Domingo 27 de Ordinario - ciclo C

27º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C

Primeira Lectura     Hab 1, 2-3; 2, 2-4
LECTURA DO LIBRO DE HABACUC
O xusto vive pola súa fe

            Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio,
sen que ti fagas caso?
            Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves?
            Por que me fas ver a iniquidade e me fas contemplar o crime?
Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa.
            Respondeume o Señor e díxome:
            ‑Escribe a visión e grávaa en taboíñas,
para que se lea de corrido,
pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,
falará da fin e non mentirá.
            Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.
            Velaquí: o temerario faise forte,
o seu alento camiña con el,
pero o xusto vivirá pola súa fe.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8):  Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle  ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.



Segunda Lectura     2 Tim 1, 6-8. 13-14
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Non te avergonces do testemuño do noso Señor

            Benquerido irmán:
            Recórdoche que reavives o don de Deus, que tes recibido pola imposición das miñas mans.
            Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, agarimoso e sobrio.
            Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el;  ao contrario, comparte comigo os sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus.
            Mantén como modelo, na fe e no amor de Cristo Xesús, as ben fundadas palabras que me escoitaches.
            E garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA     1 Pe 1, 25
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor permanece eternamente;
e esta é a palabra que se vos anunciou.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 17, 5-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Se tivésedes fe!

            Naquel tempo, rogáronlle os apóstolos  ao Señor:
            ‑ Auméntanos a fe!
            O Señor respondeulles:
            ‑ Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía.
            E quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido  ao criado por facer o que lle manda?
            Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer".

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





A TRANSFORMACIÓN DO CORAZÓN NON VÉN DO SABER TEÓRICO, SENÓN DA CAPACIDADE DE PARARNOS E ESCOITAR.
QUE NON DECAIAMOS NA TAREFA, SEÑOR!

PÓRTICO
Saber escoitar é sempre un don que hai que poñer en activo. É verdade que non todo o mundo ten esta capacidade. Hai persoas que ao falar con outras non escoitan, só buscan respostas; outras non se paran porque teñen moita presa; algunhas, aínda que se paren, non entenden o que se lles di. Hai tamén algunhas persoas que inda que se paren e parezan escoitar, o que buscan é poder dicir o que elas pensan, sen preocuparse do que poden pensar os demais. Finalmente, si, tamén os hai, están aqueles que non pasan de longo, senón que paran, miran aos ollos, xeran confianza e sempre están dispostos a poñer ledicia, esperanza, ánimo, consolo... alí onde non o hai. Como vemos, de todo hai na viña do Señor! E nós, onde nos situamos?, a que grupo coidamos que pertencemos? Aos pacientes ou aos impacientes?
Que a Palabra de Deus que hoxe imos escoitar e compartir, esperte en nós a forza necesaria para revisar as nosas actitudes  e para ver de cambialas, se fora preciso.
O PERDÓN
*    Por desconfiar da paciencia de Deus, SEÑOR, NON CANSES DE ACOLLERNOS.
*    Por non esforzarnos en botar o pesimismo derrotista das nosas vidas, CRISTO, NON CANSES DE ACOLLERNOS.
*     Porque as nosas présas non deixan que vexamos aos irmáns abandonados na beira do camiño, SEÑOR, NON CANSES DE ACOLLERNOS.
REMUÍÑO
û  Deus non cansa. Cansamos nós. E cansamos moito, tanto que moitas veces esta falta de paciencia desespéranos, desequilíbranos e fainos dicir o que non queriamos. Algo así é o que lle pasaba ao profeta Habacuc. A súa desesperación facíalle perder a confianza en Deus; era incapaz de ver a súa presenza no día a día da súa vida e isto facía que estivera constantemente pedindo contas: ata que día?, por que?.. respóndeme. A súa cegueira impedíalle descubrir, atopar e gozar do encontro con Deus. Oxalá que a nós se nos caian as escamas para non camiñar dando paus de cego! Só así entenderemos por que o salmo nos di: se escoitásedes hoxe a súa voz! Non endurezades o voso corazón!

û  A clave na que nos fala Paulo é a do testemuño. Só quen é capaz de converter o que cre e reza en vida, é capaz de entender as palabras que lle dirixe a Timoteo. Ser testemuño, ir facendo presente o evanxeo nas cousas de cada día, lévanos a non conseguir responder á tarefa que Xesús, na persoa dos apóstolos, nos encomenda: “ide“. Pero... como ir se non coñecemos? Como ir se non o mostramos cos feitos á hora de consolar a quen o necesita, visitar a quen está enfermo, acompañar a quen está solo...? Son os xestos, non as grandes palabras nin os grandes discursos dogmáticos ou disciplinares, os que fan visible, transparente e verdadeiramente humanizadora a mensaxe de Xesús. A nós correspóndenos, e en nós está o reto de facelo hoxe visible para que, a través de nós, cantos nos vexan poidan dicir: é verdade, coa súa vida transmiten e viven o que cren. Vaiamos tamén nós. Ese é o noso reto hoxe. Sobran palabras, documentos, discursos, pontificais... e faltan xestos firmes de credibilidade e achegamento aos que sofren, están solos e necesitan de mans que os agarimen. E isto nunca pode ser motivo de vergoña, senón de orgullo. O orgullo de ser seguidores de quen puxo o amor por riba das modas e prexuízos do seu tempo!

û   Entendemos pois por que Xesús, diante da insistencia dos apóstolos de que lles aumente a fe –tamén eles pensaban, como nos pode pasar a nós, que a frescura da fe depende das horas de rezos e non da nosa capacidade de pararnos, escoitar e amar aos demais– responde dicindo que a forza e a fondura da fe non é algo externo que nos conceden desde fóra, senón que implica e esixe a nosa resposta e implicación persoal. Que a fe creza en nós vai depender moito da capacidade que teñamos de vivir a compaixón co irmán. Unha compaixón na súa dobre vertente: ter paixón polo irmán, botando fóra medos e mediocridades; e asemade ter a sensibilidade necesaria e suficiente para acompañar e asumir a dor e a tristura dos que nos necesitan, teñen menos e van sendo deixados de lado polos poderosos. A compaixón define a profundidade da fe de cada un de nós. Teremos que preguntarnos se verdadeiramente somos compasivos nos nosos xestos, nas nosas palabras e na nosa vida. Ser compasivos vivindo a paixón da fraternidade, lévanos a descubrir que na vida o camiño está no servizo, a alegría, o acompañamento e a solidariedade. A paixón, como nos di Xesús, non pode levar a ningún outro sitio máis có amor. Aí está toda a fondura da fe á que nos chama, desde a nosa vida, Xesús. Como non imos intentalo, e que mellor servizo! Amar e ser amados. Aquí está o cumio da fe á que nos chama a palabra que hoxe temos proclamado. Poñámonos ao choio!
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Abramos o corazón para compartir a nosa oración comunitaria, e digamos xuntos:
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR
ü  Señor, que deixemos de laiarnos de tempos pasados, que non mellores, e comecemos a ser unha Igrexa sinxela, servidora e fraterna para todas as persoas, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR
*        Señor, que co esforzo de todos construamos comunidades cristiás nas que saibamos querernos, axudarnos e respectarnos uns aos outros, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR
*        Señor, que saibamos facer de nosa vida un testemuño de presenza do teu evanxeo, acompañando a quen está solo, animando a quen se sente defraudado polos fracasos e dificultades da vida, dando esperanza a quen ve rotas as súas ilusións pola enfermidade e a dor, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR
Grazas, Señor, por espertar en nós a forza da esperanza que nos chama a non esquecer que a fe non é a suma de ritos, senón a calidade das conviccións compartidas cos irmáns. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Xesús,
ensínanos a quererlle moito
aos nosos pais, ás nosas nais,
aos nosos fillos, ás nosas fillas,
a todos os nosos.

Que ese amor que lles teñamos
sexa a escola diaria
onde aprendamos a quererte a ti,
por riba de todo.

Ensínanos a cargar coa cruz,
coa nosa e co pedaciño da cruz dos demais
que a nos toca.

Ensínanos a seguirte,
sen medo, sen covardías,
sen volver a vista atrás.

Ensínanos
a perder a vida por ti,
pola xente,
polo teu plan entre a xente,
pola clase traballadora.

Ensínanos a descubrirte e acollerte
na xente que a diario
chega á porta das nosas casas
ou cruza con nós no camiño.
Ensínanos
a darlle aprecio, coma ti,
ás cousas pequenas
que nos fan os veciños
ou que nós lle facemos tamén
a calquera dos máis pequenos.

Xesús,
ensínanos a sermos dignos de Ti.
(Oración para ser digno de Xesús, Un caxato...94-9 )

CANTOS
ENTRADA:
Amigos nas penas/Camiñando pola vida
LECTURAS:
Escoita ao Señor
OFERTORIO:
Grazas, Señor, na mañá
COMUÑÓN:
Eu soñei/Acharte presente

Comentarios

Publicacións populares