Ficha e Lectio: Domingo 2 de Advento C
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO II DE ADVENTO
(6. XII. 2015)
O
calendario fai desta vez que teñamos dous días festivos case seguidos: hoxe 2º
domingo de Advento e xa pasado mañá a festividade da Inmaculada. Esperemos que
isto non sexa motivo para atragoármonos liturxicamente.
Pois
ben, a espera, misteriosa e humana, de María da próxima vinda ó mundo do seu
filliño Xesús, que ela nos traería, é sen dúbida un caso único e inenarrábel da
nosa historia da salvación. Unha mociña pobre, absolutamente entregada a Deus,
que aporta á historia da humanidade o máximo valor que a humanidade podería concibir
e desexar: a persoa de Xesús, o Deus connosco, o “Emmanuel”. Deus entra así na
historia humana por medio de María, é dicir, por medio de alguén que pertence á nosa
estirpe, ou sexa, por medio de nós, que non somos máis ca seres humanos. Algo
inimaxinábel! Claro que para iso houbo de ser facer Deus pequerrecho. Un neno,
que ó principio non faría outra cousa máis que demandar e desexar alimento e agarimo,
coma calquera neno ou nena.
Estamos
á espera dese Neno, preparándonos para acollelo. A liturxia, as Lecturas, as
palabras sagradas, lévannos cada domingo por lugares distintos. Hoxe semella
todo en principio, a lo menos para min, algo disperso, sen un claro eixo
estruturador. Apúntase aquí e alá a temas importantes: á alegría, á morriña
cristiá de Paulo, ó amor e á sensibilidade que cómpre ter, á xustiza, etc. Todo
algo revolto. Dándolle voltas ó maxín, pódese con todo encontrar algunha idea
máis xeral ou estruturante e, ademais, moi contundente na mensaxe de fondo.
Refírome
a iso do que se nos fala na 1ª Lectura, a do libro de Baruc, e tamén no Evanxeo,
onde Lucas fai referencia, no contexto de Xoán Bautista, a outro moi importante
profeta do Antigo Testamento, nada menos que Isaías.
O
primeiro proclama a necesidade de acabar cos atrancos que se lle poñen diante ó
pobo de Deus para que poida experimentar de verdade a chegada e a presenza de
Deus nas súas vidas: “Mandou o Señor que se rebaixasen os montes altos e os
vellos outeiros e que os barrancos se enchesen volvéndose chairas, para que
Israel camiñe con paso seguro, guiado pola gloria de Deus”. Pola súa parte,
Xoán Bautista, que moito tempo despois actúa desde o deserto, é dicir, desde a
soidade e desde a súa non-conivencia cos poderosos deste mundo, vai atraer cara
a si as xentes máis diversas da rexión para lles dicir algo semellante:
“Preparade os camiños do Señor, reparade os seus vieiros. Toda barranqueira se
cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar
e os fragosos hanse achanzar. E todos verán a salvación de Deus”.
Son
naturalmente comparanzas, símiles, alegorías, pero que abranguen seguramente
máis ca moitas palabras cumpridas e exactas.
Cinguíndonos
o caso do Advento. ¿Que nos están a dicir esas imaxes ou que nos quere dicir a
liturxia con elas? Os profetas non falaban en xeral, senón facendo referencia a
cousas moi concretas do seu tempo. Mais tanto Baruc como Isaías ou tamén o
Bautista, en canto inmediato preparador e anunciador da vinda de Xesús,
pertencían aínda en definitiva ó Antigo Testamento. Un profeta de hoxe (e
habelos hainos, grazas a Deus, tamén hoxe en día) debería expresarse dunha
maneira máis decidida e concreta. Pois hai xa máis de dous milleiros de anos
que Xesús veu a este mundo e semella que vai sendo hora de que tomemos algo
máis en serio a súa mensaxe.
Pois
ben. Nos escritos do Novo Testamento temos algo así coma unha minuta do que todo
profeta debería profetizar ou anunciar con forza hoxe en día. Os atrancos que
se opoñen á aparición ou á presenza de Deus entre nós, dos que nos falan os
profetas antigos pero que son aludidos directamente tamén por un autor do Novo
Testamento como Lucas, seguen sendo hoxe os mesmos. Mais, dado o tempo
transcorrido desde a aparición de Xesús na historia humana, podemos dicir que
urxe a demolición de calquera tipo de atranco. Xesús destruíu en principio ou
indirectamente tódolos atrancos (“montes” e “outeiros”) que se nos poderían
poñer diante nosa, tanto relixiosos como humanos. Pois coa aparición de Xesús
entre nós sabemos ben que Deus se converteu no noso Pai, máis exactamente, no
noso “papaíño” ou, se queremos, na nosa “naiciña”, e que os demais se converteron polo tanto en
irmáns meus. ¿Qué outros atrancos fundamentais nos poderían impedir que
actuemos na vida con liberdade, con confianza, con amor?
En
consecuencia, temos que loitar como cristiáns contra eses montes e outeiros
artificiais do poder e da inxustiza que se teñen convertido no noso tempo en
verdadeiros e aparentemente inamovíbeis atrancos para a fraternidade que Xesús
veu traer á terra. Non fai falla ser moi concretos, pois todos estamos máis ou
menos ó tanto do que está a ocorrer no mundo, nos países europeos, en España,
en Galicia: paro, desafiuzamentos, forte descenso da natalidade, mocidade
bloqueada nas súas posibilidades de desenvolvemento humano, etc. Se nós como
cristiáns nos lavamos silenciosamente as mans ante estas e semellantes
inxustizas ou apoiamos a xentes e colectivos que provocan ou consenten tales
situacións, entón certamente non nos podemos considerar seguidores coherentes de
Xesús. Dese Xesús que se enfrontou ós poderosos do seu tempo, tanto relixiosos
como políticos, e que por esa razón rematou como rematou. Xesús resucitou, si. Mais
poderiamos dicir que non tería resucitado ou que Deus Pai non o tería
resucitado se non se tivese el comportado tal como fixo. O mundo, a humanidade,
ten, pois, un Salvador porque Xesús foi quen foi e actuou como actuou.
Por
iso, neste tempo de Advento, unha boa preparación para a vinda de Xesús no
Nadal podería ser reflexionar ou meditar en particular e comunitariamente sobre
se no noso modo de pensar e de vivir temos algo dos folgos e azos de Xesús para
loitar tamén contra o que el loitou durante toda a súa vida. Contra eses montes
e outeiros humanos, máis ben inhumanos e creadores de discriminación, que impiden
que as persoas vivan libremente, iguais entre si coma irmáns, felices e
esperanzados.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invocamos como fillos a Deus Pai para que atenda a
nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a preparármonos coa túa graza
para recibirmos con ledicia e agradecemento o teu fillo Xesús no Nadal.
TODOS:
ESCÓITANOS, PAI.
- Ilumina, Pai, a nosa mente e fortalece o noso
corazón para loitar contra os atrancos que se opoñen á implantación neste mundo
do teu reino de xustiza e fraternidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Suscita, Pai, nos gobernos das nacións espírito
solidario para que teñen presente na súa acción política as necesidades e
problemas dos máis desfavorecidos.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario