Ficha e Lectio: Domingo 4 de Advento A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO IV DE ADVENTO
(Ano A: 18 de Nadal
de 2016)
Un pensador alemán non moi coñecido, que viviu a comezos
do século XIX, que se apelidaba Krause, do que procede o chamado krausismo
español, ideou un sistema filosófico coñecido como “pan-en-teísmo”, que non é o
mesmo que “panteísmo”. Este último, o panteísmo, defendería que todo é Deus.
Mais o “pan-en-teísmo” de Krause sostiña, polo contrario, que todo está en Deus; non que todo sexa Deus.
En realidade, dicir que todo está en Deus no debería
soarnos a algo novo, a cousa recentemente inventada. Trátase dunha idea moi
antiga e, desde logo, moi cristiá. Aparece con frecuencia en santo Agostiño e
moitos outros importantes pensadores cristiáns, tanto antigos como modernos.
Podemos imaxinarnos esta situación como algo semellante ó que lles ocorre ós
peixes que, sen dárense de conta, están dentro da auga, que lles fai posible
vivir e moverse. Semellante tamén ás pombas ou gaivotas, que sen ser o aire,
están no aire e poden vivir e voar porque o aire as envolve e as enche de
posibilidades. Os peixes e as aves non son mar nin aire. Pero están no mar e no
aire, e participan dalgunha maneira do modo de ser do aire ou do mar.
Xa nos Feitos dos Apóstolos aparece Paulo formulando algo
semellante a isto cando falaba sobre o modo como nos relacionamos todos nós con
Deus. Dicía Paulo: “Deus non está lonxe de cada un de nós, porque nel vivimos,
nos movemos e estamos”. Algo parecido, como vedes, ó que lles ocorre ás aves e
ós peixes en relación co seu aire ou coa súa auga.
Coido que todo isto ten algo que ver coa primeira Lectura
(do profeta Isaías), que resulta moi apropiada para este tempo de preparación
para o Nadal de Xesús: “Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ó
que lle pon de nome ‘Emmanuel’ (que significa ´Deus connosco’)”.
O tempo de Advento é un tempo de avivar a conciencia
deste estar “deus connosco”, dese achegamento tan grande de Deus a nós, tal
como celebramos no Nadal ó mostrársenos el a nos na presenza engaiolante dun
neno humano. Por iso, Xesús non é só un ser humano máis, senón o lugar do
encontro máis íntimo que se pode imaxinar entre Deus e a humanidade. Encontro
tamén con toda a creación, que é a base e o fundamento de todos e cada un de
nós. Na aparición entre nós de Xesús concéntranse, pois, divindade e humanidade
dunha maneira inconcibíbel e marabillosa. Paulo exprésao á súa maneira na súa
carta ós Romanos (na segunda Lectura de hoxe). Xesús Cristo, dinos nela Paulo,
“naceu como home da semente de David, pero foi constituído fillo de Deus con
pleno poder polo Espírito (Santo) santificador”.
É dicir, seguindo co símil das aves e dos peixes, Xesús é
un ser humano coma todos nós, mais vive dunha maneira especial no “Espírito” de
Deus, no aire de Deus. A palabra “espírito”, como ben sabedes, ten que ver co “aire” que respiramos e que
nos dá vida. Para Paulo ese “espírito” é Espírito santo, Espírito
“santificador”, Espírito divinizador.
De modo que en Xesús radica toda a nosa salvación. O
mesmo nome de “Xesús” significa, como ben sabedes tamén, “Salvador”, ou máis
exactamente, “Yahvé salva”, “Deus salva”. Por que pode salvarnos Xesús e de
feito nos quere salvar e nos vai salvar? Pois porque el ten, como Fillo único e
benquerido de Deus Pai, todo o poder do Pai e todo o seu amor e porque, ademais,
é un máis de nós, igual en todo a nós, absolutamente solidarizado connosco, por
marxinada ou pobre que sexa a situación dunha concreta persoa. El é
absolutamente próximo a nós, a todos nós, e ten poder infinito para liberarnos
de todo mal, incluída a liberación da morte ó concedernos a resurrección para
sempre. En resumidas contas, Xesús salva porque é “Emmanuel”, é dicir, porque é
“Deus connosco”.
É o mesmo que se nos di no famoso “Limiar” do evanxeo de
Xoán, cando se nos fala alí de Xesús como a “palabra” que Deus Pai dirixe ó
mundo, á humanidade toda. É unha palabra divina, pois trátase dunha palabra,
segundo se nos explica alí, que “vén de Deus” e que, ademais, ¡marabilla das
marabillas!, é “Deus” mesmo, o Deus humanizado. Desta “palabra”, dísenos no
evanxeo de Xoán: “A palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda”.
Unha
vez máis podemos admirar e loar a grandeza de Deus, o seu marabilloso modo de
ser e de se comportar. Deus sae en certo modo do interior de si mesmo, da
profundidade e inabarcabilidade da súa divindade para se facer un máis entre
nós sen deixar de ser o que desde sempre é: o Deus absolutamente infinito.
Para Xoán, Xesús é a palabra que Deus dirixe ó mundo.
Unha palabra que, liturxicamente, e neste ano dentro de xustamente unha semana
(no próximo domingo, día 25), se vai facer carne e presenza agarimosa entre nós.
Sen poder aínda falarnos (malia ser a “palabra”!) como unha persoa que sabe xa
falar, senón coma un neno, mellor, como un “infante”, é dicir como un “non
falante” (pois iso significa “infante”). Mais ben sabemos que os nenos, coa súa
soa presenza confiada, amorosa e risoña, suscitan amor por si mesmos sen
necesidade de palabras. En realidade, eles falan tamén, mais cunha linguaxe chamada
“non verbal”, é dicir, non utilizando aínda palabras pertencentes a unha lingua
concreta.
Tamén sabemos moi ben os adultos que os xestos, os
comportamentos, as miradas que se dirixen ou non se dirixen a unha persoa
determinada, os silencios ou calquera outra actitude coa que nos relacionamos
ou non nos relacionamos cos demais, poden falar máis alto, dicir moito máis, có
que expresamos ordinariamente coas palabras do dicionario. Por iso a vivencia e
presenza mesma de Xesús nacendo coma un marxinado, nunha familia con moi poucos
medios, no seo acolledor da natureza, fálanos moito máis clara e
convincentemente sobre os temas fundamentais do evanxeo que o máis elevado
discurso construído con palabras.
Deámoslle, pois, grazas a Deus Pai por ternos querido
falar de si mesmo por medio do seu Fillo da maneira como el o fixo no xa
próximo Nadal.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Preguemos a Deus noso Pai, por
medio do seu Fillo Xesús, Salvador noso e “Deus connosco”, dicindo todos
xuntos:
Señor, escoita a nosa oración.
-
Para
que nos preparemos para recibir o Neno Xesús no próximo domingo como “Deus
connosco”:
Señor, escoita a nosa oración.
-
Para
que saibamos aledarnos coa próxima vinda de Xesús onda nós como “Salvador”:
Señor, escoita a nosa oración.
-
Para
que academos sentirnos como verdadeiros irmáns de Xesús e de tódolos homes e
mulleres do mundo enteiro:
Señor, escoita
a nosa oración.
Deus, noso Pai, dámosche
grazas pola xa próxima vinda de Xesús para estar connosco e nos salvar. Por
Cristo Noso Señor.
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario