O Nadal contado por unha avoa aos seus netos.


Queridos netos:

            Antes de que se vos habitúe o corazón ao Nadal que vos ofrecemos, quero contarvos paseniñamente que é o que acontece nestas datas.

            Vós nacestes nunha familia cristiá e por iso é importante que coñezades o grande acontecemento que nestas datas celebramos. Non me gustaría que as luces, as compras e a axitación acabaran agachando a verdadeira mensaxe destes días.

            Hai dous mil e poucos anos Deus decidiu facerse home e vir á terra para que os seres humanos caeramos na conta dunha vez por todas que El nos quere moitísimo, que ten para cada un de nós un soño  de felicidade e plenitude e que non podemos vivir unha vida mediocre. Xa antes foinos informando por medio de diversas persoas profetas, pero co paso do tempo só quedaron algunhas mensaxes escritas que non lle facían demasiada boa publicidade, así que decidiu tomar forma de persoa e nacer e vivir como El cre que debe facelo unha persoa calquera.

            Así este neno que naceu nunha aldeíña, nunha familia sinxela, envolto  máis en tenruras que en cousas, á parte de que aos doce anos xa era un adolescente contestatario que se plantou no medio do templo a contar aos estudosos de entón quen era Deus, aos seus trinta anos comezou a súa vida pública na que se presentou como mensaxeiro do seu Pai falando sempre de como hai que vivir.

            Díxonos que temos un Pai que nos quere moitísimo, ao que hai que chamar papá ou mamá, e non nomes máis solemnes.

             Ensinounos que ata que non nos tratemos coma irmáns sentiremos tristura no corazón e que podemos recorrer a Deus sempre que esteamos cansos e angustiados porque el nos serenará. Recomendounos tamén que perdoar unha e mil veces déixao a un moito mellor e que non podemos xulgar a ninguén, pois todos temos cousiñas que ocultar.

            Este fillo de Deus, Xesús, explicounos por que todos os pobres son os preferidos de Deus e como El cambia os valores e vira humildes os que presumen e ricos os pobres e que non lle gustan nada as persoas que por ter poder ou cousas se aproveitan dos demais.

            Tamén nos recomendou sacar o neno que todos levamos dentro, sendo sinxelos, espontáneos, alegres, auténticos, que viven o momento presente, en vez de andar sempre ocupados no seguinte ou morriñentos do que xa é pasado.

            Coa súa vida demostrounos Xesús, que o que non vive para servir non serve para vivir e que non hai que chamar a ninguén pai máis que a Deus, que é o que ten o corazón «todo agarimo», todo agarimoso e o seu amor nos dinamiza e nos impulsa á plenitude, a ser algo único e fantástico, en vez de andar mergullados nunha vida morna ou mediocre que nos entristece e debilita o corazón.

            Os poucos anos que pasou El neste mundo andou sandando a xente, liberando a xente coa súa amizade, co seu cariño, coa súa aceptación incondicional e xuntábase con «mozas de mala vida», con adiñeirados, con encurvadas de preocupación ou hemorroisas das que van perdendo a vida nas pequenas cousas que non son as esenciais. Deixounos moi clariño que o que anda dando demasiadas voltas aos seus diñeiros, non terá tempo para gozar de Deus e vivirá peor e que non temamos, pois El estará con nós ata a fin dos días, ten o noso nome tatuado na palma da súa man e quérenos a cada un máis que nós mesmos nos queremos, aínda que andemos todo o día vivindo no noso embigo.

            Pero un dos segredos importantes que nos contou Xesús, para vivir contentos, en vez de andar pola vida triste como orfos, é ter momentos para meterse dentro dun mesmo e escoitar a Deus. Así vívese a vida en compañía, que é moito máis bonita e ademais, no silencio, El sóprache ao oído os grandes soños que ten para ti e para as persoas que che vai pondo ao lado. Xesús rezaba moito, e iso que tiña unha vida moi movida, pero debía de ser por iso, polo que lle daba tempo para tanto... Nos instantes de comunicación con Deus, El serénanos, descánsanos, e lánzanos con atención esperta e amorosa a estar onde esteamos, a entrar de todo e saír de todo de cada situación.

            E isto é o que lembramos en Nadal, queridos netos. Queremos vivir así, todo isto que nos ensinou este neno que naceu en Belén para convidarnos a vivir mellor. Por iso enchemos de luces, agasallos, adornos e familia estas datas, porque queremos facer do mundo unha gran familia onde todo ser humano viva ben. Vós, cando vexades que se nos esquece o principal, lembrádenolo  deseguida que andamos todos un pouco distraídos.

            Quérovos moito, moito, moitísimo, case tanto como vos quere Deus. Unha aperta.


            A avoa.


Comentarios

Publicacións populares