Lecturas da Festividade da Nosa Señora do Pilar
LECTURAS - NOSA SEÑORA DO PILAR
1 Crón 15, 3-4.15-16; 16, 1-2
Reuniu David a todo Israel en Xerusalén para subi-la arca
de Iavé ó lugar que lle tiña disposto. Tamén reuniu ós fillos de Aharón e ós
levitas.
Os fillos dos levitas levaban a arca de Deus ás costas
por medio de varais, como ordenara Moisés, segundo o disposto por Iavé. David
mandou ós xefes dos levitas que dispuxesen os seus irmáns cantores, que fixesen
resoa-los instrumentos musicais; harpas, cítolas e pandeiros en sinal de
ledicia
Traída a arca de Deus, puxérona no medio da tenda que
David levantara para ela, e ofreceron holocaustos e sacrificios de comuñón ante
Deus. Cando David acabou cos holocaustos e sacrificios de comuñón bendiciu ó
pobo no nome de Iavé
(ou Ftos 1, 12-14)
Entón volveron para Xerusalén desde o chamado Monte das
Oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en
sábado. Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro,
Xoán, Santiago, Andrés, Felipe, Tomé, Bartolomeo, Mateo, Santiago o de Alfeo,
Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. E todos eles dedicábanse conxuntamente á
oración, con algunhas mulleres e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns.
Sal 26, 1-5
De David.
Faime xustiza, Señor,
pois a miña conducta é inocente.
Confío no Señor, e non esvararei.
Examíname, Señor, e ponme á proba,
esculca o meu interior e o meu corazón.
Teño ante os ollos a túa misericordia
e ando na túa verdade.
Non me paro con xente falsa,
nin me xunto cos hipócritas;
aborrezo a reunión dos malfeitores,
e non sento cos impíos.
Lc 11, 27-28
Mentras el dicía estas cousas, unha muller de entre a
xente exclamou en voz alta:
‑¡Ditoso o ventre que te levou e
os peitos que te criaron!
Pero el replicoulle:
‑Ditosos máis ben os que
escoitan a Palabra de Deus e a gardan.
NOTA:
Pódese facer cos nenos unha ofrenda de flores facendo un manto para a Virxe nunha cartolina grande coronado pola imaxe que aparece con estas lecturas.
Comentarios
Publicar un comentario