Ficha e Lectio: Domingo 2 de Advento A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO II DE ADVENTO
(Ano A: 4 de decembro 2016)
Estamos
no segundo chanzo (2º domingo de Advento) desta escaleira que nos vai
achegando, con humildade e abraio, ó berce de Nadal: alí onde está o Xesús Neno
no presebe de Belén.
Hoxe,
a liturxia, as lecturas que acabamos de escoitar, póñennos diante dun cadro,
dunhas imaxes, que nos tempos que corren semellan pura utopía.
Mais
Isaías é profeta e non un escritor de novelas. Eses escritos -as novelas- nos
que nos mergullamos cando dispoñemos dun pouco de lecer, con ilusión e secreto
contento, para así refuxiármonos dalgunha maneira da dura realidade que a vida
tantas veces nos impón.
Pero
non. Isaías, movido e acendido no seu interior pola experiencia do espírito de
Deus, fálanos dun futuro que terá que ocorrer, pois Deus quéreo. Fálanos dunha
aparición neste mundo noso, no vello tronco da historia humana, dun xermolo
humano-divino que se constituirá nun novo reino, nunha nova maneira de
relacionármonos os humanos entre nós e co noso Deus. Un reino que, como sabemos,
será un “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Oiamos
e ollemos de novo as imaxes coas que nos describe Isaías eses novos tempos,
anunciados por el. Na súa fermosura, non teñen desperdicio e compréndese así
moito mellor con elas o que el nos quere anunciar ca con moitas ideas e
conceptos ben precisos e aquilatados, que á fin e ó cabo non deixan de ser
sempre algo abstracto:
“O
lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarse co cabrito; o becerro e o
leonciño pacerán xuntos: un meniño pequeno sacaraos ó pasto. A vaca e a osa
pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá
palla. Un meniño de leite xogará no tobo da cobra, e un neno destetado collerá
a víbora coa súa man. Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte
santo: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen
o mar”.
Ou
sexa. O Deus que se nos amosará liturxicamente dentro de só tres semanas, nas
festas de Nadal, é un Deus que quere implantar e implantará un mundo de convivencia
harmoniosa na humanidade toda e en toda a fermosa creación, saída das mans e do
corazón de Deus. Un mundo, un cosmos inmenso e variado, no que non haberá xa
nin inimigos ou agresores, nin agredidos, senón só convivencia fraternal e
pacífica e mutua colaboración.
Claro
que todo isto non ocorrerá sen nós, é dicir, sen a nosa propia acción e sen o
noso compromiso coa paz, co amor, coa convivencia, coa igualdade entre todos,
recoñecéndonos dese modo como fillos dun mesmo Pai e irmáns entre nós.
Porque
se Deus se nos amosa en Xesús coma un Deus pacífico e familiar, tampouco
quererá el impoñerse ditatorialmente a si mesmo no mundo. Se tal cousa
ocorrese, deixaría automaticamente de ser el o Deus libre e dador de liberdade
e destruiría ó tempo en nós calquera pegada de liberdade para relacionármonos
libremente con el, cos demais e coa creación que nos sostén e amorosamente arrodea.
Por
iso, nun moi fondo sentido, dependemos nós de Deus e el depende tamén de nós.
Foi el quen quixo que as cousas fosen así. E por iso é moi sabio e de moi
vastas consecuencias aquel dito ou consello de Santo Ignacio de Loiola que soa
así: “Fai todo coma se todo dependese de ti e confíalle a Deus o resultado a
Deus coma se todo dependese del”. Deus e mais nós, nós e mais el. “Entre” os
dous somos quen de cambiar o mundo.
Entenderemos
ben así tamén por qué outro profeta, Xoán Bautista, algo máis achegado a nós ca
Isaías, teña que incitar ós seus contemporáneo á “conversión” para dese modo
estaren en condicións de aceptar a mensaxe de Xesús, que anda xa entre eles, é
dicir, entre nós. O clamor do Bautista diríxese a todos, a grandes e cativos, a
pecadores e a oficialmente “relixiosos”, servíndose das palabras de Isaías:
“Preparade os camiños do Señor, endereitade os seus vieiros”.
Somos,
pois, nós –non Deus- os que temos que cambiar, os que temos que nos converter
ós grandiosos e case incríbeis proxectos seus sobre nós. Proxectos que só
buscan en definitiva a nosa plenitude e felicidade.
O
Bautista formula esta proclama súa desde o exemplo da súa propia vida persoal
de renuncia a comodidades e seguridades, a todo iso que a meirande parte da
xente do seu tempo e tamén do noso busca e anceia para si. O Bautista é parco
no comer, no vestir e nas cousas das que fai uso. Renunciara tamén á cómoda e
envexábel función de exercer o oficio sacerdotal no templo de Xerusalén, como
sería normal se continuase a súa tradición familiar, sendo como era el o único
fillo do sacerdote Zacarías.
Por
todo isto, o Bautista ten suficiente autoridade moral para chamarlles na cara
“raza de víboras” tanto a fariseos coma a saduceos, ou sexa, ós representantes sociais
e relixiosos mellor situados entre os demais. Porque os seus feitos non se
correspondían co seu status social e relixioso. Non eran, polo tanto, tal como
eles fachendeaban, verdadeiros e consecuentes “fillos de Abrahán”.
Pola
súa parte, Xoán, o “Bautista”, é dicir, o “bautizador”, sinálalles co seu dedo
á xente e a través dos séculos tamén a nós, Xesús como o verdadeiro e auténtico
bautizador, porque –segundo nos indica o mesmo Xoán e á diferenza del- Xesús
nos bautizará a nós co “Espírito Santo”.
Neste
segundo domingo de Advento teremos, pois, que lle pedir ó Espírito Santo que
descenda sobre nós, como descendeu sobre Xesús ó ser humildemente bautizado por
Xoán. Dese modo seremos bautizados tamén nós coa forza e o poder do Espírito do
Pai e do Fillo. É el quen nos dará graza e ímpeto para preparármonos para esta
vinda en carne mortal de Xesús no Nadal e sermos así capaces de construír entre
todos ese reino de paz e harmonía universal anunciado polo profeta Isaías.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos como fillos a Deus Pai para que atenda a nosa
oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a
preparármonos coa túa graza para recibirmos con ledicia e agradecemento o teu
fillo Xesús no Nadal.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ilumina, Pai, coa forza do
Espírito que vén de ti, a nosa mente e fortalece o noso corazón para loitarmos
contra os atrancos que se opoñen á implantación neste mundo do teu reino de
xustiza, fraternidade e harmoniosa convivencia entre todos.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Suscita, Pai, nos gobernos
das nacións espírito solidario para que teñen sempre presente nas súas políticas
as necesidades e problemas dos máis desfavorecidos.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús
Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario