deberá ir aprendendo a beber da fonte da realidade –os sinais dos tempos– para dar os mellores froitos de actitudes cristiás vividas sen medo e con gozo, no medio do mundo, e en unión con outras persoas, sexan ou non dos que pensan e fan coma nós. A obra de Deus non é un conxunto de ritos ou prácticas; tampouco un elenco de normas ou imposicións, senón a maneira de facer e vivir de xeito ledo que Deus nos quere, nos acompaña e nos invita a facer o mesmo coas persoas do noso redor e desde as estruturas xustas, solidarias e sempre orientadas ao ben común que nós imos dando na nosa sociedade.

     E todo o desenvolvemento deste proxecto que Deus pon ao noso dispor para que o realicemos non pode quedar nin reducirse a un activismo continuo de facer cousas e desesperarse porque non saen como as tiñamos pensado, senón que ha ser un proxecto construído paseniñamente, sen présas e ben orientado.Un proxecto que necesita non do simple arrouto da acción, senón da forza da oración perseverante, confiada e asentada sobre canto se vai facendo. Porque é aí onde temos que ir descubrindo a forza e a presenza de Deus. Só deste xeito poderemos entender por que cando falamos da oración, falamos do gran puntal que sostén a forza das nosas accións, as debilidades das nosos proxectos e a ilusión desde a que a perseveranza vai facendo que non desesperemos nas dificultades, senón que saibamos agradecer con realismo as nosas limitacións, e a necesidade da forza de Deus e da axuda dos demais. Solos non imos moi lonxe. Xuntos e en comunidade, acadamos metas e superamos atrancos. Perseveremos, sen medo, neste camiño.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus chámanos a non cansar e a camiñar, con actitude constante e perseverante, na confianza dunha oración agradecida e compartida. Porque queremos responder a esta invitación, dicimos xuntos:
                   SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

      Para que na Igrexa, saibamos valorar e potenciar unha oración que parta da nosa vida e axude a descubrir que non es Ti quen cansa de nós, senón nós os que cansamos de Ti, OREMOS.

                   SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

      Para que nas nosas comunidades cristiás, vaiamos creando espazos de encontro e oración que nos axuden a non cansar nin desesperarnos nos momentos de dificultade, cando quedamos solos e, moitas veces, desorientados, OREMOS.

                   SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

      Para que teñamos sempre unha actitude de achegamento ás persoas que nestes momentos de dificultade económica e social corren o risco de quedar nas beiras e ser esquecidas pola falta de traballo, casa ou familia que as acolla e axude, OREMOS.

                   SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

      Por todos os misioneiros e misioneiras que dun cabo ao outro do mundo anuncian o Evanxeo, para que sempre sintan a paz e a fortaleza de Deus, que os bendí e os acompaña no seu labor, OREMOS.

                   SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

      Por todos nós, para que nos sintamos responsables da acción misioneira da Igrexa e contribuamos a ela segundo as nosas posibilidades, OREMOS.

                   SEÑOR, QUE BEBAMOS DA FONTE DA TÚA PALABRA

 Grazas, Señor, por agarimarnos e axudarnos a non desesperar diante das teimosías da nosa debilidade, que nos fan esquecer a necesidade de ser perseverantes na nosa oración. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexamos coma algo normal tropezarnos
con homes e mulleres sen casa e sen teito.
Que nos sorprendamos cada día
deste mundo no que uns temos de todo
mentres a outros lles falta de todo.
Que non se nos afaga o corazón
á dor do irmán que está na cuneta.
Pon tenrura, Señor, na nosa mirada;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que perciben.
Pon, Señor, xustiza, unha migalliña da túa xustiza, na nosa vida.


CANTOS

ENTRADA:
Andarei

LECTURAS:
O Señor é o meu pastor

OFERTORIO:
Sementar, sementarei

COMUÑÓN:
Acharte presente


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares