31 dic. 2016

ORACIÓN POLA SAGRADA FAMILIA

COMO A FAMILIA DE XESÚS, MEU DEUS!
Axúdame, Señor, a ser como a Familia de Nazaret!


Como XESÚS:
disposto a dalo todo aínda a risco de recibir moi pouco;
silencioso e amando cando todos falan ou traizoan;
espido das riquezas que o mundo persegue,
pero cheo do misterio do amor de Deus;
pobre pero dono do gran tesouro que Deus depositou en min;
pequeno fronte a toda pretensión
por ser grande e poderoso á conta dos demais.

Como MARÍA:
mirando cara ao ceo en busca da voz de Deus;
cultivando a sinxeleza para gozar co pouco que necesito para vivir;
recibindo con gozo ao Deus vivo
e afastado dos falsos deuses que non salvan;
abrazando a Xesús, o único Salvador,
e pondo no seu xusto sitio todo o que del me separa.

Como XOSÉ:
coas miñas dúbidas pero buscando respostas;
cos meus silencios pero optando por ti, meu Deus;
cos meus infinitos cansazos pero apoiado en ti;
co meu esforzo por seguirche sempre
na alegría do fogar e no duro traballo de cada día;
buscando e estrañando cumprir sempre a túa vontade, Señor da miña vida.

Concédeme, o meu Deus, o amor que Xesús nos trae,
a confianza coa que María cre e espera en ti
e a fe de Xosé para descubrirte e amarte sempre.


COMO A FAMILIA DE XESÚS, DEUS MIO!
Axúdame, Señor, a ser como a Familia de Nazaret!



Isidro Lozano



Domingo día 1: Santa María, Nai de Deus







PARA A CELEBRACIÓN:


28 dic. 2016

OS SANTOS INOCENTES (+fichas)

É imposible establecer o día ou o ano da morte dos Santos Inocentes, xa que a cronoloxía do nacemento de Cristo e os acontecementos bíblicos subseguintes son moi incertos. Todo o que sabemos é que os infantes foron asasinados dentro dos dous anos despois da aparición da estrela aos Sabios de Oriente (Belser, no Tübingen "Quartalschrift", 1890, p.361). A Igrexa venera a eses nenos como mártires (flores martyrum); constitúen os primeiros gromos da Igrexa mortos polo xeo da persecución; non só morreron por Cristo, senón no seu lugar (Agustín, "Sermo 10us de sanctis"). (...)




A Igrexa Latina instituíu a festa dos Santos Inocentes en data descoñecida, non antes do final do século IV e non despois do final do século V. Xunto coas festas de San Estevo e San Xoán, achouse por primeira vez no o Sacramentario Leonino, datado ao redor de 485. (...)

Os latinos gardaban esta festa o 28 de decembro, os gregos o 29 de decembro, os sirios e caldeos o 27 de decembro. Estas datas non teñen nada que ver coa orde cronolóxica do acontecemento; a festa celébrase dentro da oitava de Nadal porque os Santos Inocentes deron a súa vida polo Salvador recentemente nado. Estevo, o primeiro mártir (mártir por vontade, amor e sangue), Xoán, o discípulo amado (mártir por vontade e amor), e estas primeiras flores da Igrexa (mártires por sangue soamente) acompañan ao Santo Neno Xesús cando aparece no mundo o día de Nadal. Unicamente a Igrexa de Roma dá o nome de Inocentes a estes nenos; noutros países latinos chámaselles simplemente Infantes e a festa tiña o título de "Allisio infantium" (...) Os armenios celebraban a festa o luns despois do segundo domingo despois de Pentecoste (Menologio Armenio, 11 de maio), porque cren que os Santos Inocentes foron masacrados quince semanas despois do nacemento de Cristo.

(...) En Belén é día de precepto. A cor litúrxica da Igrexa Romana é o violeta, non vermello, porque estes nenos foron martirizados nun tempo en que non podían alcanzar a visión beatífica. Pero, por compaixón, por así dicilo, cara ás nais llorosas de Belén, a Igrexa omite na Misa tanto a Gloria como o Aleluia; este costume, con todo, era descoñecida nas Igrexas de Francia e Alemaña. Na oitava, e tamén cando a festa cae en domingo, a liturxia romana prescribe a cor vermella, a Gloria e o Aleluia. En Inglaterra a festa chámase "Childermas" (Misa do Día dos Inocentes).

A Estación Romana do 28 de decembro é en San Paulo Extramuros, porque se cre que esa igrexa posúe os corpos de varios dos Santos Inocentes. O Papa San Sixto V trasladou unha parte destas reliquias a Santa Maria a Maior (festa o 5 de maio; semidoble). A igrexa de Santa Xustina en Padua, as catedrais de Lisboa e Milán, e outras igrexas tamén conservan corpos que aseguran ser dalgúns dos Santos Inocentes. En moitas igrexas de Inglaterra, Alemaña e Francia na festa de San Nicolás (6 de decembro) elixíase a un neno-bispo, quen oficiaba na festa de San Nicolás e dos Santos Inocentes. Usaba mitra e outras insignias pontificales, cantaba a colecta, predicaba, e daba a bendición. sentaba na cadeira do bispo mentres que o coro de nenos cantaba nos bancos dos cóengos. Eles dirixían o coro en ambos os días e tiñan unha procesión solemne (Schmidt, "Thesaurus jur eccl.", III, 67 e sig.; Kirchenlex., IV, 1400; P.L., CXLVII, 135).


ABECEDARIO DE NADAL 1











ABECEDARIO DE NADAL 2











27 dic. 2016

Ficha e Lectio: Santa María, Nai de Deus


  



DEBUXOS DE:
LECTIO:

  STA. MARÍA NAI DE DEUS 
(Ano A: 1 de xaneiro 2017)

            Cansados como estabamos ata as doce desta noite pasada co ano vello e cheo de días que levabamos ó lombo, agora seguramente andaremos máis lixeiros co pequerrexo ano que levamos no colo e que se chama 2017.
            Si. Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai pasando connosco. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do paso do tempo.
            Moitos filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con el que nos resulta difícil velo, coma quen di, fóra ou diante de nós, a una certa distancia, para podérmolo contemplar así en si mesmo se é que tal cousa for posíbel.
            Dicimos que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos intemporal se meteu, co seu Fillo Xesús do Nadal, no tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén entendemos dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle gustaría vivir cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese –por así dicilo- que o tempo pasa por un?
            Con isto o que quero dicir é que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por permitirnos asomarnos ó balcón soleado deste Aninovo, podendo así un ano máis ollar con esperanza cara ó futuro. Grazas e, tamén, pedirlle perdón porque hai moita contaminación no mundo para podermos chegar limpos de po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete veces, cantas máis veces non teremos pecado nós, que tampouco podemos fachendear de xustos, pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos.
            Á altura deste comezo do Aninovo, é sempre bo botarlle unha ollada ás tarefas, proxectos ou angueiras que se nos presentan ou poden presentar nel. Para vermos se están ou non en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi posíbel que a todos nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter tamén nós en fillos de Deus;  e que por iso todos podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres fillo –dinos a cada un de nós Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
            A carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É bo lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns pensen que os cristiáns estamos sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e moi boas razóns para considerármonos ben libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa non es escravo, senón fillo”.
            Por iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián no debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de ningunha persoa humana, por grande, poderosa ou santa que esta sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos así.
            Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é, de maneira paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de “escravitude” si que é boa. Exerceuna o noso irmán maior, Xesús, durante toda a súa vida, chegando a lles lavar os pés (un oficio que naqueles tempos era propio dos escravos) ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fai voluntariamente escrava de asoballados e desprezados, e a de tantas outras persoas (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van facéndose a si mesmos libremente escravos dos demais.
            No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz en vez de nun leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir que Xesús non é irmán del.
            Deus quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María, “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o “misterio” central da nosa fe.
            Renovando coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este Aninovo coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días deste novo ano 2017, que desde hai só doce horas nos acompaña. E moitas felicidades tamén ós que celebrades hoxe o voso onomástico: ós que vos chamades Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador, María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos!

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

            Deus Pai, Señor do tempo e da eternidade, que nos concedes celebrarmos o comezo deste novo ano 2017, dirixímosche a ti a nosa oración dicindo: 
ESCÓITANOS, PAI. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            - Protéxenos, Pai, ó longo deste novo ano de todo mal e de toda malicia na nosa vida e no noso comportamento. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Pedímosche, Pai, pola paz en tódolos pobos e nacións, para que así chegue á súa plenitude a conciencia de sermos fillos teus e irmáns entre nós: 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Concede, Pai, a cantos sofren persecución ou inxustiza no mundo vérense libres de todo mal. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por mediación do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda entre nós para así nos salvar e liberar a todos. Amén.



                                                                                              Manuel Cabada Castro




VER MÁIS:



Todos os pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus-Is 52, 7-10

NADAL CICLO A


ROLDAS DE NADAL

Roldar por eses lugares pouco frecuentados,
que non existen para os mercados
e están abandonados
de políticos, gobernantes e ricos.

Roldar por barrios periféricos,
parques tristes e sen iluminación,
pavillóns con novos escravos
e campos de refuxiados superpoblados.

Roldar polas costas do Mediterráneo
e ver pateras, caiucos e barcos á deriva
cheos de irmáns nosos
só co posto e o último sopro de vida...

Roldar por eses sitios esquecidos
onde seguen nacendo nenos
que teñen o futuro hipotecado
porque lles negamos o mínimo necesario.

Roldar por eses espazos próximos,
cos ollos ben abertos
e o corazón ardendo,
para ver aos que se esconden ou escondemos.

Roldar, saíndo de nós mesmos
e dos beléns de exposición e concurso,
para atoparnos cos sen teito
que son irmáns nosos.

Roldar e estar espertos,
porque Ti vés, como veñen todos eles,
só co posto...


 Florentino  Ulibarri


26 dic. 2016

Deus falounos por medio do Fillo-Heb 1, 1-6

NADAL CICLO A


ONDE ESTÁS, SEÑOR?

Onde estás, Señor, o meu Deus feito home?
E Deus está, se me preguntas onde,
no amor de todos os que serven,
nas mans que curan e acariñan...
E no silencio do Nadal, escoito a túa voz de Pai:
Encárnate como Xesús,
non teñas medo ao barro, aos camiños da xente.
Non teñas medo, fillo meu,
a introducirte na historia do teu pobo,
a sufrida e anónima historia da xente.

Onde estás, Señor, o meu Deus feito home?
E Deus está en todo o que combate
pola verdade, a liberdade, a paz,
no brazo que axuda e que protexe,
na boca que grita a xustiza...
E no silencio do Nadal, escoito a túa voz de Pai:
Encárnate como Xesús,
descende, fillo meu, do ceo á terra para poder ser camiñante
polos camiños verdadeiros de Deus.
Non hai camiño sen irmáns, non hai camiño sen Deus.

Onde estás, Señor, o meu Deus feito home?
Deus está no que soña mundos novos,
en quen sementan o futuro de esperanza,
abertos ao Espírito en silencio.
E no silencio do Nadal, escoito a túa voz de Pai:
Encárnate como Xesús
nos lugares, nas persoas, nos oficios máis humildes:
abriránseche os ollos, fillo meu, e verás o transfondo da vida;
descubrirás o rostro de Deus,
que che colma coa súa graza e a súa tenrura,
para que sempre sexas "casa de luz", Nadal solidario.

Bo nadal, fillo meu!

Isidro Lozano

25 dic. 2016

HOMILÍA PAPAL DO DÍA DE NADAL


«Apareceu a graza de Deus, que trae a salvación para todos os homes» (Tt 2,11). As palabras do apóstolo Paulo manifestan o misterio desta noite santa: apareceu a graza de Deus, o seu agasallo gratuíto; no Neno que se nos deu faise concreto o amor de Deus para connosco.
É unha noite de gloria, esa gloria proclamada polos anxos en Belén e tamén por nós hoxe en todo o mundo. É unha noite de alegría, porque desde hoxe e para sempre Deus, o Eterno, o Infinito, é Deus connosco: non está lonxe, non debemos buscalo nas órbitas celestes ou nunha idea mística; é próximo, fíxose home e non se cansará xamais da nosa humanidade, que fixo súa.
É unha noite de luz: esa luz que, segundo a profecía de Isaías (cf. 9,1), iluminará a quen camiña en terras de tebra, apareceu e envolveu aos pastores de Belén (cf. Lc 2,9).
«Os pastores descobren sinxelamente que un neno nos naceu» (Is 9,5) e comprenden que toda esta gloria, toda esta alegría, toda esta luz concéntrase nun único punto, nese signo que o anxo lles indicou: «Atoparedes un neno envolto en cueiros e deitado nunha manxadoira» (Lc 2,12).
Este é o signo de sempre para atopar a Xesús. Non só entón, senón tamén hoxe. Se queremos celebrar o verdadeiro Nadal, contemplemos este signo: a sinxeleza fráxil dun neno recentemente nado, a dozura ao velo recostado, a tenrura dos cueiros que o cobren. Alí está Deus.
Con este signo, o Evanxeo revélanos un paradoxo: fala do emperador, do gobernador, dos grandes daquel tempo, pero Deus non se fai presente alí; non aparece na sala nobre dun palacio real, senón na pobreza dun cortello; non nos fastos da aparencia, senón na sinxeleza da vida; non no poder, senón nunha pequenez que sorprende.
E para atopalo hai que ir alí, onde el está: é necesario reclinarse, abaixarse, facerse pequeno. O Neno que nace interpélanos: chámanos a deixar os enganos do efémero para ir ao esencial, a renunciar ás nosas pretensións insaciables, a abandonar as insatisfaccións permanentes e a tristeza ante calquera cousa que sempre nos faltará. Faranos ben deixar estas cousas para atopar de novo na sinxeleza do Neno Deus a paz, a alegría, o sentido da vide
Deixémonos interpelar polo Neno na manxadoira, pero deixémonos interpelar tamén polos nenos que, hoxe, non están recostados nun berce nin acariñados polo afecto dunha nai nin dun pai, senón que xacen nas escuálidas «manxadoiras onde se devora a súa dignidade»: no refuxio subterráneo para escapar dos bombardeos, sobre as beirarrúas dunha gran cidade, no fondo dunha barcaza repleta de emigrantes.
Deixémonos interpelar polos nenos aos que non se lles deixa nacer, polos que choran porque ninguén lles sacia a súa fame, polos que non teñen nas súas mans xoguetes, senón armas. ´`´`O misterio do Nadal, que é luz e alegría, interpela e golpea, porque é ao mesmo tempo un misterio de esperanza e de tristeza. Leva consigo un sabor de tristeza, porque o amor non foi acollido, a vida é descartada. Así sucedeu a Xosé e a María, que atoparon as portas pechadas e puxeron a Xesús nunha manxadoira, «porque non tiñan [para eles] sitio na pousada» (v. 7): Xesús nace rexeitado por algúns e na indiferenza da maioría.
Tamén hoxe pode darse a mesma indiferenza, cando Nadal é unha festa onde os protagonistas somos nós no canto del; cando as luces do comercio arrinconan na sombra a luz de Deus; cando nos afanamos polos agasallos e permanecemos insensibles ante quen está marxinado.
Pero o Nadal ten sobre todo un sabor de esperanza porque, a pesar das nosas tebras, a luz de Deus resplandece. A súa luz suave non dá medo; Deus, namorado de nós, atráenos coa súa tenrura, nacendo pobre e fráxil no medio de nós, como uno máis. Nace en Belén, que significa «casa do pan». Parece que nos quere dicir que nace como pan para nós; vén á vida para darnos a súa vida; vén ao noso mundo para traernos o seu amor. Non vén devorar e a mandar, senón a nutrir e servir.
Deste xeito hai unha liña directa que une o pesebre e a cruz, onde Xesús será pan partido: é a liña directa do amor que se dá e sálvanos, que dá luz á nosa vida, paz aos nosos corazóns.
Entendérono, nesa noite, os pastores, que estaban entre os marxinados de entón. Pero ningún está marxinado aos ollos de Deus e foron xustamente eles os invitados ao Nadal. Quen estaba seguro de si mesmo, autosuficiente quedou en casa entre as súas cousas; os pastores en cambio «foron correndo de présa» (cf. Lc 2,16).
Tamén nós deixémonos interpelar e convocar nesta noite por Xesús, vaiamos a el con confianza, desde aquilo no que sentimos marxinados, desde os nosos límites. Deixémonos tocar pola tenrura que salva. Achegar a Deus que se fai próximo, detengámonos a mirar o belén, imaxinemos o nacemento de Xesús: a luz e a paz, a pobreza absoluta e o rexeitamento.
Entremos no verdadeiro Nadal cos pastores, levemos a Xesús o que somos, as nosas marxinacións, as nosas feridas non curadas. Así, en Xesús, saborearemos o verdadeiro espírito de Nadal: a beleza de ser amados por Deus. Con María e Xosé quedemos ante a manxadoira, ante Xesús que nace como pan para a miña vida. Contemplando o seu amor humilde e infinito, digámosle grazas: grazas, porque fixeches todo isto por min.

ESTADE SEMPRE ALEGRES...




SALMO RESPONSORIAL    
Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
 R/. (3c): Os confíns todos da terra 
percibiron a vitoria do noso Deus.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza diante dos pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.

Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e tamén o salterio;
con claríns e co son das trompetas
aclamade o Señor, noso rei.


FELICES PASCUAS A TOD@S!!!


23 dic. 2016

Recortables para o día de Nadal

 

 















A HISTORIA DO NADAL 
EN IMAXES RECORTABLES:
http://www.mylittlehouse.org/uploads/2/1/0/0/21005170/02_flannelgraph_comic_2_bw.pdf




(Este vídeo atopeino por casualidade, 
e non podo deixar de compartilo;
é do ano pasado, pero merece a pena)

Parabéns ao autor/a...



21 dic. 2016

Fichas e Lectio Nadal

DEBUXOS DE:

 
  
   
(...en canto teña as fichas de recursos engadireinas.)
FICHAS DE RECURSOS:

MÁIS DEBUXOS DE NADAL:

LECTIO:

FESTIVIDADE DO NADAL 
(Ano A: 25.XII.2016)

            Hoxe está de aniversario aquel a quen queremos seguir os cristiáns mais tamén calquera persoa de boa vontade que no fondo do seu corazón ama a practica canto amou e practicou Xesús, o Cristo, o Fillo de Deus, que hoxe se fixo irmán noso. Temos, pois, que felicitalo, e agradecerlle a Deus Pai canto o seu Fillo benquerido significa para nós. Pois con el viñemos á vida en certo modo todos nós en canto cristiáns. Xesús cumpre anos, moitos. Aproximadamente, uns 2016 anos, se temos en conta que ó parecer Xesús historicamente naceu máis ou menos dous anos antes do comezo da que chamamos a era cristiá.
            Digo felicitalo, pois Xesús segue vivo. Morrer, o que se di morrer, nunca morreu. De modo que segue a vivir. El dicía que era a Vida. ¿Como podería morrer a Vida? Imposíbel. E se segundo as nosas categorías ou o noso modo normal de pensar morreu, en realidade habería que dicir máis ben que o mataron, non que morreu. Morrendo desa maneira. converteuse en vida para sempre, para el e para todos nós. Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa suposta morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos se é que de verdade nos comportamos nas nosas vidas á semellanza do Neno de Belén.
            Parece que na festa de Nadal non habería que falar de morte ou cousas así, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu dar vida a todos. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos indirectamente. Cando despois da comuñón desta eucaristía de hoxe recitemos a oración final, chamada pos-comuñón, diremos alí: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que El nos conceda tamén o don da inmortalidade”.
            Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó poñer con Xesús a súa tenda entre nós, como se nos di no evanxeo de Xoán, ó unirse en Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais... Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle informaba o anxo da Anunciación  a María- “para Deus non hai imposibles”.
            Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén se fai hoxe irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira de cada día, que terá certamente unha boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús, pedíndollo ó tempo a Deus Pai. De feito, acabamos de pedirllo a El na primeira oración da Eucaristía desta festa de Nadal deste xeito: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.
            Agora ben, ¿que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?
            Pois significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal.  Cando Deus se encarna en Xesús, iso quere dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, un Deus humanizado. Xesús é home verdadeiro e Deus verdadeiro. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. Iso significa que se queremos ser verdadeiramente divinos (e todos o queremos dunha ou doutra forma), temos que ser verdadeiramente humanos. E, desde logo, semella que non debe de ser moi doado iso de convertérmonos en verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se facer el mesmo humano coma calquera de nós para aprendernos así a nós a sermos humanos de verdade.
            Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer e amar a todos, sobre todo ós que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e alegrarse cos que se alegran.
            Todo isto está incluído na mensaxe incríbel e universal do Nadal do Señor.
            ¿E como andan as cousas da nosa sociedade despois de tantos anos da vinda humana e humanizadora de Deus onda nós? Non fai falla darlle moitas voltas ó tema para decatármonos de que queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus humanizado do Nadal no noso comportamento cos demais. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á súa realización.
            Pois dunha sociedade só se poderá dicir que é verdadeiramente humana cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, hai nela fe e ilusión no futuro, porque os nenos (coma o Neno Xesús) son precisamente ese futuro que vai vir. Cando os matrimonios poden ter fe e esperanza no seu futuro e no dos seus fillos. Cando os nenos bulen polas rúas e hai máis rapaces e mozos ca xente coma min ou algúns de vós, xa bastante eivados polos anos. Cando sexan máis os que nacen cós que nos deixan.
            Unha sociedade é verdadeiramente humana, cando hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atopar nela o lugar para se desenvolver como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos forman parte dela son respectados nos seus dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos. Cando se inverte máis en educación que noutras cousas supostamente máis importantes.
            En fin, unha sociedade é humana e, polo tanto, tamén divina cando se amosa sensíbel e aberta á palabra derradeira que Deus dirixe ó mundo no Neno de Nadal. Cando é capaz de celebrar agradecida esta festa de Nadal. Celebrémola así, pois, agradecidos, sentíndonos unidos á humanidade toda, destinataria desta Palabra. FELIZ NADAL!!!

CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Agradecémosche, Pai noso, o galano que hoxe nos fas do teu fillo para a salvación e liberación da humanidade, pregándoche que o saibamos aceptar agradecidos nas nosas vidas, dicindo: Pedímoscho, Pai.
 TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.

- Dános, Pai, fe no teu fillo Xesús como derradeira palabra túa de amor ó mundo. 
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Fai, Pai, que tódolos pobos e culturas sexan partícipes da túa mensaxe de salvación e liberación que ti nos ofreces no neno de Belén. 
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Concede, Pai, a cantos se atopan en situación de pobreza e marxinación a graza de se sentir comprendidos e axudados nos seus problemas polos demais. 
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
Pedímoscho agradecidos, Pai, nesta festividade de Nadal, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                  

Manuel Cabada Castro



VER MÁIS: