Domingo 3 de Advento C

DOMINGO III DE ADVENTO  -  CICLO C


Primeira Lectura          Sof 3, 14-18a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA SOFONÍAS
O Señor alegrouse por ti na loanza
  
Exulta, filla de Sión; berra lediciosa, Israel,
alégrate e relouca con todo o corazón, filla de Xerusalén.

O Señor retirou o teu castigo, botou para atrás os teus inimigos.
O Señor será o rei de Israel no medio de ti, non volverás ter medo da desgraza .

No día aquel diráselle a Xerusalén:
Non teñas medo, Sión, que as túas mans non afrouxen.

O Señor, o teu Deus, está no medio de ti, é un heroe que salva.

El salta de alegría por ti, engádate co seu amor,
dá brincos de alegría por ti.

Eu arredeite da asemblea festiva; retirei de ti o seu Ai!

  Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                            

SALMO RESPONSORIAL           Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
R/.  (6): Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.

Deus é a miña salvación,
procederei confiadamente e non terei medo.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
el é a miña salvación.
Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación.

Dádelle grazas ao Señor e invocade o seu nome.
Pregoade entre os pobos os seus feitos,
proclamade que o seu nome é grande.

Cantádelle ao Señor,
que fixo cousas magníficas,
anunciádeas en toda a terra.
Clamade con gozo e ledicia, habitantes de Sión:
Que grande é no medio de ti o Santo de Israel.

                                                                                                                                            

Segunda Lectura          Flp 4, 4-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  FILIPENSES
O Señor está cerca
  
Irmáns:
Estade sempre alegres no Señor. Repítovolo: estade alegres. Que todo o mundo aprecie a vosa xentileza. O Señor está a chegar.
Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas .
E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
                                                                                                                                            
   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.



Evanxeo         Lc 3, 10-18
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
E nós que temos que facer?
  
Naquel tempo , a xente preguntáballe a Xoán:
 ‑ E logo, que temos que facer?
El respondíalles:
 ‑O que teña dúas túnicas, que as reparta con quen non teña ningunha; e que faga o mesmo o que teña que comer.
Foron tamén uns recadadores a se bautizar, e preguntáronlle:
‑ Mestre, que temos que facer?
El contestoulles:
‑ Non esixades nada máis do que vos está mandado.
Tamén uns soldados lle preguntaron:
‑ E nós, que temos que facer?
El contestoulles:
‑ Non asoballedes nin saqueedes a ninguén, e contentádevos coas vosas pagas.
Como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
‑ Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e recoller na hucha o seu trigo; pero a palla ha de a queimar no lume que nunca se apaga.
Con esta e outras moitas exhortacións anunciáballe a Boa Nova á xente.

  Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo



Só coa alegría que nos trae Xesús, seremos capaces de dar razón da nosa esperanza  - 3º Advento c  2015

POWER POINTS

CANTO GOZOSO
ENTRADA:  Que ledos hoxe estamos    
LECTURAS:  A túa palabra   
COMUÑÓN:  Volve Señor

ESCOITA ACTIVA
Na metade do Advento, os textos fálannos da alegría. A alegría que El nos trae, pero tamén a alegría que nós temos que ir vivindo, compartindo e manifestando. Si que é verdade que os tempos e a situación están difíciles, que as cousas non saen como en principio as pensabamos; que a dor e a enfermidade seguen a chamar a nosa porta, e ás veces parece que con moita forza e con moita frecuencia. Pero non nos enganemos: iso non é máis que a vida, a nosa vida. Imos camiñando entre dor e alegría; entre tristura e esperanza; entre fracaso e gozo. Iso sabémolo. Tampouco deberiamos esquecer que a fe non nos quita nada do anterior –non seriamos humanos se así fose-... pero si que nos dá unha perspectiva nova: non desesperanzamos.
Que a celebración de hoxe renove a forza da alegría que nos trae Xesús para que ante as dificultades saibamos poñerlle esforzo, constancia e forza para superalas. E para un crente El é quen nolo ofrece. Acollámolo.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por vivir na tristeza e esquecer a esperanza, SEÑOR, QUE O CORAZÓN SE ABRA Á TÚA MISERICORDIA.
·      Por esquecer que somos iguais e merecemos o mesmo respecto, CRISTO, QUE O CORAZÓN SE ABRA Á TÚA MISERICORDIA.
·      Por non querer dar a cara por quen sufre ou é maltratado, SEÑOR, QUE O CORAZÓN SE ABRA Á TÚA MISERICORDIA.


OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Xúbilo significa alegría. A alegría que sae de dentro, do profundo de cada un de nós. A alegría que nos fai sentir iguais e nos abre a recoñecernos no ben que somos capaces de facerlle aos demais. Por iso, como di o profeta Xoel, o Señor alédase e faino con xúbilo na capacidade que temos de ir facendo o ben, e intentando poñer sorrisos e esperanzas nas vidas e nos corazóns das persoas que van quedando atrás, ás que ninguén fai caso nin se preocupan delas. Prepararnos para acoller a Xesús úrxenos a cambiar as nosas actitudes de negatividade e esquecemento dos demais en presenza e compromiso.
Por iso é grande. Non a grandeza aparente, senón a grandeza de quen pon no centro do seu actuar e do seu proxecto para a humanidade ás persoas. Que importante é que recordemos iso neste momento no que os números, os resultados, o posuír é o que vai tendo éxito, atención; e o máis triste, é o que desexa unha gran maioría dos seres humanos. Non desexamos ser mellores, solidarios, xustos, honestos, non. Desexamos ser ricos, famosos, importantes... Temos pensado algunha vez a onde nos levan estas actitudes? Que mellor ca hoxe, no domingo da alegría, para facelo, pasando pola peneira da nosa reflexión o noso xeito de actuar, para ver se isto nos converte en mellores persoas e máis felices.
Contamos cunha gran axuda. Dicíallo Paulo aos filipenses: El está preto, nin garda distancia, nin se vai. Tampouco nos dá as costas nin nos ignora. Ao contrario, está e camiña con nós, poñéndose ao noso lado. Os seus gozos e tristuras son os nosos. Porén, nós moitas veces somos os que nos afastamos del, os que marcamos a distancia, os que sentimos vergoña de confesar nel a nosa fe, por iso necesitamos a conversión. Pero non unha conversión calquera, senón a que nos esperta e nos abre á solidariedade. Inda estamos a tempo, neste Advento, de cambiar as cousas, de mirarnos e descubrir en que fallamos; de volver darnos unha nova oportunidade. Só quen é consciente do cambio, de que todo canto o que o facía infeliz foi quedando atrás, entende por que sigue a vir de novo sen cansar. Que facemos nós?



FRATERNIDADE ORANTE
Recemos logo xuntos desde a alegría do corazón, que non a alegría ritual, e digamos:
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA

 Para que a Igrexa sexa casa común de esperanza e alegría, OREMOS.
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA
Para que as nosas parroquias sexan berce de acollida, escoita, axuda e colaboración, OREMOS.
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA
Para que nós fagamos deste tempo de Advento tempo de cambio, reflexión e esperanza real e transformadora, OREMOS.
QUE A ALEGRÍA DO CORAZÓN REBORDE NA NOSA VIDA

Grazas,Señor, por este acubillo ledo e xeneroso no que compartimos os nosos gozos, tristuras e esperanzas poñéndoas baixo o teu agarimo. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
VILO VIR CADA DÍA QUE AMENCE.
Velo vir en cada irmán que saudamos cada mañá.
Velo vir en cada irmán ao que sorrimos.
Velo vir en cada irmán ao ofrecemos a nosa man.
Velo vir en cada palabra de bondade que dicimos.
Hai que aprender a “ver vir a Deus, que sempre está vindo”.
Sabemos que está; pero cada día faise novo.
Sabemos que nos ama; pero cada día con un amor novo.
Sabemos que espera mito de nós; pero cada día é unha esperanza nova.
Velo vir en cada neno que nacerá neste tempo de Advento.
Velo vir en cada amigo que atopamos no camiño...
O que importa é que nós saibamos velo vir.
Non sexa que Deus veña e atope as portas con chave.
Non sexa que Deus veña e pase de largo.
Non sexa que Deus veña e non nos atope na casa.

(Cáritas, Advento e Nadal)


Comentarios

Publicacións populares