21 dic. 2016

Fichas e Lectio Nadal

DEBUXOS DE:

 
  
   
(...en canto teña as fichas de recursos engadireinas.)
FICHAS DE RECURSOS:

MÁIS DEBUXOS DE NADAL:

LECTIO:

FESTIVIDADE DO NADAL 
(Ano A: 25.XII.2016)

            Hoxe está de aniversario aquel a quen queremos seguir os cristiáns mais tamén calquera persoa de boa vontade que no fondo do seu corazón ama a practica canto amou e practicou Xesús, o Cristo, o Fillo de Deus, que hoxe se fixo irmán noso. Temos, pois, que felicitalo, e agradecerlle a Deus Pai canto o seu Fillo benquerido significa para nós. Pois con el viñemos á vida en certo modo todos nós en canto cristiáns. Xesús cumpre anos, moitos. Aproximadamente, uns 2016 anos, se temos en conta que ó parecer Xesús historicamente naceu máis ou menos dous anos antes do comezo da que chamamos a era cristiá.
            Digo felicitalo, pois Xesús segue vivo. Morrer, o que se di morrer, nunca morreu. De modo que segue a vivir. El dicía que era a Vida. ¿Como podería morrer a Vida? Imposíbel. E se segundo as nosas categorías ou o noso modo normal de pensar morreu, en realidade habería que dicir máis ben que o mataron, non que morreu. Morrendo desa maneira. converteuse en vida para sempre, para el e para todos nós. Podemos ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa suposta morte. Porque morrer, o que se di morrer, tampouco nós morreremos se é que de verdade nos comportamos nas nosas vidas á semellanza do Neno de Belén.
            Parece que na festa de Nadal non habería que falar de morte ou cousas así, porque xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu dar vida a todos. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos indirectamente. Cando despois da comuñón desta eucaristía de hoxe recitemos a oración final, chamada pos-comuñón, diremos alí: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos nacer á vida eterna. Que El nos conceda tamén o don da inmortalidade”.
            Isto quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada para sempre na nosa natureza mortal algo así como a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó poñer con Xesús a súa tenda entre nós, como se nos di no evanxeo de Xoán, ó unirse en Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais... Estas son as marabillas de Deus, porque –como lle informaba o anxo da Anunciación  a María- “para Deus non hai imposibles”.
            Claro que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós, queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén se fai hoxe irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira de cada día, que terá certamente unha boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús, pedíndollo ó tempo a Deus Pai. De feito, acabamos de pedirllo a El na primeira oración da Eucaristía desta festa de Nadal deste xeito: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo tomar a nosa humanidade”.
            Agora ben, ¿que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de Deus?
            Pois significa algo que en si mesmo non deixa de ser verdadeiramente paradoxal.  Cando Deus se encarna en Xesús, iso quere dicir que temos aí diante, no Neno Xesús, un Deus humanizado. Xesús é home verdadeiro e Deus verdadeiro. En consecuencia, participar na divindade de Xesús é participar nesa divindade humanizada. Iso significa que se queremos ser verdadeiramente divinos (e todos o queremos dunha ou doutra forma), temos que ser verdadeiramente humanos. E, desde logo, semella que non debe de ser moi doado iso de convertérmonos en verdadeiramente humanos cando Deus tivo que se facer el mesmo humano coma calquera de nós para aprendernos así a nós a sermos humanos de verdade.
            Porque sermos verdadeiramente humanos significa sermos próximos ós demais, querer e amar a todos, sobre todo ós que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper coas desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrir cos que sofren e alegrarse cos que se alegran.
            Todo isto está incluído na mensaxe incríbel e universal do Nadal do Señor.
            ¿E como andan as cousas da nosa sociedade despois de tantos anos da vinda humana e humanizadora de Deus onda nós? Non fai falla darlle moitas voltas ó tema para decatármonos de que queda aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus humanizado do Nadal no noso comportamento cos demais. As nosas relacións humanas, a saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito para que se poida dicir que a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á súa realización.
            Pois dunha sociedade só se poderá dicir que é verdadeiramente humana cando, á semellanza do que se nos anuncia no Nadal, hai nela fe e ilusión no futuro, porque os nenos (coma o Neno Xesús) son precisamente ese futuro que vai vir. Cando os matrimonios poden ter fe e esperanza no seu futuro e no dos seus fillos. Cando os nenos bulen polas rúas e hai máis rapaces e mozos ca xente coma min ou algúns de vós, xa bastante eivados polos anos. Cando sexan máis os que nacen cós que nos deixan.
            Unha sociedade é verdadeiramente humana, cando hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atopar nela o lugar para se desenvolver como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos forman parte dela son respectados nos seus dereitos sociais, culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos. Cando se inverte máis en educación que noutras cousas supostamente máis importantes.
            En fin, unha sociedade é humana e, polo tanto, tamén divina cando se amosa sensíbel e aberta á palabra derradeira que Deus dirixe ó mundo no Neno de Nadal. Cando é capaz de celebrar agradecida esta festa de Nadal. Celebrémola así, pois, agradecidos, sentíndonos unidos á humanidade toda, destinataria desta Palabra. FELIZ NADAL!!!

CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Agradecémosche, Pai noso, o galano que hoxe nos fas do teu fillo para a salvación e liberación da humanidade, pregándoche que o saibamos aceptar agradecidos nas nosas vidas, dicindo: Pedímoscho, Pai.
 TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.

- Dános, Pai, fe no teu fillo Xesús como derradeira palabra túa de amor ó mundo. 
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Fai, Pai, que tódolos pobos e culturas sexan partícipes da túa mensaxe de salvación e liberación que ti nos ofreces no neno de Belén. 
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Concede, Pai, a cantos se atopan en situación de pobreza e marxinación a graza de se sentir comprendidos e axudados nos seus problemas polos demais. 
TODOS: PEDÍMOSCHO, PAI.
Pedímoscho agradecidos, Pai, nesta festividade de Nadal, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                                  

Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:





No hay comentarios:

Publicar un comentario