Cristo salva a tódolos homes - Rom 15, 4-9

Domingo 2 de Advento - ciclo A


PREPARADE O CAMIÑO AO SEÑOR!

Vés a min, Señor, convidándome ao teu Reino.
Vés a min, Señor, cheo do poder da verdade,
chamándome á transparencia de vida
e clamando pola xustiza, pola paz e pola luz.
Vés a min, Señor, 
para regalar a esperanza a todos os que a perderon;
vés para acompañar aos cansos,
os que aventuran que xa nada pode cambiar.
Intúoche ás portas da miña vida, do mundo,
para xerar o gran cambio da historia.

PERO PARA QUE VEÑAS,
NECESITO CONVERTERME, SEÑOR:
do ruído que me impide escoitarte,
á paz que me permite recoñecer a túa voz de amigo;
da comodidade que desfigura a miña felicidade,
á sobriedade que necesita a miña alma para non perderte.
Necesito converterme, Señor:
da miña voz suave e tímida para pregoarte,
a un testemuño vivo, eficaz e valente,
para proclamar que só Ti es a salvación de Deus.
Necesito converterme, Señor:
das miñas aparencias simples e interesadas,
á plenitude que me ofrece a túa presenza,
misteriosa e esixente, case sempre silenciosa,
con xenerosas respostas... e con non poucos interrogantes.

CONVÉRTEME, SEÑOR,
e dáme un corazón novo.
Dáme un corazón novo para amarte e esperarte
como quen espera a alba despois dunha noite sen luz.
Señor, Xesús,
confiados en ti, abrímosche as portas do noso corazón.
Se o noso compañeiro de camiño!
Vén ás nosas vidas, ás nosas casas, ao noso mundo
agora que, esperanzados, iniciamos este Advento.
Vén! Vén, Señor, Xesús!


Comentarios

Publicacións populares