Bautizado Xesús, e cando estaba en oración, abriuse o ceo - Lc 3, 15-16. 21-22

Bautismo do Señor - ciclo C



UN POBO QUE EMPEZA O SEU CAMIÑO

O Pobo estaba esperando ó Mesías ...
Feliz a xente que sabe agardar,
humilde e valente,
feliz o pobo capaz de soñar.

O que é máis forte ca min ...
Máis forte cós nosos medos,
para vencelos,
máis forte cós nosos pecados,
para curalos,
máis forte cás nosas poucas ganas,
para crealas .

Havos bautizar con Espírito Santo ...
E seremos xente nova,
co alento de Deus nas entrañas,
por fin bateremos coa forza
que renove as nosas vidas cansadas.

Mentres oraba, abriuse o ceo ...
E o ceo sempre aberto
para escoitar a voz dun pobo
que suplica paz con pan e arde con xustiza.

Baixou sobre el o Espírito Santo ...
Un Espírito que crea vida nova,
que alenta, que aleda e que renova,
compañeiro imprescindible no camiño
que unha vez máis tomamos nesta hora.

Ti es o meu Fillo benquerido ...
Unidos a Xesús co seu Espírito,
nesta ansia por erguer as nosas vidas,
saberémonos de Deus fillos queridos,
de Deus recibiremos forza e paz cumpridas. 

Comentarios

Publicacións populares