Domingo 28 Ordinario C
28º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO C
Primeira Lectura 2 Re 5,
14-17
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
Volvéndose Naamán cara ao home
de Deus, proclamou a súa fe no Señor
Naqueles días, baixou
Naamán, o Sirio, ao Xordán e mergullouse
na súa auga sete veces, segundo lle mandara Eliseo o home de Deus. A súa carne
tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo da súa lepra.
Volveu Naamán con toda
a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo:
‑ "Agora recoñezo
que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un
regalo do teu servo".
Respondeulle
Eliseo:
‑ "Polo Señor
vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha". E por moito que lle
insistiu para que aceptase, el negouse.
Naamán dixo entón:
‑ "Pois logo,
permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas
mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún,
senón só ao Señor.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 97, 1.
2-3ab. 3cd-4
R/. (cf. 2b): O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.
Cantade ao Señor un cántico
novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.
0 Señor dá a coñeces a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
Segunda Lectura 2 Tim 2, 8-13
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Se nos mantemos firmes, reinaremos con Cristo
Benquerido irmán:
Lémbrate de Xesús
Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David.
Este é o meu Evanxeo,
polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus
non está encadeada.
Por iso soporto todas
as cousas por mor dos escolleitos, para que tamén eles acaden salvación en Cristo Xesús, coa gloria eterna.
Gran verdade é esta:
Se con el morremos,
viviremos con el.
Se con el padecemos, reinaremos
con el.
Se renegamos del, tamén el nos ignorará.
Pero se lle fallamos
na fe, el mantense fiel,
pois non pode renegar de si mesmo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Tes 5, 18
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Dade grazas por todo:
tal é a vontade de Deus en Cristo Xesús para con vós.
Aleluia.
Evanxeo Lc 17, 11-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non houbo quen volvera dar gloria a Deus senón este xentil
Indo Xesús camiño de
Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez gafos. Pararon ao lonxe, e dando voces suplicáronlle:
‑ Xesús, Mestre, ten
dó de nós.
‑ Ídevos presentar aos
sacerdotes.
E aconteceu que cando
ían para alá, quedaron limpos. E un deles,
ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes
voces. E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era
un samaritano. Xesús dixo:
‑ Non foron dez os que
quedaron limpos? Onde están os outros nove? Ninguén, fóra dun estranxeiro,
volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu:
‑ Érguete e vaite:
salvoute a túa fe.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
POUCAS VECES, QUEN RECIBE O QUE
NON MERECE, AGRADECE O QUE RECIBE
TOMADO DE : http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
PÓRTICO
A
todas as persoas nos debería saír facilmente do noso corazón e dos nosos beizos
a palabra GRAZAS. Na nosa casa, na nosa familia, no noso traballo, na nosa
comunidade… en todos os lugares e circunstancias da nosa vida. Pero non só como
unha mera palabra ou como norma de educación, senón como algo máis fondo: coma
unha actitude que emana do amor que Xesús dixo que nos debía caracterizar, pois
a gratitude significa valorar ao outro, tratalo con respecto e consideración,
estimalo.
E
esta gratitude tamén debe a nosa actitude para con Deus, porque… temos tantas
cousas que agradecerlle!: a vida, a familia, os amigos, a natureza…
Que
esta celebración nos abra á gratuidade para con Deus e para cos demais.
O PERDÓN
Porque en demasiadas
ocasións vimos celebrar a fe por cumprir un precepto, por unha tradición, por
rutina… sen deixarnos enchoupar pola túa graza e polo teu amor, SEÑOR, LIMPA O NOSO CORAZÓN.
Porque os nosos prexuízos
impídennos, tantas veces, descubrir e recibir a sorpresa da gratitude do
estranxeiro, do pagán, do non crente, CRISTO,
LIMPA O NOSO CORAZÓN.
Porque estamos tan afeitos
a elas, que non somos capaces de descubrir e valorar as bendicións coas que nos
enches cada día, SEÑOR, LIMPA O NOSO
CORAZÓN.
REMUÍÑO
DESCUBRIR
A DEUS: As dúas persoas que se atopan con Deus nas
páxinas das lecturas de hoxe son estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún
deles pertencía ao pobo escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións
para ter un encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha
lectura superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co
feito sempre sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das
persoas sobre a terra, porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida
chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque
moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non
saber descubrir os valores dos demais, tamén dos estranxeiros, dos que non
falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós, dos que “non son dos nosos”.
Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque
non temos o monopolio do ben.
UN DEUS
SORPRENDENTE: Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a
saúde. Todos esperaban un xesto marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a
dicirlles que fixeran o que tiñan que facer (cumprir a lei e presentarse ao
sacerdote). E cando ían de camiño, quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron
que como fixeran o que tiñan que facer, pasara o que tiña que pasar; pero o
samaritano soubo descubrir na súa curación a man de Deus e volveu onda Xesús
para darlle as grazas. Na nosa vida, convencidos de que todo é fatalidade ou
destino, perdemos a sensibilidade para descubrir nela esa man e así, cando as
cousas van ben, pensamos que é o normal; pero se van mal, facilmente lle
botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non somos quen de descubrir a Aquel
que sae ao noso encontro para sorprendernos: Moisés descubriuno na silveira,
Abrahán nos peregrinos que hospedou na súa tenda, María na mensaxe do anxo… E
nós, sabemos ver a Deus na natureza, nos irmáns, no noso traballo, no sorriso
dos nenos, nos pequenos praceres da vida… e tamén nos malos ratos?.
QUE NOS
SACUDE DA RUTINA: Detrás das formas
e das fachadas relixiosas, é moi doado atopar un baleiro que pouco a pouco
esteriliza a nosa vida e transforma as nosas comunidades en sombras do pasado
ou restos puramente folclóricos. Ao cabo do tempo, todo perde sabor e sentido:
recíbense os sacramentos coma un puro trámite social, pero internamente non
estamos dispostos a cambiar. Rodeados de palabras, rezos, reunións… perdemos de
vista o fundamental: Xesús e o seu Evanxeo. Por iso os nove leprosos reflicten
á perfección o estilo relixioso dos países, coma o noso, tradicionalmente
cristiáns: é tan grande a superficialidade e a falla de compromiso que xa nada
capta a nosa atención, non vivimos nada en profundidade, nada nos empurra a
unha renovación. Somos quen de recibir e facer todo cunha completa indiferenza.
Logramos un cristianismo cousificado e codificado: todo se fai segundo as
tradicións estipuladas, pensadas e dirixidas desde arriba, realizadas
mecanicamente, como se só polo feito de facer “cousas piadosas” ou de recibir
sacramentos, fose suficiente para medrar e madurar na fe, como se non quedara
un lugar para o esforzo e a iniciativa persoais, como se creatividade e fe
foran termos opostos, como se non houbese espazo para a revisión e a crítica.
Por iso hoxe pode ser un bo día para comprometernos a buscar as pegadas de Deus
a través dos feitos ordinarios, para comprometernos a non dar por sabido todo o
que se nos ofrece, aínda que nos pareza que o escoitaramos xa mil veces.
Aprendamos a descubrir as improvisacións de Deus aínda nos seus agasallos máis
frecuentes… e permanezamos sempre en actitude de agradecemento.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Sentíndonos queridos, curados e salvados por Ti, presentámosche a
nosa oración comunitaria dicindo:
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE
Grazas, Señor, por querer
unha Igrexa plural, democrática, aberta e sinxela, na que ninguén se sinta
excluído, marxinado ou silenciado, OREMOS.
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE
Grazas, Señor, polas nosas
comunidades, nas que atopamos persoas anónimas que dan testemuño dunha
fraternidade que salta fronteiras e separacións para curar aos leprosos de
hoxe: marxinados, pobres, inmigrantes, anciáns, parados... OREMOS.
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE
Grazas, Señor, por todo
aquilo que nos regalas: a vida, a saúde, a natureza, o traballo, os amigos, a
familia… para que a nosa fe nos axude a saber descubrir sempre neles a túa man
xenerosa, OREMOS.
GRAZAS POLO AGASALLO DA FE
Señor, danos unha
actitude agradecida, aberta e acolledora, para facer do mundo un fogar no que
todas as persoas teñamos cabida. PXNS.
Para a reflexión
Cómpre sermos agradecidos.
Na comunidade hai que ser agradecido.
Hai que agradecerlle ao día a súa luz e á noite as súas sombras.
Hai que agradecerlle ao sol a súa calor e á choiva a súa lentura.
Hai que agradecerlle aos vellos as súas historias e aos novos os seus soños.
Hai que agradecerlle ao da casa a súa fidelidade e ao de fóra o seu servizo.
Hai que agradecerlle ao san a súa saúde e ao enfermo a súa resistencia.
Hai que agradecerlle ao ledo o seu sorriso e ao triste as súas bágoas.
Hai que agradecerlle á xente o seu esforzo e a Deus a súa graza.
Na comunidade hai que ser agradecido.
Hai que agradecerlle ao día a súa luz e á noite as súas sombras.
Hai que agradecerlle ao sol a súa calor e á choiva a súa lentura.
Hai que agradecerlle aos vellos as súas historias e aos novos os seus soños.
Hai que agradecerlle ao da casa a súa fidelidade e ao de fóra o seu servizo.
Hai que agradecerlle ao san a súa saúde e ao enfermo a súa resistencia.
Hai que agradecerlle ao ledo o seu sorriso e ao triste as súas bágoas.
Hai que agradecerlle á xente o seu esforzo e a Deus a súa graza.
(M.
Regal “Un caxato…”)
Entrada:
Vinde
axiña
Lecturas:
Canta o sol
ofertorio:
ofertorio:
Todo
o mundo unha familia
Comuñón:
Grazas, Señor, graciñas
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario