25 ene. 2013

Domingo 3 de Ordinario - ciclo C


3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO – CICLO C


Primeira Lectura     Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO  DE NEHEMÍAS
Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían

     Naqueles días, o sacerdote Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e de todos os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.
     Na praza que está diante da porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o mediodía, en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran capaces de pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.
     O escriba Esdras púxose en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e cando o abriu, o pobo púxose en pé.
     Entón Esdras bendiciu o Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu: "Amén, amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao Señor.
     Os levitas lían no libro da Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido, explicando o que lían.
     Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban a Lei ao pobo, dixeron a toda a asem­blea:
     ‑ Este día está consagrado ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto, non choredes máis (pois todo o pobo choraba ao oír as palabras da Lei).
     E engadiron:
     ‑ Ídevos, comede boas talladas, bebede viños doces e leváde­lles tamén aos que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ao noso Señor; non andedes aflixidos, porque o gozo do Señor é a vosa forza.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 18, 8. 9. 10. 15
R/.  (Xn 6, 63c):  As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Dígnate aceptar a palabra da miña boca
e o sentir do meu corazón:
Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!


Segunda Lectura    1 Cor 12, 12-30 (máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte

            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo, onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?
            Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se todo fose un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós".         Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; cousa que non precisan os honestos.
            Deus dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa discordia no corpo; senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.
            Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
            Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

______________________________________________________________________

Ou máis breve: 12-14. 27

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.
            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;
a predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 1, 1-4; 4, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Hoxe cumpriuse esta Escritura

            Ilustre Teófilo:
            Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
            Naquel tempo, coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
            Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
            Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
            O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova aos pobres.
            Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados
e a vista aos cegos,
para lles dar liberdade aos asoballados,
e proclamar o ano de graza do Señor.
            Pechando o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
-          Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


PORQUE O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN....
HOXE CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO
Dinos a Palabra de Deus que ela é espírito e vida; é dicir, presenza viva, e sempre actuante, en nós e con nós. É polo tanto unha palabra que non pasa de moda, que non perde actualidade, que non se deixa asoballar por outras moitas palabras efémeras e que facilmente se esquecen. Esta é unha palabra que perdura no tempo e busca que lle fagamos un oco na nosa vida, non para quedarse como se fose unha ocupa, senón para facer da nosa existencia esforzo continuado de esperanza, comuñón, traballo compartido e amor solidario que cambia os corazóns.
Que este noso encontro comunitario nos alente para acoller e converter en vida esta palabra proclamada.

O PERDÓN
¨      Polas veces nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨      Porque a nosa vida esmorece pola rutina na que temos convertido a fe, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨      Porque nos sobra consumismo relixioso, e nos falta fe convencida e confiada, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.

REMUÍÑO

·         A palabra de Deus non é palabra de paso efémero e vacilante, senón pegada firme que vai deixando pouso da presenza de Deus a través dela. Unha presenza que se desenvolve desde o cotián e se vai envolvendo de experiencia espiritual, de madurez e recoñecemento do sentido que da resposta ás preguntas que sobre o noso que, quen como, cando, por que, para que ou cara onde… nos facemos as persoas. Por esta razón non é unha palabra de paso que se esgota e disolve no efémero do agora e xa, senón que se vai prolongando en nós ao configurarnos desde a maneira de entender e integrar os valores que dan coherencia á nosa vida e ás decisións que sobre ela imos tomando. A viveza da palabra exprésase na presenza sempre continua e actual que ilumina as maneiras de ser e as respostas que, diante das situacións que cada un de nós, persoal ou comunitariamente, imos vivindo. Por iso é palabra sempre alentadora e presente.

·         Este ir impregnando toda a nosa vida, e superando a tentación de parcelala e facer dela compartimentos estancos, individuais e incomunicados, ao o noso xeito e á nosa comodidade, ten que ser en nós unha tarefa permanente. Cantas veces non temos escoitado, ou dito, eu vivo a fe á miña maneira, ao meu xeito ou como me peta!, esquecendo que a vivencia da fe, entendida como seguimento de Xesús, sendo libre na súa decisión de querer ser seguidor/a del, esíxenos logo resposta coherente, responsable e comunitaria, bastante afastada do xeito e maneira en que nós a temos convertido: interpretala segundo o noso propio interese e comenencia. Por iso Paulo utiliza unha fermosa, e tamén comprensible, metáfora para describir como a fe non nos separa en partes, senón que é coma un corpo, que sendo e tendo moitas partes, cada unha delas está sempre ao servizo dun todo. Cando nós falamos de comunidades plurais, abertas, responsables  e libres, é isto ao que nos queremos referir: na Igrexa estamos chamados a ser e vivir desde a comuñón de comunidades, é dicir, respectando a liberdade das persoas, todos estamos chamados a mirar na mesma dirección; e esta non é outra que o seguimento de Xesús. Sendo El cabeza e nós membros, ninguén é nin superior nin máis importante. Porén, todos somos necesarios para que a/s comunidade/s funcionen e sexan, desde a palabra, encontros gozosos da presenza de Deus.



·        Se non esquecemos esta palabra que sempre, en cada momento e situación nos está falando; se lle prestamos de verdade atención; se nos esforzamos por coñecela e integrala na nosa vida desde o xeito de dar solución aos problemas, abordar as situacións que a vida nos presenta en cada momento ou atopando nela forza e seguridade para non ter medo a dar razón da nosa esperanza, faremos que esta palabra, como ocorreu no momento no que Xesús estaba no templo, se cumpra. Cada vez que unha persoa traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban que son fill@s de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen rancores e poñendo o diálogo como punto de partida...cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou non cumprirse esta escritura. A que esperamos?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, imos compartir agora a oración da comunidade, sabendo que Ti estás con nós, acompañando e alentando canto vivimos e nos ocupa, por iso dicimos xunt@s:
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que a Igrexa se esforce por ser fiel á túa palabra e non a utilice segundo os seus intereses e comenencias, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que nas nosas comunidades lle prestemos a atención que merece á palabra de Deus, e desde ela saibamos ver a túa presenza en canto fagamos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü  Para que nós non esquezamos nunca que só afondando no coñecemento da túa palabra poderemos coñecerte a Ti e á túa mensaxe, para así non confundilo nunca coas tradicións, costumes e ritos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
Señor, que a túa palabra enchoupe sempre a nosa vida e a nosa oración. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexamos normal tropezar todos os días
con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.
Que nos escandalicemos cada día deste mundo que montamos
no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.
Que non se nos afaga o corazón
á mirada triste e perdida,
ao xesto caído e desanimado,
á palabra soez ou burlona,
ás poucas ganas de vivir,
a calquera deterioro do irmán,
que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver como normal ao recén chegado
que cruza o mar para buscar un futuro,
ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará saída para o seu problema.
Pon tenrura, Señor, no noso mirar;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que reciben a túa Palabra.

CANTOS
*        ENTRADA: Camiñarei
*        LECTURAS: A túa palabra
*        OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*        COMUÑÓN: Grazas, Señor.



POWER POINTS
Domingo 3 ord C
Dom3 ord C - Bene Pagola
Amar

rtvg
Domingo 3 de Ordinario - ciclo C

No hay comentarios:

Publicar un comentario