30 ene. 2013

DÍA DA PAZ 2013

Os meus nenos non necesitaron explicación, hai que mirar co corazón.





Non se necesitan grandes cousas, 
nin grandes palabras para celebrar un día coma este,  
basta un simple xesto:






ADAPTADO DE :
http://aprimeiramare.blogspot.com.es/2011/06/apertas-gratis.html

------------------------------------------------------------


MANIFESTO 30 DE XANEIRO DE 2013.
DÍA MUNDIAL POLA PAZ E A NON VIOLENCIA

            “O noso compromiso son os ollos da solidariedade”. Con este lema os centros da REDE DE ESCOLAS SOLIDARIAS puxémonos na tarefa de elaborar textos, carteis e diversos materiais sobre a importancia da paz e da solidariedade neste tempo de tantas dificultades que nos tocou vivir.

            Con entusiasmo poñémonos ao choio porque sabemos que a paz non é só AUSENCIA DE GUERRAS, senón tamén AUSENCIA DE INXUSTIZAS, tanto económicas e sociais como políticas e culturais.

            Este 30 de xaneiro de 2013 queremos destacar que non se dan situacións de paz nin en nin en Galicia, nin en España, nin no resto do mundo. Mentres as cifras do paro, a miseria e a marxinación continúan a súa longa marcha, mentres os desafiuzamentos cotiáns deixan a miles de familias desamparadas, mentres a corrupción política camiña desenfreada, mentres nos recortan os nosos dereitos persoais e sociais, atopámonos á maioría de gobernantes de aquí e de alá mirando para outro lado, comprometidos con outros intereses que non son os do seu pobo.

            Responsables políticos que se negan a construír un mundo que teña por bandeira a paz, a solidariedade e a xustiza social. Todo o contrario, moitos deles son cómplices do aumento dos conflitos raciais e xenófobos, de ampliar a brecha entre ricos e pobres. Son cómplices da permanente destrución do noso medio ambiente, da continua violación dos dereitos humanos. Son cómplices de impoñer unha cultura de guerra fronte a unha cultura de paz. A paz non é negocio, a paz non é a súa aposta.

            Son cómplices, en definitiva, de que os dereitos humanos perdan valor cada día que pasa. Non se dan situacións de PAZ mentres recibimos cada día informes que nos din como aumenta as mortes por fame, como se incorpora a millóns de persoas á pobreza e á marxinación, como se recortan liberdades e retrocédese en seguridade humana coa escusa da crise económica. Non se dan situacións de PAZ mentres a dignidade de todos os seres humanos non sexa o primeiro obxectivo a alcanzar, mentres se recortan as políticas públicas de cooperación ao desenvolvemento, dereitos humanos e paz.

            Fronte a todo iso as comunidades educativas temos esta mensaxe:

            Que ninguén garde silencio. Que ninguén diga que non pode facer nada ou que non hai nada que facer. O teu gran de area conta para a construción da paz, da democracia, da xustiza, o desarme e os dereitos humanos.

            A aposta pola paz pasa polo respecto á diversidade cultural, pola tolerancia, pola preservación do ambiente, pola prevención dos conflitos, a reconciliación, a non violencia e a cultura de paz.

            “Cos ollos da solidariedade” pódese compartir, pódese vivir no canto de sobrevivir. Non temos que temer o futuro, nin axeonllarnos fronte aos poderosos.

            “Cos ollos da solidariedade” ese “outro mundo é posible”, podémolo facer real. Por iso faise necesario o teu compromiso e a túa participación para construír xuntos a paz, porque ninguén nola vai a regalar.

            Avancemos cara á paz, cara a un planeta sen guerras e desmilitarizado “cos ollos da solidariedade”.
           
                                                                       (Traducido das Escolas de Solidariedade de Canarias)



POWER POINTS




28 ene. 2013

CREDO EN GALEGO para o Ano da Fe

Inda que "cun pouco" de retraso, aquí tedes algo de material para traballa-lo Ano da Fe cos nenos e cos maiores. Máis abaixo  tedes unha ligazón co Credo dividido nas súas tres partes e cuns textos para a reflexión.


 

Tamén tedes en entradas anteriores o Credo dos Nenos: 
e tamén o Credo na Cruz:



POWER POINTS:                                                                                                                                                Credo 1   Credo 2    Credo 3


Benedito XVI comezou un novo ciclo de catequese sobre o Ano da Fe, que comezou o pasado 11 de outubro e que durará até o 24 de novembro de 2013.

TEXTO COMPLETO:


Queridos irmáns e irmás: Hoxe comezo unha serie de catequese que busca profundar o tema da fe para renovar a alegría de crer en Xesucristo e  camiñar tras as súas pegadas. A Igrexa guíanos neste propósito por medio da Palabra, os sacramentos e unha caridade activa. Crer non é o encontro cunha idea ou un programa, senón cunha Persoa, que vive e transfórmanos ao revelarnos nosa verdadeira identidade.

Crer non é algo estraño e afastado á nosa vida, algo accesorio; ao contrario, a fe no Deus do amor, que se encarnou e morreu na cruz pola nosa salvación, preséntanos de forma clara que só no amor atopa o home a súa plenitude. En cambio, todo o que é contrario a ese amor destrúeo. Así, Deus quixo revelarse e mostrarnos o seu designio facéndonos capaces de recoñecerlle presente na historia, coa súa Palabra e a súa obra. A Igrexa faise portadora deste anuncio que contén a regra da fe, á que debemos manternos fieis. No Credo está o esencial desa fe, non só desde un punto de vista intelectual, senón, sobre todo, vivencial, pois sobre esa base debemos fundar a nosa conduta, a vida moral, xa que a fe esixe a nosa conversión, por encima de todo relativismo e subxetivismo.


17 de outubro, 2012. (Romereports.com)

27 ene. 2013

Hoxe cumpriuse esta Escritura - Lc1, 1-4,14-21

Domingo 3 de ordinario - ciclo C



SOAMENTE UN CAMIÑO

Desde que ti, levado polo Espírito,
volviches cabo dos teus,
ao teu fogar,
á túa comunidade,
con ganas de facer algo xuntos,
só existe un camiño.

Desde aquela mañá de Nazaré,
cando as túas mans de obreiro
colleron o libro santo
e o leron tatexando torpemente,
só existe un camiño.

Desde aquel teu atrevemento
de dicirte unxido polo Espírito
para botar a andar a roda da revolta,
só existe un camiño.

Desde que ti puxeches no centro
o presente e o futuro dos máis pobres,
e os deixaches como espello
do rostro de Deus na terra,
só existe un camiño.

Desde que ti dixeches
que estabas farto de historias,
que a ver quen te seguía,
que chegara a hora da xente humilde,
só existe un camiño.

Despois inventaron outros camiños.
En Nazaré, ano cero,
recén estreado o Espírito,
co Espírito do trinque,
só había un camiño,
amplo para colleren todos,
pero só había un camiño. 


As túas palabras, Señor, son Espírito e vida - Salmo 18

Domingo 3 de ordinario ciclo C




EU ATÉÑOME AO DITO

Eu atéñome ao dito:

Á xustiza,
a pesar da lei e do costume;
a pesar dos cartos e da esmola.

Á humanidade,
para ser eu verdadeiro.
Á liberdade,
para ser persoa.
E á pobreza
para ser libre.

Á fe cristiá,
para camiñar de noite,
e, sobre todo, para andar de día.

E, en todos casos,
irmáns e irmás,
eu atéñome ao dito:
Á esperanza!          
                   

                                                                       P. Casaldáliga

25 ene. 2013

Domingo 3 de Ordinario - ciclo C


3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO C


Primeira Lectura     Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO  DE NEHEMÍAS
Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían

     Naqueles días, o sacerdote Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e de todos os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.
     Na praza que está diante da porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o mediodía, en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran capaces de pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.
     O escriba Esdras púxose en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e cando o abriu, o pobo púxose en pé.
     Entón Esdras bendiciu o Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu: "Amén, amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao Señor.
     Os levitas lían no libro da Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido, explicando o que lían.
     Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban a Lei ao pobo, dixeron a toda a asem­blea:
     ‑ Este día está consagrado ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto, non choredes máis (pois todo o pobo choraba ao oír as palabras da Lei).
     E engadiron:
     ‑ Ídevos, comede boas talladas, bebede viños doces e leváde­lles tamén aos que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ao noso Señor; non andedes aflixidos, porque o gozo do Señor é a vosa forza.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 18, 8. 9. 10. 15
R/.  (Xn 6, 63c):  As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Dígnate aceptar a palabra da miña boca
e o sentir do meu corazón:
Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!


Segunda Lectura    1 Cor 12, 12-30 (máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte

            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo, onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?
            Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se todo fose un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós".         Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; cousa que non precisan os honestos.
            Deus dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa discordia no corpo; senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.
            Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
            Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

______________________________________________________________________

Ou máis breve: 12-14. 27

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.
            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;
a predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 1, 1-4; 4, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Hoxe cumpriuse esta Escritura

            Ilustre Teófilo:
            Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
            Naquel tempo, coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
            Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
            Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
            O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova aos pobres.
            Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados
e a vista aos cegos,
para lles dar liberdade aos asoballados,
e proclamar o ano de graza do Señor.
            Pechando o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
-          Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


PORQUE O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN....
HOXE CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO
Dinos a Palabra de Deus que ela é espírito e vida; é dicir, presenza viva, e sempre actuante, en nós e con nós. É polo tanto unha palabra que non pasa de moda, que non perde actualidade, que non se deixa asoballar por outras moitas palabras efémeras e que facilmente se esquecen. Esta é unha palabra que perdura no tempo e busca que lle fagamos un oco na nosa vida, non para quedarse como se fose unha ocupa, senón para facer da nosa existencia esforzo continuado de esperanza, comuñón, traballo compartido e amor solidario que cambia os corazóns.
Que este noso encontro comunitario nos alente para acoller e converter en vida esta palabra proclamada.

O PERDÓN
¨      Polas veces nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨      Porque a nosa vida esmorece pola rutina na que temos convertido a fe, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨      Porque nos sobra consumismo relixioso, e nos falta fe convencida e confiada, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.

REMUÍÑO

·         A palabra de Deus non é palabra de paso efémero e vacilante, senón pegada firme que vai deixando pouso da presenza de Deus a través dela. Unha presenza que se desenvolve desde o cotián e se vai envolvendo de experiencia espiritual, de madurez e recoñecemento do sentido que da resposta ás preguntas que sobre o noso que, quen como, cando, por que, para que ou cara onde… nos facemos as persoas. Por esta razón non é unha palabra de paso que se esgota e disolve no efémero do agora e xa, senón que se vai prolongando en nós ao configurarnos desde a maneira de entender e integrar os valores que dan coherencia á nosa vida e ás decisións que sobre ela imos tomando. A viveza da palabra exprésase na presenza sempre continua e actual que ilumina as maneiras de ser e as respostas que, diante das situacións que cada un de nós, persoal ou comunitariamente, imos vivindo. Por iso é palabra sempre alentadora e presente.

·         Este ir impregnando toda a nosa vida, e superando a tentación de parcelala e facer dela compartimentos estancos, individuais e incomunicados, ao o noso xeito e á nosa comodidade, ten que ser en nós unha tarefa permanente. Cantas veces non temos escoitado, ou dito, eu vivo a fe á miña maneira, ao meu xeito ou como me peta!, esquecendo que a vivencia da fe, entendida como seguimento de Xesús, sendo libre na súa decisión de querer ser seguidor/a del, esíxenos logo resposta coherente, responsable e comunitaria, bastante afastada do xeito e maneira en que nós a temos convertido: interpretala segundo o noso propio interese e comenencia. Por iso Paulo utiliza unha fermosa, e tamén comprensible, metáfora para describir como a fe non nos separa en partes, senón que é coma un corpo, que sendo e tendo moitas partes, cada unha delas está sempre ao servizo dun todo. Cando nós falamos de comunidades plurais, abertas, responsables  e libres, é isto ao que nos queremos referir: na Igrexa estamos chamados a ser e vivir desde a comuñón de comunidades, é dicir, respectando a liberdade das persoas, todos estamos chamados a mirar na mesma dirección; e esta non é outra que o seguimento de Xesús. Sendo El cabeza e nós membros, ninguén é nin superior nin máis importante. Porén, todos somos necesarios para que a/s comunidade/s funcionen e sexan, desde a palabra, encontros gozosos da presenza de Deus.



·        Se non esquecemos esta palabra que sempre, en cada momento e situación nos está falando; se lle prestamos de verdade atención; se nos esforzamos por coñecela e integrala na nosa vida desde o xeito de dar solución aos problemas, abordar as situacións que a vida nos presenta en cada momento ou atopando nela forza e seguridade para non ter medo a dar razón da nosa esperanza, faremos que esta palabra, como ocorreu no momento no que Xesús estaba no templo, se cumpra. Cada vez que unha persoa traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban que son fill@s de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen rancores e poñendo o diálogo como punto de partida...cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou non cumprirse esta escritura. A que esperamos?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, imos compartir agora a oración da comunidade, sabendo que Ti estás con nós, acompañando e alentando canto vivimos e nos ocupa, por iso dicimos xunt@s:
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que a Igrexa se esforce por ser fiel á túa palabra e non a utilice segundo os seus intereses e comenencias, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que nas nosas comunidades lle prestemos a atención que merece á palabra de Deus, e desde ela saibamos ver a túa presenza en canto fagamos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que nós non esquezamos nunca que só afondando no coñecemento da túa palabra poderemos coñecerte a Ti e á túa mensaxe, para así non confundilo nunca coas tradicións, costumes e ritos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
Señor, que a túa palabra enchoupe sempre a nosa vida e a nosa oración. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexamos normal tropezar todos os días
con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.
Que nos escandalicemos cada día deste mundo que montamos
no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.
Que non se nos afaga o corazón
á mirada triste e perdida,
ao xesto caído e desanimado,
á palabra soez ou burlona,
ás poucas ganas de vivir,
a calquera deterioro do irmán,
que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver como normal ao recén chegado
que cruza o mar para buscar un futuro,
ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará saída para o seu problema.
Pon tenrura, Señor, no noso mirar;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que reciben a túa Palabra.

CANTOS
*        ENTRADA: Camiñarei
*        LECTURAS: A túa palabra
*        OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*        COMUÑÓN: Grazas, Señor.



POWER POINTS
Domingo 3 ord C
Dom3 ord C - Bene Pagola
Amar

rtvg
Domingo 3 de Ordinario - ciclo C

22 ene. 2013

A BIBLIA EN GALEGO


Este foi o meu pedido de nadal para os Reis Magos.

Xa hai moito tempo que a xente vén pedindo esta ferramenta de traballo que non existe en ningures, inda que me consta que son moitos os que xa o intentaron.

Como xa hai bastante que me chegou por mail e quero compartir convosco todo o que me vai chegando, fixen unha páxina web nova para que a teñades a man, coma sempre sen gañar nin un peso, so poñendo en común. 


Non pidades moito, é moi sinxela, o pouco que puiden facer. Espero que sexa de axuda para todos. Quedará permanentemente o enlace no lateral, igual que os das outra webs.

Espero que non haxa problemas...

LIGAZÓN: 
http://www.abibliagalega.com/

20 ene. 2013

Cantade ante tódolos pobos as marabillas do Señor - Slamo 95

Domingo 2 de Ordinario - Ciclo C


GRAZAS, SEÑOR

Grazas, Señor,
porque podemos ser fortes.

Grazas, Señor,
porque podemos ser sinceros.

Grazas, Señor,
porque somos alegres.

Grazas, Señor.
porque nos queres libres.

Grazas, Señor.
porque nos dás responsabilidades.

Grazas, Señor.
porque somos capaces de ter amigos.

Grazas, Señor.
porque así podemos facer
un mundo de persoas irmás.
                                 
                                                         (Anónimo. Gritos y plegarias)


Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea - Xn 2, 1-11

Domingo 2 de Ordinario-ciclo C



MARÍA SEMPRE EN TODO

E a súa nai achegándose, díxolle:
“Non teñen viño”.
As nais captamos ao momento:
Vexo aos meus fillos preocupados e tristes,
están insatisfeitos,
sempre como esperando.
Falla o viño nas familias
tan preocupadas polo traballo,
o consumo, os fillos.

Falta aos esposos a ilusión,
váiselles arrefriando o amor.
Falta o viño nas Igrexas,
celebran aínda con moita auga.
Os meus fillos cansan e aburren,
fáltalles mocidade e aire novo.

Pois que enchan de auga as súas tallas,
dixo Xesús,
que se acheguen mais a min e crean.
Eu cambiarei a auga no viño bo do espírito,
e rexuveneceran,
sentiranse renovados e bébedos.

Non teñades medo, fillos e fillas miñas,
dixo ela.
Non teñades desencanto nin tristura.
Escoitade a palabra de Xesús,
Que cambia a auga en viño.
Abride ás portas de Xesús,
que enchen de graza e ledicia.
Mirade sempre a Xesús
e facede o que El vos diga. 

18 ene. 2013

Domingo 2 do Tempo Ordinario-ciclo C


Domingo 2 de Ordinario
Ciclo C



PRIMEIRA Is 62, 1-5
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Alégrase o esposo pola súa esposa

62 1Por Sión non quedarei en silencio,
e por Xerusalén non ficarei quedo,
ata que a súa xustiza saia como un resplandor
e a súa salvación alume coma unha lámpada.

2Os pobos verán a túa xustiza e tódolos reis a túa gloria,
chamaráseche cun nome novo, o que indique a boca do Señor.
3Serás coroa preciosa na man do Señor
e turbante rexio na palma da man do teu Deus.

4Non se che volverá chamar "Abandonada",
nin á túa cidade se lle volverá dicir "Ruína",
senón que a ti se che chamará "Ti e-lo meu amor"
e á túa cidade se lle chamará "A casada".
Si, o amor do Señor estará en ti,
e a túa cidade casará.

5Como casa un mozo cunha virxe,
así casará contigo o teu Constructor.
O gozo que sente o noivo pola noiva,
sentirao o teu Deus por ti.


SALMO RESP. Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c
R/ (3): Cantade ante tódolos pobos as marabillas do Señor

1Cantádelle ó Señor un cántico novo,
cántalle ó Señor, terra enteira;
2cantade ó Señor e bendicide o seu nome,
pregoade tódolos días a súa salvación;
3cantade entre as xentes a súa gloria;
ante tódolos pobos, as súas marabillas.

7Tributade ó Señor, pobos todos,
tributade ó Señor honor e forza,
8tributade ó Señor a gloria do seu nome.
9adorade o Señor con vestido sagrado,
treme na súa presencia a terra enteira.

10Dicide entre as xentes:
-"O Señor reina,
goberna os pobos rectamente".


SEGUNDA 1 Cor 12, 4-11
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMAIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS
Un e o mesmo Espírito repartindo a cada un como a El lle parece.

Irmáns e irmás:
4Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. 5Hai diversidade de servicios, pero un mesmo Señor. 6Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.

7A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. 8A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; 9a aque-loutro o mesmo Espírito concédelle fe. 10A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don da profecía; a outro, discernimento de espíritos. A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber interpretar esas linguas.
11Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.


ALELUIA Cf. 2 Tes 2, 14:
Deus chamounos por medio do Evanxeo
para adquiri-la gloria
do noso Señor Xesús Cristo


EVANXEO Xn 2, 1-11
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea

2 1Houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. 2Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. 3Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús díxolle:
-Non che teñen viño.

4Replicoulle Xesús:
-Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.

5Súa nai díxolles entón ós servidores:
-Facede o que el vos diga.

6Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. 7E ordenoulles Xesús:
-Enchede de auga as tinas.

Eles enchéronas de todo.

8Díxolles entón:
-Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.

Eles levárona. 9E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo 10 e díxolle:
-Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixáche-lo viño bo para agora.

11Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.


SÓ OS SINAIS DE AMOR FAN CRIBLE A COHERENCIA DA IGREXA NO MEDIO DUNHA SOCIEDADE ENCHOUPADA POLA CRISE E A DEGRADACIÓN DO SER HUMANO
TOMADO DE : remoldapalabra. blogspot.com

PÓRTICO
            O amor de Deus foi vertido nos nosos corazóns ata rebordar. Si, pero a fondura dese amor non se manifesta en abstracto ou só nas palabras, senón que se vai mostrando nas accións, grandes ou pequenas, de cantos temos a Deus por raíz de vida e tronco do que saen as pólas do encontro cos irmáns e irmás a través das nosas accións e comportamentos. Non podemos falar que temos comprendido o amor de Deus se buscamos só o noso proveito, a nosa comenencia ou o noso interese. Así, dificilmente poderemos entender que quere dicir amar e tampouco aprenderemos o que é o amor. Hoxe a palabra de Deus móstranos os sinais do amor que se van facendo presentes na estabilidade dun compromiso, na capacidade de escoitar e non actuar arroutadamente, no xesto de confiar a pesares das dificultades que esa confianza supón e esixe.

            Participemos na celebración de hoxe co corazón aberto a superar as ideas fixas, e a deixarse enchoupar pola linguaxe de Deus que se vai manifestando no actuar e vivir de moitos dos que nos rodean.
PERDÓN
v  Polas veces nas que non puxemos o esforzo suficiente para construír a relación na nosa familia sobre o amor e a confianza, SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DE PAZ E AMOR.

v  Por ser demasiado conservadores á hora de superar accións e comportamentos, cos que outros en tempos pasados, nos fixeron sufrir e nos produciron dor, CRISTO, FAINOS INSTRUMENTOS DE PAZ E AMOR.

v   Pola nosa falta de confianza na forza do amor de Deus, que nos fai dubidar e desconfiar das persoas, SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DE PAZ E AMOR.
REMUÍÑO
§      Rematado o tempo de Nadal, é momento de retomar hábitos de comportamento que neste intervalo festivo fomos deixando de lado. Con tranquilidade, e sen necesidade de poñer sorriso de festa, aínda que é bo regalar sorrisos, volvemos ás tarefas cotiás para seguir crecendo como persoas e desenvolvendo, sen moito barullo e con responsabilidade, os quefaceres habituais que nos van facendo descubrir a sinxeleza da vida, sen ter que recorrer a extravagancias ou rarezas. O tempo Ordinario resitúa a nosa vida para mostrarnos que cando un fai ben as cousas, cando un é capaz de buscar e repartir o tempo con racionalidade –sentidiño– podemos chegar a concretar aqueles proxectos e ilusións que nos propuñamos no comezo do ano. Deste xeito, con tempo e paciencia, a constancia, da que hai uns días falabamos, convértese en vertixe sobre o que imos avanzando e acadando que os propósitos non queden en boa vontade, senón se convertan en realidades concretas que nos van axudando a sentírmonos a gusto co que facemos, co horizonte e sentido que nos temos marcado na vida. E neste horizonte aparece Deus como amigo no camiño, e a fe como medio desde o que descubrimos o valor do encontro comunitario, a tarefa compartida, e a oración agradecida por sabernos acompañados en gozos e esperanzas, en tristuras e dificultades. Unha vez máis, Deus váisenos mostrando na compaña de quen nos escoita, na man que se nos tende, no tempo que outros nos dedican ou no esforzo de repartir o que temos para que máis poidan gozalo. E todo desde o amor, ese amor que deixa de ser unha palabra recurso para converterse en dispoñibilidade.

§      Aquí, e non noutros sitios, é onde atopamos de verdade e sen finximentos as marabillas do Señor. Unhas marabillas que veñen con nome e apelidos, con rostro recoñecible, con sorriso sincero, e non posicionamento diante dunha cámara de fotos ou de vídeo. Un posicionamento que moitas das veces é irreal e pura ficción. Non ocorre así coas marabillas de Deus porque estas podemos velas, prezalas e compartilas desde a nosa relación, san e sincera, de colaboración e axuda de uns para cos outros. E isto só pode ser deste xeito se sae da sinceridade que poñemos á hora de facer estas accións que quedan inmortalizadas como pequenos sinais de que a presenza de Deus non se agocha, senón que se vai mostrando no que de ben e bo sexamos capaces de facer.

§      Unha presenza que é verdadeiro sopro do Espírito, e que vai repartindo azos de reflexión e acción nas nosas vidas. Por que nos é tan difícil moitas veces recoñecer esta presenza?. Por que temos tanta dificultade en confiar nela, namentres somos crédulos, inxenuos e a boa fe cando escoitamos isto ou aquilo na radio ou na televisión, e o cremos sen cuestionarnos se é ou non verdade? Por que a Deus o aparcamos porque non o vemos, e porén seguimos necesitando que nos conten, digan, ou mostren situacións ás que non lle poñemos nin o máis mínimo dos cuestionamentos?  Por que nos custa tanto deixarnos levar pola forza do Espírito, e con todo a nosa credulidade fai que nos deixemos enganar por tantos interesados e aproveitados que só buscan xogar connosco para obter eles moi bos beneficios?  Por que non acabamos de darnos conta que a Deus non lle vai nisto máis que o amor e o cariño que nos ten, namentres hai outros “deusiños” que o que lles vai, e moito, non é outra cousa que facer medrar os billetes na súa carteira?

§      En Xesús descubrimos a resposta: os seus sinais non queren ser máis que mostra de amor, achegamento, respecto e preocupación por canto nos fai felices; namentres que nos que nin son coma el nin lles interesa esforzarse por selo, só hai desconfianza e ansia de medrar. Neste tempo de crise, no que vemos como as persoas poden dar ou mellor canto somos capaces de facer polos outros, esforzarnos por mirar os sinais de Xesús cos seus ollos, non pode traernos máis que forza interior para superar atrancos e dificultades, e capacidade de unir esforzos para defender todo aquilo que faga que as persoas se sintan mellor, se descubran máis libres e se recoñezan na súa total humanidade. Que mellor sinal ca esta, como ocorreu en Caná de Galilea, para dicirlle aos mercadores, que hoxe tanto abundan, e que buscan beneficios á custa das persoas, que non estamos dispostos a favorecerlles o enriquecemento das súas contas persoais. Que o benestar que queremos non é para uns poucos, senón para todos, porque todo se todas somos fillos de Deus, e non mercadoría que se compra con engano e se vende ao que máis paga. Que saibamos ser pacientes, como o foi Xesús en Caná, para ofrecer o mellor de nós e gozar co sorriso do irmán ou da irmá.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
            Desde o amor do que Xesús nos dá hoxe un verdadeiro testemuño de entrega e servizo cara aos demais, presentamos agora a nosa oración e dicimos xuntos:
QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL
o   Para que os responsables da Igrexa, desde unha verdadeira actitude de servizo, saiban estar no mundo con actitudes de dispoñibilidade e non de defensa de intereses persoais e pouco evanxélicos, OREMOS.
QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL
o   Para que espertemos do soño de ser comunidades rutineiras e baleiras de contido verdadeiramente evanxélico, para comezar a camiñar dando testemuño da fe que cremos e compartimos cos nosos feitos e a nosa maneira de vivir desde a esperanza, en tempos rexos e difíciles, OREMOS
QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL
o   Para que cada un/ha dos que participamos nesta celebración, fagamos o esforzo por tomar en serio e levar á vida de cada día o que neste momento celebramos, compartimos e agradecemos xuntos diante do Señor: que o amor de Deus ten o seu espello no noso xeito de actuar, OREMOS.
QUE AS TÚAS MARABILLAS, SEÑOR, AS CONTEMOS CO NOSO COMPORTAMENTO SERVIZAL
Señor, alenta, anima e acompaña canto agora temos compartido e expresado comunitariamente. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Non soportamos esperar cola no súper, no banco, no Concello, na gasolineira... Poñémonos nerviosos en canto o autobús tarda máis de cinco minutos ou o coche que levamos diante reduce a súa velocidade. Esperamos que nos contesten os Whatsapp en cuestión de segundos, os correos electrónicos agora e xa, as chamadas polo móbil que nolas collan ao momento e sen demora... Entón, somos como case todos. Somos uns impacientes sociolóxicos. E porén, sabemos que o importante require sempre o seu tempo, que os bos pratos cocíñanse a lume lento. Gustaríanos saber esperar… Sentarnos preto do lume e somente esperar. Pero non é tan fácil.
A paciencia non é unha palabra de moda hoxe. Soa a consello de avoa. e quizais por iso é das máis necesarias. A paciencia supón esperar e respectar os tempos. Supón desexar a chegada de outro e non ter máis que facer que esperar. Desexar e esperar. Exercitarse nesta arte de esperar é unha tarefa que todos, agora que pasou o Nadal e temos moito tempo por diante para pensar e facer, podemos exercitar. Que mellor que comezar hoxe!. Contemos, sen presa e ilusionados, as marabillas do Señor!
                   (Sobre unha idea de Carlos Gómez-Vírseda .sj)

CANTOS 
Ø  ENTRADA: 
Camiñando pola vida
Ø  LECTURAS: 
Contade as marabillas do Señor
Ø  OFERTORIO: 
Benaventurados
Ø  COMUÑÓN: 
Acharte presente


POWER POINTS