Ficha e Lectio: Domingo 3 de Advento A







LECTIO:

DOMINGO III DE ADVENTO
 (Ano A: 11 Nadal 2016)

            O tempo de Advento ten, como ben sabedes, unha certa ambigüidade en canto que por un lado podemos dicir que principalmente se refire á espera da festa de Nadal, do nacemento do Señor, mais por outro banda faise tamén alusión á derradeira vinda do Señor á fin dos tempos, cando o Cristo glorioso restaure definitivamente tódalas cousas.
            Por iso, é dicir, por esta que chamo “ambigüidade” do tempo de Advento, a actitude de espera e de esperanza na vinda de Xesús en Nadal vén sendo tamén unha especie de aprendizaxe da actitude que debemos ter sempre, durante todo o ano, durante toda a nosa vida, ata o noso definitivo encontro co Señor.
            Temos que ter, polo tanto, actitudes de espera, de esperanza, de alegría e de paciencia sempre, durante toda a nosa vida. Trátase dunha especie de cóctel de actitudes aparentemente difíciles de harmonizar, pero que constitúen de feito a sustancia mesma da nosa vida. Proclámao para todos, tamén para nós, o profeta Isaías cando nos di cousas como as que acabamos de escoitar na primeira Lectura: “Ponde firmes os xeonllos que tremen”. “Collede ánimo, non temades”. “Velaí chega o voso Deus, El mesmo,  e salvaravos”. “Os rescatados do Señor ... conseguirán ledicia e felicidade, pois o sufrimento e o pranto fuxirán”.
            Para un cristián que cre na mensaxe de Xesús coa forza que nos dá a súa graza, a vida enteira é coma un día no que hai de todo, chuvia, nubes brancas e negras, sol que nos amosa ás veces claramente a súa face, quenturas e friaxes. Días que teñen tamén as súas noites, mais noites que esperan a chegada do rei sol, que indefectiblemente chegará para que alume o novo día. Esta comparanza reflicte algo do que nos quere ensinar o tempo de Advento.
            Algo semellante nos vén anunciar a carta de Santiago da segunda Lectura. Estamos todos envoltos nun proceso que non remata e ó que deberiamos a cotío estar abertos. É un proceso semellante ó que se ten que someter toda semente que queira frutificar e sobrevivir máis alá de si mesma, mais manténdose ela mesma dunha forma nova, superior, como planta vizosa e produtora de novas sementes. Este é o misterio da vida, de toda vida, que leva consigo procesos difíciles e complicados como o mesmo morrer, aínda que o proceso real non remate aí. Proceso que require paciencia, esforzo, confianza, esperanza. Santiago dínolo na súa carta desta fermosa maneira: “Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará”.
            O tempo de Advento convídanos, pois, a sermos “sementes”. Pero sementes conscientes do que nos pasa en canto sementes que somos, conscientes dos cambios e procesos que ocorren en nós e que nos han levar a unha vida máis plena, máis verdadeira. Un gran de millo ou de trigo non sabe o que lle pasa cando se converte en semente, cando cae na terra, na escuridade, na humidade, nas chuvias, neves ou fríos da invernía que lle veñen enriba. Un gran de trigo ou de millo non pode saber nin crer, non pode sufrir, nin esperar. Nós, en cambio, podemos saber e sentir todo iso. Esa é a nosa diferenza e a nosa grandeza. Ese é o noso misterio, que nos asemella a Xesús na súa vida, nos seus padecementos, morte e resurrección.
            Este Xesús, guieiro e modelo noso, é o que nos pon hoxe diante dos ollos o evanxeo de Mateo. Dísenos nel que Xoán Bautista é loado por Xesús en canto “preparador” da súa Boa Nova. Pero só, e nada máis, en canto “preparador” ou iniciador do novo camiño de Xesús. Sabemos ben que o Bautista se centrou no labor de achanzar en certo modo o terreo para poderen os seu oíntes escoitar con proveito a mensaxe de Xesús. A linguaxe do Bautista era unha linguaxe de penitencia, de conversión, de temor ó xuízo de Deus. Un Deus concibido aínda sobre todo como castigador ou vingador. Xesús amósase, polo contrario, como “alegre anunciador” da Boa Nova, da alegre noticia. Como aquel que se presenta a si mesmo como “liberador” de todo mal, de toda limitación, como destrutor da morte, pois a resposta de Xesús ós discípulos do Bautista é esta: contádelle a Xoán que “os mortos resucitan”. Mais tamén teñen que lle informar a Xoán Bautista -segundo lles encarga Xesús- que el, Xesús, toma partido polos pobres, polos necesitados e marxinados da sociedade. Contádelle que “ós pobres se lles está a anunciar a Boa Nova”. É dicir, Xesús preséntase a si mesmo ante os discípulos de Xoán para que llo comuniquen a el, como o que, a diferenza de Xoán, vén amosarnos un Deus que nel, en Xesús, está aí non para condenar, senón para salvar, para amar e dar a súa vida por todos, para proclamar e construír esperanza, para sufrir cos que sofren e aledarse cos que se aledan.    
            Comprenderedes ben así por que o papa Francisco, na súa primeira encíclica ou Exhortación de hai só tres anos, nos falaba tanto da “alegría”, da alegría  que todo cristián ha de ter. O mesmo título dela o anunciaba: “Evangelii Gaudium”, é dicir, a alegría do Evanxeo. Este escrito do papa comeza así: “A alegría do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo sempre nace e renace a alegría. Nesta Exhortación quero dirixirme ós fieis cristiáns para convidalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría”.
            O papa dinos que se trata dunha “nova” etapa de evanxelización, aínda que estea de feito, polo que antes comentei, en perfecta continuidade coa presentación de si mesmo que lles fai Xesús ós discípulos de Xoán Bautista para que lle leven a el a resposta de Xesús. Aquí está tamén a razón pola que Xesús, aínda que fai unha gran loanza do Bautista ó dicir del que é “moito máis ca un profeta” e que “ningún nado de muller fora meirande ca el”, engada a continuación que, malia dicir iso do Bautista, “o máis pequeno no reino dos ceos é meirande ca el”, co Bautista.
            Convertámonos, pois, a esta “alegre” e liberadora esperanza da “nova” Boa Nova de Xesús.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Na nosa oración comunitaria de hoxe dicimos: Ven, Señor Xesús. 
Todos: Ven, Señor Xesús.
-          Ven á túa Igrexa, Señor, para que nos enchamos do teu Espírito, da túa Boa Nova, e sexamos así xeradores de esperanza e alegría para os demais: 
Todos: Ven, Señor Xesús.
-          Ven, Señor, ó noso mundo dividido, no que se asoballa a persoas e pobos, para que o teu Reino lle dea esperanza á humanidade: 
Todos: Ven, Señor Xesús.
-          Ven, Señor, á nosa vida para que, iluminados pola luz do próximo Nadal, sexamos tamén luz e abeiro de paz e consolo para os que sofren. 
Todos: Ven, Señor Xesús.
                                                                          

  Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

Comentarios

Publicacións populares