Domingo 2 de Advento A

PRIMEIRA Is 11, 1-10
Xulgará ós pobres con xustiza
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

11 1Sairá un retoño do pé da árbore de Ixaí
e un gromo brotará da súa raíz.
2Descansará sobre el o Espírito do Señor,
espírito de sabedoría e discernimento,
espírito de consello e fortaleza,
espírito de ciencia e temor do Señor.

3Sentirá a súa compracencia no temor do Señor.
Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos,
nin sentenciará conforme as faladurías dos seus oídos.

4Xulgará ó pobre conforme a xustiza,
e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación.
Castigará ó violento coa vara da súa boca,
e co espírito dos seus labios matará ó malvado.
5Será a xustiza o cinguidor da súa cintura
e a fidelidade o cinguidor do seu lombo.

6O lobo habitará co carneiro
e o leopardo deitarase co cabrito;
o becerro e o leonciño pacerán xuntos:
un meniño pequeno sacaraos ó pasto.
7A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías;
o león, o mesmo có boi, comerá palla.

8Un meniño de leite xogará no tobo da cobra,
e un neno destetado collerá a víbora coa súa man.
9Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo:
o país estará cheo de coñecemento do Señor,
o mesmo que as augas enchen o mar.

10Sucederá o día aquel que a raiz de Ixaí estará ergueita de bandeira das nacións,os
pobos procurarana, e a gloria será o seu lugar de descanso.



SAL. RESP. Sal 71, 2, 7-8. 12-13.17
R/ (cf 7) Florecerá a xustiza nos seus días,
e abundancia de paz para sempre

 2Que rexa ó teu pobo rectamente
e ós teus pobres con equidade.

 7Florecerá a xustiza nos seus días,
unha prosperidade duradeira como a lúa.
8Dominará de mar a mar,
desde o gran río ata o cabo da terra.

 12El librará ó pobre que suplica,
ó aflixido que está sen axuda.
13Terá piedade dos febles e indixentes,
salvará a vida dos pobres;

17Que o seu nome dure por sempre
e a súa sona igual có sol.
Que se bendigan nel tódolos pobos
e que o proclamen ditoso.

 

SEGUNDA Rom 15, 4-9
Cristo salva a tódolos homes
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 Irmáns e irmás:

Todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrucción: para que entre a
nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñámo-la esperanza.

5Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós,
conforme o exemplo de Cristo Xesús. 6Para que cun só corazón e unha soa boca
louvedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo.

7Por iso, acollédevos uns a outros, como tamén Cristo vos acolleu, para gloria de Deus.
8Pois dígovos que Cristo se fixo servidor dos xudeus en razón da fidelidade de Deus,
para lles mostra-la firmeza das promesas feitas ós patriarcas; 9e tamén para que os
xentís, pola súa parte, glorifiquen a Deus en razón da súa misericordia. Tal como está
escrito:

Por iso louvareite por medio das nacións e cantarei himnos ó teu nome.




ALELUIA Lc 3, 4. 6:
Preparade os camiños do Señor
endereitade os seus carreiros;
todos verán a salvación de Deus

 

EVANXEO Mt 3, 1-12
Facede penitencia: xa chega o Reino dos ceos
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO


3 1Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando:
2-Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.

3El era de quen dixera o profeta Isaías:
Unha voz clama no deserto:
Preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.

4Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidor de coiro no van, e mantíñase de
saltóns e mel bravo. 5Ia onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e mais da banda do
Xordán. 6Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.

7Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:
-¡Raza de víboras! ¿Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? 8Dade
froitos dignos dunha verdadeira conversión, 9e non vos fagades ilusións dicindo entre
vós: "Somos fillos de Abraham", porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de
Abraham mesmo destas pedras. 10Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e
toda árbore que non dea froito cortarase e botarase ó lume.

11Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis
forte ca min, e nin tan sequera son digno de lle leva-las sandalias. El havos bautizar co
Espírito Santo e con lume. 12Porque trae a forcada na man, para limpa-la súa eira e na
hucha recolle-lo trigo; e ha queima-la palla nun lume que nunca se apaga.



CANTO GOZOSO

TVG:

Comentarios

Publicacións populares