31 dic. 2015

Santa María, Nai de Deus

SOLEMNIDADE DE SANTA MARÍA NAI DE DEUS


PRIMEIRA Num 6, 22-27
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS
Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu bendicireinos

 22O Señor faloulle a Moisés: 23-"Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes
de bendici-los fillos de Israel: 24Que o Señor te bendiga e te garde. 25Que o Señor faga
brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. 26Que o Señor che mostre o seu rostro
e che conceda a paz. 27Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu
bendicireinos".

Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



SALMO RESP. Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/ (2a): Deus se apiade de nós e nos bendiga

 2Deus se apiade de nós e nos bendiga,
móstreno-la luz da súa presencia.
3Que se coñezan na terra os seus camiños
e en tódolos pobos a súa salvación.

 5Alégrense e canten as nacións,
porque ti gobérna-los pobos rectamente
e guías na terra as nacións.

 6Lóuvente, Deus, os pobos,
lóuvente os pobos todos.
8Que Deus nos bendiga e que o teman
os confíns todos do mundo.




SEGUNDA Gal 4, 4-7
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS
Deus mandóuno-lo seu Fillo, nacido de muller


 Irmáns e irmás:

4Así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandóuno-lo seu Fillo, nacido de muller
e suxeito á Lei, 5para rescata-los que estabamos baixo a Lei e para que recibisémo-la
profillación. 6A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o
Espírito do seu Fillo que exclama ¡Abbá! (que quere dicir ¡meu Pai! ). 7Polo tanto, ti xa
non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, gracias a Deus, es herdeiro.

  Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



ALELUIA Hebr 1, 1-2:
En moitas ocasións Deus faloulles noutro tempo ós nosos pais por medio dos profetas,
ultimamente falounos por medio do Fillo



 EVANXEO Lc 2, 16-21
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Encontraron a María e a Xosé e ó neno. E despois de oito días puxéronlle de nome Xesús.

16Foron os pastores a correr ata Belén e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura
deitada na manxadoira. 17O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño,
18deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. 19María, pola
súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. 20Os pastores voltaron,
glorificando e louvando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.

21Os oito días tocaba circuncida-lo neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o
chamara o anxo antes da súa concepción.


Palabra do Señor                             R/ Loámoste, Cristo


Remol da palabra + Santa María, Nai de Deus




TOMADO DE: 


POWER POINTS
Sta María, Nai de Deus - Bene Pagola


VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2015/12/1-de-xaneiro-solemnidade-de-santa-maria.html




30 dic. 2015

Quen teme o Señor honra os pais - Sir 3, 3-7. 14-17a

SAGRADA FAMILIA


HOXE É BO DÍA PARA CONTEMPLAR

Hoxe é bo día para contemplar a nosa vida
 e a das persoas que nos rodean.
 Contemplar persoas, familias, onde brilla o ben, o amor,
 a comprensión, a capacidade de perdón, o respecto,
 a fortaleza ante as dificultades, a confianza en Deus.
 Persoas que son reflexo da bondade,
 que transmiten agarimo e alegría.
 que gozan cando poden axudar aos demais.

 Todos coñecemos a persoas que son presenza de Deus;
 persoas que buscan e se fan preguntas, inquedas,
 abertas ao asombro,
 capaces de acoller boas noticias e de compartilas.
 Por elas aprendemos a ler a vida cotiá,
 a contemplar o Espírito
 e demóstrannos que é posible soñar cunha humanidade
 formada por persoas coma elas.

 Están aí, ao teu lado.
Nelas atopamos un eco de Deus.
 Alégrate polas súas vidas.
Agradece e bendí a Deus pola súa presenza.


 José Enrique Ruiz de Galarreta.




Ficha e Lectio - María, Nai de Deus (1 de xaneiro)







LECTIO:

 SANTA MARÍA NAI DE DEUS 
(Ano C: 1 de xaneiro 2016)

            Cansados como estabamos ata as doce da noite pasada co ano vello e cheo de días que levabamos ó lombo, agora seguramente andaremos máis lixeiros co pequerrexo ano que levamos no colo e que se chama 2016.
            Si. Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai pasando con nós. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo, abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do paso do tempo.
            Moitos filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con el que nos resulta difícil velo, coma quen di, fóra ou diante de nós, a una certa distancia, para podérmolo contemplar así en si mesmo se é que tal cousa for posíbel.
            Dicimos que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que este Deus que chamamos intemporal se meteu, no seu Fillo Xesús do Nadal, no tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén entendemos dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A quen non lle gustaría vivir cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese –por así dicilo- que o tempo pasa por un?
            Con isto o que quero dicir é que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle grazas a Deus por permitirnos asomarnos ó balcón soleado deste Aninovo, podendo así un ano máis ollar con esperanza cara ó futuro. Grazas e, tamén, pedirlle perdón porque hai moita contaminación no mundo para podermos chegar limpos de po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete veces, cantas máis veces non teremos pecado nós, que tampouco podemos fachendear de xustos, pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos....
            Á altura deste comezo do Aninovo, é sempre bo tamén botarlle unha ollada ás tarefas, proxectos ou angueiras que se nos presentan ou poden presentar nel. Para vermos se están ou non en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi posíbel que a todos nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos “adoptivos” de Deus;  e que por iso todos podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus Pai. “Por seres fillo –dinos a cada un de nós Paulo- es tamén, grazas a Deus, herdeiro”.
            A carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É bo lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns pensen que os cristiáns estamos sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e razóns para considerármonos ben libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa non es escravo, senón fillo”.
            Por iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián no debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de ningunha persoa humana, sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos así.
            Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é, de maneira paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai “escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de “escravitude” si que é boa. Exerceuna o noso irmán maior, Xesús, durante toda a súa vida e de maneira simbólica lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fixo voluntariamente escrava de asoballados e desprezados, e a de tantas outras persoas (cristiáns ou non) que intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van facéndose libremente escravos dos demais.
            No mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e morrer nunha cruz en vez de nun leito de rosas sería seguramente para que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir que Xesús non é seu irmán.
            Deus quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a festividade de Santa María, “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Pero é que para Deus, unha vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o “misterio” central da fe que profesamos.
            Renovando coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este Aninovo coa alegría do Espírito de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade de Deus presida tódolos días deste novo ano 2016, que desde hai só doce horas nos acompaña. E moitas felicidades tamén ós que celebrades hoxe o voso onomástico: ós que se chaman Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador, María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos!

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Deus Pai, Señor do tempo e da eternidade, que nos concedes celebrarmos o comezo deste novo ano 2016, dirixímosche a ti a nosa oración dicindo: 
ESCÓITANOS, PAI. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            - Protéxenos, Pai, ó longo deste novo ano de todo mal e de toda malicia na nosa vida e no noso comportamento. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Pedímosche, Pai, pola paz en tódolos pobos e nacións, para que así chegue á súa plenitude a conciencia de sermos fillos teus e irmáns entre nós: 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Concede, Pai, a cantos sofren persecución ou inxustiza no mundo vérense libres de todo mal. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por mediación do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda entre nós para así salvarnos e liberarnos a todos. Amén.


                                                                                              Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

27 dic. 2015

Vida familiar na presenza do Señor - Col 3, 12-21

SAGRADA FAMILIA


A FAMILIA É VITORIA

A familia é vitoria do si sobre a negativa
A familia é vitoria da apertura  sobre a cerrazón
A familia é vitoria da comuñón sobre a soidade
A familia é vitoria da comunicación sobre o silencio
A familia é vitoria do servizo sobre o señorío
A familia é vitoria do respecto sobre o abuso
A familia é vitoria da esperanza  sobre o medo.
A familia é vitoria da vida sobre a morte.
A familia é vitoria do darse sobre a posesión.
A familia é vitoria das mans abertas e xuntas
sobre as mans pechadas e crispadas.

                        Cáritas Advento – Nadal  

26 dic. 2015

Ficha e Lectio - Sagrada Familia





LECTIO:

A SAGRADA FAMILIA 
(Ano C: 27 Nadal 2015)

            Estamos no tempo de Nadal. Moi próximos aínda a esa escena tan familiar do nacemento do Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o sol que ó nacer fai case desaparecer co seu resplandor a lúa e mailas estrelas. Refírome a María, a Xosé, ós pastores e ós agarimosos animais domésticos que a tradición coloca arredor do Neno Xesús.
            Mais, pese a todo, os que están á beira de Xesús son sempre algo esencial na primeira mensaxe de Xesús ó mundo como fillo benquerido do Deus Pai. Pois a palabra derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no mundo dunha maneira illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela aparece, polo contrario, en familia. Porque é o Deus Pai mesmo quen existe tamén en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con trazos familiares. O Deus cristián é un determinado xeito, o máis misterioso e fondo que se pode concibir, de vida familiar. Deus é Pai, é Fillo e é Espírito Santo. Un marabilloso modo de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e supremo de todo vivir humano.
            Cando Xoán quere definirnos e describirnos como é Deus, dinos que el é “amor”. Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto quere dicir, se Deus fose en si mesmo un ser solitario, un eremita, algo que no interior de si mesmo non estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos algo mellor a Deus como amor se se nos di que Deus é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis que isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio do noso Deus. O misterio da que chamamos a Santísima Trindade.
            Familia significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e pluralidade é precisamente o amor. Como vedes, a festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia lévanos en principio máis alá do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou recursos que lles sobran ás familias ricas e ben situadas, mais que é abondosa en algo que, se non se ten, de pouco lle servirían en último termo eses outros medios e recursos exteriores. Pois se algo ten esta primeira familia formada por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co que se queren. Nisto non poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a face e o corazón de Deus mesmo. Por iso esta familia de Nadal é verdadeiramente “sagrada”, a “Sagrada Familia” que hoxe estamos a celebrar.
            Chámame a atención que na primeira Lectura, do  libro do Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o amar, respectar, atender ou honrar ós pais (tanto á nai coma ó pai). En cambio, non se comenta para nada nela o feito de que para que os fillos amen, respecten ou honren ós pais é preciso que antes os pais os amen e queiran abondosamente a eles. Para aprender a amar hai que recibir antes amor. Non se lle pode demandar a ninguén amor se antes el mesmo non o recibiu. Os fillos só poderán amar a seus pais se experimentan a cotío o seu amor, o seu coidado, o seu agarimo. É así, e non doutra forma, como se constrúe unha verdadeira familia, unha familia na que todos os seus membros se atopan a gusto, unidos, e na que, ó mesmo tempo, se recoñecen, respectan e queren como diferentes.
            Precisamente por iso, no terreo máis directamente relixioso, para podermos ter inclinación e forzas para amar a Deus, precisamos tamén coñecer e experimentar antes o moito que Deus nos quere e nos ama. Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver e experimentar no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó darnos o seu Fillo benquerido, sentirémonos tamén pola nosa parte fondamente movidos a amar a Deus, a Xesús e ós irmáns e irmás nosos de todo o mundo.
            Só así, experimentando o amor que Deus nos ten, seremos capaces de formarmos entre todos unha familia semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén, en último termo, a esa familia primordial que Deus mesmo é.
            Desde estas consideracións, é doado comprender o programa que Paulo pon diante nosa na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais, non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha verdadeira revolución nuns tempos nos que a muller adoitaba ser considerada como algo inferior e subordinado ó home e no que a importancia do amor ós fillos tardaría aínda moitos séculos en ser descuberta.
            Algo que, polo que se ve, continúa aínda a ser revolucionario nos tempos actuais, a xulgar pola sorpresa e admiración da xente, cando o papa Francisco nos fala da importancia da “tenrura” e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro tamén con enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco xustifica este comportamento seu co que nos di na súa Exhortación “A alegría do evanxeo”. Dísenos alí: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa persoa. Máis alá de toda aparencia, cada un é inmensamente sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”.
            Como vedes, Francisco fala aquí de que toda persoa é “inmensamente sagrada. De modo que non nos deberiamos limitar a considerar “sagrados” unicamente os membros, Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada Familia”. Para Francisco, como tamén así o era para Xesús, “sagrados” somos todos, máis alá da nosa aparencia exterior. Así como lle damos un bico a unha reliquia ou a unha imaxe relixiosa, con moita máis razón llo deberiamos dar a un enfermo ou a un leproso. Así o proclama polo menos quen está aí, como bispo de Roma, aprendéndonos a nos comportar con todos como verdadeiros cristiáns, como seguidores dese Xesús que se fixo irmán de todos.
            Que esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a profundar na nosa fe, na nosa esperanza e no noso amor mutuo en canto membros dunha mesma familia que somos ou que, polo menos, estamos chamados a ser.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Deus todopoderoso e misericordioso, que te fixeches por amor Pai de todos nós dándonos o teu Fillo benquerido como irmán noso, dirixímosche a ti a nosa oración dicindo: Escóitanos, Pai. TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Concédenos, Pai, que saibamos facer da nosa Igrexa unha familia de familias, un verdadeiro fogar unitario cristián onde todos nos sintamos acollidos como fillos teus e irmáns entre nós. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Inspira, Pai, os nosos gobernantes par que desenvolvan políticas tendentes a axudar e favorecer as familias. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que o respecto mutuo, a responsabilidade compartida, a alegre e amorosa convivencia sexan de verdade o espírito común de tódalas familias. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
                                                                             

                 Manuel Cabada Castro

Deus falounos por medio do Fillo - Heb 1, 1-6

NATIVIDADE DO SEÑOR


NADAL

Nadal,
sen turrón nin champán,
sen arboriñas adobiadas,
sen figuriñas de cartón,
sen luciñas intermitentes.

Nadal,
cru, limpo e verdadeiro:
un neno de carne,
uns pais apurados,
a luz da lúa chea,
acea fría e a seco.

Nadal,
un anuncio sorprendente:
Deus nun presebe!
E uns mensaxeiros pouco normais:
pastores a xornal,
do máis baixo da terra.

Nadal,
Deus nado en pobreza,
para aprender na pobreza
a paixón pola xustiza
feita de paz e de dereitos.

Nadal,
o gozo sen medida
por un Deus que nos visita,
que abre a súa casa no meu bario,
que me invita á súa mesa
e me di:
Estou contigo, amigo.

Nadal, tantos Nadais verdadeiros
agachados
en tantos cortellos esquecidos!






Todos os pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus - Is 52, 7-10

NATIVIDADE DO SEÑOR


TI ES A NOSA LUZ

Hoxe, no medio da noite brilla unha luz, a túa luz.
Volves nacer e iluminas coa túa claridade a nosa vida.
Unha vez máis vés a nós, discreto, sinxelo, humilde ...
e énchesnos de esperanza, malia as dificultades e os problemas.

Nós imos cara a ti, Señor, queremos adorarte.
Sabemos onde estás, sempre naces xunto aos pobres.
Volverémoste a atopar con quen non teñen casa,
aliado de quen non teñen paz,
da man dos que sofren o desemprego e a desilusión.

Sabemos que sempre estarás xunto cos enfermos.
Es sorprendente e previsible ao mesmo tempo.
A túa luz sorpréndenos no medio das noites da vida.
O teu amor resplandece en calquera lugar, por escuro que sexa.
A túa presenza multiplícase en cada xesto de amor.

Ven a nós, Señor, axúdanos a recoñecerte,
a contemplarche, a servirte ...
Axúdanos a ser signo da túa presenza
xunto a quen o pasa mal.
É Nadal, ti estás connosco, con todos.
Que nós, coma ti, esteamos cos que sofren.



Domingo da Sagrada Familia

DOMINGO DENTRO DA OITAVA DE NADAL
A SAGRADA FAMILIA: XESÚS, MARÍA E XOSÉ


Primeira Lectura    Sir 3, 3-7. 14-17a  (gr. 2-6. 12-14)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Quen teme o Señor honra os pais
  
            O Señor honrou o pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
            Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
            Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
            O que respecta o pai terá vida longa
e quen obedece ao Señor daralle consolo a súa nai
            Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
            Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
            O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer como compensación do pecado;
            No día da proba teráseche en conta;
coma coa calor a xeada esluiranse as túas culpas

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL           Sal 127, 1-2. 3. 4-5.
R/. (cf. 1): Ditosos os que temen o Señor e van polos seus camiños.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.


Segunda Lectura        Col 3, 12-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Vida familiar na presenza do Señor
  
            Irmáns:
            Como elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns aos outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós.
            E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva á perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. E sede agradecidos.
            Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.
            E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del.
            Mulleres, sede dóciles aos vosos homes como cómpre a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas.
            Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ao Señor. Pais, non asoballedes os vosos fillos, para que non saian coitados.

 Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.


Evanxeo:   Lc 2, 41-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús é encontrado polos seus pais no medio dos doutores
  
            Polas festas da Pascua, os pais de Xesús ían todos os  anos a Xerusalén. E así, cando el tivo doce anos, subiron á festa conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles volvían, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que os seus pais se decata­sen.
            Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos; pero como non deron con el, volveron buscándoo a Xerusalén.
            Ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores, escoitándoos e facéndolles preguntas. A súa intelixencia e as súas contestacións deixaban asombrados a cantos o escoitaban. Cando o viron seus pais, ficaron moi impresionados; e a súa nai díxolle:
            ‑ Fillo, por que te portaches así connosco? Mira que teu pai e mais eu andabamos cheos de angustia en busca túa.
            E dilles el:
            ‑ Por que me buscabades? Non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?
            Pero eles non entenderon o que lles dicía.
            Baixou con eles a Nazaret, e estáballes sometido. A súa nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
            Xesús medraba en sabedoría, en idade e en graza diante de Deus e mais dos homes.


  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


grazas, Señor, por mostrarnos que é desde a calor da familia onde podemos atopar o acubillo que nos alenta e anima a pesares da nosa teima de derruír a “casa común” que nos invitas a coidar e termar - Sgda. familia - C -  2015

SINAL DO NADAL
No momento do ofertorio pedímoslle a uns nenos, a uns mozo/as (onde os haxa), a uns pais e a uns avós, que acheguen como ofrenda as chaves das súas casas. Con este xesto queremos poñer de manifesto que poñemos a nosa confianza en Deus, abríndolle a nosa intimidade, a nosa casa, invitándoo a entrar e a quedar nela.

POWER POINTS


CANTO AGRADECIDO
      ENTRADA:  Temos unha festa
      LECTURAS:  Ti es camiño e verdade
      OFERTORIO:  Pan do ceo              
      COMUÑÓN:  Eu soñei /O amor é o meirande


ESCOITA ACTIVA
Familia e misericordia son dúas palabras que fan bo xuntoiro. É na familia onde todos comezamos a ver, sentir, manifestar, comprender e vivir o que é a misericordia. Na familia axúdasenos, anímasenos, escoitásenos, perdóasenos, ensínasenos, acompáñasenos... e sempre sen rancor nin segundas intencións, polo que podemos dicir que a familia é a primeira escola da misericordia.
Neste domingo no que toda a Igrexa celebra a festa da Sagrada Familia, invítasenos a, poñendo os ollos na familia de Nazaret, loitar cada día para que tamén as nosas familias, como o foi a de Xesús, María e Xosé, sexan berces de misericordia desde os que crezamos e maduremos aprendendo a comprender, vivir e practicar a necesidade de saber poñernos no lugar do outro/s. Quen entende a experiencia de familia como escola de misericordia, entende tamén por que os cristiáns cremos, rezamos e cantamos que facer dun mundo un fogar é posible. Pero necesitamos cambiar, para que iso sexa posible, os nosos corazóns e as nosas miradas, non sempre limpas.
Que esta celebración sexa unha experiencia de misericordia que nos dea folgos para levar ás nosas familias a xenerosidade misericordiosa de quen escoita, ama e perdoa.

FRATERNIDADE ORANTE
- Por non ter sido, no seo das nosas familias, motores de misericordia; 
                        SEÑOR, QUE APRENDAMOS DE TI A SER MISERICORDIOSOS.
- Por esixirlle aos demais a misericordia que nós lle negamos a quen nola pide;
                       CRISTO, QUE APRENDAMOS DE TI A SER MISERICORDIOSOS.
- Por non poñer gañas e esforzo para que as nosas familias sexan fogares onde sentirnos queridos e axudados;             
                            SEÑOR, QUE APRENDAMOS DE TI A SER MISERICORDIOSOS.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Ao longo de todo o Advento, a nosa particular coroa fómola conformando coas siluetas que ían mostrándonos as diferentes xeracións que conforman as nosas familias. Deste xeito, nenos, mozos, pais e avós foron aparecendo nestas catro semanas para invitarnos a responder á pregunta sobre cal é a nosa contribución para conseguir que as nosas familias sexan berces de misericordia. Seguro que todos fixemos ese esforzo, e seguro tamén que algo nos teremos clarificado respecto ao que fixemos, ao que non fixemos e ao que nos falta por facer para acadar ese obxectivo de converter a misericordia en eixo fundamental desde o que formular o desenvolvemento da cada unha das nosas familias, porque sen a misericordia o amor vólvese ritualismo baleiro, papel de agasallo; pero non agasallo propio. A Igrexa, ao querer celebrar despois da festa de Nadal o día da Sagrada Familia, e como tal o día de todas as familias cristiás, invítanos a que o foco das nosas preocupacións e das nosas esperanzas non o saquemos fóra de canto temos máis preto e co que convivimos cada día: a familia. Nela somos alentados, acollidos, escoitados, queridos, con tenrura e agarimo. E neste espazo tan marabilloso; pero tan complexo, cada un de nós ten a súa, temos a nosa, tarefa. Unha tarefa da que non debemos/podemos desenganchar, porque todos somos importantes, tamén necesarios. Ben é verdade que aquí non hai ideais irrealizables e frustrantes, senón o día a día cos seus luscos e fuscos; pero tamén un día a día onde sabemos que sempre se nos vai prestar atención. Ou debera ser así. A pouco que pensemos sobre esta realidade tan achegada e nosa, da que ninguén escapa, sobre a que nos invita hoxe esta festa da Sagrada Familia que pensemos, descubrimos que nin somos indiferentes nin descoñecidos uns para cos outros. Tendo diante noso o lenzo e os materiais cos que facer esta obra de arte, non deixemos que a responsabilidade de elaborar este cadro da nosa familia, a fagan outros por nós. Ha ser o cadro que nunca nos faga esquecer que na familia nacemos á vida e ao mundo; e nela están as raíces de cada un de nós. Traballar para que sexamos berces de diálogo e escoita, e non hoteis de indiferenza e tarxeta de crédito, por moi ilimitada que esta sexa no gasto, ha ser a nosa tarefa, pois so así conseguiremos:
       Honrala, e con ela seguir as pegadas da familia de Nazaret
       Facela  rostro  concreto e permanente de misericordia
       E  superación de medos e angustias, que vindo sempre ás nosas vidas, dificilmente poderemos superalos cando estamos á dureza do pairo, pero que seremos capaces de afrontar e superar desde o amor vivido na esperanza de que se sabe plural e respectado na súa pluralidade.
A isto é ao que nos invita hoxe a Igrexa. Fagamos desta tarefa un canto de respecto e recoñecemento, para que nas nosas familias traballemos para ser felices.

FRATERNIDADE ORANTE
Invítanos Deus a poñer a mirada orante na familia, para que coa súa axuda e o noso esforzo, sexan fogares de misericordia. Poñendo nel a nosa confianza, dicimos:
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
      Para que a Igrexa, ademais da palabra, moitas veces retórica, se esforce por ser unha verdadeira familia onde non se xulgue nin condene, senón se eduque na responsabilidade, OREMOS.
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
      Para que as nosas parroquias rompan as rutinas e costumes, e descubran que o Deus de Xesús o que nos chama a ser é verdadeiros berces de acollida, coidado e cariño duns para cos outros, OREMOS.
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
      Para que cada un de nós poñamos todo da nosa parte para que as nosas familias non sexan hoteis nin pensións, senón berces onde aprendamos a escoitar e a que nos escoiten, a perdoar e a pedir perdón; a axudar e a deixarnos axudar, OREMOS.
AGARÍMANOS COA TÚA TENRURA MISERICORDIOSA
Grazas, Señor, por invitarnos a facer das nosas familias vivencias profundas de amor, perdón e misericordia. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Nas últimas décadas tense producido unha ruptura na transmisión da fe cristiá no pobo católico.É innegable que moitos se sintan desencantados e deixen de identificarse coa tradición católica, que son máis os pais que bautizan aos seus fillos e non os ensinan a rezar, e que hai un certo éxodo cara outras comunidades de fe. Algunhas causas desta ruptura son:a falta de espazos de diálogo familiar, a influenza dos medios de comunicación, o suxeitivismo relativista, o consumismo desenfreado que alenta o mercado, a falta de acompañamento pastoral aos máis pobres, a ausencia dunha acollida cordial nas nosas institucións, e as nosas dificultades para recrear a adhesión mística da fe nun escenario relixioso plural.
(Francisco, Evangelii gaudium, nº 70)